lunes, 27 de abril de 2020

Concursos musicais

     
Betty e Laura no concurso ¡Levántate!  de Tele5 no 2015

        Nos derradeiros anos na televisión abundan os concursos musicais, nos que ás veces participan talentos musicais de Redondela. Isto provoca expectación na nosa vila e durante a emisión dos programas convértese en tema de conversa habitual nas rúas e, agora tamén, nas redes. Pero a cousa ben de lonxe.
       En febreiro de 1948, Virgilio González, solista de acordeón, participou no concurso La Fiesta de l Radio, organizado por Radio Pontevedra. Interpretaría dous temas de Reveriano Soutullo o pasodobre “Puenteareas” e o intermedio “La leyenda del beso”.
       Nesta época e con tan só nove anos, Bernardina Vidal coa súa armónica vence no concurso Coser y cantar, organizado por Radio Vigo.
       En 1970 o Círculo Cultural e Recreativo de Chapela organiza un curioso concurso musical consistente en escoitar oito temas de música moderna e identificar os títulos e intérpretes.
Cara a 1978 ou 1979 o grupos de voces e guitarras Vento do Norte, que interpretaba versións da música folklórica, participou no concurso da TVE, Gente Joven.
       Por esa época Poli participaría no programa Aplauso, na cuarta edición de La juventud baila, na que quedaría en segundo lugar.
 https://www.facebook.com/100000346682446/videos/2349043641783836/?t=31
 
Poli nun concurso no Miramar. Foto cedida por Martín Fernández
       Pasando os anos, irrompen os canais privados na televisión e comezan a triunfar este tipo de programas. Nun concurso de imitación de cantantes famosos, Seve Fervenza e a súa esposa cantan temas de Amistades Peligrosas. O formato do programa, gravado cada quince días, e o avanzado estado de xestación dela impiden o seu paso á final, o que enfadou moito a Alaska, membro do xurado que tiña predilección pola parella.
         No pioneiro dos concursos infantís, Veo veo, presentado por Teresa Rabal, foi gañado por un membro da Orquestra de Saxos de Redondela, quen abraiou co seu dominio de varios tipos deste instrumento.
        A gran revolución deste tipo de concursos veu da man de Operación Triunfo, do que saíron artistas como Bisbal, Chenoa, Bustamante, Soraya... Aquí participou Miriam, que si ben naceu en Vigo, a súa familia paterna é de Redondela.
        Unha nova participación infantil sería a de Laura, nun concurso presentado por Pilar Rubio. A falta de audiencia provocaría que Tele 5 decidira cancelar a emisión cando a nosa representante era unha das favoritas, destacando pola súa calidade cantando clásicos do Soul. A principios de 2015, Laura volveu a participar nun concurso de Tele 5, ¡Levántate!, desta volta acompañada da súa nai, Betty. O seu bo facer no escenario levounas a quedarse as portas de entrares na gran final.
        A todos estes habería que sumar aos que participaron nos concursos da TVG. A última sería Charo Martínez, de Cesantes, que no 2017 participou en Recantos.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, El Pueblo Gallego

No hay comentarios:

Publicar un comentario