sábado, 3 de junio de 2023

María Pilar Rodríguez "Pili Carrera" (Redondela). Empresaria.

 

Pilar Rodríguez e Salomé Carreira. Foto: El Mundo.

Creadora da marca de roupa infantil “Pili Carrera”.

A principios dos anos 60 María del Pilar cosía roupa para a filla que esperaba e o facía tan ben que as veciñas comezaron a encargarlle prendas, o que supoñía un complemento na economía familiar ao soldo do seu esposo, Bienvenido Carrera, que traballaba como contable e comezou a vender os traxes pola comarca. Despois colocaron os traxes na tenda de roupa infantil que tiña o seu cuñado en Vigo e tivo tanto éxito que comezaron a chegar pedidos de outras tendas. Isto levoulles a crear en 1963 a marca “Pili Carrera” co nome dela e o apelido del e a abrir un primeiro taller no barrio do Calvario en Vigo.

En 1991 abriron a súa primeira tenda de roupa, tamén en Vigo. Desde aquela a expansión da marca chegou aos cinco continentes con presencia en países como Estados Unidos, Rusia, Japón, China ou Marruecos. A principios do presente século iniciou a súa expansión polos países árabes, abrindo tendas en Ryad, Kuwait e Abhu Dhabi. Aparte de roupa o mercado de negocio tamén se estendeu a mobiliario e perfumería. Chegou a contar con máis de 70 tendas propias e cos seus produtos en máis de 800 puntos de venta.

O feito de que en 2013, na coroación dos monarcas holandeses, as súas tres fillas vestiran a súa marca, deulle un impulso internacional á marca, si ben é certo que daquela xa contaban con celebrities como Gwyneth Paltrow na súa carteira de clientes. A partires daquel momento converteuse nunha das marcas favoritas da realeza europea, desde a princesa Sofía ata os herdeiros das coroas de Suecia ou Dinamarca.

En 2014 a empresa pecharía o ano cuns beneficios de sete millóns de euros, cifra que superaría amplamente ao ano seguinte, mantendo a súa sede central en Mos con máis de 200 empregados. Tan boas expectativas darían en pouco tempo un xiro de trescentos sesenta grados provocado por un mercado á baixa. Coa dirección da empresa en mans da filla de Pilar, Salomé Carreira Rodríguez, terían que acollerse en 2018 a un concurso voluntario de acredores e realizar recortes na empresa. Esta medida semellaba a salvación da compañía pero a chegada da pandemia provocou un novo golpe á compañía que en 2022 sería vendida á firma téxtil valenciana Orencio Sánchez.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

El Mundo

La Voz de Galicia

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario