lunes, 23 de noviembre de 2020

Sucesos. 1900-1929

            1900, 10 de xaneiro. O Gobernador civil puxo a disposición do Comandante de Mariña de Vigo ao prófugo da mariña, Juan Cabaleiro Otero, de Chapela, que foi detido en Ortiella (Bilbao).

            1900, 24 de marzo. A un veciño de Reboreda fóronlle roubadas unhas 5.000 pesetas en papel e prata, que gardaba na súa casa.

1900, 14 de xuño. A Garda Civil de Porriño detivo a: Cesáreo Rodríguez Vilariño de 15 anos, sen oficio coñecido, de Santa Eulalia (Ourense); Manuel Penela Serrano, de 16 anos, de Lugo; e Adolfo Carballo López, de 17 anos, zapateiro, de Ourense; que se adicaban ao timo de trocar moedas de ouro. Na feira de Redondela a Pedro Villar, veciño de Villar de Infesta, o enganaron con dez moedas falsas por valor de 85 pesetas.

1900, 15 de xuño. Onte á noite sen que se coñezan as causas, arderon dúas casas en Eidos. A pesares do auxilio prestado pola multitude que había con motivo da festa do Corpus, non se puido impedir que o incendio adquirira grandes proporcións. Para axudar ás familias afectadas unha comisión composta polo párroco Sr. Couñago, o alcalde accidental, o médico e farmacéutico Srs. Otero e o mestre de obras Sr. García, recadou o primeiro día 540 pesetas. Tamén un grupo de albaneis prestouse a traballar gratuitamente na reconstrución.

1900, 20 de outubro. O luns ás once da mañá declarouse un incendio nun forno da rúa Espírito Santo propiedade do confeiteiro Eduardo Sánchez Cerqueiro. Os danos calcúlanse en 1.000 pesetas.

1900. 13 de decembro. A Garda Civil de Redondela detivo a Manuel Casal Pérez, de 46 anos, natural de Chapela e veciño de Trasmañó, reclamado polo xuíz do partido, polo delito de lesións a varios veciños de Cabeiro.

1901, 9 de xaneiro. Roubaron no comercio “El Siglo XX” propiedade de Serafín Reboredo e fillo, 4 reloxos de aceiro, seis ducias de panos de fío e 226 panos de seda.

1901, 14 de marzo. Nunha romaría preto de Redondela houbo un enfrontamento entre cocheiros de Vigo e uns mozos de Chapela, porque estes pretendían viaxar nas dilixencias que xa alugaran outras persoas. Resultaron con feridas graves dous mozos, quedando detidos e incomunicados os presuntos agresores.


1901, 26 de marzo. Na feira de Redondela foron detidos dous individuos que pretendían vender unha parella de bois que fora roubado en Forcadela. O primeiro, Luciano Navarro Moreno tiña 28 anos e era natural de Valladolid e veciño de Vigo; o segundo, Serafín Rodríguez González "El Manco", que xa fora detido por roubo, de 18 e veciño do Rosal.


1901, 04 de xuño. Na parroquia do Viso foron violadas varias sepulturas e desenterrados varios cadáveres, que xa foron novamente enterrados. O xulgado investiga o asunto.


1901, 11 de xuño. A garda civil de Redondela detivo a un individuo que se adicaba a expender moeda falsa. Ao tentar conducilo ao cárcere o suxeito opuxo resistencia. O garda para imporse desenfundou o seu revólver, que se disparou ao forcexar os dous homes, ferindo ao detido na rexión glútea.


1901, 9 de xullo. En Chapela roubáronlle no seu domicilio a Manuel Covelo Alonso, 300 pesetas en metálico e algunhas libras de carne de porco. O ladrón resultou ser fillo político da vítima, Perfecto Curro Albizna, de 24 anos e oficio mariñeiro, quen foi entregado ao xulgado do partido.


1901, 24 de agosto. Durante a celebración da misa da festa de San Bernardo, en Cedeira, uns ladróns entraron na casa do sacristán, levando roupa e diñeiro. Na mesma festa foron detidos os veciños de Cedeira: José Cabaleiro e Manuel Rodríguez Puga, xornaleiros; e Vicente e Antonio Cabaleiro López, carpinteiros, por desacato á Garda Civil.


1901, agosto. Foi detido en Cabeiro, José Cabaleiro Álvarez, de 24 anos, casado e cesteiro de oficio, que atopándose na verbena celebrada o día 15 en Reboreda, maltratou ao neno de 13 anos, Apolinar Ricón Pérez, chegando a botalo ao chan e pisalo.


1901, outubro. A Garda Civil de Vigo detivo en Teis a un individuo natural de Salamanca que lle roubou un chaleco e 70 pesetas a un veciño de Redondela.


1902, 7 de abril. Arroxouse ao mar nas proximidades do peirao de Portela un ancián, duns 60 anos, que salvado polo preferente de carabineiros e outros compañeiros, dixo ser acollido das Hermanitas dos Pobres de Vigo, negándose á dicir o seu nome. Interrogado polo móbil de tal determinación, manifestou que tentara afogarse por non estar conforme co proceder das monxas do Asilo.


1902, agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido Manuel Pazos, veciño de Soutoxuste (O Viso), de 38 anos e tratante de gando, como presunto autor da colocación de dous cartuchos de dinamita na parede da casa do seu veciño, Manuel Joaquín Rodríguez. Un dos cales estoupou derribando parte da parede, sen que por fortuna houbera danos persoais. Á noite seguinte Manuel Joaquín faleceu atropelado por un tren, indicando todos os indicios que fora el o causante da explosión. O móbil era matar a súa muller e os fillos para casar cunha rapaza de Madrid coa que mantiña relacións facéndose pasar por solteiro.


1902, 22 de decembro. Un vendedor ambulante case falece en Redondela ao recibir un tiro nunha perna.


1903, 28 de xaneiro. Foi detido en Redondela, o veciño da mesma, Perfecto Curro, o cal nunha liorta co seu sogro, ancián de 60 anos, chamado Manuel Covelo, despois de varias ameazas, disparou un revólver contra el, sen que, afortunadamente fixese branco.


1904, 13 de setembro. A Garda Civil de Redondela detivo ao veciño de Vilar de Infesta, Juan Fernández, labrador que agrediu ao seu veciño Luis Martínez, roubándolle do peto do chaleco 350 pesetas e causándolle lesións graves na cabeza.


1905, 21 de setembro. Foi recollida por tres mulleres nunha devesa preto de Redondela unha nena de pouca idade, que estaba completamente abandonada. Conducida á Casa do Concello, fíxose cargo unha veciña daquela vila, mentres non aparecían os seus pais. Sábese xa que a nai vive en Vigo. É unha rapaza nova, de 19 ou 20 anos, solteira, que está a servir nas Factorías militares.


1906, 6 de agosto. Na parroquia de Chapela foi detido pola Garda Civil do posto de Lavadores, o veciño de dito punto, Hipólito Martínez, de 40 anos, por feridas conferidas cun pao á súa veciña Carmen González Martínez, de 36 anos e de oficio xornaleira.


1906, setembro. Declarouse un incendio no monte comunal de Cedeira, quedando extinto ás 5 horas de traballo da Garda Civil e a veciñanza. Como autor foi detido o veciño de Trasmañó, Feliciano Boullosa Vázquez.


1908, xullo. Onte viuse na Audiencia causa de Redondela. Segundo o fiscal, ao regresar na noite do 18 de decembro de 1907 da parroquia de Cabeiro á de Vilar o veciño desta última, Ángel Cruz en compañía de varios amigos, ao pasar polo sitio de Millarada xunto á casa de Balbina Blanco, un sobriño desta hoxe procesado, Juventino Martínez, fixo un disparo de escopeta dirixido contra Ángel Cruz sin que houbera lesión. O procesado cando cometeu o feito tiña 16 anos. Procede imporlle a pena de 3 meses e 11 días de arresto maior e os custes. O fiscal retirou despois a acusación.


1912, 19 de xuño. En Vilavella durante a continuación das festas do Señor, cando xa estaba para terminarse a verbena, o mozo D. José Táboas Pardo deu o seu bastón a Ramón Mosquera, alcumado Ferrete, para que llo sostivese mentres ía bailar. Un amigo do primeiro don Honorario Fernández, foi pouco despois a reclamar dito bastón, contestándolle o Ramón en malas maneiras e dando labazadas. Organizouse unha disputa e ao pouco tempo o Ferrete sacou de navalla ferindo a D. José Torrado, Camilo Figueroa e Manuel Bastos, este de Pontevedra. As lesións felizmente non son de importancia, sendo o último o que se acha en peor estado. O Mosquera recibiu algúns paus e trompazos, que lle deron as persoas que alí estaban en vista da súa agresiva actitude.


1912, 7 de setembro. Foron denunciados ante o Xuíz Municipal de Redondela, Florentino Broullón Santivirino e Manuel Riveiro Lage, por usar armas sen licenza, a quen lles ocupou a Garda Civil dous revólveres de cinco tiros sistema Smith.


1917, 14 de abril. Na casa do cura párroco de Negros, D. Ángel Villar Álvarez, entraron a roubar, cando se atopaba ausente na parroquia de Teis. Os ladróns levaron unha cantidade importante de cartos. Na vivenda atopábase a serventa, Carmen Vázquez, quen non se decatou de nada.


1917, 24 de maio. En Negros, foi detido Domingo Acuña Pérez, veciño de Cedeira de 34 anos, por disparar cun revólver contra Domingo Portela Alonso, de 46 anos, causándolle lesións.


1918 Foi denunciado e sometido aos tribunais de xustiza o xornal “El Pueblo” por publica un artigo no que denunciaba que as eleccións de Vigo-Tui non se efectuaran baixo o título “Sigue el escándalo”.


1918-marzo. Na fábrica de serrar madeira que na marxe do río de Os Valos ten Manuel Pereira, declarouse un incendio. As perdas calcúlanse en 3.000 pesetas.


1918 setembro. Por entrar e tentar roubar no domicilio do veciño de Cesantes, Nicanor Soto Ochoa, foi preso o xornaleiro Julio Mesa López, de 16 anos, residente na parroquia de Teis.


1923, 14 de agosto. Dos moitos coches que pasaron por Redondela para asistir á corrida de touros en Pontevedra, un por non atropelar a un neno bateu contra unha casa e outro marchou contra as árbores que hai á beira da estrada. Por sorte non houbo desgrazas persoais.

1923, 2 de novembro. Ingresou no cárcere de Redondela o secretario municipal don Albino Loqueiro a consecuencia da visita de inspección.

            1924, 18 de marzo. Entraron a roubar na igrexa de Redondela, levando 150 pesetas que había no peto de San Antonio.

            1924, 31 de outubro. Por rivalidade do oficio rifaron os veciños de Negros, Antonio Amoedo Castro e Jesús Graña, resultando o primeiro con feridas na cabeza producidas cunha regra de canteiro.

            1924, 7 de decembro. Foi detida a veciña de Cesantes, Teresa López Louzal, de 36 anos, por pelexar coa súa veciña Eva María da Silva, de 24, resultando esta con varias lesións na cabeza.

            1924, 12 de decembro. Dunha finca de Juan Cabaleiro Álvares, veciño de Cabeiro, foron roubados 5 piñeiros, 1 carballo e 1 castaño valorados en 45 pesetas. Foi detido o labrador daquela parroquia, Manuel Álvarez Rodríguez.

            1924, 31 de decembro. Accidente nas Catro Pontes, no límite de Chapela e Teis. A un coche se lle apagaron os faros, polo que o chofer decidiu baixar do vehículo. Ao non frealo ben o coche deslizouse por un terraplén. No interior ía o avogado de Pontevedra, Antonio Casas Medrano, a quen se lle incrustou un cristal na cabeza, perdendo o coñecemento durante 35 minutos. Sería conducido no tranvía á Casa de Socorro de Vigo onde lle puxeron oito puntos de sutura. O seu estado non ofrece gravidade.    

            1925, febreiro. Na igrexa parroquial de Redondela foron roubados tres esmoleiros. Descoñécese quen foi o autor dos feitos.

           1925, 18 de maio. Celebrouse a reunión dos acredores do Banco de Vigo en Redondela. A entidade bancaria atópase en suspensión de pagos e necesita tres quintas partes do capital pasivo para evitar a quebra. Conferiuse poder á Comisión de Redondela por 137.000 pesetas.

           1925, 24 de xullo. A garda civil de Redondela detivo aos 3 irmáns de Quintela Salvador, José e Ana Suárez Vázquez, de 19, 17 e 14 anos, por roubar na casa da súa veciña María Camiña Tallo.

           1925, 3 de novembro. En Chapela foi atropelado o neno de 14 anos, Ángel Suárez Castro, que sufriu lesións de prognóstico reservado. O condutor do camión Ceferino Feijoo Gil foi detido.

           1925, decembro. En Chapela un coche atropelou a Emilio Domínguez Covelo, dándose á fuga. O ferido foi recollido por outro vehículo que o levou á Casa de Socorro de Vigo, onde se lle apreciou erosións na cara e outras partes do corpo e fractura da tibia e peroné dereitos.

           1926, 15 de xaneiro. Foron detidos os dous veciños de Cangas que entraron a roubar no estanco que en Redondela ten Manuela González Gómez.

           1926, marzo. Unha parella da benemérita detivo na estrada de Cangas a Vilaboa a Antonio Fernández Fernández, veciño de Chapela, que roubara un reloxo de parede valorado en 150 pesetas, na escola do Pósito Pescador de Moaña, a onde entrou por unha fiestra.

1926, 28 de maio. Un neno de Saxamonde duns 15 anos foi atropelado na rúa Francisco de Federico (actual Padre Crespo), sufrindo lesións nunha perna. Os ocupantes do coche recolleron ao ferido levándoo a Vigo, de onde regresaron para presentarse no xulgado.

           1926, 29 de maio. Un coche bateu na rúa Riveira ao carro de mulas propiedade de Francisco Lorenzo Santiago. Unha das mulas resultou ferida de gravidade e romperon as lanzas do carro. Os ocupantes do vehículo tiveron que seguir viaxe no coche de García Fernández, desta localidade.

           1926, 2 de outubro. Jesús Rodríguez Lage e Eduardo Lage Reguero foron procesados polo xulgado de Redondela, por entrar na noite do 13-4-1925 na bodega de Juan Reguera Veiga, de Saxamonde, de onde levaron carne de porco por valor de 96 pesetas.

1926, 10 de outubro. O venres noite ocorreu un incendio en Chapela, na casa da sogra de Antonio López Cabaleiro. As perdas foron de consideración, apesares de que os veciños acudiron a sufocar lume.


1926, decembro. Un dos coches no que se trasladaban os xogadores e afeccionados do Unión Sporting de Lavadores, bateu de fronte cunha camioneta en Chapela. Dous dos ocupantes resultaron feridos, un na cara e outro con dobre fractura da perna esquerda.

1927, abril .A Benemérita de Pontevedra, Vigo e Redondela descubriron en pouco tempo aos autores do roubo de máis de 500 quilos de cobre da liña do Tambre, que está a tender na parroquia de Cedeira a Sociedad General Gallega de Electricidad. Nunha casa de compra-venta de metais de Vigo foi recuperada unha partida do cable subtraído. Na capital da provincia foi detido José Fernández Carballo e, en Redondela, Manuel González Dacosta, que ingresou no cárcere a disposición do xuíz do partido. Confesáronse autores do roubo e tiñan contratado o pintado dos postes condutores da liña.

1927, 4 de xuño. Na entrada do pobo un automóbil ocupado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, acompañado da súa dona e fillas, chocou contra un carro matando á parella de bois. Do accidente resultaron ilesos o carreteiro e os ocupantes do vehículo.

1927, 10 de decembro. Emilio Cruz Martínez, cunha escopeta para a que non tiña licenza, deu morte dun tiro ao can propiedade de Rufino Rodríguez, nunha finca de Vilar. Por tenencia ilícita 2 meses e un día de arresto e 100 pesetas de multa, e pola morte do can 2 días de arresto e 5 pesetas que deben indemnizarse ao seu dono.

1928, 15 de febreiro. No lugar de As Catro Pontes (Chapela), un camión do Circuito Nacional de Firmes Especiales pretendeu dar a volta cara a Vigo. O camión chocou contra o muro da estrada derrubando varias pedras. Unha delas golpeou ao neno José Costoya González, que se atopaba alí xogando, producíndolle a fractura da perna esquerda. O prognóstico é reservado.

1928, 18 de maio. Un grupo de rapaces de Vigo saía do baile que se celebra en Chapela, cruzouse un grupo de mozos daquela parroquia. Se uns eran "da aldea" e os outros uns "cascarillas", comezou unha discusión que rematou cunha ferida de navalla na rexión pectoral esquerda de prognóstico reservado a Florentino Chapela, de Chapela.


1928, 18 de setembro. Pola garda civil de Redondela foi denunciada a veciña de Cesantes, Benita López Loural, de 40 anos, por ser sorprendida roubando 60 plantas de millo que xa cortara nunha finca de Antonio Barciela, de Cedeira.


1928, 4 de novembro. En Cesantes un veciño de Vigo, bateu co seu automóbil contra un poste de ferro da liña eléctrica. O accidente aconteceu ao virar para evitar atropelar á veciña de Saxamonde Soledad Crespo Palmero que levaba unha vaca que si foi golpeada, sufrindo lixeiras lesións.


1929, 2 de marzo. Cando o párroco de San Martín de Ventosela se atopaba dicindo Misa, foi asaltada a casa reitoral levándose os ladróns 1.775 pesetas. Horas despois a garda civil detiña en Arcade ós ladróns que resultaron ser Pedro Ramírez e Francisco Yañez, ocupándoselles o diñeiro roubado, unha ganzúa e outros efectos.


1929, 2 de maio. Os ladróns penetraron na xastrería de Joaquín López Frajeiro, veciño de Redondela, apoderándose de 1.330 pesetas.


1929, 8 de abril. O noso veciño Juan Manuel Otero, de profesión tipógrafo, atopábase cuns amigos na ponte que da saída á R. Alfonso XII cando foi atropelado. Sufriu a fractura dunha perna permanecendo ingresado 5 meses no hospital de Pontevedra. Dende aquela camiña con dificultade arrastrando a perna.


1929, 22 de abril. Un camión que viña á feira desta vila entrou na Praza Figueroa batendo contra unha columna que sostén a luz, botándoa abaixo. Unha muller que alí se atopaba quedou suxeita por unha man a un dos cables, que aínda que de baixa tensión produronlle o conseguinte susto. Foi atendida na farmacia de don Pedro Otero Milleiro, podendo pouco despois continuar as súas faenas.


1929, 15 de agosto. Un incendio no monte Buxel, en Reboreda, recentemente poboado pola Deputación provincial, queimou 950 pinos e 25 eucaliptos.


1929, 21 de agosto. Roubaron 8 galiñas e 2 galos nunha finca en San Juan de Arcal, propiedade de Ramona Fernández Míguez.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/



No hay comentarios:

Publicar un comentario