BILLAR
A práctica do billar en Redondela
remóntase ao século XIX. Na Matrícula Industrial de 1885-86 pódese
ler: "Juegos públicos permitidos. Domínguez, Marcelino.
Billar con una mesa. Alfonso XII." Na
de 1896-97 consta Santos Lago como propietario dunha mesa na mesma
rúa e, no de 1902, tamén nesa rúa Dolores Añón.
O primeiro
campionato de billar do que teño constancia, celebrouse no Centro
Republicano de Redondela onde, en
agosto de 1934, realizou unha exhibición o campión vigués
Palacios.
Na competición de
Educación y Descanso, de
agosto de 1958 participa un equipo de Redondela, xunto aos de
Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
Centro
Recreativo y Cultural de Redondela.
En 1969 José María Álvarez, vence no Torneo Intersocial e no
Campionato Provincial de Terceira Categoría modalidade libre,
celebrados en Vigo. Nese mesmo ano o CRC de Redondela celebrou o I
Torneo de Navidad de Billar, no que
Álvarez e Míguez se enfrontaron a membros da sociedade
La Oliva de Vigo. En
1971 organizou o I Trofeo de Billar, que na segunda edición contaría
con 14 participantes: Emilio Seco, Gonzalo Figueiral, Manuel Míguez
(sub-campión na primeira edición), José Couñago, Argimiro
Fuentes, José J. Acuña, Bernardino Docampo, Antonio Ferreira,
Genaro Alonso, Manuel Alonso, J. Carlos Alonso, José González
Gómez, Francisco Reboredo e Santiago Gómez.
Circulo
Cultural Recreativo de Chapela. Equipo
creado en 1967, practicamente
ao mesmo tempo que a sociedade.
En 1968 participa no campionato
rexional de segunda categoría con Luis Melón Álvarez e José María
Álvarez Vázquez. En 1969 no campionato provincial de terceira
categoría modalidade libre acada o quinto posto M. Baca. Nos
anos 80, organiza competicións e acada varios campionatos
provinciais por medio de xente como Carou, Salas... Despois dun tempo
sen competir,
a finais dos 90 comeza a organizar campionatos provinciais entre
outras competicións. A partir do 2004 comeza a celebrar probas de
máis categoría como Campionatos Galegos Absolutos. No
seu palmarés conta con títulos a nivel galego tanto por equipos
como individualmente, principalmente na modalidade de Tres Bandas.
Entre os seus
xogadores máis destacados podemos citar a José F. Lozano ou a
Rogelio Fortes. Actualmente (2016) compiten no grupo B da Segunda
División xunto ao Megarit de Madrid, Hervás de Cáceres, Valladolid
e Círculo das Artes de Lugo.
Na modalidade Billar Pool o equipo Na Lúa vencería no 2019
no Campionato Galego de 2ªcategoría.
BillarPool-Na Lúa. Cto. Galego2019, 2ªcategoría. Facebook |
CAMPIONATOS MILITARES
Anteriormente
xa demos conta das participacións de redondeláns en campionatos
militares en disciplinas como atletismo, boxeo, fútbol
ou natación. Ademais
destas existen outras modalidades máis propias da
disciplina
militar. Poderiamos citar aquí a Gustavo
Saavedra,
campión de España de lanzamento de granada nos anos 90, ou a Javier
Díaz Rodríguez,
que no campionato provincial de tiro na modalidade de pistola
9mm.-Sénior,
rematou 2º no 2016 e 17; e 3º no 2015.
DEPORTE DISCAPACITADOS
No 2005 fundouse o
Racing Club Chapela,
coa finalidade de fomentar o deporte de disminuídos
psíquicos. No 2008 xa acadara o campionato de Galicia en deportes
tan diversos como o baloncesto, natación ou tenis de mesa, sendo
finalista en outras disciplinas. Na actualidade seguen aumentando o
seu palmarés con campionatos de España en diferentes modalidades.
Destacan os nadadores Loira Fernández
e Mauro Rodríguez,
que ademais de
vencer en varias probas dos campionatos de España, participaron por
primeira vez nun Mundial no 2014.
No centro Mauro Rodríguez e Loira Fernandez, 2014. Foto Faro de Vigo |
Pola súa banda os membros da
Asociación Lenda, xa
venceron en tres ocasións na súa liga de fútbol
sala. Ademais
practican outros deportes como natación, tenis, tenis de mesa ou
running.
Tamén
citar a Aarón García Parente
que forma parte do equipo de fútbol
Celta Integra
que no 2019 se proclamou campión da Liga Genuine.
Asociación Lenda futbol Sala 2016. Facebookk |
DEPORTES DE PRAIA
A
Enseada de San Simón é ideal para a práctica do Wind Surf. Ademais
de disputarse varias probas, contamos cun equipo, o Catapeixe
Windsurf Team. Nos últimos anos tamén
está gañando adeptos o Kite-Surf, celebrándose no 2012 o I
Encontro Kitesurf.
No 2012 fundouse o club de
Balonmán-Praia feminino BMP Espartanas.
A estes deportes habería que engadir
a organización na Praia da Punta e na de Arealonga de campionatos
doutras modalidades como Volei-Praia, Fútbol-Praia ou Fut-Volei.
BMP Espartanas 2016 Facebook |
HOCKEY HERBA
En
marzo de 1959 da inicio o campionato de España que se celebraría
nos campos de Vista Alegre, en Vigo, e o de Santa Mariña, en
Redondela. No noso Concello os primeiros partidos serían R.
C. Polo de Barcelona contra Real
Tenis de Santander, e Alerta
de Vigo fronte ao Almirante
de Burgos. Campionato curioso aquel se temos en conta que o noso non tiña herba.
JIU-JIUTSU
Sergio
Pérez Couñago proclamouse sub-campión
de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro no 2015. Anteriormente vencera na
Supercopa de España e acadara a prata no II Open Stockmma
Internacional. Pertence ao club local Pressa Team, fundado no 2013 e
filial do canario Gil Catarino, adestra no ximnasio Do-Yang.
2015 Sergio Pérez Couñago subcampión de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro,2015. Facebook do deportista |
JUDO-KÁRATE-AIKIDO
O
primeiro redondelán en practicar estes
deportes
probablemente sería José Manuel Barbosa Suárez, do Viso, quen
nunha entrevista en 1973 anunciando a súa candidatura a Consejero
Local del Movimiento de
Vigo, cidade na que residía, afirmaba ter practicado judo, kárate e
aikido, ademais de boxeo e fútbol.
KICK-BOXING
No 2017, Alonso Fernández Rodríguez, de 9 anos, acadou dúas
medallas de ouro no nacional de kick boxing, polo que temos futuro
nesta disciplina.
LOITA LIBRE E
GRECO-ROMANA
Nos
seus inicios a S.A.R.,
fundada no 1963, tivo equipo de loita libre.
Dentro
do programa das Festas da Coca de 1971 celebráronse dous combates de
loita Greco-romana. Plumas:
Amadeo Vilas-Enrique Fernández. Lixeiros:
Manuel Roca-José R. Blanco.
MONTAÑISMO
Como en todos os deportes individuais é difícil
atopar información dos escaladores e os seus logros establecendo o
seu lugar de nacemento. Destacaremos neste apartado a Jose Carlos
Lorenzo Caeiro, que no 2010 alcanzou o cume do pico Lenin de 7.134
metros acompañado da súa parella, a viguesa Ana Rodríguez Pedrido,
que se converteu na primeira muller en conseguilo. Tamén escalaron o
Mont Blanc e o Aconcagua. Os dous pertencen ao Club
Montañeros Celtas.
MOTOCICLISMO
En
1988 catro ou cinco afeccionados fundaron o Motoclub
Redondela, que en pouco tempo contaría
con 180 socios. Ese mesmo ano celebrará o I
Trial Indoor no campo de fútbol
de Santa Mariña, no que participarían os principais pilotos
galegos. Despois de organizar varias probas do
campionato galego, nos anos 90 celebrarían unha proba do Campionato
de España de Trial, no que os afeccionados puideron seguir ao
campión mundial Jordi Tarrés.
Máis recentemente teñen xurdido
novos colectivos de afeccionados ás motos como Custom
Moto Club ou Los
Vespartanos.
Entre os pilotos afeccionados citar a Rafael Abeijón Broullón
"Tiriti",
falecido no 2014 ao sufrir unha
caída cando se atopaba escalando o Aneto. Fundou T.T.
Rande, asociación que
creou unha plataforma reivindicando a construción dun circuíto
en Galicia.
Actualmente contamos co equipo
Redomoto,
que en xuño do 2018, cos pilotos Dani Rodríguez Amoedo, José Luis
Rodríguez Veiga e Manuel Figueiredo "Gorras"; acadaron a
segunda posición na carreira de resistencia de motos clásicas Old
School Galician Country.
O futuro do motocross ten nome de nena, Alba Fernández,
iniciouse con 8 anos e tres anos despois, no 2017, debutou no
Campionato Nacional de Portugal e nunha proba do Europeo. Na seguinte
tempada rematou na cuarta posición no nacional portugués.
No 2020 sería Theo Gourdon Rafael, con 15 anos, quen se clasificaría en Xerez como o terceiro mellor piloto na categoría Promo3 do Campionato de España ESBK. O seu irmán, Álex Gourdon Rafael, tamén na mesma categoría, entrou no Top 10 do campionato. Entre os dous gañaron 7 probas das 10 posibles.
Theo & Alex Gourdon. Facebook |
MOTONÁUTICA
Na modalidade de embarcacións
PR-550, Juan Carlos Solla e Jose David Álvarez, do Club Pereira
Racing Team con sede en Chapela, acadaron o 2º posto no Campionato
Mundial do 2007 e gañaron o Campionato Galego no 2008 e 2010. Xa
como piloto, Jose David Álvarez formando parella con José Francisco
Álvarez, acadaron no 2011 o 3º posto no Mundial e no Cto. de España
co equipo ADC Rande. No 2014 venceron no Cto. Galego. Ese mesmo ano
José David Álvarez impúxose na World Series de motonáutica.
David Álvarez, Corea- Gran Premio de Incheon 2014. Foto: Faro de Vigo |
Sergio Pereira terceiro en Italia, 2015 Foto Massimo Ciuchi |
Pola súa banda,
Sergio Pereira Millos, natural de Chapela, comezou tamén en PR-550
no Club Pereira Racing Team. Proclamouse campión galego no 2007 con
Francisco José Pereira. Formando parella con David Pereira acadou o
3º posto nos Campionatos Galegos de 2010 e 2011. No 2014 con Javier
Quintas repite o 3º posto no Cto. Galego. No 2015 acompañando como
copiloto ao catalán Josep María
Izquierdo no equipo do Club Nàutic Garraf, Sergio Pereira venceu no
Campionato de Europa na modalidade Endurance Class B. En xullo dese
mesmo ano rozaron o podio
cun 4º posto no Mundial celebrado en Venecia.
Por último citar que no 2012
celebrouse na Enseada de San Simón a II Proba Trofeo Galicia-Norte
de Portugal nas categorías de motos de auga, rally-jet e pneumáticas
PR-550.
ORIENTACIÓN
No 2008, máis de
60 equipos de toda España participaron no Gran
Premio Concello de Redondela, 4ª etapa
da Boomerang Orientaventura,
despois das celebradas en Navarra, Jaén e Salamanca. A proba
consistiu en sumar o máximo número de puntos acudindo coa axuda dun
mapa é unha brúxula
a diferentes postos de control para lanzarse en tirolina,
correr en bicicleta de montaña ou navegar en canoa. Dende 2015
organízase a Carreira de Orientación
Concello de Redondela.
PÁDEL
Nos derradeiros anos foi aumentando o
número de veciños de Redondela que acudían a Soutomaior a
practicar este deporte. A demanda de instalacións provocou o inicio
da construción no 2015 de pistas de pádel no entorno da Marisma. No
2018 organízase a primeira Liga Social de Pádel.
Contamos co Club de Tenis e Pádel Redondela e, en marzo de
2019, fórmase o Club Pádel Centro Recreativo de
Redondela.
PARACAIDISMO
Carlos Aula Foto: Jordi Belver |
Carlos
Aula Cabaleiro,
nado en Redondela en 1951 e destacado informático de profesión, foi
fundador e presidente da sección de paracaidismo do Aeroclub
Barcelona-Sabadell, e campión de
Cataluña de paracaidismo en saltos de precisión e figuras en caída
libre.
PATINAXE ARTÍSTICO
O éxito do equipo de hóckey
a patíns levou á SAR
a crear unha escola de patinaxe para nenas e nenos en decembro de
1969.
A pesares destes
esperanzadores inicios teríamos que agardar ata ao cambio de século
para o relanzamento deste deporte na vila coa creación do C.
P. Bolboreta. Entre
os seus primeiros éxitos citar o segundo posto acadado no XV
Trofeo Latina de Grupos Show,
celebrado en Madrid no 2012.
Tamén citar o traballo de canteira realizado coa organización
de equipos en diferentes centros escolares.
Bolboreta 2012 Foto Facebook Ocio Redondela |
No 2019 Nerea Estévez Fernández
(Chapela) acadou a Copa de
Prata do Campionato de Europa en Grupos Show celebrada en Reggio
(Italia). Ese mesmo ano como adestradora e xestora crea na súa
parroquia un novo club o CPA Arealonga con mais de 50
licenzas.
PIRAGÜISMO
É moi difícil atopar datos desta disciplina porque nunca se
practicou no río Alvedosa pero si no río Verdugo, polo que non é
descartable que algún redondelán o practicara. Como xa citei no
apartado adicado ao atletismo, Víctor Lores, natural de Vigo
e establecido en Redondela, competiu en piragüismo en 1935 na
categoría por parellas.
RALLY
Adolfo Queimaliños Rías Baixas 2010. Facebook |
A primeira referencia atopada foi a celebración
dun Rally en Redondela en 1971. En 1974
atopo a José Sobral participando no IV
Rally de Vigo para minusválidos
conducindo un Seat 850. Nesta década a
nosa vila xa aparece no itinerario do Rally
Rías Baixas. En canto aos pilotos é
máis difícil atopar datos. En 1981 Alonso,
de Redondela, quedou 3º na proba de auto-cross I
Trofeo Lombreda, na
categoría de menos de 1.000 cc.
Tamén nos anos 80
formouse o
primeiro club
da vila, Pantalla
Sport. No 94 o cadete Víctor
Figueroa acadou varios triunfos na
categoría kart de 80 cc. e
Miguel Taboada Vázquez
facía o propio en 125cc. Naquel ano a escudería contaba con R.
Míguez e J.
I. Amoedo que competían cun Talbot
1.200; e con A. Martínez
e V. Ruíz
que o facían cun Seat Marbella.
En Chapela, nos 80,
o humor e o motor ían da man, coa celebración do Parida-Car,
organizado polo Altamira Club.
Foron moitos os que de xeito
afeccionado practicaron este deporte, nos derradeiros anos podemos
citar aos seguintes:
Carlos Martínez “Kali”.
No 2009 este piloto e os seus amigos posaron espidos para un
calendario co que acadar fondos para o seu coche.
Adolfo
Queimaliños. No 2015 volta as
carreiras, retomando un proxecto que abandoou despois do Rally
Rías Baixas do
2010.
Diana Alonso. No 2016
participaou na Copa
Suzuki Swift, como copiloto de Javier Andrade, aínda que tamén
ten competido ao volante.
Diana Alonso. Facebook |
Manuel Lorenzo. No
2019 participou no Rally Rías Baixas.
Outra escudería da
vila é TRC (Trasmañó Racing
Competición).
No 2013 organizaron a I Ginkana de
Trasmañó, na que participaron pilotos
de diferentes categorías: tracción dianteira e traseira,
todoterrenos 4×4, quads, motos e kart cross. No 2015 xa ía pola
quinta edición.
RUGBY
En decembro de 1960
anúnciase o inicio da Liga Galega de Rugby con tan só 3
participantes: Celta de Vigo; Universitario de Santiago e Choco
de Redondela. Tal equipo non existía e tan só se trataba dunha
estratexia para forzar a súa creación. Días despois reuníase o
preparador físico nacional coa directiva do C. D. Choco, pero o
proxecto foi rechazado polo alto custe que lle suporía ao club.
SKATE
Nos
anos 90 ante a demanda dos afeccionados, o Concello construíu
unha pista de skate de madeira. Primeiro foi situada
no campo da feira a carón do viaduto e posteriormente trasladada ao
aparcamento da Avenida Mendiño, onde foi deteriorándose ata que foi
retirada polo seu mal estado. Nunha segunda vida desta modalidade, os
mozos tomaron o espazo de diante da Casa da Torre para practicar este
deporte o que levou á presentación, en marzo de 2017, do proxecto
da construción de novas instalacións nas inmediacións do novo
pavillón.
TAEKWONDO
Este deporte despuntou na nosa vila
cando o cinto negro Francisco Tilve abriu en Vilavella o ximnasio
Do-yang. Entre os seus alumnos destacaron, nos anos 90,
Manuel Varela e Juan Nogueira, este último participou en 12
campionatos galegos, acadando 7 podios. Máis recentemente, Eric
Benito Martínez, veciño de Redondela, 10º no Cto. Do Mundo 2005.
Sub-campión de España 2007. 2º Copa Daedo (México). Tamén
contamos con varios colexiados nacionais e ata internacionais, sendo
Conchi Martínez Carballo, nos anos 90, a primeira colexiada federada
de Redondela.
Nos derradeiros anos na Asociación
Deportiva Do-yang, destacan as fillas de Fran:
Nazareth (Vigo, 1982) e Ruth Tilve
Costas (Vigo, 1997), habituais nos podios galegos e españois,
Nazareth proclamouse campiona de Europa no 2018. O futuro vén da man
de Elena González Rodríguez e Yago Bernárdez Conde.
Nazareth Tilve. C. Europa2018 Facebook |
TIRO
A
finais dos 80, Manuel
Barciela Barciela
e o seu fillo Manuel
Barciela Castro comezaron
a competir no club Sotivo.
Nos
anos seguintes ámbolos
dous serían
habituais dos campionatos provinciais e galegos nas modalidades de
tiro olímpico e tiro con armas antigas. Como curiosidade dicir que
en 1996 pai e fillo ocuparon o primeiro e segundo posto no autonómico
na modalidade Kuchenreuter.
TIRO AO PRATO
Nos anos 40, o C.
D. Redondela tiña equipo nesta
disciplina.
Nas Festas da Coca
de 1962, organizado pola Sociedade de
Caza La Redondelana, celebrouse na
Marisma o Gran Premio Redondela.
A proba consistiu nunha tirada de 12 pratos a 12 metros, participando
deportistas de diferentes vilas da nosa provincia. Tamén se disputou
outra competición reservada a tiradores locais e unha terceira de
consolación. Nese mesmo ano organizou outra tirada nas Festas das
Angustias. En setembro de 1964 esta sociedade organizou outra tirada
sendo primeiro Constante Rodríguez, de Saxamonde, e segundo Olegario
Rubín Amoedo, de Cesantes.
A
S. A. R.
formou unha sección de tiro en 1969. Un dos primeiros inscritos foi
“Chicho” Pérez Pereira que ese mesmo ano vencera nas tiradas
celebradas nas festas da Peregrina en Pontevedra. Este equipo
coincidindo coas Festas da Coca de 1970, organizou en Cesantes o I
Trofeo Tiro al Plato con participantes
de toda Galicia. Os primeiros tiradores locais clasificados serían
Amador Pérez Sousa, Carballido e Senra. En colaboración coa
Delegación de Juventudes, tamén
organizarían
o Trofeo Juvenil de Tiro con Carabina de
Aire Comprimido. Nesta proba vencería
Fermoselle seguido por José Cebral, empatando no terceiro posto José
Antonio e Jorge. Este club seguiría organizando tiradas na festa da
Coca ata finais dos 70.
Tamén
en 1970 nun campionato celebrado en
Portonovo participaron os redondeláns: José Carlos Figueiral,
gañador da terceira categoría, e Manuel Movilla.
Nos anos 80 o Club
Xan Carallás mantivo operativas á carón do campo de fútbol de
Reboreda unhas instalacións de tiro ao prato. Alí se celebraría en
1982 o I Trofeo Festas da Coca.
Aspecto das abandonadas instalacións de tiro ao prato en Reboreda, 2018. Foto: J. Migueles |
TIRO CON ARCO
Nesta
disciplina contamos co club Meigarco de
Chapela. Entre os seus primeiros logros destacar o 2º e 3º posto no
Campionato de España 2007 masculino con arco tradicional long bow e
o 4º posto no Campionato de España 2006 feminino con arco recurvado
tradicional. Sería o inicio dun longo palmarés que segue a
incrementarse ano tras ano con campionatos galegos e nacionais.
Forman o equipo: Óscar Casal, Eugenio Casal, Ángela Antón, Alicia
Alvarado, Iñaki Fariña, Brian Álvarez, Verónica González, Mel
Sanjorge...
V Campeonato de España en Sala Les Franqueses 2012. Facebook |
O outro club da vila é Cazarco,
que compite na modalidade de caza con arco sen morte e que xa ten
celebrado
os seus primeiros éxitos.
No 2018 Dolores Bugarín
proclamouse 2ª no Campionato de España de Recorridos de caza con
arco.
VELA
Na Ría de Vigo
téñense celebrado numerosas competicións de vela e, as veces, os
percorridos das mesmas chegan ata Chapela ou ata a mesma illa de San
Simón. Un exemplo disto foi en 1979 a celebración da primeira
edición da Regata Internacional San
Simón-Vigo na
categoría outrigger
a-8
e organizada polo Clube
Náutico de Vigo. En 1981 a néboa
provocou que a liña de saída desta proba se situara
en Chapela.
En 1990 Gustavo Cuntín,
Serafín Fernández e Ignacio Villanueva constrúen en
Reboreda o primeiro cuarto tonelada integramente
galego. O propósito era presentalo ao campionato de España
clasificable
para o mundial daquel ano que partiría dende Baiona.
Felipe
Regojo, fillo do industrial José
Regojo, capitaneou barcos en probas como a Rías Baixas-Martín Codax
do 2007. Estes barcos eran patrocinados por unha das empresas da
familia Regojo, Quebramar.
O
futuro nesta modalidade está asegurado con Eduardo
Reguera Fernández
quen, apesares da súa xuventude, está a acadar os seus primeiros
éxitos nesta disciplina, tanto
nacionais como internacionais,
en equipos como o Aceites
Abril.
VOLEIBOL
As primeira referencia deste deporte
na nosa vila sería a formación de equipos escolares a principios
dos anos 70.
Nos anos
80 un grupo de mozos dirixidos por Roberto,
mestre de educación física da
escola de E. X. B. de Redondela, formaron un equipo de voleibol.
Tanto en cadetes como en xuvenís chegaron a disputar o Sector,
pero a desidia da corporación
municipal levou á desaparición do club por falta de medios cando os
seus compoñentes pasaron á categoría sénior.
O segundo intento
por formar un club neste deporte realizaríase en 1990, co I.F.P.
Redondela disputando unha Segunda
División feminina pouco competitiva por
estar formada por tan só catro equipos.
XADREZ
Nos anos 40 o C.
D. Redondela tiña equipo nesta
disciplina.
Na competición de
Educación y Descanso, de
agosto de 1958 participa un equipo de Redondela, xunto aos de
Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
En 1967, no Centro
Recreativo e Cultural de Redondela, celebrouse o I
Campionato Social de Xadrez, con quince
participantes, resultando os catro primeiros: Secundino Orge
Martínez, Argimiro Fuentes Cabaleiro, Francisco Soto Muíños e
Jorge Docampo Núñez. Sería a plataforma para formar o equipo C.
R. C. de Redondela,
que en 1969, formado por
Secundino Orge, Argimiro Fuentes, Docampo e Figueiral; gañou o
campionato de Terceira Categoría da Zona Sur, título que revalidou
ao ano seguinte competindo co Círculo Mercantil de Vigo e o Cultural
de Riomao. Tamén en 1969 Secundino Orge foi un dos 4 xogadores que
lograron derrotar a Prada, mestre nacional de xadrez nunha exhibición
en Vigo na que se enfrentou a 30 participantes. Este mesmo xogador
loitaba en decembro no torneo provincial por ascender á primeira
categoría, mentres
o campionato social de terceira categoría estaba encabezado por Sito
Orge, Docampo, Bas e Virulegio.
En 1970 iniciouse a tempada celebrando
un torneo co fin de formar o equipo que participaría no campionato
oficial. As partidas simultáneas estiveron a cargo de Secundino Orge
e Argimiro Fuentes que xogaron contra catro xadrecistas cada un.
Entregáronse trofeos aos primeiros clasificados do torneo que foron
Jose Antonio Bas Puga, Narciso Orge Martínez e Sebastián Muíños
Lamas. Este club segue competindo na actualidade.
En
1968, a S. A. R.
forma un equipo de xadrez. Ademais de
celebrar
competicións dentro da Semana da
SAR.,
en setembro de 1972 organiza a I
Miniolimpiada
de Xadrez.
Na
que a
clasificación final sería
en Infantís: José
Luis
Tornero, Manuel Pereira, Francisco Lago, Fernando Docampo, Ramón
Álvarez, Argimiro Fuentes, Emilio Otero e Constantino Rodríguez. E
en Alevíns: Jaime Tornero, Jacinto Cal, Francisco Buján, Miguel
Borines, Isidro Viruleg, Antonio López, Francisco Otero e
Constantino
Porto.
1972, El Pueblo Gallego-I Miniolimpiada de Ajedrez-SAR |
Tamén
se teñen celebrado campionatos de xadrez no Circulo
Cultural e Recreativo de Chapela.
En xuño de 1968 unha proba sería vencida por Rogelio Fortes, tendo
como finalista a Agustín Reguera.
Outras datas a
destacar serían a celebración no 2006 do I Torneo Aberto de
Xadrez Concello de Redondela e,
no 2014, o campión mundial Gari Kasparov colabora coa Xunta
de Galicia e o Concello de Redondela nun proxecto para introducir o
xadrez no primeiro ensino.
Novos deportes
A
todas estas disciplinas habería que engadir os deportes de
mantemento practicados tanto en ximnasios como en centros culturais:
Aeróbic,
Ioga, Tai-chi, Fitness, Pilates… A apertura de novos ximnasios
(Luce Sport, Crossfit Norte e Miguel Rodriguez) e a maior oferta dos
existentes (Serviocio e Omnihum) provoca que continuamente aumente o
número de deportes practicados na nosa vila: Kick-boxing, Gap, Move
Fitness, Ciclo Indoor, Spinning, Full Contact, Crossfit, Aerozumba,
Aerobox, BodyPump, Gimnasia Abdominal Hipopresiva… Destacar
aquí ao equipo Crossfit Norte que
no 2018 acadou a clasificación para os Crossfit Games. Ademáis no
2019 se clasificaron por primeira vez para o campionato galego de
halterofilia dous membros deste clube.
Dende a Concellería de
Deportes e a Deputación tamén se fomenta a práctica de novos
deportes, coa construción de novas instalacións (pistas de pádel)
e a celebración de probas ou exhibicións doutros deportes, as máis
das veces, porque son practicados por algún redondelán ou pola
fundación de clubs en concellos próximos: Judo, Kundo, Esgrima
antiga, Mushing...
Por
último citar o papel das escolas no fomento do deporte tanto nas
horas lectivas como nas actividades extraescolares. Promóvense,
nalgúns casos, deportes que aínda non citamos, como sería o caso
do bádminton,
especialidade na que o CEIP de Porto Cabeiro participou no campionato
provincial escolar do 2018.
Deporte veterano
Na
actualidade ao fenómeno de máis variedade de deportes súmase á de
maior lonxevidade deportiva. Se a finais do século XX aínda era
minoritario o número de persoas que continuaban a practicar deporte
máis alá dos 30, agora hai unha maior preocupación por manterse en
forma. Os deportistas prolongan a súa carreira e moita xente comeza
a practicar deporte a idade avanzada. Xoga aquí un papel fundamental
a ximnasia de mantemento e, a nivel máis exixente, a popularización
do running e a bicicleta de montaña. Algo similar sucede cos
deportes colectivos, deixando de ser a categoría veterano unha
exclusividade do fútbol, formándose equipos de balonmán ou traíñas
e aparecendo os primeiros femininos, como sería o caso das Sarillas,
formado no 2018 por ex-xogadoras da SAR.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº0-A
Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Antonio Ocampo
Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do
Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.
- Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
- Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
El Mundo Deportivo
(dende 1906)
La Vanguardia
(dende 1881)
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
En Galiciana-Biblioteca
Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La
Noche, El Correo de Galicia
Aportes
datos: Sebastián Fernández, Joaquín González, Pablo Muíños, Daniel Pérez, Víctor Lores, Manuel Outerelo, Carlos Couñago e Alfonso Míguez.
Páxinas dos clubes e
Facebook
No hay comentarios:
Publicar un comentario