domingo, 10 de enero de 2021

A Coca na Senda Mitolóxica

 

A Coca na Senda Mitolóxica. Foto cedida por Mati Alonso

En decembro de 2020 o concello de Santiago de Compostela abre ao público á Senda Mitolóxica no Monte Viso. No percorrido o visitante pode ver a reprodución a tamaño real de dez seres míticos galegos. As figuras foron deseñadas e reproducidas polo creador artístico José Manuel Méndez. Preténdese así, dotar de interese turístico un monte cunhas vistas privilexiadas que carece de árbores e que o século pasado estivo a piques de ser unha explotación mineira de anfibolita. 

A Moura na Senda Mitolóxica. Concello de Santiago

 As dez personaxes mitolóxicas que podemos atopar son: os Mouros, que viven baixo terra e agochan fabulosos tesouros; as Mouras, mulleres fermosas que soen aparecer en fonte e ríos; o Nubeiro, xigante que vive nas nubes dirixindo tormentas e lóstregos e creando os tronos cos seus zocos; o Tardo, duende pequeno de cor verde e grandes ollos que provoca os pesadelos ás persoas durmidas; a Llanta, monstro metade muller e metade serpente que vive en covas preto de regatos e fontes; o Gatipedro, gato máxico cun corno na fronte que provoca que os meniños mexen na cama; Breogán, mítico rei galego que en Brigantia levantou unha gran torre dende a que se podía ver Irlanda; a Maga, coñecedora da maxia e artes ocultas; e os Biosbardos, que saen de noite en montes e lugares afastados.

A Coca na Senda Mitolóxica. Foto cedida por Mati Alonso
 

O décimo ser mitolóxico representado é a nosa Coca de Redondela. O proxecto ten os seus defensores e os seus detractores (impacto ecolóxico, seres elexidos e a súa descrición...), pero o importante para o noso Concello é a súa proxección na capital galega, dando a coñecer a nosa principal lenda e promovendo as festas da Coca, un dos atractivos turísticos cos que conta Redondela.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

El Correo Gallego

La Voz de Galicia

El Español

No hay comentarios:

Publicar un comentario