Pombal de Torres Agrelo. Foto: Torres Agrelo |
Un pombal é o lugar onde se crían pombas, podendo chamarse pombeiro, cando é de reducidas dimensións. Esta práctica viviu tempos mellores en Redondela. A beleza destas aves as converte nun obxecto decorativo, pero non é o único motivo para telas. A carne dos pichóns é moi apreciada, apesares de que o seu consumo sempre foi minoritario no noso concello. O motivo non é outro que o económico (“Gando de pico non pon ao dono rico”), polo que na busca de pombais antigos teremos que reparar en pazos e casas destacadas. “Si tiene capilla, palomar y ciprés, pazo es”. Podemos citar aquí como pombal interior o existente na parte máis alta da Casa da Torre, no casco urbano de Redondela, e como pombais exteriores: o do Pazo de Torres Agrelo, en Cesantes; o da Casa dos Táboas, en Reboreda; o do Pazo de Torrecedeira, en Cedeira, ou o da Casa de María Arango, no límite de Redondela con Cedeira. Estes últimos son un tipo de pombal construído en pedra e con tella do país de base circular, que se estende por toda Galicia.
Pombal da Casa dos Táboas. Foto: J. Migueles |
Pombal do Pazo de Torrecedeira. Arquivo do Concello de Redondela |
A cría de pombas ven de ben antigo, en Redondela atopo referencias aos pombais en documentos do século XVIII, pero de seguro que existían antes. Como curiosidade no "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Reboreda (Reboreda, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución" cítanse dous pombais como lindes da parroquia de Reboreda: "De alli parte por bajo del Palomar que fue de Maria Ramos, y posehe D. Nicolas Ramos de Moscoso; de alli al Palomar del Conde de San Roman...".
Un terceiro uso das pombas deuse nos anos 90 do pasado século, cando se creou en Redondela un club de colombicultura presidido por Hilario Sánchez. Algúns dos seus membros adicábanse á cría con fins competitivos. Esta disciplina tivo pouca repercusión por tratarse dun deporte minoritario. A proba consistía en soltar aos machos identificados cunha pluma dun cor vistoso, que pelexaban por unha única femia, gañando o que quedaba con ela.
Outro aproveitamento sería, como en todos os animais de granxa, a do esterco que se empregaba como abono para os campos. Con estes excrementos tamén se podería ata fabricar explosivos, pero non teño constancia de que se chegara a utilizar no noso concello para tal fin.
Pombal en Vilar. Google Maps |
Pombal en Vilar. Google Maps |
Pombal no Viso. Foto: J. Migueles |
Pombal en Ventosela. Foto: J. Migueles |
Ademais dos pombais citados, que serían os máis interesantes desde o punto de vista patrimonial, tamén podemos falar dos pombais das casas máis modestas. A partires de mediados do século XX, coa chegada do cemento atopamos pombais de maior ou menor tamaño tanto de construción propia como prefabricados. Máis barata era a opción de adaptar faiados ou galpóns para dar cabida ás pombas e, máis orixinal aínda, o uso de canastros.
Como pombal máis curioso do concello atopamos un no tellado dun lavadoiro na parroquia de Reboreda.
Pombal nun galpón no Viso. Google Maps |
Lavadoiro en Reboreda. Google Maps. |
Canastro en Reboreda. Google Maps |
Pombal en Saxamonde. Google Maps |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Descubrindo a historia de Catoria. Pombal de O Outeiriño. Cristina Conde Escaloni.
Inventario de pombais en Cerdedo. Tabeirós Montes. https://www.tabeirosmontes.com/pombais.html
https://www.obaixoulla.gal/.../obra.../pombal-do-outeirino
Toponimia de Catoira. Gonzalo Navaza.
https://roquecerponzons.wordpress.com/.../palomares-pombais/
Arquitectura popular. Museo do Pobo Galego.
PARES => Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Reboreda (Reboreda, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.
Aportes orais.