lunes, 27 de abril de 2020

A boa fortuna redondelá

         Durante dous anos Redondela foi o centro de atención informativo por mor da lotería primitiva e a súa choiva de millóns. O 2-7-1988 Juan Freaza veciño de Cedeira é o único acertante da lotería primitiva. O premio sería de 904 millóns de pesetas. Dous anos mais tarde, o 7 de abril sería un albanel de Reboreda o que se converteu no afortunado gañador no mesmo sorteo. O seu pleno valeulle gañar 1.198 millóns de pesetas, sendo naquel momento o maior premio de lotería dado en España. Ese mesmo ano en setembro unha obreira do téxtil tamén foi agraciada cun suculento premio da lotería primitiva.
           O antecedente máis antigo que atopei foi en xaneiro de 1883 cando dez familias pobres, algunhas con oito fillos, repartíronse un décimo da Lotería Nacional que resultou ser o do primeiro premio. Cada familia gañou 10.000 reais.
En novembro de 1901 son agraciados co segundo premio da Lotería Nacional: Manuel Fernández, ecónomo de Reboreda, cun décimo; Gregorio Miguel de los Nalos, capataz da liña Ourense-Vigo, tamén cun décimo; e compartindo un terceiro décimo os mozos de estación Manuel Mosquera, Francisco Muñoz e Benito Barrado.
En outubro de 1902 vendéronse en Redondela dous billetes de lotería premiados co segundo premio, que ascendía a 40.000 pesetas cada un. Os agraciados foron Juan Castro Lago, irmán do secretario do Xulgado municipal, e Arsenia Táboas, irmá de Olimpio, síndico do Concello, que deu participacións a varias persoas de Reboreda.
En decembro de 1907 o gordo da lotería cae en Tui, pero varios décimos véndense na estación de Redondela. Un deles foi mercado por un mestre da nosa vila e os demais por viaxeiros que ían de paso.
A lotería de nadal non se porta moi ben coa nosa vila pero en 1995 o Centro Cultural de Cedeira repartiu o terceiro premio en participacións de 250 ptas. pagadas a
600.000 ptas., sendo un total de novecentos corenta e tres millóns duascentas mil pesetas.
Os seguintes casos dan boa mostra de que a fortuna dos redondeláns non se reduce á lotería:
En 1925, nun concurso organizado por un concesionario de coches de Vigo consistente en resolver un crucigrama, sorteábanse cinco premios de 25 pesetas entre os que tiveron un só fallo. Na lista aparecen: Srta. Felisa González Ojea, D. Antonio Salvador Ruíz, Srta. María Carretero Orega, D. Félix González Ojea, D. Lorenzo Vicente Vicente e Srta. Pilar Vicente González, todos de Chapela.
En outubro de 1950, no sorteo celebrado entre os acertantes dos pasatempos propostos pola revista El Eco Franciscano, resultou agraciada Dolores Martínez Portela, finca “As Laxes”, Redondela, que recibirá o libro “Sabores”.
A finais de febreiro de 1951, no concurso semanal “El día del hincha” de El Pueblo Gallego, consistente en atinar o resultado de catro partidos de fútbol, houbo 20 acertantes, entre eles Alfredo Rubín, da Rúa Alfonso XII, en Redondela. Como tan só había un premio de 250 pesetas, procedeuse a realizar un sorteo no que Alfredo non tivo tanta sorte.
En setembro de 1953, foron entregadas 10.000 pesetas a Ángel Tellería Ayuso, que vive en Redondela, como gañador do sorteo organizado por Culmen S.A. Asistiu ao acto, Honorato López Ventín “Cabezo II”, inspector rexional da empresa. Curiosamente o seu fillo tamén levaría premios neste sorteo en 1954 e 1956.
Precisamente en 1956 recibiría 5.000 pesetas do sorteo mensual organizado pola compañía de seguros El Ocaso S. L.
En xaneiro de 1959, o ex-futbolista Rafael López Ventín “Cabezo I” atinou os catorce resultados da quiniela. Mágoa que o premio non fora dos máis grandes.
En maio de 1962 no 5º gran premio Soberano, Rogelio Rodríguez Núñez con domicilio na rúa Isidoro Queimaliños gañou un Seat 600 e o Auto Bar resultou gañador dun Televisor Marconi.
En marzo de 1966, no sorteo de primavera da emisora La Voz de Vigo, foi agraciado cunha neveira José Solla Castro, de Redondela. Outros agraciados da nosa vila foron Tito Lago Rodríguez, de Saxamonde, cun transistor, e María Mercedes Sobrino Pérez, cun lote de botellas Osborne.
En setembro de 1967 o sorteo mensual “Caja de Ahorros de Vigo” de 250.000 pesetas recaeu no matrimonio redondelán formado por Raimundo Couñago Couñago e Amparo González González. Tres anos despois esta caixa sorteou un piso entre os seus clientes, sendo o afortunado gañador o garda municipal Jaime Pérez Figueroa, con domicilio en Cesantes.
O establecemento Confecciones Terramar fixo entrega en xaneiro de 1968, dun Seat 600 ao gañador do seu sorteo Domingo García Macías, de 21 anos e coñecido ciclista, veciño de Cidadelle (Chapela).
Entre os premiados cun cheque de 500 pesetas no concurso semanal do viño Savin aparece en decembro de 1972, Lucila Melón Álvarez con domicilio na Av. do Generalísimo en Chapela e Pilar Comeselle Granada, tamén de Chapela.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
Centro Superior Bibliográfico de Galicia: http://www.csbg.net/ => Gaceta de Galicia Diario de Santiago, La correspondencia gallega, Hoja Oficial del Lunes, El pueblo gallego
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Eco Franciscano

No hay comentarios:

Publicar un comentario