Grazas á prensa temos numerosas referencias de actuacións de bandas
nas festas de Redondela a finais do s. XIX. Daquela non só
participaban nas procesións, se non que tamén ofrecían concertos e
animaban os bailes nocturnos. As obras que interpretaban variaban
dende a música clásica (Wagner, Shubert...) ata pasodobres e
zarzuelas, preferentemente as compostas por Reveriano Soutullo. A
situación trocaría a partires de mediados do século pasado, cando
as orquestras e conxuntos musicais empezan a quitarlle protagonismo.
A pesares diso en 1974, para as Festas da Coca, contratáronse 5
bandas de música, 5 orquestras e 4 conxuntos de moda.
Bandas
de Redondela desaparecidas
Banda de Música de Cabeiro.
A primeira actuación que atopo sería en maio de 1905 na festa de
San José en Lavadores. En 1906 na Festa da Coca actuou unha banda
dirixida polo señor Lorenzo que con toda probabilidade sería esta
de Cabeiro. En decembro de 1907, dáse por seguro o seu nomeamento
como banda municipal, o que da dereito a recibir unha cantidade de
cartos por amenizar os paseos.
En 1906 na Festa da Coca actuou unha banda dirixida polo señor
Lorenzo que con toda probabilidade sería a de Cabeiro. En decembro de 1907,
dáse por seguro o seu nomeamento como banda municipal, o que da
dereito a recibir unha cantidade de cartos por amenizar os paseos.
En 1912 participou
xunto á de Vilar na Festa da Confraría do Señor de Vilavella. En
1913 resultou vencedora nun certame de bandas celebrado na praza de
touros de Pontevedra. As outras bandas participantes serían a de
Cangas e “La Popular” de Pontevedra, sendo esta última
descualificada porque entre os seus integrantes había varios músicos
da banda municipal de Pontevedra.
|
Banda de Cabeiro Foto cedida Ángel Balado Rodríguez |
Nas décadas dos 20 e 30 esta banda vive os seus momentos de maior
actividade participando en numerosas festas da contorna e nos actos
oficiais do Concello de Redondela. Nunha noticia de 1928 aparece o
nome completo do seu director, Manuel Lorenzo Cabaleiro. A maior
competencia entre as bandas dábase nas festas de Candeán e Cabral,
onde as bandas tocaban e os veciños aplaudían, gañando a máis
ovacionada, que era acompañada polos veciños polo monte ata a súa
parroquia. A de Cabeiro era a que máis veces gañaba, sendo as súas
maiores competidoras as de Guláns, A Lama, Arcade e Candeán, esta
última, pese a non ter grande calidade, amosaba gran resistencia.
Dende 1930 nas
súas actuacións exhibían unha batuta de prata gañada nun concurso
celebrado en Pontevedra. A súa peza máis destacada foi "Faena
del Cuartel", na que o trompeta saía da banda e
desprazábase ata un campanario, dende onde contestaba á banda.
Chegaron a tocar en Caminha (Portugal) e en Zamora, a onde se
desprazaban nun camión, cobrando entre 80 e 100 pesetas por
actuación.
Entre os músicos
que pasaron por esta banda destacaron Saladino Castro "O do
Ghallo" e José "Nicholas". Outros músicos serían:
Alejo Amoedo Barros, José Balado Castro "Maniobras", José
Castro "Pailán", José Fernández, Vicente Fernández “O
do Tene”...
Semella
que a principios dos anos 30 o director tivo papeiras pero como
tocaba actuación nas festas da Coca e ademais
viña outra banda de recoñecido prestixio, non dubidou en envolver
cun pano a
cara e saír a
escena.
A finais de 1934,
problemas internos provocan unha división da que xurdiron dúas
bandas dirixidas por dous irmáns: Manuel e Ramiro Lorenzo Cabaleiro
“Baillador”. A de maior éxito foi a de Manuel, que anos mais
tarde sería dirixida polo seu fillo Plácido “de Baillador”.
A primeira
actuacións da nova banda dirixida por Ramiro podería ser a das
festas de San Mauro de Nespereira, en xaneiro de 1935.
Mentres tanto, a
dirixida por Manuel actuaría en maio na festa da Coca e, en xullo,
xunto á banda de música “La Cueva” dirixida por Filiberto
Sobral, na de San Bieito en Vilar. Outras actuacións dese ano foron
no enterro do xeneral Rubín e na inauguración das novas
instalacións da Sociedade de Agricultores de Reboreda.
Co gallo desta
división, Manuel escribiulle a seguinte copla ao seu irmán Ramiro:
No seas pavero hombre
ignorante
que es una vergüenza
ser un mangante.
Te conoces poco en la
profesión
y haces tu papel de
hombre chulapón.
Ay Jesús que
tontería,
ay Jesús que tonto
eres,
eso le pasa a hombres
que se guían por mujeres.
Siempre andabas
reclamando que te dieran la peseta,
como no te han
considerado te hicieron la puñeta
En 1942 faise
cargo da batuta, semella que con bo tino, Plácido Lorenzo Cabaleiro,
fillo de Manuel. Nesta época da posguerra, en Redondela os rapaces
para amolar aos compoñentes da banda cantábanlles:
A
banda de Cabeiro
non
sabe tocar.
Paparaba-papá,
paparaba-papá.
En 1961 estaba
dirixido polo mestre Lorenzo (supoñemos que se trata de Plácido) e
actúa en numerosas festas da contorna: Reboreda, Quintela, Cedeira,
Nespereira... Pouco tempo despois a banda disólvese.
Toca Cabeiro
toca por Dios,
que o baile de
ladrillo,
non vale pa nós.
Banda de Música de Vilar
A primeira referencia que atopei desta
banda é cando en 1912 participou xunto á de Cabeiro na Festa da
Confraría do Señor de Vilavella. Seguía en activo en agosto de
1923, cando actuou nas Festas de Sta. María e San Roque en O Viso.
Probablemente volveu a fundarse en 1934 trala escisión da de
Cabeiro, como vimos anteriormente.
Banda do Corpo de
Exploradores
Banda
de cornetas e tambores que chegou a gañar un concurso provincial
celebrado en Pontevedra. O consello local de exploradores
constituíuse en outubro de 1917. Chegou a reunir a uns oitenta nenos
que realizaban marchas e colaboraban na asistencia aos máis
necesitados. En 1924 a banda de tambores e cornetas encabezou o
recibimento dado ao xeneral Primo de Rivera na súa visita a
Redondela. En outubro de 1927 este corpo desfilaría en Pontevedra
ante o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria.
Tamén
visitarían a nosa vila os corpos de exploradores de Pontevedra, Vigo
e Marín coas súas bandas.
|
O Corpo de Exploradores coa
súa banda no funeral de Concepto López.
Foto: Vida gallega, 1918 |
Banda do Frente de
Juventudes
O
Frente de Juventudes de Redondela chegou a ter unha escuadra
de cornetas e tambores que, entre
outras actuacións,
abriu a procesión do Cristo de 1962.
Bandas de Redondela
en Activo
Banda Municipal de Redondela.
Segundo
os datos aportados por José Suárez, frauta
da banda, a Casto Sampedro, a Banda Municipal de Redondela foi
fundada na década de 1840 polo seu pai, tamén chamado José Suárez,
secretario do Concello que tocaba o clarinete. Ademais
dos anteriores formaban a agrupación: Severo Suárez (tamén fillo
de José), requinto; os irmáns, Agustín Otero (corneta de chaves),
José Otero (o flige)
e Tomás Otero; Martín Sampedro, clarinete; Antonio Sestelo; Ángel
Sestelo, fillo do anterior; Modesto Gándara e X. Pereira. O primeiro
director sería o músico maior do Rexemento.
Pouco
tempo despois debeu ter un descanso
para volver a
formarse en 1866, como se desprende do feito da celebración do seu
centenario entre os días 17 e 18 de decembro de 1966. Co correr dos
anos disolveuse por segunda vez ata que en 1892 José Manuel Fortes,
mestre de música residente en Ponteareas e que xa dirixira a banda
na etapa anterior, proponlle ó concello crear de novo a banda
municipal. Nese mesmo ano de 1892, xa como director da Banda
Municipal, José Fortes, nunha carta en “La Integridad” agradece
a Andrés Gaos a calidade dos instrumentos “Schuster” que lle
encargou o alcalde.
En
abril de 1899, é nomeado director Ramón Patino, residente en
Redondela e requinto da banda “La
Unión”.
En 1910 esta banda
dirixida por Isidro Puga participa nas procesións de Semana Santa,
na Festa de San Xosé en Cabeiro, Festa da Coca, Festa do Santísimo
Sacramento de Vilavella, Festa de San Bernardo en Cedeira, Festa da
Inmaculada en Redondela...
En maio de 1912
unha sección desta Banda para conmemorar a Festa do Traballo
recorreu as rúas deste pobo tocando alegre diana.
|
Banda de Música de Redondela, 1914. Foto: Vida Gallega |
O 16 de agosto de 1913 celebrouse na Praza de touros de Pontevedra un
certame de pequenas bandas de música, na que venceu a de Redondela e
no que tamén participaban a de Cangas e unha popular de Pontevedra.
En 1924 era
dirixida por José Figueroa, en 1927 por Manuel Lorenzo e en 1932 por
Arsenio Lorenzo, que seguía no cargo en 1934.
En xuño de 1933,
actúan nas festas da Coca as dúas bandas do Concello a de Redondela
e a de Cabeiro.
En 1936 tocan
alboradas nas Festa da Coca, probablemente a súa derradeira
actuación antes do estalido da guerra.
Trala Guerra Civil
a Banda volve a formarse en 1952, chegando a un acordo co Concello
para recibir unha subvención a cambio de tocar nas festas do Corpus,
Semana Santa, Inmaculada e 18 de Xullo. O director da banda sería
Victor Wenceslao Ureña, persoa que da nome ó conservatorio de
Redondela trala súa colaboración con esta institución nos anos 90.
En 1960 deixa a dirección, sendo substituído por Antonio Baquero
González, quen xa dirixira ás bandas de Silleda e Guláns. En 1963
colle o relevo Enrique García Rey, natural de Ortigueira, que en
1966 deixa o cargo para dirixir a Banda Municipal de Pedro Muñoz
(Ciudad Real). En 1967 faise cargo da batuta Raimundo Otero Castro.
En 1998 pasa á dirección Jesús Martínez Álvarez, quen no 2015
sería homenaxeado ao cumprir 65 anos nunha banda na que entrou aos
10 anos.
|
1953, Banda de música de Redondela. Foto cedida por Avelino Cabaleiro (segundo, pola dereita, arriba) ao Obradoiro Fernando Monroy |
Banda de Música de Chapela
O 26 de outubro do ano 1991 nace a
Asociación Cultural e Social de Chapela
que crea a Escola de Música de Chapela,
co fín de formar unha banda de música. Deste
xeito, o 11 de Febreiro de 1995, fai a súa
presentación oficial a Banda de Música
de Chapela, sendo o seu primeiro
director Juan Carlos Díaz Álvarez. No seu primeiro ano, 1996,
realizou unha xira polos centros culturais de Venezuela. Este mesmo
ano, gravou o seu primeiro CD con pezas variadas do repertorio
galego. Dende
aquela teñen actuado en numerosas vilas tanto de España como de
Portugal.
Entre
os premios acadados destacan:
-
2º Premio no “XI Certame Nacional de Bandas de Música Ciudad de
Murcia” (2001).
-
3º Premio na sección 3ª “III Certame Provincial de Bandas de
Música Deputación Pontevedra” (2003).
-
2º Premio no “V Certame Provincial Bandas de Música Deputación
Pontevedra” (2005).
-
2º Premio no “VI Certame Provincial Bandas de Música Deputación
Pontevedra” (2006).
-
2ºpremio na sección 3ª no “Certame Galego de Bandas de Música”
(2010).
Tamén destacar que
no 2009 foi a representante galega no I
Encuentro de Bandas de Música Españolas.
Entre
maio do 2000 e febreiro do 2003 faise cargo da dirección Lourenco
Filipe da Silva Cruz, que sería sustituido por
Francisco Abal Rosales. Entre 2007 e 2010 a
Banda de Música de Chapela foi dirixida por Severino Pedrosa Núñez.
Dende setembro do 2011 leva a batuta Santiago Barreira Davila.
En 2013 a Banda de
Música de Chapela publica o CD “18
años en clave musical” que
será distribuído en toda España pola produtora MetaNetwork de
Barcelona.
A banda vive un bo momento, estando
composta por máis de 40 músicos, con
idades comprendidas entre os 9 e os 34 anos. Ademais
a escola de
Música trasládase este ano aos baixos do
pavillón, onde se imparten clases de
música tradicional, clásica e moderna, con 170 alumnos polo que o
relevo está asegurado.
En
2016 a banda
celebra o seu 25 aniversario homenaxeando ao seu fundador, Alejandro
Bastos e organizando unha exposición
fotográfica da historia da banda.
|
Banda de música de Chapela nos seus inicios. Arquivo Asociación Cultural e Social de Chapela |
Banda
de Música Victor Ureña do Conservatorio de Redondela
Banda de recente
creación. O programa do concerto de Nadal
de 2019 celebrado no Multiusos da Xunqueira incluía: pasodobres,
Christmas Prelude, bandas sonoras de John Williams, danzas cubanas de
Robert Sheldon eThe Blues Brothers Revue.
Bandas Militares
Dende
finais do s. XIX e a principios do XX, soia
actuar na nosa vila a Banda do Reximento
de Murcia, batallón
destinado en Vigo, por mor do conflito
con Estados Unidos e como reforzo ante un posible ataque naval. É de
supor que pola proximidade formaran parte desta banda músicos
redondeláns. Ata o de agora atopei as seguintes noticias de músicos
da nosa vila:
Xaneiro de 1900: “Debe
presentarse na Comandancia militar de Pontevedra para recoller uns
documentos, Evaristo Lusquiños, de Redondela, corneta que foi do
Rexemento de Burgos”.
Xaneiro de 1922:
“Terminado o desfrute
de licencia regresou a Tetuán, o rapaz
desta vila, Ceferino Fernández Ubeira, corneta do Batallón
Expedicionario de Murcia.”
Outro que formou
parte da banda do rexemento
de Murcia, na súa xuventude, foi o compositor Reveriano Soutullo.
Tamén actuaron en
Redondela outras bandas militares, como exemplo a do Rexemento
de Zaragoza, nas Festas da Coca e nas do Cristo de Vilavella, en
1926; ou a da 82 División,
na Coca de 1940.
Bandas
Foráneas
Unha
banda que por proximidade e calidade ven participando
tradicionalmente nas festas da vila é a Banda
de Arcade. Como exemplo en 1892 fora
contratada para a Festa da Coca e, en agosto de 1910, participa nas
festas das Angustias e San Roque. Pola súa proximidade era habitual
o seu concurso nas festas do Viso. Nos anos 20 tamén atopo noticias
de festas en Cesantes e Reboreda. Houbo músicos de Redondela que
tocaron nesta e outras bandas de fóra do noso Concello. En 1875
fíxose cargo da dirección desta banda Manuel Martínez de Erena,
que pouco despois cedeu o cargo ao redondelán José
Pereira, pero este xa vello, renuncia e
lla transfire ao seu fillo de mesmo nome, e que máis tarde será
substituído
por Jesús Reguera.
A
principios do século XX, a Banda do
Porriño tiña fama de tocar moi ben,
dirixida daquela por Marcelino Giráldez e posteriormente por Zúñiga.
En 1911 é contratada a xa laureada “La
Lira” de Ribadavia,
que repetiría nas seguintes edicións, e ao ano seguinte a municipal
de Santiago. Outras serían as bandas
de Lavadores, Mondariz Balneario,
Paredes, Celanova, A
Lama, Vilagarcía e
tamén varias portuguesas. Nos anos 30 as de Ponteareas,
Lantaño, A Estrada, Beade, Coia...
Unha
banda que viña a miúdo ás festas de Redondela a mediados do s. XX
e que gozaban de moita sona era a xa citada “La
Lira” de Ribadavia. Outras bandas
menos asiduas eran as de Celanova,
Ponteareas, Mondariz, Lantaño, Porriño, Beade, Vilanova dos
Infantes, Cuntis,
Aloncos (Ourense) ou
Silleda.
Instalacións.
En 1924 construíuse
o que probablemente sexa o primeiro palco da música do Concello de
Redondela. Trátase do localizado
na praza do Cruceiro, no Viso. A obra realizouse grazas a
colaboración de varios veciños, encabezados polo adiñeirado
capitalista, Antonio Sotelino Táboas.
|
Palco de música do Viso, 2009. Foto: Juan Migueles |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Caderniños do
Instituto de Chapela. Coordenador: X. M. González Fdez.
Galeguismo e
sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros.
Edicións do Castro.
Redondela, crónica
dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo.
Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Casto Sampedro
Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento.Pax. 53
Cap. Julio Alonso Montegudo.
Historia de las
Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros.
Ed. Faro de Vigo.
Aportes Fernando Casas
e Ángel Balado Rodríguez
En
Galiciana-Biblioteca
Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=>El
Pueblo Gallego (Vigo), El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo,
Galicia diario de Vigo, La Noche, La Idea, La Correspondencia
Gallega, Ecos del Distrito, La Integridad
No hay comentarios:
Publicar un comentario