Illa de San Simón. Foto: J. Migueles, 2010 |
A Illa de San Simón é en realidade un arquipélago formado polas
illas de San Simón e San Antón unidas por unha ponte, ademais de
varios illotes menores.
Trátase dunha illa chea de
encanto xa que por ela pasaron Cabaleiros Templarios, o pirata
Francis Drake e diferentes congregacións de monxes; inspirou ao
poeta Mendiño a famosa cantiga de amigo Sedíame na Illa de San
Simón; escenario da batalla de Rande e no pasado máis recente
foi lazareto e cárcere durante a Guerra Civil.
Historia
da Illa de San Simón
O feito histórico máis antigo do que temos
referencia sería do ano 997, cando
Almanzor asalta a fortaleza de Pontesampaio, os seus defensores
escapan ata a
illa de San Simón onde son masacrados. Os máis documentados serán
o do viquingo
Olav Harraldson, no 1014, e o do normando Easl Ulf no 1032.
No século XII os
Caballeros Templarios (orde de monxes guerreiros) habitan a
Illa de San Simón. Constrúen nela a igrexa chamada San Simón que
lle da nome ata os nosos días. Trala disolución da orde o 22 de
marzo de 1312 a Illa deixa de pertencer aos templarios, pasando á
Coroa.
O 14 de setembro
de 1317 o rei Enrique II dóalle ao Bispo de Tui, Juan de Castro,
Vilavella e a Illa de San Simón xunto co castelo de Entenza e a vila
de A Guarda.
Mendiño escribe a
cantiga de amigo que fala da Illa de San Simón, obra do século XIII
ou XIV.
O século XV é a
época da revolta irmandiña e a loita dos señores pola posesión de
territorio. A ría de Vigo será o lugar de enfrontamento entre o
Arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca e Pedro Álvarez de
Sotomayor (Pedro Madruga). A illa pertence aos señores de Soutomaior
ata que en 1507 as súas forzas son expulsadas polos veciños de
Redondela.
En 1517 o
franciscano andaluz Fr. Juan Pascual, fundador dos Padres
Pascualinos Recoletos de San José, aproveita a antiga igrexa dos
Templarios para crear o cenobio Custodia de los Pascualinos de San
Simón. Logo visitaría a illa Fr. Pedro de Alcantara, o seu
segundo Custodio. Os ataques do corsario inglés Francis Drake, en
1585 e 1589, provocan que os pascualinos abandonen a Illa. En
1596 os monxes beneditinos de San Juan de Poio instálanse na illa de
San Antón fuxindo dunha epidemia. Cinco anos máis tarde os
franciscanos volven á Illa de San Simón e fan prevalecer os seus
dereitos sobre os beneditinos que se ven na obriga de marchar.
A illa de San
Simón sofre novos saqueos trala batalla de Rande coa vitoria da
flota anglo-holandesa sobre a franco-española en 1702. Despois de
numerosas invasións a orde franciscana obtén licenza para abandonar
a illa no 1724. Pero non sería ata finais do 1746 cando se
trasladarán ao lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, doado polo
duque de Soutomaior.
1856 Gravado de R. Monleón. La Ilustración Española y Americana |
Lazareto
A illa permanece abandonada ata que María Cristina de Borbón, coa
Real Orde do 6 de xuño de 1838, concede permiso para a construción
dun lazareto na Illa de San Simón, co fin de tratar aos enfermos dos
barcos que debían pasar a corentena. Pasa deste xeito a depender do
porto de Vigo, colaborando ao gran desenrolo económico desta cidade.
As obras e os dereitos de explotación serían concedidos ao
comerciante asentado en Vigo Norberto Velázquez Moreno. A illa de
San Simón é unida mediante unha ponte á illa de San Antón, que
dará acollida aos enfermos máis graves. No 1854 o lazareto pasa a
depender do Estado debido a súa baixa rendibilidade.
En 1863 conséguese comunicar telegraficamente a illa de San Simón con Vigo mediante un cable submarino.
O 5 de xullo de 1898 España é
derrotada por Estados Unidos trala perda da escuadra do
contraalmirante Cervera na baía de Santiago de Cuba. O porto de Vigo
convértese daquela nun lugar idóneo para a repatriación de Cuba e
Santo Domingo das tropas por ser o máis occidental da Península,
ter o calado suficiente e dispor do lazareto de San Simón. Durante a
travesía moitos morreron de febre amarela, outras enfermidades que
traían eran disentería e paludismo. O 28 de agosto chega o vapor
Isla de Luzón. Saíra de Cuba con 2.213 persoas e xa deixara
32 mortos polo camiño. Desembarcan en San Simón 2 mortos máis, que
son enterrados no cemiterio da propia illa, e 414 enfermos. Ao día
seguinte trasládanse outros 50 doentes graves, quedando aínda no
barco 30 enfermos dos que morren 3. Pasada a corentena varias
gabarras levan ao porto de Vigo a 800 homes do barco e a 200 do
lazareto, case todos necesitan angarellas e na illa aínda quedan 42
enfermos graves. A historia se repetiría ata a chegada do derradeiro
barco o 6 de outubro. En pouco máis dun mes chegaron ao porto de
Vigo 7.215 soldados e oficiais, sendo moitos os mortos durante a
viaxe e a corentena, dos que 148 descansan no cemiterio de Pereiró
(Vigo).
Illa SanSimón chegada de enfermos no barco hospital Alicante. Foto: La revista moderna, 1898 |
1927-1936. Abandono.
En 1927 a Illa deixa de funcionar como
lazareto, converténdose en lugar de veraneo da crase alta viguesa.
Atrás quedaban 12 anos de funcionamento como lazareto nos que
pasaron por ela 2.349 naves.
Ao ano seguinte, a
Gaceta do 1 de marzo de 1928 publica o proxecto de establecer o
Aeroporto Nacional de Galicia en As Gándaras de Budiño (Porriño) e
o Aeroporto Marítimo Nacional de Galicia na enseada de San Simón.
Tamén se prevé o futuro traslado do aeroporto cando se rematen as
obras de recheo no aeroporto marítimo de Cesantes. Por sorte para o
ecosistema e ás xentes do mar non chegou a realizarse.
1936-1943. Cárcere.
Tralo comezo da
Guerra Civil o xeneral Martínez Anido decide converter a illa en
prisión, entrando en funcionamento o 1 de outubro de 1936. O
primeiro director do centro e mais o médico extorsionaban ás
familias dos reos que decidían fusilar. A situación normalizouse
cando, ao seren descubertos, despois dun consello de guerra foron
pasados polas armas. Outros momentos duros serían cando coa Caída
do Norte fondeou xunto a illa o buque prisión vasco Upo Mendi
e tamén cando, no 1938, trasladan á illa aos presos máis vellos
das restantes cárceres españolas. A humidade, a fame e a
masificación (chegou a acoller a 2.500 persoas) acabaría coa vida
de moitos deles. En canto aos fusilamentos, tan só se realizaron
unha vez na illa, a práctica común era sacar aos reos e matalos nas
estradas próximas. Os cadáveres eran atopados nas cunetas polas
mulleres que ían vender a Vigo e Pontevedra. No 1943 deixa de
funcionar como cárcere, abandonando as instalacións os últimos
presos.
Relación de presos na illa de San
Simón, realizada por Gonzalo Amoedo e Roberto Gil.
Presos na Illa de San Simón. pontevedraconfollasverdes-3.bp.blogspot |
1948-1950. Albergue Nacional.
Despois de cinco
anos de deshabitada a Secretaría General del Movimiento decide
que a illa sexa empregada como Albergue Nacional para uso e
desfrute da Garda de Franco nos períodos de lecer. O 22 de agosto do
1950 morren 43 destes homes ao envorcar a lancha, chamada Monchita,
que os conducía dende a Illa de San Simón ata Cesantes para ir
xogar un partido de fútbol. O cruceiro que hai no Cobreiro (illote
preto da Illa de San Simón) lembra o sucedido. O albergue sería
pechado en 1958.
Barco do naufraxio. Foto: "Naufraxios no mar de Vigo". Francisco Díaz Guerrero. |
1955-1963 Hogar Méndez Núñez.
En
1952, a Delegación provincial de Auxilio Social proxecta instalar
na illa o “Hogar de Formación
Marinera”, por iniciativa do delegado
Luis Huesa Pérez, e co apoio do Gobernador civil, Elías Mario Palao
Martialay. Non sería ata a Orde
Ministerial do 27 de maio de 1955
cando se decide instalar na illa o Hogar
Méndez Núñez para acoller aos orfos
dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas. Despois
da realización de obras a inauguración
oficial tería lugar o 21de agosto de 1954.
Entraría en
funcionamento o 2 de marzo de 1955.
Outra Orde
Ministerial, esta do 9 de abril de 1963, ordena o traslado dos
nenos á Residencia Santo Domingo Savio, coñecida
popularmente como a Casa dos enanitos, sita na Xunqueira no
lugar que hoxe ocupan os Xulgados. A Illa é novamente abandonada.
Nenos do Fogar Méndez Núñez. Foto publicada no Diario de Pontevedra- |
Abandono e rehabilitación
En
1966 pasou a depender do Ministerio de
Información e Turismo,
coa
intención de
transformalo nun
centro turístico pero nunca se levou a cabo. Este non é mais que un
exemplo dos moitos proxectos propostos
dende os anos 20 ata o día de hoxe polos diferentes sectores da
administración pública aos que pertenceu a illa, outros serían:
parador de turismo, casino, museo marítimo, facultade de Ciencias do
Mar...
En marzo de 1973 o
Concello de Redondela agrega a illa de San Simón no seu Plan de
Ordenación, o que orixinou que Vigo reclamara a súa propiedade. O
contencioso alargouse no tempo, ata que o 21 de decembro de 1981, o
Ministerio de Administración Territorial deulle a razón ao
concello de Redondela.
O 18 de xullo de
1992 os creadores do documental “Aillados”, que narra os
anos en que a illa funcionou como cárcere, organizan unha visita á
San Simón para os superviventes que estiveron alí presos.
En 1998 a Xunta,
sendo Conselleiro de Cultura o redondelán Jesús Pérez Varela,
comeza os traballos de rehabilitación.
En
virtude do decreto 237/1999 do 29 de xullo é declarada BIC con
categoría de "sitio histórico".
No
período do bipartidismo en Galicia é chamada Illa
da Memoria.
No 2009 o goberno popular trócalle o nome por Illa
do Pensamento.
Na
actualidade a Illa de San Simón acolle multitude de actividades
como: visitas guiadas, campamentos de verán, Festival Sin Sal,
Batalla de Rande (travesía a nado), Con
Barqueira e Remador (Taller internacional de tradución poética),
San Simón Fiddle Camp (Campamento de música)...
Illa de San Simón. Foto: Saturno Cal-Vida Gallega, 1928 |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aillados. A memoria dos presos de
1936 na Illa de San Simón. Antonio Caeiro, Juan A. González e
Clara Mª de Saá.
A memoria e o
esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra. Gonzalo
Amoedo López. Ed. Xerais.
Episodios de terror durante la
Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón.
Gonzalo Amoedo López e
Roberto Gil Moure. Ed.
Xerais.
As Illas de San Simón. Aproximación
a súa historia. J.A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de
Galicia.1999.
Enseada de San Simón. Achegamento ó
seu medio natural. Xoán Ignacio Amoedo Lueiro.
Historia de las Rías. (2
Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de
Vigo.
SEREN
Nº4. San
Simón, Illa da memoria. Datos sobre os capeláns. Avelino Bouzón
Gallego.
1768
España_sagrada_theatro_geográphico_histórico.
Vía Vigo. El Cable Inglés y el Cable Alemán. José Ramón Cabanelas. Instituto de Estudios Vigueses (2013)
La Voz de Galicia.
En
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia.
Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El Pueblo Gallego
Aportes: Olga Rodríguez Puga e Mª del
Carmen Valle
No hay comentarios:
Publicar un comentario