Orfeóns.
Primeiros
Orfeóns.
En 1880 xa
existían orfeóns en Galicia. Neste ano, como veremos máis adiante
no apartado adicado aos Ranchos de Reis, recóllese a noticia de
orfeóns de Moaña, Cangas, Marín e Redondela que van cantar os Reis
a Vigo.
A nivel individual
en febreiro de 1883 atopamos unha noticia na que aparece Jacinto
Mos Figueroa: "Varios escolares de Santiago organizaron
unha masa coral e despois de vencer algunhas dificultades se
constituiu baixo a dirección do avantaxado artísta Jesús García.
Nomeouse ademáis a xunta directiva: presidente, Néstor Pardo;
vicepresidente, Jacinto Mos Figueroa; secretario, Manuel Valdegama;
tesoreiro, José Louzao".
En agosto de 1891
estase a organizar unha masa coral en Redondela para participar nun
certame en Vigo. A seguinte noticia, en marzo de 1892, danos conta da
creación dun orfeón dirixido por José Sánchez, que percorreu as
rúas durante o entroido. En maio dese ano fálase da idea de crear
un orfeón para actuar na festa da Coca.
En setembro de
1895 un grupo de afeccionados atopábase ensaiando para dar unha
función a beneficio da virxe dos Dores en Redondela. En outubro de
1897 estase a formar un orfeón composto por trinta voces e dirixido
por Marcos Sotomayor. En xuño de 1899, trátase novamente de fundar
unha masa coral de trinta voces, dirixida esta vez polo señor
Patiño.
Orfeón
Redondelano.
En 1906 o Orfeón
Redondelano actúa nas festas da Coca. Ao ano seguinte anúnciase
que o orfeón pasará a formar parte dunha nova sociedade,
probablemente o Centro Científico Deportivo, que sería
fundado en 1908.
En
1915 era dirixido por Manuel Martínez
González,
coadxutor de
Redondela.
Orfeón
Infantil
En 1912 organízase un orfeón infantil dirixido por Marcos
Sotomayor, que interpretaría cantigas galegas na Festa da Confraría
do Señor de Vilavella, cumpríndose os desexos de José Fernández
López emigrante en América.
Orfeón Redondelano (do Círculo Recreativo de Arte e Cultura)
En
decembro de 1921 o mesmo sacerdote Manuel Martínez González
e o procurador Generoso Muíños atópanse
organizando un festival para recadar fondos para o “Aguinaldo
del soldado”. Celebraríase
no Círculo Recreativo e actuaría o cadro de declamación e un novo
orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez, novamente baixo o nome
de Orfeón Redondelano.
En 1922 rende homenaxe ao seu presidente honorífico, Avelino
Giráldez, interpretando varias cancións galegas, entre elas Os
teus ollos de Chané, ademais
de outras composicións como El regreso
a la patria, de Monasterio, ou
Barcarola
de Varela Silvari.
En
xullo, durante as Festas da Coca, este
orfeón integrado por 80 voces mixtas interpretaba varios
motetes e a Marcha de las Ruínas de
Atenas, de Beethoven. Ese
mesmo mes nomea xunta directiva: Presidente honorario, Avelino
Giráldez; director-presidente, Manuel Martínez González;
vicepresidente, Generoso Muíños Arines; secretario, Hermenegildo
Casal Campo; vice-secretario, Manuel Pena Lamas; tesoreiro, José
Orge Esteiro; vice-tesoreiro, Ramón Barros Calvo; vocais: Tomás
Fernández Valverde, Argentino Varela Gradín e José Fernández
González.
En
setembro, actúa co cadro de declamación en Mondariz Balneario,
interpretando o Himno Galego, Primaveira,
Os teus ollos, Regreso a la patria, Boga barquilla mía e
Veira do mar. En
novembro cantan na misa celebrada durante a festa de San Andrés en
Cedeira. Disolveuse en xaneiro de 1923 por un intento de darlle un
carácter
diferente.
1922 Orfeón Redondelano no Pazo de Petán.
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A.
Leboreiro Amaro.
|
Orfeón ¿de don Rufino?
En
1925 atopo referencias deste orfeón dirixido polo coadxutor de
Redondela, Rufino Fernández, e Fernández Menéndez.
Orfeón Veira d’o Mar.
O
mesmo sacerdote, Rufino Fernández, forma un novo orfeón que actúa
por primeira vez na noite de fin de ano de 1928, dando serenatas a
Saturno Cal Muíños, Avelino Giráldez Pazó e a Buenhijo Pérez
Sobrino. En abril de 1929 esta agrupación organízase, redactando un
regulamento,
nomeando unha xunta directiva e tomando o nome de Orfeón
Veira d’o Mar. En outubro de 1929
participa nunha homenaxe a Reveriano Soutullo en Ponteareas. Non
podía ser doutro xeito, xa que o nome do orfeón é tomado dunha
obra deste compositor. Días despois homenaxea ao seu director polo
seu traslado a Vigo. A finais de mes, actúan no salón do extinto
Círculo Mercantil, interpretando entre outras "Veira
d'o Mar", na que son dirixidos
polo propio Reveriano Soutullo. En febreiro de 1930, este orfeón
atópase organizando un cadro de declamación.
Corais
A
mestra Araceli Otero Sestelo (Redondela,
1910/1951) colaborou na Coral Polifónica
de Pontevedra, cantando xunto a
Castelao e Bóveda.
A
coral mixta Froles Mareliñas
(Chapela)
foi
fundada en 1957
dentro da obra sindical de Educación y
Descanso e
ese mesmo ano xa actuou nas Festas da Coca.
En febreiro de 1959 inaugura novo local social, sendo daquela
dirixido por Juan García Irradia. O delegado provincial de
Sindicatos asistiu ao acto, que foi apadriñado polo presidente da
agrupación, Alfonso Santos e Fita Costas. En
marzo de 1961, cando se presenta
o Grupo de Danza Regional Froles
Mareliñas, o
coro xa desaparecera.
En
febreiro de 1959 comeza a ensaiar unha nova masa coral en Redondela
dirixida polo señor Buján.
A
Coral Santiago Apóstol de Redondela
foi fundada en 1972. Nos
inicios desta formación encargábanse da parte musical o director,
Celso Santos Lorenzo, e o párroco Jesús Hermida Villar.
Pouco
despois, en 1973, formouse a Coral Frol
Nova,
de Chapela.
Coral Polifónica Santiago Apóstol cara a 1975. Foto cedida por Celso Santos |
En
1980, naceu Corazón Joven,
de Cesantes, composta por unha ducia de voces e dirixida por Jesús
Salomón Alonso. Ensaiaban nun local cedido polo párroco Francisco
Alvite. Celebraron moitas actuacións por diferente vilas galegas,
desaparecendo a finais dos anos 80.
Corazón Joven. Cesantes 1982. Arquivo Alfonso Conde |
Posteriormente
irían xurdindo: Coral Alvedosa
(do Clube de Xubilados de Redondela),
Coral O Piñeiral (Chapela),
Coral Pedra Blanca (Cesantes),
Coral San Esteban (Negros,
1996), Coral do C. C. de Trasmañó, Coral Airiños da Peneda (O
Viso) e Coral Ondas do Mar de Vigo, de Cesantes. En decembro do 2012 preséntase
a Coral A Raíña,
do Centro Cultural de Cedeira.
Coral Alvedosa 2009. Faro de Vigo |
Coral Frol Nova. Foto: www.chapela.org |
Coral o Piñeiral do Creg.o Foto: Asc.Cultural de Chapela |
Coral Ondas do Mar de Vigo, 2015. Foto: Jose Antonio Sánchez |
Coral San Esteban 2014 Facebook Coral San Esteban |
Coral a Raíña, 2019. Foto: Carlos Cortés Queimaliños |
As Rondallas
A
primeira referencia que atopo en Redondela é en marzo de 1896 cando
nun banquete de benvida ao Xeneral Rubín, actuaron dúas bandas de
música e unha rondalla. É posible que se trate da Rondalla
do Centro Científico Deportivo que xa
existía a principios do s. XX.
En
marzo de 1910 fórmase a Rondalla
Armonía dirixida polo mestre Marcos
Sotomayor, no seu primeiro pasarrúas visitaron á súa presidenta
María Amoedo, ao alcalde Avelino Giráldez, ao párroco Bernardino
Couñago e ao rexistrador da propiedade Fermín Díaz.
En
marzo de 1932 a Rondalla Los Calaveras,
dirixida polo señor Lino Muíños,
adícalle unha serenata ao señor Blanco e a súa esposa Aurora
Soutullo que ían marchar a Montevideo. O 6 de novembro de 1932 o
Partido Galeguista de Redondela inaugura o seu novo local. Logo dos
discursos de, entre outros, Castelao e Paz Andrade, volveu
a actuar a Rondalla Los Calaveras
que interpretaron o Himno Galego
e A Internacional. En 1934 despois de
triunfar na radio, participa na homenaxe celebrada no teatro García
Barbón de Vigo na honra de Reveriano Soutullo. A principios dos
anos 40, aínda co mesmo director, actuaba nos entreactos das
actuación do cadro de declamación de Organizaciones Juveniles de
Falange, cantando composicións de Reveriano Soutullo e García
de Cote.
Rondalla
de Educación y Descanso. Debutou
co cadro de declamación no vran de 1942 na Sala Parque. Pouco
despois, en xaneiro de 1944, deu un concerto para Radio Pontevedra,
interpretando obras de Reveriano Soutullo e García de Cote. En 1952
participa nunha velada teatral organizada para recadar fondos para a
Festa da Coca.
En
decembro de 1951 a Rondalla de Frente de
Juventudes actúa nun festival a prol
do Auxilio Social, con motivo da festividade de Reis.
Os Ranchos de Reis.
Na zona sur da
provincia de Pontevedra, as rondallas conservan a súa propia
tradición de cantos de Nadal. Ademais de en Redondela consérvanse
noutros concellos como Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas. En Lugo e en
Ourense hai outras agrupacións con este nome, pero son diferentes.
Estes grupos, que noutros tempos contaban con ata trinta membros e
que na actualidade poden congregar máis de oitenta participantes,
executan, con instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma
muiñeiros, fandangos ou pasodobres e, ultimamente, tamén pezas
actuais. O tradicional era que os Ranchos pasaran a noite de Reis
percorrendo rúas e camiños ata ben entrado o día, sendo
agasallados polos veciños con comida, bebida e, se había sorte,
algunha moeda.
Nalgún traballo
coméntase que en 1920 xa están rexistradas, pero nun artigo do Faro
de Vigo de 1880 coméntase que van cantar os reis á cidade olívica
orfeóns de Moaña, Cangas, Marín e Redondela. Os grupos non debían
estar moi afinados porque se ofrece
"Un año de suscrición gratis al Faro si alguno de
Vds. coge al oído la letra que cantan."
Unha noticia do
Nadal de 1925 danos conta dunha destas rondallas, neste caso do Viso:
"A xuventude de ámbolos dous sexos do lugar do Cadaval
celebrou unha festa campestre co recadado a víspera de Reis. A
chuvia desluciu o festival que foi amenizado por unha sección da
música de Arcade." Ao ano
seguinte, na mesma parroquia "Os xóvenes da Sociedade
de Agricultores do Viso que se adicaron a obsequiar coa
interpretación de bonitos villancicos, foron moi agasallados na casa
do prestixioso veciño de Cesantes, don Constantino Sequeiros, quen
entregou ao coro 100 pesetas. Con todo o reunido celebraráse unha
festa".
A mediados do
século XX a Redondela acudían rondallas de case todas as
parroquias: O Viso, Cabeiro, Vilar, Saxamonde ou Cesantes. Esta
última actuaba sempre preto da Capela de Santa Mariña. Tamén
acudían rondallas de fóra da vila, unha delas era a de Louredo
(Mos). Entre as antigas estaba a
comparsas de “Caldeireiro”, célebre personaxe de Rande que viña
acompañado de todos os seus fillos e fillas. Outro personaxe popular
era “Chupajuevos”
que tamén animaba os Reis coas súas rondallas.
Rancho de Reis de Cesantes e Soutoxusto, 1958. Foto cedida por Carlos López-Obradoiro Fernando Monroy |
Nos 80-90 crearíanse novas rondallas como a de Cedeira. Co cambio de
século as rondallas van a menos no noso Concello. As de Saxamonde, O
Viso e Reboreda seguían a manter viva esta tradición, pero cando
menos dende 2015 a única que actuaría polas rúas de Redondela
sería o Bando de Reis Airiños da Peneda, do Viso, fundada en 2006.
Rondalla de Cedeira, anos 80-90. Facebook Lobo Solidario. |
Bando de Reis Airiños da Peneda Foto Terra Meiga |
As Panxoliñas.
É
complicado atopar referencias ao canto de panxoliñas no Nadal. Ata o
de agora a primeira noticia é do
Nadal de 1959, cando
varios grupos animaron Redondela, destacando o conxunto de nenas da
escola de Ventosela cantando panxoliñas dirixidos pola súa mestra
Paulina Sánchez Otero.
Durante os 80 rexistrarían unha gran entrada os concursos de
panxoliñas organizados polo Centro Recreativo Cultural de Redondela.
Comparsas de Entroido.
Nas primeiras
Ordenanzas Municipais da Vila das que se teñen constancia, 1852,
aparecen os seguintes artigos:
Artículo15º.
Estando prohibidas las máscaras y los disfraces, únicamente se
podrán usar en los casos y en la forma en que se sirva conceder su
permiso el Sr. Gobernador de la provincia como única autoridad
competente al efecto; aún en este caso se prohibe el uso de
vestiduras sacerdotales y hábitos de las extinguidas órdenes
religiosas, juntamente con trajes e insignias militares usados en el
día.
Artículo 16º.
Ninguna persona disfrazada podrá llevar armas de ninguna especie; y
solamente la autoridad y sus delegados podrán mandarle quitar la
mascarilla en el caso que no hubiese guardado el decoro
correspondiente y hubiese causado cualquier disgusto en el público.
A principios do
século XX, as diferentes sociedades da vila organizaban bailes de
entroido, pero nas rúas non había tanta animación. Así por
exemplo, en 1910 tan só houbo en Redondela tres comparsas: unha de
Porriño que cantou diante do Concello, outra que levaba entre outros
instrumentos tres bombos e unha formada por nenas.
Em
1916, unha noticia daba conta de que: "La comparsa
titulada "La Capa
Española", que fue una de las notas más sobresalientes del
Carnaval callejero de Vigo, irá el domingo próximo a Redondela. Hoy
irá una comisión de "La Capa Española" a Redondela para
nombrar allí presidenta honraria de la agrupación."
Estas festas nunca
foron do agrado da igrexa católica polo que en 1922 fíxose público
que: “O domingo, luns e martes de entroido expúsose nas igrexas
desta vila a S. D. M., para desagraviar ao Señor das ofensas que
contra El se cometen nestes días de loucura”.
En 1923 unha noticia danos conta de
que: "O martes recorreu as rúas unha comparsa de
Porriño chamada "Pierrots y Colombinas". Outra noticia de 1923: "El
domingo recorrió las calles una comparsa compuesta por diez
individuos, titulada "Los Segadores", entonando con
bastante afinación algunos cantos de corte regional."
Despois do golpe
militar de Primo de Rivera o entroido de 1924 non se celebrou na rúa
pero os bailes do Casino, Círculo, Redondela F. C. e Sociedade de
Mariñeiros estiveron moi animados. A festa seguiu restrinxíndose
aos locais das sociedades. Habería que agardar a 1928 para que o
Círculo Mercantil sacara de novo o entroido á rúa.
En 1932 saíron variadas e boas comparsas destacándose Los locos
cantores.
En
1935 destaca unha nova comparsa infantil chamada Los Piratillos
Viaducticos dirixida por Pepito Bernárdez. Trala Gerra Civil
prohibiuse que a xente se disfrazara pero, cando menos en Redondela,
a xente seguiuno a facer. As forzas do orde tiveron que ceder ante as
tradicións do pobo, mais cando alguén saía da casa coa cara tapada
deseguida aparecían os gardas para quitarlle a máscara.
Ademais das
citadas anteriormente, outras comparsas famosas en Redondela serían:
Los Angelitos, Los Estudiantes, Las Madamas, Los Peperetes, Los
Postineros... Todas elas
cantaban cancións, algo parecido ao que se segue a facer en
Cádiz.
Durante
a
década
dos oitenta tentouse
recuperar a tradición de cantar e durante varioa anos as comparsas,
despois de desfilar polas rúas da nosa vila, subían a un escenario
na praza da Constitución a interpretar as súas coplas o domingo e o
martes, no que se daban os premios. Actuaba como presentador e gran
animador das festas, Xirelo,
sempre disfrazado de muller, daquela algo pouco usual.
Entre todas as comparsas citadas
cabe destacar a unha á que lle quedou pequeno o entroido e chegou a
actuar noutras datas:
Agrupación
Artística de Redondela.
Fundada
en 1933 ano
destacou no
entroido redondelán, sendo invitados a actuar en Vigo. A finais dese
ano xa contaba con preto de 50 compoñentes, chegando máis tarde a
64. En febreiro de 1934 actuaron en Ponteareas seguíndolle
Pontevedra, Marín, Tui e O Porriño. O inicio da Guerra Civil
levaría a disolver a rondalla.
En
1952, Félix Fernández e o músico Lino Muíños conseguiron
re-fundar a Agrupación Artística
Redondelana. Esta rondalla tocaba no
entroido coros a catro voces, pasodobres, fox-trot... Cantaban tanto
en castelán como en galego, algo meritorio dada a situación
política naqueles anos. Volveron
ás vilas nas que actuaran nos anos trinta, viaxando tamén a
Ourense, Ponferrada, Ribadavia... Apesares de ter unha axenda tan
completa a agrupación desaparecería en 1954.
1953 Agrupación Artística Redondelana Arquivo Alejo Amoedo cedida pola familia de Lino Muiños |
Outras agrupacións e coros históricos.
Arpegios.
Sociedade
fundada en abril do 1932 adicada ao fomento da música e o canto. En
xuño dese mesmo ano esta agrupación deleitou ao pobo de Redondela
cunhas serenatas que sorprenderon polo seu amplo repertorio e a súa
afinación. Ao ano seguinte tamén actuaría nas festas da Coca pero
case sempre as súas actuacións consistían en serenatas ás mozas
ou a familiares. Contaba cun local nos Eidos. Varios dos seus
compoñentes como Félix Fernández, pasarían logo a formar parte de
Agrupación Artística de Redondela.
Los Choqueiros, Último Cuplé e
Trío Carrascal.
Coros
de Redondela que en 1957 actuaron en Radio Vigo. Poucos días despois
Los Choqueiros e
Trío Carrascal
celebraron un concerto no Sanatorio Rebullón.
1957 Los Choqueiros, Trío Carrascal e Último Cuplé. Foto cedida por RoSMontero |
Outras agrupacións e coros actuais.
AMURON (Asociación Musical Ronsel)
Grupo
de Vigo con algún músico de Redondela. Tocan versións entre outros
de: Víctor Jara, Fuxan os Ventos, Carlos Cano, Víctor Manuel...
Formación: José
Ramón (voz, percusión), Francisco (voz, guitarra), Julio (voz,
guitarra), Juan (voz, contrabaixo), Rubén (voz, percusión), Carlos
(percusión, bandurria), José Carlos (bandurria, mandolina, violín),
Carlos (bandurria), Emilio (laúde, catro), Miguel (laúde, requinto)
e Alejandro (teclado, percusión, laúde)
Estudio Lírico.
Grupo de canto formado en Chapela e
que no 2013 pasa a formar parte da Asociación Cultural e Social de
Chapela.
Rondalla de Redondela
No
2010 presentouse no festival Meixón Music a Rondalla
de Redondela, coa intención
de recuperar as antigas cantigas da vila, principalmente da
Agrupación Artística Redondelana.
Trátase dun grupo de voces acompañado por bandurrias.
Discografía:
-...de toda a vida.
- Cantares 1953-54.
Rondalla de Redondela. Meixón Music 2010. Arquivo J.A .Xesteira |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Redondela. Crónica
gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
En Galiciana-Biblioteca
Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=>
El Áncora (Pontevedra), Almanaque Gallego (Bos
Aires), El regional diario de Lugo, El Correo de Galicia (Bos
Aires), La correspondencia gallega (Pontevedra), El Diario de
Pontevedra, El Eco de Galicia, Ecos del Distrito, Gaceta de Galicia
(Santiago), Heraldo Gallego, Hoja Oficial del Lunes (Vigo), La Idea,
La Idea Modernaa (Lugo), El Lucense, Marín, La Noche (Vigo),
El Noticiero de Vigo, El Progreso (Pontevedra), El Pueblo Gallego,
El Regional (Lugo), La
voz de la verdad, El ideal gallego,
La Integridad diario católico (Tui), Nova
Galicia
La Voz de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario