lunes, 24 de agosto de 2020

Deporte. Xogos tradicionais.

Emigrantes redondeláns en Portugal xogando aos bolos, 1910. Foto: Carrington-Vida gallega.
 
BILLARDA
          Xogo tradicional no que o Cesantes disputa a Liga Nacional Rías Baixas.

BOLOS CELTAS

          Cando menos ata os anos 20 e 30, do pasado século, tanto no concello de Redondela como no de Soutomaior, onde se segue a practicar, celebrábanse campionatos dominicais de ámbito comarcal que sempre remataban coa celebración dun baile.
           Eran organizadas por iniciativa particular como a que tivo lugar en outubro de 1926 no lugar do Carreiro de Padrón, na parroquia do Viso. Participaron equipos de Ventosela, Reboreda, O Viso, Cesantes, Arcade e Soutomaior, disputándose dúas medallas de ouro e dúas de prata, cedidas por un rico comerciante de Río de Janeiro que daquela residía no Viso. O campo fora reformado para a ocasión e tíñase previsto un establecemento de comida e unha banda de música. A finais dese mesmo mes na carballeira do Val, no veciño concello de Soutomaior, o concelleiro Valentín Fernández foi o promotor dun concurso. No escaparate do seu comercio exhibiu as medallas de ouro e de prata polas que ían competir equipos das mesmas parroquias que no concurso anterior.
Nun artigo de finais de 1928 dáse conta da organización doutro campionato no Viso.
Tamén se xogaba en Ventosela, onde en agosto de 1933, promovido por David López González, industrial desta parroquia, participaron equipos de Cesantes, Reboreda, Quintela,Ventosela e O Viso, gañando o único equipo foráneo, o Soutomaior.
En maio de 1934 celébrase un campionato por parellas. Entre os catro equipos finalistas atopábanse os de Cesantes e O Viso.
Na parroquia de Reboreda existía nun torreiro, entre bancos e xardíns, un lugar disposto para a práctica deste deporte tradicional. A toponimia danos unha idea da localización do terreo de xogo tanto nesta parroquia coma no Viso.


CHAVE
          A Chave é un xogo popular polo que é complicado establecer cando se comezou a practicar en Redondela porque os campionatos organizados non transcenderon aos xornais ata a segunda metade do s. XX. A primeira referencia que atopo é nos Xogos de Vigo de 1970, cando venceu nesta disciplina a S. D. Chapela (A Madroa). Ao ano seguinte debuta na liga local viguesa Los del Torreiro, tamén de Chapela. Actualmente este xogo segue a ter seguidores en Chapela e ata dispoñen dun campo na praia de Arealonga.
 
Equipo de chave da ADChapela, 1970. Foto: Gobar-El Pueblo Gallego
 Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia, Vida Gallega


No hay comentarios:

Publicar un comentario