domingo, 2 de agosto de 2020

Fútbol. Dirixentes, corpo técnico e colexiados.

Dirixentes

Foto:manquepierda.com
Pérez Martínez, Valentín (Cesantes, 18-02-1889 / Sevilla, 08-02-1953)
Industrial, propietario dunha empresa de transportes de viaxeiros. Presidente do Real Betis Balompié. Formaba parte da directiva do club ata que accedeu á presidencia en 1936, polo que lle tocou vivir a etapa da Guerra Civil. Co reinicio da liga e o Betis en Segunda, deixou o posto en 1940. Seguramente que tivo moito que ver na fichaxe do seu paisano Cabezo II polo club verdibranco para a tempada 1942-43. Foi un dos socios fundadores da Tertulia Cultural Bética, primeira peña bética fundada en 1932. Residiu en Sevilla ata o seu falecemento aos 64 anos.


Corpo Técnico
 
Foto: ceroacero.es
Juan José Solla Aguiar (Reboreda, 01/04/1975): Preparador Físico. Comezou a traballar como preparador físico dos xuvenís do R. C. Celta, de aí pasou ao Pontevedra (2ªB, 2006-08) onde coincide co adestrador Javi Gracia quen o incorpora ao seu corpo técnico, marchando con el ao Cádiz C. F. (2ªB e 2ª, 2008-10). Seguiría en 2ª pero xa como segundo adestrador do Villarreal B (2010-11). Na tempada 2011-12 volta ao cargo de preparador físico e fichan polo equipo grego Olimpiakos Volos, que disputa a previa da Europa League, pero é expulsado da competición por un escándalo de corrupción. En 2012 volve a España cun equipo de 2ª, o Almería, que acada o ascenso a 1ª. En 2013 pasa a outro primeira, o Osasuna. Nas dúas seguintes tempadas continuou na máxima categoría co Málaga C. F. (2014-2016) que a piques está de clasificarse para Europa. En 2016 segue a contar coa confianza de Javi Gracia co que marcha a Rusia para facerse cargo do FC Rubin Kazan. En xaneiro do 2018 chegan ao Watford e sen apenas fichaxes chegan a liderar a Premier League nas primeiras xornadas, rematando a tempada co sub-campionato na Copa. En 2020 outra vez en España, fichan polo Valencia C. F.

Twitter
Rubén Crespo (Saxamonde, 1986): Preparador físico. Iniciouse nas categorías inferiores do RC Celta e logo pasaría polo Pontellas. Emigrou ao Buriram United de Tailandia (2013-14). Despois dun ano en branco marcha a Rusia con Karpin ao Torpedo Armavir (2015-16). Sáelle unha oferta en Inglaterra e ficha polo Hull (2016-18), primeiro como readaptador e despois como preparador físico. O bo facer ábrelle as portas do Leeds (2018-), adestrado por Bielsa na First Division, ao grupo de traballo no que continúa como readaptador. Na primeira tempada escápaselle o ascenso, pero non na 2019-20, polo que xogará a Premiere na 2020-21.


 FacebookJose Antonio Coruxo
Jacobo Montes (Cesantes, 1978): Adestrador. Comezou adestrando ao Valladares de preferente. No 2015 veu ao CD Choco, equipo do que fora xogador, acadando a 4ª praza e conseguindo que o equipo xogara a promoción a 2ªB por primeira. Despois de pasar polo Alondras CF, que rematou 7º na 3ª. No 2017 ficha como segundo adestrador ao Coruxo FC de 2ªB. En maio de 2018 dimite o primeiro adestrador facéndose cargo do equipo, que salva a categoría nos últimos partidos. O club confía nel para a seguinte tempada, levando como segundo ao seu irmán Marcos Montes, quen o substituíra no CD Choco e que tamén levara ao equipo á promoción. O Coruxo loita pola promoción ata o final e ao remate da tempada os irmáns fichan polo Celta B. Neste equipo non saen ben as cousas e son despedidos en xaneiro do 2020. En xuño anúnciase a súa fichaxe polo C. D. Guijuelo, polo que continuarán na 2ªB.


Colexiados

         O 14 de xaneiro de 1958 o colexiado que debía dirixir un Celta-Español non puido chegar a tempo, pitando o partido un colexiado de Redondela (o nome non é citado nos xornais da época). A súa actuación foi tachada de caseira xa que o partido foi gañado polo Celta por 1-0 con gol de penalti. Máis escandaloso debeu de ser o acontecido en outubro do ano seguinte, cando o Xuvenil de Ponteareas queixouse por perder un partido contra o C. D. Choco que fora arbitrado polo señor Villasante, residente en Cesantes.


Programa de festas do Viso
Jesús Bastos Martínez (O Viso, 1964): Colexiado. Ascendeu á 2ªB en 1995, cando unha folga dos colexiados de 1ª e 2ª propiciou o seu debut na máxima categoría dirixindo un Real Valladolid-Athletic de Bilbao na tempada 1997-98. Logo regresaría a pitar en 2ªB ata 2005, coa excepción da 2003-04 que dirixiu encontros de 2ª. Neste período compaxinaba a arbitraxe coa función de xuíz de liña en 1ª, que exerceu ata a súa retirada no 2008.


 




Diario Deportivo.
Elena Casal Fernández (Rande-Cedeira, 1988): Iniciouse no mundo da arbitraxe con 15 anos. No 2017 acadou o ascenso a pitar na Primeira Nacional feminina e na Terceira División masculina. O 14 de setembro do 2017 formou parte do primeiro trío arbitral totalmente feminino nun partido de 3ª en Galicia, concretamente un Ribadumia-Boiro.








 Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Programa da Festa da Nosa Señora dos Dolores da Teixeira (O Viso) 2004.
Enciclopedia Galega da emigración- Lois Pérez.
Galicia
Faro de Vigo
La Voz de Galicia
Atlántico Diario
Marca
La Gaceta de Salamanca
manquepierda.com
ceroacero.es
Comité Técnico de Árbitros (RFEF)
Diario Deportivo








No hay comentarios:

Publicar un comentario