jueves, 5 de noviembre de 2020

Historias do Mar 2ª Metade do S. XX

 1950, 4 de setembro. Ingresaron na prisión de Vigo, Manuel Quinteiro García, veciño de Redondela, armador e patrón da embarcación chamada “Carmen”, coa súa tripulación por ser sorprendidos practicando a pesca con explosivos.


1950, 22 de agosto. Envorca unha lancha en Cesantes. Das máis de sesenta persoas que transportaba pereceron corenta e tres e 29 desaparecidas. A lancha motora, denominada "Monchiña" emprendeu o viaxe da illa de San Simón ó peirao da praia, levando a máis de 60 persoas da garda do Xeneralísimo que se trasladaban a Redondela para xogar un partido de fútbol co equipo de dita vila. Aproximadamente á metade do traxecto, un dos ocupantes da abarrotada lancha caeu á auga. Dada a voz de alarma, a lancha fixo un rápido viraxe, e ben sexa pola marusía existente naqueles momentos, ou porque un gran número de ocupantes apiñouse nunha das bordas, envorcou. Varios conseguiron salvarse manténdose sobre táboas ou sobre a quilla do barco, ou nadando, pero outros, por non saber nadar ou por non ter onde asirse foron ao fondo do mar. Algúns quedaron atrapados no camarote da «Monchiña», que en dez minutos afundiuse por completo. Prontamente acudiron os pescadores que en distintas embarcacións se encontraban naquelas augas, prestando rápido auxilio aos náufragos, logrando levar á illa a varios deles en estado de asfixia e que volveron á vida, grazas aos cuidados dos compañeiros que non foran na lancha e moitos deles lanzáranse en pequenas embarcacións en auxilio dos seus amigos. Ao lugar do suceso acudiron axiña o comandante de Mariña e outras autoridades, que dispuxeron as medidas oportunas. Igualmente acudiu o gobernador civil, Señor Solís Ruíz, xunto cos mandos provinciais, que foron a orar na capela onde estaban depositados os cadáveres e visitaron aos superviventes.

Recuperación dos corpos. Publicada en: As illas de San Simón e San Antonio.
"Monchiña". Recuperación dos corpos. Foto publicada en: As illas de San Simón e San Antonio.

1951, 14 de febreiro. Á altura do Cabo Espichel, o pesqueiro “José González Chao”, de Vigo, afundiuse ao ser abordado por unha cañonera da fiscalización portuguesa. A noite pechada provocou que a lancha de vixilancia se acercara demasiado para identificar o barco. Faleceron cinco dos trece tripulantes, entre eles, o fogoneiro Antonio Ballesteros, de Chapela, de 47 anos, casado e con tres fillos. Tamén de Chapela e fogoneiro, resultou gravemente ferido, o mariñeiro Manuel Cabaleiro, de 47 anos, casado e con cinco fillos, que ía durmindo no momento da colisión.


1951, 19 de novembro. O pesqueiro con matrícula de Vigo “San Fernando” propiedade do armador Sr. Rivero, residente en Chapela, afundiuse na costa portuguesa por unha vía de auga producida por un golpe de mar. Os catorce tripulantes foron rescatados polo pesqueiro de Bueu “Paradela”, tendendo cordas entre os dous barcos. Entre os náufragos, todos galegos, dous de Chapela, Juan Casal Casal e Juan Sotelo Bacelar.


Naufraxio do "San Fernando". Foto Valin- El pueblo gallego
Naufraxio do "San Fernando". Foto Valin- El pueblo gallego

1952, 30 de xuño. A Confraría de Pescadores de Redondela acordou aceptar a petición de Eduardo Portela Casqueiro, veciño de Cesantes, para a instalación dun viveiro fixo para cría e engorde de mexillón, no lugar denominado “Río das barcas”, parte Oeste da enseada de San Simón.


1955, 19 de Abril. Vigo. No porto do Berbés cando o buque «Masó 28», dunhas 180 toneladas, que estivera descargando peixe durante a noite, se desprazaba esta mañá ao inmediato peirao da Casa M. A R., para cargar xeo, bateu coa lancha pesqueira «Florencia», de 42 toneladas, tripulada por 16 homes, que se afundiu axiña. O «Maso 28» tentou manobrar para acudir en auxilio dos náufragos sen poder realizalo, debido a que as redes se lle enredaron nas hélices. Dúas embarcacións pesqueiras de Cangas e unha de Cesantes, “Nuevo Pepe”, que se atopaban preto acudiron en auxilio dos náufragos e lograron recoller a trece, que foron levados ao hospital da Cruz Vermella, onde foron asistidos de síntomas de asfixia, pois ningún tiña feridas. Os máis graves dos asistidos son: Alejandro Bouzón Martínez, de 21 anos de Redondela; Basilio Alonso Torres, de 30 anos, de Cesantes, e José Rodríguez da Costa, de 15, tamén de Cesantes. As autoridades de Mariña ordenaron a un equipo de buzos a busca dos desaparecidos e pouco despois lograron extraer a Manuel Lago Barros, de 34 anos, casado e con dous fillos, veciño da Nogueira, O Viso. Posteriormente rescataríanse os cadáveres de Aquilino Pazos, de 32 anos, de Cesantes, casado cun fillo; e Cándido Martínez Barreiro, tamén de Cesantes, de 18.

Supervivinte do "Florencia". Foto: Siorty-El Pueblo Gallego
Supervivinte do "Florencia". Foto: Siorty-El Pueblo Gallego

1956, 26 de xaneiro. Na Casa de Socorro de Vigo foron atendidos os patróns mariñeiros Juan Sobral Táboas e Florentino Millán Acebo, veciños de Redondela que atopándose en Guixar na lancha "Jesús del Gran Poder", da súa propiedade, incendiouse o motor ao acendelo. O primeiro sofreu queimaduras de segundo grao en cara, orellas e córnea en ámbolos dous ollos, e o segundo queimaduras de segundo e terceiro grao nas mans. Foron trasladados ao Hospital da Cruz Vermella.


1957, 28 de xuño. Unha embarcación inglesa, afundiuse nas proximidades da costa, pero, segundo a declaración entregada polo capitán, un individuo de Malta, o «Fury» transportaba cigarros americanos, whisky, sedas, nylon e artigos de perfumería. Os tripulantes eran case todos españois: Juan Caballero, de Redondela; Pedro Duque, de Málaga; Cristóbal Rodríguez, de Cádiz. A Policía sabe que algunhas destas embarcacións, procedentes de Tánger e que fondean no Tajo con destino a outros portos de Europa, transportan contrabando, aparte dunha carga mínima facturada para Lisboa.


1961, 26 de decembro. Un forte temporal iniciouse na mañá de onte. Sufriron importantes danos barcos bacaladeiros ancorados fronte a unha factoría de Rande.


1962, 02 de maio. Os mariñeiros Juan López Casqueiro e Leonardo Cabaleiro Cabaleiro, os dous de Cesantes, faleceron mentres pescaban con dinamita no barco “Reina del mar” no lugar coñecido como Lagoeira.


1963, 24 de abril. Chegaron a Lisboa por estrada procedentes de Cascáis, onde foron desembarcados, os tripulantes do barco español «Virgen de la Esperanza» que tivo unha colisión co buque sueco «Loviga Grothon». Entre eles atopábase o mordomo, Alvaro Solengas Pena, de 17 anos e veciño de Redondela.


1967, 9 de xaneiro. Os 39 tripulantes do cargueiro alemán «Arenberg », de 17.000 toneladas, de 160 metros de eslora e 20 de manga, que se incendiou ás once menos cuarto da noite do pasado sábado no Golfo de Vizcaia, chegaron o domingo ó porto lucense de Cilleiro, a bordo do mercante «Malchow», con bandeira da Alemaña oriental, que os recollera despois de que abandonaron o «Arenberg» envolto en chamas. Entre os membros da tripulación había oito españois, o resto eran alemáns e dous norteafricanos. Os nosos compatriotas levaban no buque alemán desde o mes de outubro do pasado ano, un deles era; Ramón González González, de 23. solteiro e natural de Redondela.


1969, 18 de marzo. Preto do cargadoiro de mineral, perderon a vida dous veciños de Redondela ao tentar evitar que unha batea da súa propiedade fora ao fondo como consecuencia do mal estado da mar. Juan Barciela Saavedra, de 60 anos, casado; o seu fillo José, tamén casado, e un amigo de ambos, chamado Eulogio Couto Alvarez, de 14 anos, dirixíronse na mañá do domingo, nunha lancha ata a batea co propósito de achicar a auga que contiña e evitar o seu afundimento. Para iso utilizaron un pequeno motor, que non puido desaloxar todo, o líquido. A batea deu a volta, afundíndose inmediatamente. Eulogio Couto puido asirse a un cabo do bote, pero os seus compañeiros foron arrastrados pola batea. Ás voces de auxilio que deu o mozo sobrevivente, acudiu un familiar, que logrou salvalo.


1970, 12 de febreiro. No dique do peirao de Chapela, en termos de Redondela, foi recollido o cadáver do mariñeiro José Antonio Mato Vidal, de 49 anos, natural e veciño da Coruña, que pertencía ao buque pesqueiro « Pelicano». Ao parecer caeuse á auga hai uns días.


1972, 6 de maio. O cadáver dun mariñeiro galego, falecido en Holanda, realizou unha estraña viaxe, por unha equivocación ocorrida no aeroporto de Barajas. Trátase de Lino Villar Casales, de 37 anos, cuxo cadáver foi enviado a España para recibir sepultura no seu pobo natal, Redondela. Pero no aeroporto, o cadáver que veu desde Amsterdam a bordo dun avión da Compañía « KLM», foi enviado a Venezuela.


1973, 29 de abril. Foi desembarcado na Coruña o mariñeiro do buque alemán «Delta», Bienvenido Eusebio González Cruz, por unha doenza de corazón. Fue hospitalizado no sanatorio Modelo, atopándose en período de observación. Dito mariñeiro é solteiro, natural de Redondela, de 33 anos e con domicilio en Hamburgo.


1974, 16 de febreiro. No porto do Berbés, recolleron da auga a Nicanor Montero Rodríguez, mariñeiro de Redondela de 52 anos, quen faleceu na Cruz Roja. Crese que caeu ao mar cando tentaba saltar dunha embarcación a outra para regresar ao seu pesqueiro, o "Pepe 4". O forte vento puido afastar os barcos no momento do salto. Deixa á súa familia nunha difícil situación, non só por motivos económicos, se non tamén porque un dos seus fillos e deficiente mental.


1975, 16 de outubro. Flotando nas augas do peirao de Cádiz foi atopado un cadáver, que, posteriormente, puido identificarse como o de José Puga Rodríguez, de sesenta anos, viúvo, natural de Redondela e mariñeiro do pesqueiro "Vila de Celanova". Ao principio non puido coñecerse a identidade do falecido, ao non levar consigo documentación algunha, pero pouco despois recoñecérono os seus compañeiros de tripulación.


1978, 5 de xuño. Foi atopado sen vida o corpo de Antonio Rodríguez Fernández, veciño de Redondela de 29 anos. Semella que caeu ao mar estando no peirao de Bouzas, perecendo afogado.


1980, 1 de xuño. O « Garmo-Mar» deixou de manter contacto por radio con terra á altura de Dakhla. En principio, ninguén se preocupou pola súa situación, xa que os tripulantes da nave puxeran fin ás faenas pesqueiras, e preparábase para emprender viaxe cara ao porto de Huelva. A tripulación do arrastreiro está composta por dezaoito homes, aínda que tres deles, o técnico conxelador de nacionalidade coreana, Saong Jane Sik, o mariñeiro Patrie Kwanoe Eshun de Ghana, e Cándido Sáenz Barros, de Redondela non habían embarcado nesta expedición. Son pois, quince os traballadores que poderían permanecer apresados pola Fronte Polisario. Deles, oito son galegos, seis canarios e un gaditano.


1987, 24 de xaneiro. O mariñeiro de 41 anos de idade, J. V. F., natural de Redondela, membro do buque pesqueiro "Dinish" pereceu afogado na Ría de Vigo.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Caderniños do Instituto de Chapela. X. M. González Fdez.

Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Historia de las Rías. (2 Vol.) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

As Illas de San Simón e San Antonio. Lugar de encontro. (Libro+CD). Ed. Xunta de Galicia, 2005

 Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra. -Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares.

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

Faro de Vigo

La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es

Galiciana => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia de Gallega, El Eco de Galicia, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego...


No hay comentarios:

Publicar un comentario