miércoles, 6 de mayo de 2020

Coplas adicadas á Peneda e á súa Virxe.

(Hai máis de 50, se ben é certo que algunhas son variacións da mesma copla)

Capela da Peneda, 2019. Foto: Juan Migueles
 
Referentes ao día da romaría

Miña Virxe da Peneda
vele ehí ven o voso día;
a cinco do mes de agosto
é a vosa romaría.

Situación Topográfica

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi pór:
dun lado ten Redondela
e d’outro Soutomaior.

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi pór:
por un lado ten O Viso
por outro Soutomaior.

Miña Virxe da Peneda
c’un circo d’ouro arredor
por unha banda ten o mar
por outra Soutomaior.

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi por:
entre cotos e penedos,
carballiños arredor.

Miña Virxe da Peneda
que fondiña se foi por:
entre toxos e carqueixas,
penediños arredor.

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi por:
dall’o aire dall’o vento,
dall’a raíña de sol.

Nosa Virxe da Peneda
que altiña se foi por:
dalle o vento, dalle a chuvia
dalle o vento derredor.

Miña Virxe da Peneda
sempre no alto te ves;
hei d’ir alá, miña Virxe
que quero bicarlle os pés.

A Peneda está nun alto,
Redondela nun baixiño;
e pola banda dalá,
Soutomaior albariño.

Coplas referentes á subida ata a capela

Miña Madre da Peneda
se non fora po-la ver,
da costiña de Cochón
hubérame de volver.
Miña Virxe da Peneda
o camiño pedras ten,
se non fora por ir vela
alá non iría ninguén.

Miña Virxe da Peneda
o camiño pedras ten,
se non fora por mirala
non iría alá ninguén.

Miña Madre da Peneda
ten vintacinco escaleiras,
para baixar as casadas
para subir as solteiras.
Miña Virxe da Peneda,
baixarvos e darme a man;
ténde-la costiña alta,
caime o corazón no chan.

Peticións á Virxe, case sempre de matrimonio.

Miña Virxe da Peneda
da Peneda penediña,
fun alá que me casara,
dixo que casada viña.

Miña Virxe da Peneda,
eu non vos pido facenda,
pídovos sorte e fortuna
e xente con quen me entenda.

Miña Virxe da Peneda,
escoitame esta canción;
que me quera o meu Manoeliño, con todo o seu corazón.
Eina de casar no Viso
que é terra de moita leña,
qu’eu ben a vin quedar,
cando viña da Peneda.

Promesas e ofrendas á Virxe

Tengo de ir a la Peneda
si la muerte no me mata,
tengo que llevar conmigo
amores de una muchacha.

Tengo de ir a la Peneda
si a morte non me mata,
teño que levar conmigo
una lámpara de plata.

Miña Virxe da Peneda
este ano alá hei d’ir
heille de levar un ramo
que do céo me ha de vir.

Miña Madre da Peneda
tén un navío no mar,
quen llo deu, quen llo daría
quen llo deu, púdollo dar.

Miña Madre da Peneda
ten unha galiña branca,
cando lle dá de comer,
deixa de comer e canta.

Miña Madre da Peneda
ten unha galiña pinta;
cando lle dá de comer,
deixa de comer e brinca.
Miña Madre da Peneda,
ten unha mantilla d’ouro,
para darlle a unha mociña
que ven de Ribadelouro.

Eu ei de subir o céo
por unha cinta bermella,
teño que levar conmigo,
a Señora da Peneda.
Referencias á Ermida da Guía que se ve dende a Peneda

Miña Virxe da Peneda
escribeulle a da Guía
que lle mandara decir
os miragres que facía

Nosa Señora da Guía
guíame o meu Manoel
que vai polo río abaixo
envoltiño nun papel

Nosa Señora da Guía
a guía dos mariñeiros
guíame a miña cuadrilla
toda de mozos solteiros

Nosa Señora de Darbo
ten o Darbo na mantilla,
que ll’o mandou de regalo
Nosa Señora da Guía.
Nosa Señora da Guía
ela é miña madriña
dichosa de miña nai
¡que boa comadre tiña!

Lembrando a antiga procesión que ía á capela de Soutomaior onde se venera a San Quiatán (San Caetano)

-¿Quen é aquela Señora
que vai por aquela chán?
-E a Madre da Peneda
que vai pr’o San Quiatán.

-¿Quen é aquela señora
que ven por aquela chán?
-É a virxe da Peneda
que ven do san Quietán

Meu Santiño San Quiatán
bótanos a bendición
botaina da torre abaixo
e da torre arriba non.

Referencia á imaxe da Virxe.

Miña Madre da Peneda
da Peneda, Penediña,
entrou pol-a porta grande
saíu pol-a pequeniña

Miña Madre da Peneda
abaixarvos para abaixo,
vinde tomar a medida
do voso lindo refaixo.

Miña Virxe da Peneda
funlle limpar a Capilla;
ela díxome do alto:
-Dios cho pague, miña filla.

Miña Virxe da Peneda
pequeniña, milagrosa,
vimos aquí de tan lonxe
para ver tan linda rosa.

Miña Virxe da Peneda
tén o xardín na ribada.
Mandaino regar, Señora,
por unha moza casada.

Miña Virxe da Peneda
tén o xardín na ribada.
Mandaino regar, Señora,
pol-a man d’unha casada.

Miña Virxe da Peneda
ten o tellado de pedra.
Ben o pudera ter d’ouro,
miña Virxe si quixera.

Miña Virxe da Peneda
¿Con qué peina seu cabelo?
Con unha herbiña do monte
que lle chaman tormentelo.

Miña Virxe da Peneda
está peiteando o séu cabelo,
con unhas herbiñas do monte
que lle chaman tormentelo.

Miña Virxe da Peneda,
da Peneda penediña,
chamárame ela afillado
que eu lle chamarei madriña.

Miña Virxe da Peneda,
da Peneda penediña,
chamarme vosa afillada,
que eu vos chamarei madriña.

Miña Virxe da Peneda,
ela é a miña madriña;
háme de mandar as páscoas
pol-a súa criadiña.

Miña Madre da Peneda,
o que lle foron armar,
que tiña o sacristán morto
debaixo o seu altar.

Miña Virxe da Peneda,
¡A que lle foron armar!,
que tiña o ermitaño morto
debaixo do seu altar.

Miña Virxe da Peneda,
recollei o cobertor,
que vos caeu da ventana,
cando pasou el Señor.

Miña Virxe da Peneda,
recolléi o caravel,
que vos caeu da ventana,
cando pasou San Miguel.

Miña Virxe da Peneda,
dáime a vosa meadiña,
que a tea teño parada,
fáltalle unha caveliña.

Miña Virxe da Peneda,
da Peneda penediña,
teño unha tea acabada,
fáltalle unha caveliña.

Fuxe de min que son pobre,
non teñas pena ningunha.
¡Nosa Señora m’aparte
a miña sangre da túa!

Coplas picarescas

Miña Virxe da Peneda,
falaime que teño medo,
que me queren acañar,
de detrás d’aquel penedo.
-¿Costureiriña bonita,
onde perdiche o dedal?
-No turreiro da Peneda,
onde me fún pasear.
A subila e a baixala,
a costiña da Peneda;
a subila e a baixala,
perdín o pano de seda.

Cantares para o regreso da romaría ou se non se puido ir.

Miña Virxe da Peneda,
fun alá e non a vín,
o baixar das escaleiras,
dóulle a risa para min.

Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vou,
que tiña os cartiños xuntos
e unha vella mos robóu.

Miña Virxe da Peneda,
este ano alá non vou,
tócame a rólda d’auga
¡malia quen ma vot’ou!

Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vóu,
tiña o diñeiriño xunto
e non sei quen mo levóu.

Miña Virxe da Peneda,
este ano alá non vóu,
pol-a falta de diñeiro,
moita xente se quedou.

Miña Virxe da Peneda,
para o ano alá hei d-ir
casadiña ou solteira,
ou criada de servir.
Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vóu,
para o-outro que viñere,
agárdaime qu’alá estóu.

Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vóu,
para o-outro que viñere
a súa portiña estóu.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA 
Nuestra Señora de la Peneda. Víctor Lis Quibén
Romarías e santuarios. Antonio Fraguas.
Miña Virxen da Peneda. Antonio Soto López
Cantares Vellos. Antonio Soto López 19740612 Faro de Vigo Páx. 24.
Aportes: David Conde Lourido

No hay comentarios:

Publicar un comentario