Ramón Carrera coa loba cazada en Negros. El Pueblo Gallego |
O 27 de xaneiro de 1877 ás oito da noite, o
mineiro Santiago Ubiña dirixíase a traballar na construción do
túnel dos Valos cando o sorprenderon dúas luces diante súa. Pensou
que se trataba dos candís dos seus compañeiros polo que seguiu
avanzando ata que se decatou
de que eran os ollos dun lobo. Tentou escapar pero a besta
adiantábase aos seus movementos polo que decidiu enfrontarse
a el. Co candil que levaba golpeou ao lobo que torceu a cabeza,
aproveitando para cravarlle
unha navalla. O animal ferido arremeteu
contra Ubiña, que se defendía a golpes e navalladas.
Os traballadores correron alarmados polos os gritos de auxilio, mais
cando chegaron o lobo estaba morto e Santiago Ubiña ileso aínda que
moi afectado.
En
decembro de 1891, acosado por uns afeccionados á caza un xabarín
refuxiouse na horta de Luciano Fernández. O notario Antonio Ferreras
atinoulle cunha bala que lle esnaquizou
a parte superior da boca. O xabarín fuxiu pola vía férrea sen que
lle alcanzasen os disparos de Santos Lago e Eduardo Sánchez.
Esgotado polo
sangue perdido foi finalmente alcanzado en Trasmañó por uns
labregos que o mataron a paus.
Apesares de que os de Trasmañó pretendían quedarse co animal, os
cazadores conseguiron facer prevalecer os seus dereitos traéndoo a
Redondela, onde se repartiron a carne. Pesaba nove arrobas. Crese que
este e outros xabaríns chegaron aos montes de Redondela fuxindo
dunha batida que fixeron en Ponteareas.
En agosto de 1898
os xabaríns convertéranse nun problema, provocando desfeitas nos
campos de millo de Cabeiro, Os Valos, Nespereira e Cepeda.
En marzo de 1900,
os de xabaríns causaban desfeitas en Saxamonde polo que se formou
unha partida de caza. Conseguiuse matar a un destes animais duns 60
quilos de peso preto do Mendo, entre Quintela e Louredo (Mos).
Probablemente viña fuxindo daqueles montes o xabarín que poucos
días despois, paseou polas rúas de Redondela causando o pánico dos
veciños e internándose logo nun bosque próximo ao viaduto de
Pontevedra. Saíron tras el varios cazadores sendo abatido polo señor
Álvarez dun certeiro disparo. Pesaba uns 75 quilos.
En decembro de
1907 cinco cazadores que estiveron tres días no Suído (Fornelos)
cobraron 83 perdices. Un deles, que ía cos de Redondela, Manuel
González Fresco, de Vigo, de 65 tiros matou 62.
En decembro de 1908, en Reboreda, Narciso Míguez ao disparar cunha
escopeta a un can, feriu ao seu compañeiro, Sabino Otero.
En abril de 1914 foi abatido en Padróns (Saxamonde) un xabarín que
causara varios danos e que pesaba uns 70 quilos.
O párroco de
Quintela Alfonso Álvarez Gil, matou en xullo de 1916 un xabarín que
pesou unhas nove arrobas.
A finais de 1930,
os paxaros chamados vulgarmente bicotorto
común e en
linguaxe técnico Loxia Curvirostra,
provocaban moitas desfeitas nas árbores, polo que a Comisión
provincial acordou pagar 25 céntimos por cabeza de ave. A sorpresa
veu cando, o 8 de xaneiro, presentouse na deputación José Martínez,
veciño de Redondela, con cen cabezas do citado paxaro.
En
novembro de 1935, José
Escudero, veciño de Trasmañó, sufriu unha ferida de prognóstico
reservado con perda de tres dedos da man dereita. Produciuse
a ferida ao disparárselle a escopeta de caza cando tiña apoiada a
man no canón.
Ante os numerosos
danos causados polos xabaríns, en agosto de 1938, organizouse unha
batida nos límites entre Mos e Redondela. Despois de localizar unha
manada, esta foi rodeada e plantouse lume na maleza. Os xabaríns
saíron con tanta forza que derrubaron a varios cazadores causando a
fuxida dos veciños.
A finais de 1954
unha disposición gobernamental dispón que se considere zona
reservada para a caza os montes da parroquia de Cedeira. A Sociedad
La Viguesa de Caza y Pesca, á que pertencían a maioría dos
aficionados locais, realizaron unha solta de perdices por montes de
Vigo, Chapela, Trasmañó, Cabeiro e Cedeira. A especie estaba
practicamente extinguida na contorna, polo que estaba vedada a súa
caza para tentar a súa implantación.
En 1962 os lobos
causaron grandes prexuízos en Negros e Cedeira matando a trinta
ovellas e multitude de galiñas. Esta situación levou a organización
de servizos de vixilancia por parte dos veciños. A paciencia deu os
seus froitos e Ramón Carrera Rodríguez, veciño de Negros, abateu
unha loba de 47 quilos.
Recentemente, o 30
de novembro de 2017, seis xabaríns chegaron ao casco urbano de
Redondela. Asustados ao ser perseguidos por un grupo de curiosos,
saltaron dende o adro da igrexa á rúa Figueiral. Por mor da gran
altura que existe un deles faleceu.
Autor:
Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El pueblo gallego, El Diario de Santiago, Gaceta de Galicia
Diario de Santiago, El Diario de Pontevedra, La
idea moderna, El
Correo de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario