As marcas apotropaicas son símbolos gravados coa crenza de que nos protexerán do mal e por extensión do demo. No Concello de Redondela principalmente atopamos cruces gravadas nas xambas e linteis dos muíños. Destas construcións dependían moitas familias. As colleitas de millo, trigo e, en mellor medida, centeo, moíanse para obter a fariña, que garantía o pan para todo o ano. O ter que moer de noite en lugares moitas veces afastados das casas explica os temores e medos dos muiñeiros. Tense recollido as referencias ao demo nas cantigas, lendas e contos das muiñadas e que, a maioría das veces, facía perder a honra ás mozas. Unha crenza que había era a de facer un círculo de fariña no chan e meterse dentro para estar protexido do demo. A influenza do cristianismo non se limita ao carácter das cruces, tamén divide o muíño en dúas partes: arriba onde se traballa, o ceo, e na parte baixa, o inferno.
(Ver recompilación de Muíños https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )
(Ver referencias históricas https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html )
Cruz no Muíño da Rata. |
Cruz no Muíño da Xeringa. |
No noso Concello hai que destacar O Muíño Novo no Maceiras (ou Pugariño), en Chapela, pola gran cantidade de cruces que ten. Hainas de varios tipos, con peaña e sen ela, rodeada por un círculo... O máis curioso é que lle chamen Novo, cando estes gravados deberían indicar unha maior antigüidade. Hai que puntualizar aquí, que en Redondela temos referencias aos muíños dende o século XVI, pero ata un estudo máis profundo, tan só coñecemos a data da construción dos muíños que teñen gravado o ano, sendo os máis antigos do século XIX.
Pero estas marcas non son exclusivas dos muíños, tamén poden aparecer en casas, igrexas ou mesmo en fontes. Este sería o caso da Casa da Torre, en Redondela, ou a Fonte e Lavadoiro da Presa, no Viso.
Fonte e lavadoiro da Presa
Outro símbolo protector serían as coviñas, tan presentes nos petróglifos e que tamén poden aparecer en muíños e casas. Curiosamente en Trasmañó atopamos un exemplo no Río Fondón co mesmo nome que o anterior, O Muíño Novo.
Coviña no lintel dunha casa en Pontesampaio (Pontevedra)
Coviña no Muíño Novo (Trasmañó) |
Unha evolución da crenza da protección das cruces nas casas serían as cruces de canteiro colocadas nos linteis dos portais. Atopamos varios exemplos na nosa vila tanto en casas de certa importancia histórica, como a Alfóndiga ou Casa Maruxa (Cedeira), ata outras máis modestas.
Csa da Alfóndiga. |
Casa en Chapela |
Casa en Negros |
Reitoral do Viso |
Como última curiosidade para rematar, comentar que no muro exterior do cemiterio dos Eidos tamén podemos atopar unha cruz nunha pedra reutilizada.
Muro exterior do cemiterio dos Eidos |
Autor e fotos: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Marcas apotropaicas en Pedra Vixía. Pablo Sanmartín. La Voz de Galicia.
Muíños nas terras de Redondela: Miguel Ángel Abraira Pérez.
Arquivo da Universidade de Santiago. USC.
O Viso. A construción dunha paisaxe cultural. Xurxo Constela Doce, A Citania S. L. Sociedade Cultural do Viso, 2020.
Visitas guiadas por Xurxo Constela, arqueólogo de A Citania S. L.
No hay comentarios:
Publicar un comentario