1900, 28 de xullo. Na chalana “Enriqueta” de Soutoxusto, José Amoedo Campos, Mercedes Amoedo, Josefa Amoedo e Josefa Táboas; volvían de San Adrián de Cobres. Ás oito da noite levantouse un forte vento do norte e a barca comezou a facer auga e non avanzaba. Quixeron regresar a terra pero na manobra a chalana envorcou caendo os catro á auga. Así permaneceron dúas horas, collidos ao bote e nadando, ata que dous botes acudiron ás voces de auxilio recollendo a tres dos náufragos. O cadáver de Mercedes Amoedo aparecería despois na praia de Soutoxusto. A moza contaba con 24 anos e mantiña relacións co seu curmán José que a acompañaba e co que ía a Tui para xestionar a dispensa para casar o mes que ven.
1901, 13 de febreiro. Onte houbo manifestacións en defensa do xeito en Pontevedra, Redondela, Baiona e Porto do Son. Nas Rías Baixas tan só son partidarios do uso da traíña Vigo e Bouzas.
1901, 18 de febreiro. Os patróns de Redondela protestan contra a calumnia que dende Vigo telegrafaron aos xornais de Madrid, asegurando que se recrutaba xente para manifestarse nesta provincia, cando excepto uns cantos traficantes, todos desexan a prohibición das traíñas. O que si pode asegurarse é que as manifestacións dos traiñeiros e o peche de tendas de Vigo, foi un ridículo fracaso. Asinado: José Núñez, Manuel Míguez, Germán Míguez, Juan Rodríguez, Victoriano Lago, Isidro Rodríguez, José Domínguez, José Bas e José Avial.
1901, 28 de febreiro. Por negarse a pagar os dereitos de consumo do pescado importado nesta vila, moitas vendedoras se apostaron fronte aos fielatos dirixindo graves insultos ós empregados durante tres horas. A orixe do conflito é a pugna na que se atopa a Compañía Arrendataria co Concello, que obriga a aquela a extremar os medios de recadación para reunir a cota mensual. Coméntase desfavorablemente a conduta das autoridades por non previr o conato de motín. En previsión de que poidan ocorrer novos desordes chegaron sete parellas da garda civil mandadas por un tenente.
1901, 12 de xullo. Procedente de Portugal chegou en tren a Vigo o fogoneiro do vapor México, Bernardo Nantes, de Chapela. Este confirmou que 8 horas despois de saír de Lisboa, por mor da néboa o barco bateu contra as rochas abríndose unha gran vía de auga que obrigou a abandonar a nave á tripulación e aos pasaxeiros.
1901, 07 de Outubro. Invitados polo ex-presidente do Congreso, Sr. Marqués de la Vega de Armijo, visitaron o castelo de Soutomaior o ministro de Mariña, o senador Sr. Marqués de Riestra e o deputado a cortes por Redondela Francisco de Federico. Ao regresar atoparon en Arcade unha manifestación de máis de 200 mariñeiros de Redondela que solicitaron ao ministro a prohibición da traíña dentro das rías.
1902, 24 de Xaneiro. A explosión da lancha armada “Cóndor” ocorreu preto da praia do Samil, falecendo no acto dous maquinistas naturais do Ferrol. Entre os feridos atópase o mariñeiro Andrés López Rodríguez, de O Viso (Redondela), con queimaduras no corpo e contusións. Coa explosión, algunhas das vítimas lanzáronse ao mar e outras caeron nel, sendo recollidas polas traíñas que alí pescaban. O "Cóndor" foi remolcado por un vapor que recolleu aos feridos trasladándoos ao “Temerario”. Deste pasaron ao hospital militar, trasladándose os feridos en angarellas da Cruz Vermella. Polo relato que fixeron os salvados resulta que a explosión foi da caldeira e dun dos pañois, quedando o barco esnaquizado e desarmado completamente. O comandante quedou colgado dunha corda, de onde o recolleron despois de largo rato de estar alí. Tres vapores de pesca conduciron os restos do “Cóndor” á praia do Areal.
"O Cóndor" trala explosión. Foto cedida por Chelo Lago |
1902, xuño. Semella que intencionadamente, queimaron na praia de Cesantes un aparello de arrastre do patrón coñecido por “Mazaricos”.
1904, setembro. En Redondela recibiuse a noticia de que en Montevideo faleceron afogados seis mariñeiros naturais de dita vila.
1904, decembro. A traíña Paulina do porto de Tirán envorcou máis alá das Cíes. Os 19 tripulantes asíronse á embarcación e así permaneceron durante hora e media, ata que foron socorridos pola lancha Alvarado, de Redondela. Lograron salvar a 15 náufragos, xa que tres afundiron antes da chegada de axuda e outro foi recollido en tal mal estado que faleceu antes de chegar a terra.
1905, 10 de xullo. Un raio caeu sobre a lancha de Chapela Antonio con 10 tripulantes, falecendo 3 deles: Andrés López Gómez, de 20 anos, fillo de Manuel e Peregrina; Benito Lago Rodríguez, de 20 anos, de José e Peregrina; e Constantino González Otero, de 16, de Vicente e María, sendo os tres solteiros. O barco comezou a facer auga e afundiuse de costado. Os superviventes quedaron sen sentido durante uns minutos e ao espertar lanzáronse ao mar poñéndose a salvo nas illas Cíes de onde foron rescatados. Outro raio matou a un mariñeiro dunha traíña de Cangas.
1906, 06 de novembro. Concedeuse a Andrés Gómez Rodríguez e Benita Cabaleiro Suárez, de Chapela, pais do mariño Manuel Gómez Cabaleiro, a pensión anual de 182'5 pesetas.
1906. decembro. Xunto a outros mariñeiros de Vigo, foi multado Cándido Ballesteros, de Chapela, por pescar co aparello de arrastre, chamado bou, dentro da ría.
1907, novembro. Todas as traíñas de Redondela colaboran con 25 pesetas cada unha para aumentar a subscrición para socorrer ás familias dos 12 mariñeiros que naufragaron na ría de Aldán.
1908, decembro. Na praia do Areal (Vigo) foi atopado o cadáver de Ángel Piñeiro Lago de 19 anos, sendo recoñecido polo seu pai Benito Piñeiro Casal, veciño do lugar de Leitona en Chapela, acompañado por outro fillo e pola súa cuñada. O finado formaba parte da tripulación da traíña Puerto Rico, patroneada por Francisco Puch Gómez. Esta embarcación estivera a noite pasada descargando sardiña na rampla da fonte do Galo con destino á fábrica de Antonio Alonso. Ángel esvarou ao subir a bordo caendo a auga e afogando por non saber nadar.
1909, abril. Desestimouse un expediente instruído a instancia de varios veciños de Vigo, Cangas e Redondela; e os portos de Moaña, Teis e Chapela solicitando a prohibición da arte de pesca denominado "tarrafa".
1909, xullo. Desapareceu un mariñeiro do acoirazado alemán Barbarossa. O conserxe do lazareto de San Simón telefonou ao director do achado da súa roupa na illa onde desembarcara a tripulación, créndose se bañou e faleceu afogado. O Sr. Zabaleta ordenou dar todo tipo de facilidades aos alemáns nas tarefas de rescate. Despois de probar con redes, garfos e buzos ofrécese un premio en metálico á embarcación que atope o corpo.
1909, novembro. Ente os tripulantes da traíña General Rubín, de Redondela e a de Cangas número 1.970, ocorreu unha colisión á altura do baixo A Borneira, resultando 8 mariñeiros de Redondela con contusións. Ao altercado sumáronse as tripulacións doutras traíñas de Cangas que pescaban preto, rematando o suceso con varios detidos no cárcere de Cangas. Os redondeláns deberon prestar declaración ante o xuíz instrutor da Comandancia de Vigo.
1910, decembro. O vapor “Juanito” naufragou na praia de Ericeira, preto de Lisboa. A mar grosa e a perda do rumbo pola néboa foron os causantes. As 25 persoas que ían a bordo arribaron á praia nos botes salvavidas e na lancha da sociedade de Salvamento de Náufragos de Lisboa. Once dos superviventes naturais de Redondela, Vilagarcía e Xixón foron auxiliados pola Alcaldía de Tui que pagou a súa viaxe en ferrocarril.
1911, marzo. Nestes días embarcaran para diferentes puntos de América, numerosos mariñeiros da localidade, que deixan o pobo ante a imposibilidade de poder atender á súa subsistencia e a das súas familias. Das oito compañías de pesca, tan só quedarán catro, habendo repartido cantidades moi reducidas en comparación con anos anteriores.
1911, 29 de outubro. A causa do forte temporal reinante, envorcou unha lancha de pescadores fronte ao lazareto de San Simón. Ía tripulada por un padre e dous fillos, perecendo afogado o menor deles.
1912, 16 de xuño. Manifestación en Vigo de mariñeiros de Chapela, Aldán, Redondela, Vilariño, Moaña, Cangas e Teis; e de obreiros das fábricas de conservas. Os manifestantes entregaron á Alcaldía e á Comandancia de Mariña as seguintes peticións: Prohibición da pesca da ardora, castigo do emprego de explosivos e outras procedementos de pesca ilícitos e autorización das tarrafas nas rías.
1912, 22 de xuño. As protestas das tripulacións das traíñas contra a ardora e as motoras a vapor remata en Vigo coa carga dos gardas de seguridade cos machetes e dos municipais cos sables. Calcúlanse en cen os feridos, dos que os oito máis graves foron atendidos na Casa de Socorro de feridas de sable en brazos e costas. Entre estes últimos atopábase Francisco Rodríguez Vázquez, de Chapela.
1912, 05 outubro. Procedente de Río de la Plata e con escalas en Brasil e Lisboa, chegou a Vigo o transatlántico Aragón da Mala Real Inglesa. Durante a travesía faleceron dous pasaxeiros de enfermidade común: o pasaxeiro de terceira clase José Pérez, de oficio fogoneiro e natural de Chapela, e un neno de corta idade fillo dun matrimonio que viña a Vigo en primeira clase. Os dous cadáveres foron arroxados ao mar.
1913, 27 de marzo. Ao saír de pesca uns mariñeiros desta vila faleceu un deles chamado José María Rodríguez Queimaliños. Parece que a causa foi unha “angina de pecho”.
1914, 20 de decembro. En Vigo o vapor Santo Domingo, que navegaba sen luces, chocou co barco de pesca Peral. As dúas embarcacións afundiron, falecendo sete tripulantes do primeiro e tres do segundo. Entre estes últimos atopábase o mariñeiro José Araújo, de Chapela.
1916, 12 de febreiro. Un refacho fixo envorcar a lancha “Oquendo” a dúas millas de Cabo Home. Era propiedade de Fermín Milijosa do porto de Redondela e adicábase á pesca con jábega. Tan só houbo un supervivente, que subido á quilla foi rescatado pola motora “San José” de Cangas. Faleceron cinco homes: Calisto Fernández, patrón, casado; Manuel Nogueira, de 60 anos, casado con tres fillos dos que dous tamén están casados; Agustín Barros, de 36 anos, casado e con dous fillos; José Puga, de 20 anos, solteiro; e o mozo José Soutullo, tamén solteiro. Nos días posteriores as xentes do mar celebraron varios funerais e crearon unha comisión de axuda ás familias das vítimas.
1916, 23 de agosto. Uns nenos de Teis foron a bañarse a Chapela, á enseada coñecida como “Miña Casa”. Un deles mergullouse e non daba saído. Os outros nenos pediron auxilio, acudindo o pedáneo Rogelio Cabaleiro e o veciño José Pan, que tan só puideron sacar o cadáver do mar.
1916, 19 de setembro. Cando se atopaba preto do porto vigués no barco "Cirilo Amoros" iniciouse un incendio nunha das súas bodegas. Transportaba madeira polo que o lume se propagou axiña. Na súa axuda acudiron varios barcos pero ante a gravidade da situación as autoridades decidiron remolcalo ata o estreito de Rande. Alí foi apagado sen que chegara a afundir, mais sufriu serios danos. Poucos días despois sería levado a Vigo para reparalo.
1916, 27 de setembro. Denúnciase que o Cabo do mar de Redondela, reside en Vigo. Isto impide a axeitada vixilancia da praia de Cesantes, de onde se extraen carros de area e algas sen control algún.
1916, 18 de novembro. José Pazos Fernández, neno de Chapela de 11 anos, estaba na Riveira de Vigo con dous irmáns menores implorando a caridade aos barcos de pesca que chegaban. Querendo achegarse a unha motora, saltou a unha chalana, caendo ao mar e perecendo afogado.
1916, 27 de novembro. Entre Oia e A Garda naufragaron os vapores África e Hércules. Do segundo pereceron 19 dos seus tripulantes. O África traía unhas 60 cestas de peixe polo que a meirande parte dos seus ocupantes viñan na cuberta no momento do choque. Ademais, grazas ao rápido auxilio da motoras Europa e Maruja non faleceu ningún, atopándose entre os superviventes tres redondeláns: José Álvarez Iglesias, Luis Esteiro i Emilio Fervenza Puertas.
1917, 7 de setembro. Foi denunciada a chalana “Angelita”, de Chapela, por pescar de noite con boliche, carecer de rol e ter un folio suposto. Impuxéronselle dúas multas de 15 e 5 pesetas.
1917, 24 de outubro. Por carecer de rol foron multados os patróns das chalanas: “Otilia”, de Chapela; “Rosita”, de Cesantes; e “Jesusa”, de Chapela. Ademais foi sorprendido pescando con bou o bote “ San José”, de Redondela.
1917-decembro. Foron denunciados á autoridade mariña por pescar con bou, os patróns da traíña “Dos Hermanas”, de Cesantes, e a chalana “Vicenta”, de Rande. Recolléuselles o aparello para destruílo e a cada un se lle impuxo unha multa de 500 pesetas.
1918, 9 de xaneiro. Concedéronse subvencións de 2.000 pesetas aos “Pósitos” de pescadores constituídos en Teis, Redondela, Cangas e Cambados.
1918, 26 de xullo. Na Casa do Pobo de Vigo celebrouse asemblea dos Pósitos de Pescadores constituídos ata o de agora en Galicia. Asistiron representantes de Vigo, Teis, Redondela, Cangas e Cambados. Foi estudado o proxecto da Caixa Central de Créditos Marítimos redactado polo tenente Saralegui e aprobado pola xunta consultiva de navegación e pesca. Tamén se acordou o aprovisionamento de raba para a pesca de sardiña.
1919, 06 de abril. Os mariñeiros e as corporacións municipais de Redondela, Soutomaior, Pontesampaio e Vilaboa, enviaron unha comisión que lle entregou ao Comandante da Mariña de Vigo dúas instancias dirixidas ao Ministro de Mariña, pedindo que non se conceda a José C. Barciela autorización para construír un parque ostrícola na ría de Pontesampaio.
1919-agosto. Apareceu morto no dique Victoria Eugenia, do Arsenal, en Ferrol, o aprendiz fogoneiro do torpedeiro número 8, José Berdoner Fernández, de 21 anos, natural de Chapela. Suponse que ao regresar a bordo as dez da noite trabucou o camiño e caeu ao dique que estaba seco.
1919, 02 de outubro. O Consello de ministros acordou a creación da “Caja Central de Crédito Marítimo”, o que produzo gran xúbilo entre a crase mariñeira de Redondela. Enviáronse múltiples telegramas de felicitación ás diferentes personalidades polo seu labor no logro deste centro que dará un novo pulo aos Pósitos de Pescadores.
1920, 07 de agosto. Maximino Suárez Vázquez de 18 anos, fillo de Crisanto e María, de Reboreda. Ía co seu irmán de 14, nunha chalana á fábrica “La Vidriera Gallega” na que traballaba, cando se lanzou á auga, falecendo afogado fronte á Portela.
1921, 14 de febreiro. Dous mariñeiros que regresaban a terra viron flotando preto da Telleira un cadáver. Resultou ser Ramón Bouzón, fillo de Rosa Bouzón e veciño de Cesantes. Padecía ataques epilépticos e crese que un deles o fixo caer a auga.
1922, xullo. Un neno que xogaba no recheo durante a marea alta caeu á auga, sendo salvado por Antonio Bernárdez Santomé quen se lanzou vestido.
1923, outubro. A motora propiedade dos señores de Gándara colleu máis de cen cestas de sardiñas, sendo vendidas en Vigo de sesenta a setenta e cinco pesetas a cesta.
1924, xullo. Os mozos de Redondela Jaime Serín, Manuel Bouzón, Rodrigo Lera, Tomás del Campo, Antonio Criado e Ramiro Lueiro, acordaron dar un paseo na popular barca “Xan Carallás”, propiedade do pai do primeiro. Como dita embarcación atopábase un pouco lonxe tomaron unha pequena chalana. Cando se separaron un pouco da terra comezou a entrarlles auga por un costado ameazando con afundilos. Finalmente envorcaron e estiveron a piques de afogarse.
1924, 27 de agosto. Onte atopábase pescando preto da Cíes o vapor “Arealonga”, propiedade do armador José María González, veciño de Chapela. Estoupoulle o tubo de nivel da caldeira, caendo a auga fervendo sobre o fogoneiro, Ángel Campelos Chapela, solteiro, de 36 anos, veciño do Cubillón (Angorén-Chapela). O patrón Paulino López, decidiu dirixirse a Cabo de Mar e de alí trasladouse ao ferido á Casa de Socorro de Vigo, onde se lle practicaron as primeiras curas, sendo logo levado nun coche de alugueiro á súa casa onde faleceu a causa das queimaduras.
1926, 31 de marzo. Ás dúas da tarde naufragou fronte a Moaña a traíña de Redondela “Ocho Hermanos” propiedade de Maximino Araújo, cando regresaba de pescar. Estaba patroneado por Benito Lago Docampo, solteiro e de 28 anos, e levaba como tripulantes a Juan Puga, casado de 26 anos; Benito Fernández, de 28 e tamén casado; e un mozo chamado Leonardo. A embarcación ía a vela cando un refacho de vento a fixo envorcar. Os mariñeiros asíronse á quilla pero un golpe de mar arrastrou ao patrón e ao neno que comezaron a nadar. Unha lancha de Meira e outra de Moaña acudiron a socorrelos, trasladando a Moaña aos dous mariñeiros e a Leonardo que fora recollido sen coñecemento, sendo reanimado no porto polo médico Antonio Covas e un farmacéutico. Polo patrón nada puido facerse, case un mes despois o seu corpo sería atopado á altura de Punta Rodeira por un vapor de pasaxe que saía de Cangas cara a Vigo.
1927. Chámase a atención das autoridades de Mariña do feito de que baixen carros do país á praia de Cesantes provoca que se mate a cría do marisco causando graves prexuízos a case todos os veciños desta parroquia.
1928, 26 de agosto. Na disposición que publica a Gaceta sobre portos, ordénase a creación de grupos de portos baixo a dependencia da Xunta Central, figurando entre outros o Grupo de Pontevedra, formado por: O Grove, Portonovo, Cangas, Moaña, Meira, Redondela, Panxón, Baiona e A Garda.
1928, 4 de decembro. Por infracción da Lei de Pesca o Comandante de Mariña de Vigo impuxo multas a dez mulleres de Cesantes, que por non poder pagar ingresaron ao cárcere do partido.
1929, 27 de agosto. Os mariñeiros deste pobo atópase alarmada porque, desde hai uns días, numerosos barcos andan a pescar con pistón e dinamita. O contramestre, señor Rica, tomou nota dalgúns destes barcos, dando conta á Comandancia de Mariña de Vigo.
1930, 11 de xaneiro. En San Sebastián o buque pesqueiro “Otoyomendi” sufriu un escape de vapor da caldeira, que provocou a morte do maquinista e feridas graves a catro mariñeiros. Un deles de Redondela, Carlos Bentuño de 25 anos.
1930, 30 de xaneiro. Naufraxio da lancha “Peonia” de Redondela. Faleceron os mariñeiros chamados Agustín Alfaya, o seu fillo Manuel, deixando muller e seis fillos; Víctor Puga Amil, deixa viúva e tres fillos; e Martín Villar Gómez, solteiro deixa nai e tres irmáns. Saíron das illas Cíes, onde estaban refuxiados por mor do temporal, pero non chegaron ao porto. A esta traxedia sumouse a doutros 4 barcos de Bouzas, entre eles o “Angel Manuel”, no que pereceu o redondelán Silvio Villar e o “Montenegro Nº7”, no que perdeu a vida o fogoneiro Benito Crisanto Otero Castro, de Chapela. A solidariedade coas familias das vítimas chegou axiña. En Redondela houbo numerosas doazóns tanto particulares como das diferentes sociedades, e organizáronse veladas teatrais e de boxeo. A Sociedade de Mariñeiros costeou os funerais. Pola súa parte o deputado a Cortes, José Barreras Massó desprazouse a Madrid na procura de axudas.
1932, 02 de xuño. Os mariñeiros de Redondela decláranse en folga, para reivindicar a mellora das bases de traballo.
1933, 15 de setembro. Dende hai tempo quéixanse os veciños de Cesantes de que se permite extraer area da praia. Ademais ao permitir o paso de carros pola praia coa baixamar destrúese a cría do marisco. A retirada de carros cargados de area permite o avance do mar, que vai tirando cos muros das fincas.
1934, 11 de maio. Os carabineiros do porto de Redondela José Barral, Maximino Avila e Francisco Carrión, auxiliados polo axente de vixilancia de Pesca e Bernardino Rodríguez, realizaron a noite do pasado día 8 do actual un importante servizo sorprendendo un contrabando de tabacos, nas proximidades do Lazareto
de San Simón. Aprehenderon quince vultos contendo sete mil trescentos paquetes de cigarros norteamericanos, cen botes do mesmo xénero, duascentas latas dos mesmos cigarros. O valor do tabaco calcúlase de corenta a cincuenta mil pesetas. O contrabando viña nunha gasolineira sen folio, nin número, auxiliada por unha embarcación denominada «Manuel» de matricula de Vigo. Os contrabandistas ingresaron no cárcere. Parece que o contrabando foi desembarcado dun barco inglés que días pasados estivo no porto de Vigo.
1934, 4 de xullo. Cando se bañaban na praia de Cesantes, os irmáns Juan
e Casto Pérez Otero, avanzaron demasiado mar adentro, véndose arrastrados. Ós gritos de auxilio, lanzouse á agua Francisco Pérez Miguel, que conseguiu salvalos dunha morte certa, cando xa un perdera o coñecemento. Solicítase unha recompensa para Pérez Miguel polo seu heroico comportamento.
1934, 14 de decembro. Á altura de Cabo Silleiro atopábanse pescando os vapores con matrícula de Vigo “Rafael Palacios” e “Marina” , cando unha gran ola arrebatou da cuberta do segundo a un dos tripulantes. O desaparecido é Antonio Rafael Cabaleiro González, veciño de Chapela de 30 anos, que deixa viúva e dous fillos de curta idade.
1936, 31 de maio. Folga dos mariñeiros da Ría de Vigo, secundada por algúns de Pontevedra, pola baixada dos prezos en lonxa provocada pola perda de mercado internacional das conserveiras. Os piquetes no paso a nivel da Pantalla (Cesantes) paran os camións que traen mercadorías para as conserveiras dende os portos da provincia de A Coruña. O peixe foi ciscado polo chan, agás unha parte que foi repartido entre os máis necesitados.
1937, 31 de maio. Un tripulante da lancha "Cristina", Serafín Puga, de 13 anos e natural de Redondela, caeu ao mar fronte á praia de Rodas, nas illas Cíes. Apesares de ser auxiliado no acto, foi recollido cadáver polo tripulante da mesma lancha Manuel Serín.
1938, 7 de setembro. Preto das Cíes, cando volvera cargada de sardiñas e por mor dunha vía de auga, afundiuse a lancha "Emilia", propiedade do veciño de Redondela Tomás Pazos. Por sorte a tripulación puido poñerse a salvo.
1946, 5 de xuño. Entre as rocas de Punta Chapelisa apareceu o cadáver dun home que resultou ser Victoriano Gil López, veciño de Chapela, obreiro, casado, de 37 anos. Dáse a circunstancia de que a súa muller recentemente deu a luz a tres criaturas.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Caderniños do Instituto de Chapela. X. M. González Fdez.
Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
Historia de las Rías. (2 Vol.) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra. -Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares.
Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net
Faro de Vigo
La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/
Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es
Galiciana => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia de Gallega, El Eco de Galicia, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego...
No hay comentarios:
Publicar un comentario