Pola lei do 19 de xullo de 1849, España adopta o sistema métrico decimal e busca a unificación de medidas que daquela variaba dunha vila a outra.
Cando menos desde o século XVI a medida agraria máis estendida en Galicia é o ferrado. Para a medición da masa e o volume de cereais e legumes o ferrado non é máis que un caixón. Nel entra unha cantidade determinada que pode variar entre os 12 ou 20 quilos dependendo da semente que se pese. Esta sistema de medición era o que se empregada no caso dos muíños de maquía, no que o muiñeiros cobraban por unha cantidade da fariña producida que podía rondar entre o 5 e o 10%. De moerse 10 ferrados de fariña o muiñeiro quedaba con un ou medio ferrado.
O ferrado tamén se empregaba para a medición de superficies, establecéndose canta área de terreo era necesaria para producir o cereal que cabía na caixa. Neste caso existían grandes variacións dunha vila a outra, dependendo da fertilidade dos chans. Canto máis fértil é o chan menos metros se necesitan para encher o caixón. Deste xeito, en Redondela o ferrado equivalía a 69 metros cadrados e nos concellos limítrofes de Soutomaior, Pazos de Borbén e Soutomaior non superaba os 74. Por contra a produción debía ser menor en Xove, Foz, Barreiros ou Valadouro no que a equivalencia era de máis de 700m2.
Nunha recompilación sobre as pesas e medidas da provincia de Pontevedra, realizada en 1851, na capital o ferrado de trigo considérase igual á chamada cuartilla castellana, establecida en 1801, porque a diferencia é nula por non superar as dúas pulgadas cúbicas. En canto ao ferrado de millo é practicamente unha cuarta parte maior que o de trigo.
En Redondela as cousas son ben diferentes. Os ferrados de trigo e millo son unha quinta parte superiores aos de Pontevedra. E a vara de medir ten unha pulgada e tres liñas máis que a establecida de Burgos. No tocante a outros concellos, o ferrado de trigo na Estrada é aínda maior que o de Redondela. Por contra en Tui os ferrados de trigo e millo eran bastante máis pequenos que na nosa vila.
Por se este tipo de medición fose pouco complicado existían varios tipos de medidas máis que tamén variaban dunha vila a outra. Así nun informe de 1827, nos Partidos de Redondela e Reboreda: O estadal é de 10 cuartas de largo. A fanega é de 384 estadais cadrados ou 2.400 varas cadradas. O ferrado é a cuarta parte da fanega ou 96 estadais cadrados.
Na documentación antiga que teño manexado é frecuente o uso da fanega no tocante á produción de viño.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Eco de Galicia
El ferrado: origen y explicación de esta medida gallega de volumen y superficie. Thalia García. Publicado en El Español.
El ferrado, la medida gallega de superficie: origen y cuanto mide en cada ayuntamiento. Por D. G. en Campo Galego, xornal dixital agrario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario