sábado, 30 de abril de 2022

A Festa dos Maios


Cara a 1958. Foto cedida por Geles
Cara a 1958. Foto cedida por Geles

Esta festa celébrase o 1º de Maio en Redondela, pero tamén se conserva noutras vilas, principalmente no sur de Galicia 8Vilagarcía, O Grove, Allariz, Poio...), tendo moita fama os de Pontevedra e Ourense, coa diferencia de que nesta última cidade celébrase o día 3 de maio. En Marín celébrase a Festa dos Maios e as Embarcacións, na que se realizan ademáis replicas de barcos.

A orixe desta tradición non está clara, algúns autores considérana celta e outros creen que provén da prehistoria. O significado é o de dar a benvida á primavera. O armazón dos maios realízase en madeira e cúbrese con fiuncho e flores. Hai dos tipos de maios:

O maio tradicional: é o “cono”, que como o seu nome indica ten forma cónica. En outros concellos este maio ten forma de prisma. Tamén se considera tradicional o cruceiro.

E o maio artístico: defínese pola liberdade artística, pode ser: un canastro, a representación de oficios antigos, os viadutos, a coca...

Existe un terceiro tipo que sería o maio vivinte: en lugar do armazón de madeira engalánase a unha persoa. Este maio ten moita tradición noutras vilas, en Redondela tan só se realizou de forma puntual.

Cada maio ten as súas propias coplas que critican con humor os feitos máis relevantes ocorridos durante o ano anterior. Estas coplas cántanse dando voltas ao maio acompañando as cancións batendo dous paus ou golpeando con legóns no chan.

En Redondela, esta festa estaba practicamente desaparecida porque durante a Guerra Civil e os primeiros anos da dictadura os maios estaban prohibidos. Pouco a pouco a xente foise atrevendo a retomar a tradición. O primeiro maio que saiu á rúa foi o capitaneado por Gerónimo Rafael González, que tiña unha copla que foi moi soada:


El mayo nació muerto

estando en plena flor.

Salimos con permiso

del enterrador.

1959 Maio Arquivo J.A .Xesteira
1959 actuación. Arquivo J.A .Xesteira

 


Para darlle máis realce en 1957 organízase o primeiro concurso de maios por iniciativa do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, ao que se sumaría a SAR. Tan só se deixou de celebrar entre os anos 1962 e 1965 por falta de aportes económicos, o que non impediu que algún maio saíra á rúa. En 1966 o Centro de Iniciativas e Turismo volta a retomar a organización do concurso, celebrándose ininterrompidamente dende esta data. En 1967 formou parte do xurado o escritor ourensán Ben-Cho-Shey que realizou unhas gravacións conservadas no Arquivo Sonoro de Galicia. Nun artigo poñía como exemplo a Redondela porque as actuacións eran nun palco e non no chan, como se facía en Ourense, o que impedía a visión de boa parte do público.

Ao principio cantábase e agardábase que a xente dera algunha moeda, logo comézase a imprimir as coplas que se vendía pola "vontade".

Actualmente a participación nos derradeiros supera a veintena de maios, lonxe dos máis de cincuenta que se facían a finais dos anos 80 do pasado século. Os peores datos serían a principios deste século cando non chegaban a unha ducia.



Aí ven o maio

pola carretera

a tomar un vaso

na da Montera.


Aí ven o maio

pola Carambola

escapa rapaciño

que che comen a p...


1958-59. Foto cedida por Lucía Álvarez Figueroa


Outras exemplo de coplas antigas lembradas serían as seguintes:


Hoy por ser Primero de Mayo,
le venimos a cantar,
una copla muy bonita,
que les van a gustar.


Y si no le gustan

tengan paciencia

que somos pequeñitos

y tenemos poca ciencia.


Las chicas de Redondela,

no tienen mas que hablar,
que ponerse en la ventana
y ver el Mayo pasar.

Aí ven o Maio
pola Carambola,
e quen o ven traendo
son os rapaces da escola


Este noso maio

é moi bonito

que leva a coroa

de San Benito.


Para facer este maio

tivemos que ir a roubar

o fiuncho á do Cairo

e o armazón ó Carrascal.


 

1959 Maio Mala lengua.  Foto: Jaime Serín
1959 Maio Mala lengua.  Foto: Jaime Serín

 


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

El Pueblo Gallego

SEREN Nº4. Unha aproximación á festa dos Maios no Concello de Redondela. Jose Luis Míguez Acuña e Dolores Míguez Montes.

A festa dos maios en Galicia. Clodio González Pérez. Deputación Provincial de Pontevedra.

60 anos de crónicas redondelás. Unha ollada dende as coplas dos maios. Olimpio Giráldez Lera, 2015.

 

Aportes orais: Ramón P. Muíños, Matilde Fernández e Manuel Migueles.

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario