Miliario de Antas Foto: J. Migueles |
Como xa tratamos no apartado adicado aos miliarios no límite de Vilar de Infesta con Guizán (Mos) atópase o único miliario que se conserva in situ en toda a provincia de Pontevedra. Está cheo de cruces e cazoletas gravadas na idade Media e/ou Moderna, o que nos impide saber o que porían as inscricións romanas. Ligado ás crenzas sobre fertilidade, as mulleres cando non conseguían quedar embarazadas acudían a fregarse contra a pedra.
É coñecido como miliario de Antas, pero tamén como miliario de Anta de Maniola, nome erroneamente dado xa que anta significa mámoa. A verdadeira Anta de Maniola é unha gran mámoa que se atopa moi preto, entre os campos de fútbol de Guizán e Vilar. O seu estado de conservación é bastante malo porque o muro de peche do campo de Guizán cortou parte da base e ademais a mámoa é atravesada por un sendeiro empregado por motos, bicicletas e xente a pé ou a cabalo (2020).
Anta de Maniola. Fotos. J. Migueles |
Se seguimos por Chan das Pipas, adentrándonos na parroquia de Saxamonde, atoparemos tres mámoas máis nas proximidades do centro cultural. Unha cuarta mámoa sería destruída durante a construción de dito centro. Ademais no entorno da área recreativa atopáronse restos que indicarían que alí houbo un asentamento.
Mámoa preto do CentroCultural. Foto: J. Migueles |
Un pouco máis lonxe atópase o lugar do Casal, onde o achado de tégulas (tellas) indícanos a existencia dun asentamento romano. Ao estar entre o miliario de Anta de Maniola e outro descuberto no lugar de Padrón (Saxamonde) e que se conserva no Museo de Pontevedra, este asentamento atoparíase na vía romana Per-loca-marítima. ¿Será a Búrbida da que os investigadores non dan chegado a un consenso da súa localización?
O Casal. Asentamento Romano. Foto: J. Migueles |
Seguindo o percorrido do camiño de Santiago chegaremos ao Chan da Grila, onde atoparemos unha nova mámoa na beira dereita.
Mámoa de Chan da Grila. Foto: J. Migueles |
Texto: J. Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Visitas guiadas de A Citania S. L.-Arqueólogo Xurxo Constela.
Anta de Maniola. Publicado por Albo en Celtiberia.net
No hay comentarios:
Publicar un comentario