jueves, 20 de agosto de 2020

Os libros de contas do Concello de mediados do s. XIX

S. XIX Oleo de G. Vivian. Convento de Vilavella. Foto publicada en
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

         O Concello de Redondela tal e como o coñecemos non se formaría ata 1835, ano no que se aproba definitivamente a abolición dos señoríos xurisdicionais, que no noso caso significaría a anexión de Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella. Certo é que houbera unha unificación precedente en 1822 pero o réxime señorial restauraríase ao ano seguinte. De Vilavella sabemos que pertenceu aos Cabaleiros Templarios e despois dun período con señor feudal sería doado por Enrique II en 1371 ao bispado de Tui, de aí que manteña durante séculos a súa independencia con Redondela, pertencente ao Bispado de Santiago dende a súa fundación a mediados do s. XII.
Para facernos unha idea da poboación da que estamos a falar nun censo de 1799: Redondela ten 300 habitantes, Cabeiro 40, Cesantes 250, Cedeira 170, Negros 38, Reboreda 400, Quintela 40, Saxamonde 170, Trasmañó 90, Vilar 40, O Viso 230 e Vilavella 120. Non aparece Chapela, que nesta época aínda pertencía ao arciprestado de Val do Fragoso e contaba con 80 veciños. Non sería ata 1820 que esta parroquia pasaría a formar parte de Redondela, trala aprobación dunha nova distribución en 47 partidos xudiciais por parte da Xunta de Goberno da provincia de Galicia. Tamén faltaría na relación Ventosela, que acababa de separarse de Reboreda en 1786, polo que é probable que os seus veciños engrosaran o número de veciños de Reboreda. Este feito unido a que varias das actuais rúas de Redondela atopábanse dentro dos lindes de Reboreda explica o porqué de que esta fora a parroquia máis poboada. Chegamos aquí a unha cuestión que debemos ter en conta ao falar destes anos, que sería o feito de que os límites parroquiais seguirán a sufrir modificacións ata principios do século XX.
         Este é un período convulso, saímos da guerra carlista e, pouco despois, a Raíña rexente María Cristina promulgou unha lei municipal que lle daría ás ao partido Moderado fronte ao Progresista. Isto provocou unha revolución que nomeou rexente ao xeneral Espartero, que tan só tres anos despois vese na obriga de disolver as cortes e exiliarse a Inglaterra. Na nosa vila, o 8 de outubro dese ano de 1843, os partidarios do xeneral respaldados polo alcalde e o xuíz de Primeira instancia conseguen que non se verifiquen as eleccións nas que presuntamente serían destituídos. Uns días despois, o 23 de outubro, tería lugar o alzamento de Vigo. Sen moitos apoios os redondeláns adictos á causa marchan á cidade olívica participando activamente na revolta, que non chegaría moi lonxe capitulando a cidade a principios de novembro. Todos estes acontecementos resúmense nunha inestabilidade política, que a nivel local tradúcese en sucesivos trocos ao fronte da alcaldía e en continuas acusacións de irregularidades nos gastos das contas municipais.
         Daquela as eleccións municipais consistían en que cada parroquia elixía un representante chamado elector, agás Reboreda e Redondela que escollían dous por ser as máis poboadas. Estes electores eran os que votaban a elección de Alcalde Primeiro, Alcalde Segundo, catro Rexedores e Procurador Xeral. En 1841, despois dunha reclamación houbo que repetir a elección do Alcalde Segundo e os Rexedores, mais dos quince electores con dereito a voto faltaron sete. Non semellaban moi interesados no tema poñendo pobres escusas, non contestando ao requirimento ou, no caso de José Puga y Sampayo, representante de Reboreda e párroco da mesma, deixando as cousas claras porque estaba nunha casa a carón do edificio onde tiña lugar a reunión e negouse a ir aducindo que: “habiendo salido de su casa sólo con chocolate se hallaba en ese momento atacado de una debilidad que le imposibilitaba concurrir pidiendo se le eximiese de hacerlo”.
         Entre os ingresos do Concello chaman a atención os arbitrios (impostos) que podían ser: da alfóndega, de pesos e medidas, do augardente e licores, do viño...
1842. “… que recibí de Juan José Molinos como arrendatario del arbitrio de un Real en Carro de los que transitan con tráfico por la calle de Villavieja...”
        Nalgún caso tamén se cita aos maiores contribuíntes que en 1837 serían: Dionisio de Táboas, Pedro Queimaliños i Evaristo San Pedro.
1891, Redondela vista general. Foto: Hauser y Menet. Biblioteca Nacional de España

Soldos
        Podemos diferenciar entre os gastos do Concello varias partidas máis ou menos fixas como serían os soldos do persoal. Entrarían aquí o médico titular da vila, Miguel de la Gándara, e os mestres: “ Antonio Sestelo... que con su mujer como maestros elementales de primeras letras”. Queda ven as claras o nulo papel da muller nesta época que nin sequera é recoñecida polo seu nome na súa nómina. Teñamos en conta que a nivel burocrático a muller era sempre representada por un home, xa fora polo seu esposo, pai, irmán ou representante legal.
       Aparecen tamén varios cargos curiosos como o “encargado do reloxo”, que sería neste período Juan Francisco Martínez, que en 1844 engade un gasto extra por ter que rectificar unha pezas xunto co ferreiro Eugenio Fernández. Ese mesmo ano tamén se paga ao “encargado do tambor de bandos” José Serín por anunciar un tedeum. En 1845 a “Manuel Cerin tambor por tocar a dos bandos, uno para el alistamiento y otro animando los días de sorteo en la actual quinta”.
Outros empregados do concello serían o depositario, o secretario, o alguacil e o porteiro.

Lactancia e cárcere
        Outros soldos aos que tiña que facer fronte o consistorio eran os das Nodrizas, mulleres que lle daban o peito aos nenos e nenas orfos. O número destes aumentaría considerablemente se comparamos os datos de 1835, 1841 e 1844. Estas partidas permítennos saber os nomes non só das mulleres, algunhas das cales repiten varios anos, se non tamén os dos nenos e nenas, así como a súa idade.
“… satisfechos a Juana Casal, de Cedeira, por la lactancia de una expósita que se le puso a su cargo en todo el año de 1835...”
1841. “A Manuela Garrido vecina de Villavieja por 3 meses de lactancia de un niño expósito llamado Carlos... A Juana Casal de Cedeira por 3 meses de lactancia a una niña llamada Paciencia... A María Figueroa de Cedeira por 3 meses de lactancia de una expósita llamada Rosa... “
1844. “ Lactancia a expósitos: A María Figueroa de Cedeira que lacta a Rosa de 5 años cumplidos por seis meses... A la misma por la lactancia de Narciso de exposito de edad de 8 meses por 5... A Juana Casal de Cedeira por la lactancia de María Paciencia de edad de 5 años cumplidos por 6 meses... A Josefa Docampo por la lactancia de María Manuela exposita de dos años menos un mês y medio por 6 meses... A Juana Otero de Redondela a Manuel Savino exposito de edad de 4 meses menos 3 días por 5 meses... A Manuela Garrido que lacta a Carlos exposito de edad de 6 años escasos por 6 meses... A María Rosa Rodríguez de Trasmañó por 6 meses de lactancia del expósito Nazario Manuel de edad de 6 meses la cantidad de... A Josefa Vieitez de Cedeira, por la lactancia del expósito Juan José de edad de 9 meses por 6 meses que vivió la cantidad de...”
        
        Nos datos anteriores omitín os das mulleres doutros concellos, porque daquela Redondela era un partido xudicial composto polos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Mos. Ao ser cabeza de partido cobrábase aos outros concellos por algúns servizos como o xa comentado da lactancia de expósitos e tamén polo do cárcere. Neste último caso o gasto era o do alumeado e o soldo dos gardas, pero tamén as obras para adecentar a mesma:
1833. “Recibí del depositario de Villavieja … importe de luz, leña y paja que han gastado de mi tienda para los presos y guarda... Antonio Milleiro”.
“… por el conocimiento de la escalación de la carcel que lo verifico el maestro Juan Fontan, com dos oficiales que ocuparon dos medios días, com mas un día que ocupó el Fontán en dirigir los oficiales...”
        Tamén existía unha partida para a atención médica, que incluía ao médico e ao boticario, e outra para axudar aos presos pobres, que coma os demáis gastos era xestionada polo Alcalde Carcelero, cargo que neste período desempeñaba Miguel García.

Relixión
         Outros cargos habituais era o das festas relixiosas afrontándose gastos por: a procesión do Corpus, o sermón de Coaresma, a festividade da Candelaria ou a festividade da Virxe da Concepción patroa do Concello. Tan só un ano antes da unificación do Concello (1835) había uns pagos máis xenerosos como: “el alumbrado diario del Santísimo Sacramento” ou“al cura párroco de esta villa por reparos de la ropa de la iglesia”; e tirando do fio:“al mismo cura párroco por atender a las ropas de la iglesia”. Tamén tiña a súa parte o “sacristán de la iglesia de esta villa por tocar las campanas en los sábados de todo el año para la concurrencia de las misas de la Concepción”.
         A Monarquía tamén traía os seus gastos: “... al Comisionado que entendió en la función celebrada en esta villa por el cumpleaños de la Reina Nª Sª Dª Isabel Segunda”, ”...por los fuegos artificiales en la función celebrada por los días de la Reina Nª Sª Dª Isabel Segunda”.
1898, Redondela vista xeral. Foto: La revista moderna
Outros pagos fixos
        Tamén se fan pagos pola subscrición ao Boletín Oficial de Pontevedra, Anales Administrativos ou ao Diario de Administración. Pagábase tamén ao partido de Tui polos arbitrios municipais e pola celebración dunha feira e mercado.
         Outra partida sería para as comunicacións así, por exemplo, podíase pagar á persoa que comunicase á capital de provincia o resultado do sorteo dos quintos (mozos que ían realizar o servizo militar) ou pola condución deses quintos á capital e en xeral das comunicacións urxentes, como no seguinte caso:
1844. “El depositario entregará a Manuela Crespo, vecina de esta villa la cantidad de... por 5 veces en 5 días que fue com pliegos al Sr. Jefe político... com el resultado de las elecciones para Diputados y senador... “
         Outros casos sería o do traslado de presos:
19-12-1842.... entregará a los Nacionales Antonio Barros, Benito Soto y Agustín Sánchez 30 r.v. Que deben haber por el Reglamento por el día de hoy y el de mañana... a fin de conducir a todo seguro al reo, D. José Bentura Álvarez, Presbítero, a la capital de Pontevedra, por orden del Sr. Juez en 1ª Instr. de este partido... para a espurgar su condena de rentas de causa formada...
          En canto aos pagos do material empregado no Concello permítenos coñecer o nome dalgúns tendeiros da vila e ata do xefe de Correos:
1845. “… a D. Antonio de Otero del comercio de esta villa … por papel común que ha suministrado para el gasto de este ayuntamiento y boletas de alojamiento...”
1844. “... a D. José Otero Administrador encargado de Correos de esta villa y su partido por el correo de este Ayuntamiento...”
Pagos extraordinarios
        O paso do exército supuña un gasto extra nos fondos municipais como sucedeu en 1842: “… entrego a Antonio de Otero de esta vecindad 74 reales por el importe de 8 arrobas de yerba y 3 ferrados de maíz que se dieron por raciones a los caballos que estuvieron en esta vila con Excmo. Capitán General”.
         En 1845 baixo o título “Gastos obligatorios de policía urbana” aparece: “por premios de muertes de animales dañinos...”. Semella que aquel ano os raposos atacaron os galiñeiros e o Concello promoveu a caza deste animal pagando 20 reais polos machos, 30 polas femias e 40 polas femias preñadas:
“A Francisco Antonio Landin vecino de Cabeiro por premio de la muerte de una zorra preñada, otra vieja libre, un zorro viejo y tres zorrillos... A Manuel Vicente Milleiro vecino de esta villa por la muerte de un zorro macho... A Juan Antonio Carballo vecino del Viso por la muerte de otro zorro... A Rafael Carballido vecino de Villar por la muerte de otro zorro... A Pedro Táboas vecino del Viso por la de otro zorro... A Francisco Blanco de idem por la de otro zorro... A José Agustín Pérez de Sajamonde por la de otro zorro... A Gregorio Pérez de Cesantes por una zorra preñada... Juan Alonso de Cedeira por una zorra... A Juan Manuel Costas de Quintela por otra zorra... A Manuel Alvarez vecino de Negros por una garduña o marta... A Jose Santorio vecino de Chapela la muerte de una zorra...”
        Lamentablemente esta lista veríase aumentada nos seguintes meses.
Os "sofás" na Praza Constitución, 1935. Foto publicada en
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

Obras
        Por último citar algúns pagos por obras e reparación das rúas:
1842. “… que satisface al maestro cantero Juan Fontán por la conclusión del enlosado de la plaza, sofás, guarda ruedas, puente y paredes de la plaza para la pescadería...”
        Este primeiro pago é moi interesante porque fala dos “sofás”, que fan pensar nos bancos de pedra que permaneceron na praza Constitución ata xuño de 1924 data na que o Concello acorda a súa retirada. Isto non sentou ben entre a poboación quen protestou, pero a decisión estaba tomada e os bancos foron substituídos por uns máis modernos de metal e madeira. Os “sofás” serían trasladados ao Paseo da Xunqueira ata a súa retirada durante as obras motivadas pola construción do parking. Tan só se salvou un banco que sobrevive solitario nun recuncho da Alameda. 
10-3-1842. Al maestro herrero Eugenio Fernández por cinco libras de hierro y su trabajo... Al maestro herrero de Villavieja por 6 libras de hierro y su trabajo... Al maestro herrero Robustino Tavoas por 8 libras de hierro y su trabajo...”
10-8-1843. “Juan Fontán, canteiro veciño do Viso, recibín do concello... para hacer la cabada desde el hospital hasta Pousadouro...”
28-12-1845. “...a Ysidro Labadia por la colocación de 21 vidrios en las puertas y ventanas de la Casa Consistorial incluso masilla y su trabajo …
30-12-1845. “...a Andrés Arines carpintero... rectificación de la balaustrado del balcón de la Casa Consistorial”.
20-9-1846. Miguel Acuña, mestre Canteiro comprueba el estado de unas obras.”

Un dos "sillóns" na Xunqueira, nevada de 1961. Foto cedida por Sebastián Fdez.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
España_sagrada_theatro_geographico-histórico de la Iglesia de España. Tomo 22 e 23. Enrique Flórez. Madrid 1767 e 1799.
1767 De la Iglesia de Tuy desde su origen hasta el siglo décimo sexto
1799 Continuación de las memorias de la Santa Iglesia de Tuy

Biografías y vidas. https://www.biografiasyvidas.com/biografia/e/espartero.htm

Congreso de los Diputados http://www.congreso.es

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Centinela de Galicia (A Coruña)

BOE-www.boe.es => Gaceta de Madrid,
Boletín Oficial de la Provincia de Guadalajara, Boletín de noticias
Internovas
Deputación de Pontevedra. https://atopo.depo.gal/ => Contas municipais do concello de Redondela 1830-1837/1835-1840/1841/1841-1843/1843/1844. Expediente de eleccións municipais. Redondela (1841)
1924/06/27La Voz de Galicia
Aportes orais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario