miércoles, 24 de junio de 2020

A Danza das Espadas. O Certame musical de 1904.

1904. Danza de Redondela realizando a figura da Áncora na praza de Pontevedra. Arquivo do Museo de Pontevedra
           En 1904 celebrouse un certame musical organizado pola Sociedade Artística de Pontevedra. Na ateigada praza de touros se celebrarían concursos nas diversas modalidades: orfeóns, gaiteiros, cantos populares... No tocante a Redondela, a nosa vila estaría representada pola danza de espadas, daquela dirixida por Juan Puertas Fervenza Ley”, que se enfrontou á danza de espadas de Marín, dirixida por Santiago Area González, coñecido popularmente como "Calistro". A diferencia da nosa a de Marín bailaba o día de San Miguel e non no Corpus. Tamén se diferenciaban na indumentaria, en que os de Marín lucían garabata e os de Redondela daquela levaban unha faixa cruzada dende o ombro

1904. Danza de Marín. Foto cedida por Celso Milleiro
 
          O noso grupo gañaría o premio de 250 pesetas, sendo o resultado moi protestado polos de Marín que se negaron a recoller o segundo premio de 125 pesetas. A polémica seguiría nos xornais nos días seguintes. Nunha carta ao director de Juan Martínez inclúe o seguinte: “... por encargo especialísimo del Sr. Puertas, Maestro-director de la danza de Redondela: He de decir a la de Marín, que cuando quiera disputar el mismo premio ya ganado u otro distinto, o la simple victoria sin premio alguno y ante otro Jurado especial, está a su completa disposición; con una sola exigencia, eso si, la deque no se entrometan en la lid otras personas que las que puedan contribuir al mejoramiento de la Danza; y que, al fin, se den la mano vencedores y vencidos, conformándose con el fallo; pues unos y otros trabajan por restaurar y conservar los regocijos y recuerdos históricos de la Patria grande y chica.”
1904. Danza de Marín ante o estandarte de San Miguel. Foto cedida por Celso Milleiro
          O número de danzantes variou ao longo do tempo, coméntase que naquela ocasión na de Redondela bailaran 34, pero en realidade semella que foron 32 máis a gaita e o tamboril. A danza a compoñían: Gabriel Ribera, Juan Bemposta, Salvador Aboy, David Posada, José Puertas, Antonio Pérez, Manuel Vázquez, Andrés Barbeito, José Puertas, José Collazo, Jesús Vázquez, Ramón Montero, Rosendo Amoedo, Víctor Puga, Antonio Aguiar, Juan Vázquez, Constantino Fernández, José Barros, Antonio Lago, Juan Puertas, Antonio Bemposta, Andrés Amoedo, José Vázquez, Manuel Álvarez, Joaquín Viñas, Eugenio Amoedo, Joaquín Soutullo, Domingo Pereira, Juan Blanco, Manuel Novelle, Agustín Salgueiro e Manuel Iglesias. Acompañaban o gaiteiro de Vilar, Francisco FigueroaO Arquitecto” e o tamboril Antonio Figueroa.
          Coa danza marchou a Pontevedra acompañada por unha comitiva encabezada polo médico e ex-alcalde, Isidoro Queimaliños. Xa na capital, Ramón Arines Bula, redondelán recentemente nomeado xefe daquela estación, cedeulle as súas habitacións particulares para que os bailaríns puideran mudarse. A danza visitou ao Gobernador Civil, ao Concello, ao Centro Obreiro e ao redondelán Casto Sampedro (Ver Persoeiro S); e na Caeira ao Marqués de Riestra, quen os agasallou con pastas e licores e dooulles cen pesetas.
          O Deputado Provincial Cándido Otero García estivo moi atento coa nosa danza, pagándolles
o viaxe de ida e volta, o xantar e unhas gorras brancas co nome “Redondela” que exhibiron durante a actuación. Cándido foi un político liberal nado en Redondela e un total descoñecido na actualidade. Foi alcalde da nosa vila en 1893 e Deputado Provincial por Redondela-Pontecaldelas en varias ocasións, chegando a desempeñar a vicepresidencia da Deputación. Fixou a súa residencia en Vigo, sendo presidente do Casino, Vice-presidente da comisión da Cruz Vermella, e representante da compañía navieira Lloyd Real Holandés. Tiña tamén as honras de xefe Superior de Administración Civil.
          De regreso en Redondela ás nove da noite, a xente encheu as rúas para aplaudir a chegada dos danzantes. Devolveron estas mostras de gratitude bailando fronte ao Casino, a casa do xuíz de primeira instancia, Rafael González Besada y Valdés; a do párroco, Bernardino Couñago Besada; e as casas dos xa citados Cándido Otero e Isidoro Queimaliños.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Celso Milleiro, Josean Pazos
1904, Agosto. La Idea
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Áncora (Pontevedra), La Correspondencia Gallega, Diario de Pontevedra, Noticiero de Vigo, Gaceta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario