domingo, 5 de marzo de 2023

A primeira sentenza en galego.

 



O 27 de marzo de 1985 a Audiencia Territorial de A Coruña ditou a primeira sentenza xudicial en galego. Pasaran máis de catro anos dende a entrada en vigor do Estatuto de Autonomía e dous dende a Lei de Normalización, pero nos xulgados seguía sen empregarse o galego. O texto foi redactado por Pastor Villán, despois de ser elaborado polos maxistrados Ricardo Leirós, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo. O feito foi impulsado por Xosé González, que conta nun artigo publicado en Galicia Condicional e La Región: "propúxenlle ao admirado amigo Claudio Movilla que elixise calquera dos litixios nos que o Concello de Redondela fose parte para ditar resolución en galego; iso si,díxenlle, que sexa un caso favorable ao demandante". Tratábase de exercer o dereito recoñecido polo artigo 7 da Lei de Normalización Lingüística, que especifica que "no ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza" e que "a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”.

Tratábase dun caso menor, un recurso interposto por Josefina Carreira Rivero contra o Concello de Redondela por dúas resolucións municipais aprobadas en 1980 e 1981 nas que se declaraba que a súa vivenda, sita na rúa General Mola (actual José Regojo) non estaba en ruínas.

A muller apoiada en informes de arquitectos, defendía que os custes das reparacións superaban ao valor total do edificio. Finalmente, a sentenza deulle a razón, sinalando que os custes da reparación superaban o 50% do valor do inmoble, polo que se debía declarar a ruína da vivenda.

Trinta anos despois celebrouse un acto conmemorando o 30 aniversario coa colocación dunha placa no Concello lembrando esta sentenza. O emprego do galego non mellorou demasiado neste período e tan só 30 xuíces e xuízas empregan normalmente o idioma galego nos xuízos ou nas sentenzas e a porcentaxe de fallos ditados en galego non chega ao dez por cento.

Autor: J Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Praza pública
20150317 La Voz de Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario