lunes, 10 de agosto de 2020

Fútbol Sala

Redondela FS campión de 1ªprovincial en 1989. Faro de Vigo

Fútbol Sala. Equipos
 F. S. Redondela. Equipo fundado en 1986 e que na tempada 1988-89 disputaría a fase de ascenso a División de Honra (NOTA: En 1989 unifícanse ás dúas federacións existentes formándose unha liga formada por 48 equipos que se irá reducindo nos anos seguintes). Nos 90 chegou a xogar na Nacional A e na actualidade disputa a Liga Galega Autonómica. 

F. S. Redondela, principios anos 90. Foto cedida por Charly Muíños
           Foi o primeiro club de Redondela en contar cun equipo federado feminino, aínda que de xeito intermitente ata que no 2015 volta a crearse en categoría sénior e cadete. 
F S Redondela, 1º equipo feminino sénior

           No 2014 na IV Gala da FGFS, recibiu dous premios, o de equipo menos goleado e o de mellor adestrador galego, na persoa do vigués Julio Mougán. Como éxito da canteira destacar que na tempada 2016-17 a Selección de Vigo alevín venceu no Campionato Galego de Seleccións Comarcais, aportando este club aos xogadores Antón Pérez, Iago Montero, Álex Migueles e o adestrador Álvaro Gil.

Outros clubs federados cos que contamos serían:
Arealonga F. S. Creado por Iván Vázque Figueroa en Chapela no 2003. No 2014 disputa a Autonómica grupo norte. O seu equipo feminino venceu na liga local de Vigo 2005-06. Na actualidade conta cuns 130 deportistas.
Arealonga F.S., cara a 2014 Foto publicada por Radio Municipal de Redondela

Campito F. S. Equipo de Chapela creado no 2011. Campión provincial na tempada 2013-2014. No 2014 comeza a competir na Autonómica grupo sur onde coincide co F. S. Redondela.
Campito F.S. Autonómica 2014-15. Facebook do clube

A estes tres equipos habería que engadir o xa desaparecido Centro Recreativo Cultural de Redondela. O seu equipo feminino vencería na Compostela Cup 2008, recollendo o trofeo Ana Castellano e sendo proclamada mellor xogadora Uxía González.
CRC Redondela, 2008. Foto www.deportedevigo.com


Fútbol Sala. Xogadores Históricos.
Nos 80 varios xogadores de Redondela ficharon polo Celulosas F. S., de Pontevedra, tres pertenceran ao C. D. Choco: Javier Pazos Docampo (Vierichi), Nolichi, Richard; e un fora porteiro da S. A. R., Ernesto González González (Nesto). En 1989 este club pasaría a chamarse Rías Baixas FS, inscribíndose na división máis baixa, na 1ªB, e ascendendo a División de Honra na 1994-95. A nivel individual, Nesto gañou o Campionato de España coa selección galega, sendo considerado Mellor Porteiro Español do ano. Retirándose tralo ascenso do equipo á División de Honra. 
 
Rias Baixas 1994-95, ascenso a División de Honra. Marcos, Vierichi, Nesto e Jorge Alberto.  Foto:davidacevedolopez.blogspot.com
O primeiro en disputar a máxima categoría sería:
Marcos Ferreira (Redondela, 1970): Como os anteriores formado no C. D. Choco. Na tempada 1994-95 ficha polo Rías Baixas de Pontevedra. Nesa mesma tempada acada o ascenso a División de Honra, na que permanece varias tempadas con este equipo ata a súa retirada.
Corpo Técnico
Jorge Alberto García Argibay dirixiu ao equipo pontevedrés Celulosas FS na tempada 1988-89. Regresaría a facerse cargo deste equipo (xa baixo o nome Rías Baixas) en 1994, tomando o relevo doutro redondelán, José Suárez.


Fútbol Sala. Xogadores Actuais.

Foto: ceroacero.es
Juan Puertas Bouzón. (Ventosela, 4-12-1979): Ala pívot. Os seus primeiros equipos foron Carballino F. S. (2001-04), Ourense F. S. (2004-05) e Acetol Tucan (2005-06), co que ascendeu á División de Prata. Na tempada 2006-2007 acadou o ascenso á División de Honra co Leis Pontevedra. Con este equipo debutaría na máxima categoría na tempada seguinte sendo o máximo goleador do equipo. Na  2008-2009 fichou polo Carnicer Torrejón. En xullo de 2009 pasaría ao Lobelle de Santiago, disputando as finais de Copa e Supercopa. Na 2010-2011 xoga 30 partidos e marca 10 goles co Talavera F. S. A seguinte tempada deixa a División de Honra para tentar o ascenso co Oxipharma Granada (2011-2012). O obxectivo se cumpriu pero problemas económicos acaban co soño da máxima categoría. A liga comeza e atópase sen equipo así que xoga co Mosteiro Bembrive de 2ªB para non perder a forma.
          En decembro do 2012 é reclamado polo que fora o seu adestrador no Oxipharma, Bruno García, e anúnciase na prensa a súa marcha ao equipo chino Changchun Fengyum, pero a fichase non se chega a concretar por problemas co patrocinador e remata a tempada xogando co Levante de 2ª. En 2013 ficha polo Jeréz F. S. de 1ª División. Para a 2014-15 volta ao Levante, que nesta tempada disputa a 1ª División. Marcha daquela a Italia chamado polo técnico vigués Ramiro López, acadando o ascenso á máxima categoría co ASD Carrè Chiuppano, no que coincide con Daniel Iglesias. Para a seguinte tempada, segue ao mesmo adestrador ata Kuwait, onde forma aos seus 35 anos co Kuwait Sporting Club, un dos mellores equipos do país. 
         En 2016 volta á nosa vila, fichando polo Redondela F. S. ata a apertura do mercado de inverno, indo ao Gran Canaria F. S. En 2017 inicia outra aventura no estranxeiro, desta volta a Croacia, ao Nacional de Zabreg. Este proxecto, co equipo clasificado para disputar a Champions, remata con impagos de salarios e o presidente desaparecido, polo que decide regresar en decembro. Outra vez na casa, en febreiro do 2018, intégrase no Redondela F. S. para pouco despois marchar a Vietnam para reforzar ao Cantho Catfish, nun campionato de dous meses no que o club se proclama vencedor. En xullo, este xa veterano xogador, ficha polo segunda Noia Portus Apostoli. En 2019 diría adeus ao fútbol sala profesional.


FotoASD Carrè Chiuppano
Daniel Iglesias Núñez (Redondela, 13-1-1984): Procedente do mundo do fútbol formouse nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Xa no futbol sala, marcha a probar fortuna en Italia xogando no Petrarca Padova (2003-04), Atletico Arzignano Cornedo (2004-05), Unichimica Cornedo (2005-06), Castelli Montecchio (SerieB, 2006-08), Carrè Chiuppano (C1 ascenso e mellor xogador, 2008-09), Came Dosson (2009-12) e Atletico Arzignano Cornedo (2012-13). Na 2013-14 regresa ao ASD Carrè Chiuppano, co que na seguinte tempada acada o ascenso á máxima categoría, tendo como compañeiro ao tamén redondelán Puertas e ao adestrador Ramiro López, que marchan a finais de tempada. Pola súa banda continúa outro ano máis e con él o porteiro vigués Alberto Fernández, pero o equipo descende e abandona o club. Na 2017-18 continúa en Italia co Città di Thiene e na 2018-19 no FCD Sporting Altamarca Futsal da Serie B.

Fútbol Sala. Xogadoras
Anteriormente á creación de equipos femininos en Redondela a única xogadora que xogou en equipos federados foi Mariló Ferreira Bemposta que, como dixemos no apartado anterior, compaxinou este deporte co fútbol. Xa veterana, na tempada 2017-18 xoga en 2ª Nacional co equipo O Fisgón, de Marín, equipo no que continúa en 2020. Tamén exerce como adestradora do Redondela F. S.
Destacar tamén a Ana Gonzalez Rivera, porteira del CRC Redondela que gañou o Campionato de España Cadete Femenino 2006 coa selección galega e que, como vimos anteriormente, tamén se pasou ao fútbol.
Andrea. vigoalminuto.com
Andrea García Lago. Ala zurda. Formada no Campito FS. No 2016 recibiu un diploma ao mérito deportivo despois de caer en semifinais no campionato de España infantil coa selección galega. No 2019, agora xa na categoría Sub-19, segue a ser convocada pola selección autonómica. Pasou polo Poio FS B, Fisgón FS de Segunda e no 2019 ficha polo Ourense Envialia B, tamén da Segunda División.




 Valores de Futuro
Pablo García. Pablo García Lago besoccerapps.com
Pablo “Pachu” García Lago (Redondela, 26/10/2000): Ala. Formado no Campito F. S., do que pasa ao Vigo 2015. Selección Galega Sub-19. No 2018 ficha polo xuvenil División de Honra Levante UD FS, gañando a liga na súa primeira tempada. Marcar 27 goles en 13 partidos válelle para ser convocado pola Selección Valenciana.
Eduardo González Ricón, Edu González”. xogador alevín do F. S. Redondela, proclamouse subcampión de España de seleccións autonómicas 2015. Pasouse ao fútbol, concretamente ás categorías inferiores do R. C. Celta.
Diego Somoza, do Campito F. S. proclamouse con 14 anos campión de España coa selección galega no ano 2014, sendo o máximo goleador do campionato. Pasouse ao fútbol.
Antón Pérez Rodríguez, porteiro do Redondela F. S., foi campión de España coa Selección Galega alevín no 2016.

Fútbol Sala. Campionatos afeccionados celebrados en Redondela.
          En decembro de 1965 disputouse na Xunqueira o I Trofeo S. A. R., primeiro campionato na vila do daquela novo deporte. Tan só se inscribiron catro equipos: S.A.R., The Boys, Wonder e Residencia Santo Domingo.
En 1974 comezou a organizarse o Mundialito da Xunqueira por iniciativa de José Jaime Pérez Alfaya "Picho" e Alberto González Figueroa. A peculiaridade deste campionato é que se xoga con valados, que foran colocados para a práctica do hóckey patíns como veremos máis adiante. O motivo polo que é coñecido como “Mundialito” está nas primeiras edicións, nas que os equipos participantes recibían os nomes das seleccións que non se clasificaran para o Campionato Mundial de Fútbol (Tahití, Congo, Zaire... ). A organización era moi diferente á actual. Daquela non se inscribían os equipos, se non os xogadores, que pagaban unha cota para financiar as camisetas e os demais gastos que houbera. Cada xogador era catalogado pola súa valía (bo, regular ou malo), para así sortear en que equipo xogaría cada un e asegurar a igualdade. Na primeira edición participaron 4 equipos e en 1980, xa eran 20. No 1982 Generoso Muíños (Gene) creou o Campionato Infantil, Alevín e Promesa, que en edicións posteriores tamén contaría con categorías femininas.
1981 Goyla Foto cedida por Juan Carlos Rodríguez
En 1979, coincidindo coa festa da Coca, organízase por primeira vez, o xa desaparecido, Trofeo Concello de Redondela. No 1984 enfrontáronse os campións das ligas de Redondela, Vigo e Pontevedra e unha selección de Redondela.
           O Campionato 24 horas, comezou a celebrarse en 1.981 durante a Semana Santa no pavillón de Redondela e dura tres días. Nos seus mellores anos se apuntaban tantos equipos que algúns quedaban fora. A participación iría a menos ata o punto de non celebrarse no 2018 por non chegar ao mínimo de 15 inscritos. 
Coca Sport, campión Marathon 1986. Foto: cedida por Charly Muíños.
 
           En 1982 iniciouse a organización do Campionato de San Bernardo (Cedeira) na pista da escola. Nos seus inicios tan só podían xogar os residentes nesta parroquia e os equipos formábanse por barrios. Foi o primeiro torneo en contar con competición feminina, celebrándose por primeira vez en 1983 con tan só dous equipos, nos seguintes anos aumentaría o número pero co tempo deixaría de celebrarse.
Cedeira, campionas anos 80. Foto: cedida familia Alonso Acosta
Tamén nos anos 80 comezou a celebrarse a Liga Local, coñecida tamén como Liga de Inverno. Chegou a contar con máis de trinta equipos divididos en 1ª e 2ª división. Nun principio xogábase tan só no pavillón de Redondela e, posteriormente, tamén nos de Chapela e Reboreda.
Outros campionatos que se celebran na vila serían: 24 horas de Chapela, Campionato Campito, Liga de Verano de Reboreda, Torneo de Fútbol sala de Chapela, Torneo Eduardo González Pajuelo...

 Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.
Liga Nacional de F. S. http://www.lnfs.es
Farodevigo
Diario de Pontevedra
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego
Arealonga F. S. arealongafschapela.com
Facebook>ASD Carrè Chiuppano Alto Vic
davidacevedolopez.blogspot.com




No hay comentarios:

Publicar un comentario