1930, 25 de marzo. A garda civil de Redondela detivo a Joaquín González Morais e Manuel Gómez Tomé, de Quintela, por subtraer madeiras por valor de 200 pesetas que un veciño de Vilar tiña nun piñeiral en Quintela.
1930, 31 de maio. Foi denunciado pola benemérita de Redondela, Rogelio Puertas Crespo, daquela vila por darlle unha labazada ao veciño de Saxamonde, Manuel Alonso Castro que ao caer feriuse na cabeza.
1930, 3 de xuño. A garda civil de Redondela denunciou a 3 vigueses polo roubo dun piñeiro a Peregrina Tejo.
1930, 20 de xuño. Esta noite fronte á Chicharra un carro tirado por mulas que ocupaban José Pío Vázquez, domiciliado en Chapela, e os seus tres fillos, Antonio, Adolfo e José, e que regresaban a Vigo dende Redondela, caeu por un terraplén á vía férrea, porque se asustaron os animais. Os tres rapaces de entre 6 e 10 anos resultaron gravemente feridos e o seu pai ileso.
1930, 8 de xullo. Augusto Espiñeira foi atropelado en Chapela, onde está domiciliado, por un automóbil que se cruzou coa cabalería que montaba. Despois de ser atendido na Casa de Socorro foi trasladado ao hospital, pois o seu estado é de prognóstico reservado.
1930, 2 de setembro. Foi roubada a igrexa de Cesantes. Os ladróns penetraron por unha xanela da sancristía, para o que serraron un barrote de ferro, e despois de violentar nove cepillos apoderáronse dunhas 55 pesetas. Descoñécese aos autores.
1930, 12 de setembro. Causa do xulgado de Redondela contra Antonio Fernández Martínez, quen na noite do 23 de xaneiro pasado, penetrou no galiñeiro que ten en Chapela Luis Villamarín Fernández e apoderouse de cinco galiñas valoradas en 30 pesetas. Cando realizou este feito estaba condenado en executoria por furto en 1929 e anteriormente o estivera por roubo.
1931, 17 de xullo. Folga de Teléfonos. Nas proximidades de Redondela verificouse outro acto do sabotaxe na rede telefónica, sendo cortados algúns fíos. Por esta razón o servizo funciona con bastante tardanza, facéndose activos traballos para restablecer a normalidade nas comunicacións.
1931, 15 de setembro. Do domicilio dos seus pais en Redondela, desapareceu Agustín Alfaya Fernández, de oito anos de idade.
1931, 18 de setembro. Onte atopábase traballando na fábrica de Vilavella, propiedade de Manuel Otero, a moza Carmen Lago Crespo, de Vilar, que ao saír do local que ten dita fábrica enfronte, foi atropelada por un coche, teméndose que faleza.
1932, febreiro. Un aparatoso accidente automobilístico colma a paciencia da Corporación. O vehículo M-25506 con cinco veciños de Pontevedra, que quedan mal feridos, dá de fociños contra unha árbore no paseo de Santa Mariña por exceso de velocidade; isto motiva que tomen unha decisión que chega aos nosos días: crear un talonario de multas para infraccións na circulación de automóbiles; tendo tempo tamén para acceder á petición do Rexistro Civil de mercar un libro para a sección de nacementos.
1932, 3 de agosto. Explosión en Redondela nun taller de pirotecnia.
1932, 6 de setembro. Benvido Míguez Lago, puxo en coñecemento da Garda civil daquela vila, que dun garaxe que alí posúe roubáronlle 275 pesetas que tiña no caixón dunha mesa. O ladrón para penetrar, rompeu unha táboa da parte posterior do edificio e logo violentou o caixón da indicada mesa. Descoñécese ao ladrón.
1932, 14 de setembro. O veciño de Redondela, José Cambronero Castro vendeulle o mes pasado un cabalo a José Rodríguez, de Peares (Ourense). Onte presentouse o cabalo na porta da casa do seu antigo dono despois de percorrer máis de oitenta quilómetros completamente só. O animal deu mostras de ledicia ao ver a José.
1932, 16 de setembro. Unha tormenta azouta toda a provincia, en Redondela os danos serían os seguintes. En tan só 15 minutos a choiva inundou as rúas e o vento arrincou árbores, rompeu ventás e derribou galerías. A vila quedou a escuras polas grandes avarías no alumeado. O furacán levantou o tellado da fábrica de camisas de Regojo causando danos que ascenden ás 8.000 pesetas. Tamén sufriu danos a conserveira de Manuel Otero. A colleita no campo dáse por perdida. As estradas a Pontevedra e Fornelos quedaron cortadas pola caída de pinos e postes de telégrafo. Os trens chegaron á estación con ata 45 minutos de atraso.
1932, 24 de setembro. Inundación das rúas, alcanzando as augas unha altura de metro e medio, derrubando as pontes de Pasais e do Carballo, así como outras das que non se lembran os nomes. As colleitas de millo e viño quedaron destruídas e morreron moitas cabezas de gando e aves. As parroquias que sufriron maiores consecuencias foron Redondela, Cedeira, Vilar, Saxamonde, Reboreda, Cesantes, O Viso e Ventosela.
1932, 2 de novembro. A noite do 28 o taxista de Vigo Moisés Osuna trouxo un cliente ata o quilómetro 3 da estrada Redondela-Vigo. O descoñecido atacouno cun coitelo, dándose á fuga cando acudiron os veciños aos gritos do condutor. O ferido sería atendido polo médico municipal de feridas de prognóstico reservado en cabeza e cara.
1932, 1 de decembro. Foi atropelada en Chapela a veciña de Louredo, Bernardina López Rodríguez, sufrindo unha fractura de tibia e peroné, entre outras lesións.
1933. Os gardas municipais trocan o anticuado sabre por revólveres.
1933, maio. Nunha casa de Redondela propiedade de Simón Sánchez, e co baixo ocupado polo establecemento de viños de José Piñeiro, declarouse un incendio, que foi advertido de madrugada polos ocupantes dun coche que se dirixía a Santiago. Os veciños colaboraron na extinción, sendo as perdas considerables.
1933, 27 de xuño. A garda civil de Teis detivo e entregou á de Redondela, aos alemáns Franz Samp e Johann Creisel, e ao checo-eslovaco Marcina Sime Martin. Son os autores do roubo na reitoral de Cedeira. Tamén roubaron unha caixa de ferramentas no garaxe do chalé que preto da estación ten Alejandro Lanzós, e que deixaron abandonada xunto ao estanco de Ricardo Contreras no que tamén tentaron entrar.
1933, 2 de xullo. Denunciado pola Benemérita de Teis, Manuel Villar Pérez, de 49 anos, de Chapela, por ferir ao seu veciño Francisco Araújo Vázquez.
1933, 2 de xullo. Na Casa de Socorro da Coruña foi asistida onte Saladina Tellado Fernández, de vinte anos de idade, natural de Redondela e domiciliada nesta capital en Zalaeta 2. Presentaba excitación nerviosa, ademais de arrefriado, como consecuencia da molládea a que recibiu ao arroxarse ao mar na Berbiriana. Antes deixara ao seu fillo na rúa do Matadoiro, á beira dunha maleta. A criatura foi recollida por unha veciña. Non chegou a afogar porque acudiu no seu auxilio un obreiro que pasaba pola estrada de circunvalación. Ás catro da tarde, o noivo da anterior, Francisco García Galleaba, de vinte anos de idade, natural de Medina Sidonia (Cádiz), e tamén domiciliado en Zalaeta 2, tentou á súa vez suicidarse, arroxándose ao paso dun automóbil na rúa de Castelar. Uns gardas municipais disuadíronlle dos seus propósitos de suicidarse, levándoo á Comisaría de Policía. Neste centro declarou que ao coñecer o intento de suicidio da súa noiva, el tamén tentara poñer fin á súa vida. Respecto a o feito por aquela, dixo que supoñía que o intento de suicidio obedecía a que el non quería casar con ela, debido ao seu carácter violento.
1933, 2 de xullo. A garda civil de Redondela denunciou ao propietario dun camión con matrícula de A Coruña que se deu á fuga despois de atropelar a unha vaca do veciño de Cedeira, Laureano Amoedo.
1933, 13 de setembro. O coche conducido por José Pérez, de Redondela, atropelou en Chapela a María Calvo, que resultou con graves feridas nunha perna. O condutor foi detido.
1933, 16 de setembro. O veciño de Redondela, José González Tojeiro, atopábase remolcando co seu coche outro vehículo da súa propiedade conducido polo seu veciño José Pérez Portela, cando en Chapela, por evitar chocar cun tranvía xirou bruscamente. O remolque atropelou á nena de 12 anos, María Castro Boullón, que estaba lavando nunha fonte, provocándolle unha ferida de prognóstico reservado nunha perna.
1933, 17 de setembro. En Soutoxusto chocaron unha camioneta e un coche. Resultaron feridos os ocupantes do turismo, que era o farmacéutico de Póvoa de Caramiñal e a súa filla, sendo curados en Redondela. A camioneta sufriu grandes danos e o coche quedou completamente esnaquizado.
1933, 3 de novembro. A noite do 29 do pasado mes, roubaron 5 pesetas na igrexa de Saxamonde entrando polo campanario e dende unha casa en construción lanzáronlle pedras a un veciño que regresaba de Redondela. A garda civil detivo como supostos autores dos feitos a varios mozos de Saxamonde que andaban de festa aquela noite: Alejandro Balado Queimaliños, Emilio Martínez Iglesias, Justo Rodríguez Bernárdez, José Martínez Riga, Anterio Ricón Ricón, Ricardo Martínez, Francisco Rodríguez, Manuel Amoedo Dapresa e Manuel González Mouriño.
1933, 24 de novembro. Entraron a roubar na casa de Concepción Morgado Alfonso, veciña de Rande, mentres se atopaba fóra traballando. Violentaron a porta, levando roupas e diñeiro por valor de 500 pesetas.
1934, febreiro. Aparecen na Rabadeira (Cedeira) as pegadas dun oso, que serían expostas na farmacia de Pedro Otero Sestelo. Dando lugar ao consello das veciñas: “Non vaias á Rabadeira que te pode saír o oso” e a unha copla. Realizáronse batidas pero nunca se atopou o animal. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/cantigas-de-tasca-e-furancho-i.html )
1934, 27 de marzo. Os veciños de Redondela, Agustín Llorens e José Gallego sorprenderon a José Pampín Suárez, de 28 anos, electricista sen traballo de Vigo, abrindo a pechadura da casa de don Justo Murias Lomba, no barrio da estación. Comprobouse que o facía por orde da esposa de Murias, sen saber que vivían separados.
1934, 29 de marzo. Está sinalada a vista do xulgado de Redondela por incendio contra Joaquín Lage Regueira.
1934, 29 de marzo. A Benemérita de Redondela denuncia á nena de 10 anos, María Crespo Túnel, daquela vila, que lanzou unha pedra contra un automóbil, rompéndolle o cristal do parabrisas.
1934, 7 de abril. Cando o panadeiro de Redondela Nicanor Rodríguez Couto se dirixía á aldea de Cedeira, lle saíron ó paso uns descoñecidos, con pistolas, obrigándolle a entregar cincuenta pesetas que levaba. Despois, os atracadores fuxiron en automóbil, con dirección a Vigo.
1934, 13 de maio. A estrada Redondela-Fornelos queda cortada, porque no km. 3, en Reboreda, un corremento de terras produciu un furado de 15 metros de longo por 6 de largo e outros 6 de profundidade, con gran alarma da veciñanza e con moitos piñeiros e carballos caídos.
1934, 14 de maio. Por efectos da tormenta en Saxamonde se derrubaron dúas trincheiras da vía férrea, polo que estivo detido durante varias horas o tren correo descendente de Madrid. Nas parroquias de Louredo (Mos) e Quíntela descargou ao mesmo tempo unha forte sarabia que arrasou os viñedos e o sementado. Os prexuízos son enormes. Tamén en Redondela se desbordou o río, acadando o metro de altura na rúa principal As augas arrastraron animais domésticos e destruíron os campos. As perdas son moi grandes. Cinco días despois visitou a zona o gobernador civil quen informou dos danos ao ministro.
1934, 29 de maio. Onte de madrugada descargou sobre esta vila unha tormenta eléctrica. En Cesantes un raio penetrou nunha casa e feriu a unha muller.
1934, 22 de xullo. No lugar do Pereiro (Cesantes) unha camioneta conducida por Marcelino Besada Lois ao tentar evitar atropelar a un mozo que levaba unha res, atropelou a tres veciñas de Cesantes e O Viso, feridas graves. Trátase de Dorinda e Ramona Pereira Cabaleiro, de 47 e 55 anos de idade, María Tierra Rodríguez, de 32 anos.
1934, 24 de xullo. En Cesantes, cando se dirixían á feira que se celebra en Redondela, tres mulleres foron atropeladas por unha camioneta, resultando gravemente feridas. O condutor foi detido.
1934, agosto. Hai uns días na praia de Cesantes, estábase a bañar a nena de 3 anos, María Freire. Ao adentrarse no mar estivo a piques de afogarse, de non ser pola intervención do neno, José Borines Táboas, de 10 anos e fillo do industrial José Borines.
1934, 17 de novembro. Un veciño de Vilanova de Arosa denunciou ás veciñas do Viso, Claudina Machado Alján e Deolinda Alján Vidal, porque lles mercou uns pementos e devolvéronlle catro duros falsos.
1934, 22 de decembro. A benemérita de Redondela denunciou a Manuel Posada García, veciño de Cabeiro, que furtou un torno de carpinteiro ao veciño de Cedeira, Agustín Míguez Lago.
1934, 22 de decembro. En Monforte foi detido Antonio García Rodríguez, de Redondela, quen cumpriu infinidade de condenas por roubos e está reclamado por varios xulgados.
1934, 24 de decembro. A Garda Civil de Redondela detivo ao veciño da nosa vila, Ramón Pereira Otero, de 26 anos, acusado de intentar raptar á súa noiva, Dolores Jiménez Míguez, de 17 anos, á que tentou facer entrar violentamente nun coche que tiña situado no quilómetro un da estrada a Fornelos. Tamén se detivo a unha veciña de Redondela acusada de ser cómplice en ditos feitos.
1935, 16 de xaneiro. En Redondela esta mañá incendiouse unha casa propiedade de Bernardo García, na rúa de Salmerón, quedando destruída. Crese que a orixe do sinistro foi por depositar unhas cinzas nunha cuadra da leira. Resultou ferido un neno de corta idade, fillo do inquilino Moisés Rafael Benavides. Pediuse auxilio ós bombeiros de Vigo, que se negaron a prestar auxilio, o que produzo indignación e obrigou a pedir auxilio aos de Pontevedra, que acudiron e impediron que o fogo destruíra as casas anexas.
1935, 18 de xaneiro. A Garda Civil de Redondela, denunciou a varios veciños de Reboreda que por mor de resentimentos agrediron a outro grupo de veciños.
1935, 28 de febreiro. No Campo das Redes derrubouse unha casa propiedade de Francisca Paz. Non causou desgrazas persoais, apesares de atoparse na cama enfermo un neno de corta idade.
1935, 13 de abril. Pola Garda Civil de Redondela foi detido o peón camiñeiro Manuel Figueroa Veiga, de 40 anos, veciño de Saxamonde, porque na súa casa atopáronse moitas prendas de roupa e efectos procedentes de roubos. Entre eles varios subtraídos á condesa de Torre Cedeira.
1935, 8 de febreiro. No Alto da Encarnación apareceu unha nena abandonada, de poucos meses de idade. A recolleron nun carro que pasaba e puxérono en coñecemento do Xulgado.
1935, 15 de maio. No lugar de Viso, próximo a Redondela, unha camioneta de matrícula de Pontevedra, onde viaxaban cinco amigos, atropelou a unha tenreira que se cruzou no camiño, índose a camioneta por un terraplén de dez metros de altura. Resultaron todos feridos, dous de carácter leve.
1935, 17 de maio. No establecemento de aluguer de bicicletas de Casiano García Figueroa, desta vila, presentouse a alugar unha un home que dixo ser de Moaña. Deuse parte á Garda civil e parece ser que a bicicleta foi recollida por un industrial de Pontevedra ao que lla foi a vender.
1935, 18 de maio. Son numerosos os roubos de piñeiros e carballos en Vilar de Infesta para convertelos en leña e vendela nos pobos próximos. Foi avisada a Garda Civil e as autoridades para que procedan ao comiso da leña de procedencia dubidosa. Tamén se avisou aos carreteros que se absteñan de transportala.
1935, 24 de maio. Xuízo contra José Gómez López, Olegario Ballesteros González, Manuel e Wenceslao Castro Otero, Manuel Rodal, Antonio Casiro Casal, Luciano Cabaleiro González, Alejandro Casal Rodríguez, Elisardo Covelo, Francisco Cabaleiro Lago, Manuel Castro Casal, Leandro Santorio, Guillermo Ballesteros Ballesteros, Perfecto Collazo Méndez, Manuel Campelos Alonso, Manuel Ballesteros González e Benito Elisardo Rodríguez. Acusáselles de que o 3 de abril deste ano, achándose detidos no depósito municipal de Redondela, como o encargado do mesmo Manuel Pena quixese pasar a algúns deles a outra cela, os procesados resistíronse e desobedeceron gravemente, inxuriando algúns deles, ao citado garda. Pídese para todos, polo delito de resistencia, a pena de dous meses e un dia de arresto e multa de 2.50 pesetas, e polas inxurias outros dous meses e un día. A Sala absolveunos libremente. Foron defendidos polos señores Amoedo e Pérez Prego.
1935, 27 de xuño. Na vila de Redondela, foi roubada a fábrica de camisas de don José Regojo. Os ladróns entraron por unha xanela da parte posterior. levaron 400 pesetas en metálico que había nun caixón da mesa de escritorio; 50 pezas de xénero de seda; catro ducias de camisas de seda; 12 boinas; 11 pantalóns de cabaleiro e 300 grosas de botóns. Tamén levaron a un campo inmediato unha caixa de caudais, que esnaquizaron, e na cal só había libros e papeis. Descoñécese a.. .
1935, 4 de agosto. Cara as dez e media da mañá envorcou un automóbil nas inmediacións da primeira ponte á saída de Redondela. Os ocupantes eran coñecidas persoas de Vilagarcía que ían á Garda para asistir á chegada do Sr. Lerroux, resultando feridas.
1935, 2 de agosto. En Redondela foron detidos tres individuos cando realizaban pintadas subversivas nas paredes.
1935, 8 de agosto. Ao propietario do restaurante da Estación, José Rodríguez Martínez, entráronlle a roubar na casa mentres traballaba no seu negocio.
1935, 03 de setembro. Por mor da circulación de follas clandestinas alentando aos obreiros a que entorpeceran a saída dos excursionistas de J. A. P. ao mitin de Santiago establecéronse fortes medidas de seguridade en Vigo durante a fin de semana. As cinco da madrugada unha bomba estoupou entre Chapela e Redondela á altura de La Chicharra, levantando varios metros de vía. Preto do lugar do suceso atopáronse máis artefactos que non estouparon e varios cartuchos de dinamita. Practicáronse numerosas detencións.
1935, 12 de novembro. A Garda Civil de Teis comunica que foi roubado o taller de zapatería que Justo López Otero posúe en Chapela, do que faltaron efectos por valor de 150 pesetas. Tamén foi roubada a tenda que en Chapela ten o Sindicato de Agricultores, na que entraron violentamente levando xéneros valorados en 500 pesetas.
1935, 17 de decembro. En Cabeiro ocorreu un tráxico suceso con motivo do velorio dun cadáver. Na mesma falecera un veciño, e á casa mortuoria acudiron bastantes persoas para facer a compañía aos familiares do morto. A cámara estaba instalada no piso principal da vivenda, que era vello e deteriorado. De súpeto, sentiu un brusco renxer de madeiras, producido polo afundimento do piso. Cadáver e visitantes caeron confusamente nos baixos da casa entre berros de dor e terror. Os que resultaron ilesos e outros veciños que se deron conta do suceso, dedicáronse seguidamente a revolver os entullos. Entre eles viron que unha persoa era cadáver e outras estaban feridas. A de maior gravidade era Encarnación Castro Balados, de 52 anos, casada, que, entre outras feridas, presentaba fractura conminuto da morna dereita polo seu terzo inferior. Foi traída ao Hospital provincial e os outros feridos, despois de atendidos por médicos de Redondela, quedaron nos seus domicilios.
1935, 27 de decembro. O temporal derrubou numerosos árbores que dificultan o tránsito polas estradas e a vía férrea de Redondela a Vigo
1935, 31 de decembro. Noites pasadas foi roubada a fábrica de conservas de Vilavella propiedade de José Otero González. Os ladróns entraron por unha fiestra, levándose unha máquina de escribir valorada en 1.700 pesetas.
1936, 29 de xaneiro. Detívose a Ramón Lorenzo Carballo, de 33 anos, veciño de Cedeira, como presunto autor do furto de 200 quilos de millo ao seu veciño Adolfo González Lago.
1936, 30 de xaneiro. A Policía detivo a Ramón Reyes Pérez, veciño da parroquia de Cedeira. Practicado un rexistro no seu domicilio, foron encontrados dous fusís Remington e 68 cartuchos con bala de chumbo.
1936, 16 de xuño. Importante roubo na casa que na rúa de Nicolás Salmerón ten José Otero González. Os cacos forzaron portas e mobles e apoderáronse de 2.772 pesetas e alfaias. A benemérita de Redondela practicou pescudas e detivo como presunto autor a Venerando Fernández González “O Venerando”, veciño de Barro e suxeito de malos antecedentes. Crese que interveu no roubo outro individuo chamado Belarmino e un mozo duns 18 a 20 anos.
1936, 24 de xuño. Declarouse un incendio na casa da veciña de Chapela, Emilia Reboreda Covelo, que se atopaba traballando en Vigo nunha conserveira. As perdas calcúlanse en 7.000 pesetas. Non puido salvarse nada e crese que o incendio se iniciouse por unha chispa saída do lume da cociña.
1937, 30 de setembro. Mentres o cura párroco de Reboreda, José Núñez Leal, dicía misa, entráronlle na súa casa e subtraéronlle unha carteira de pel con iniciais de prata, unha estilográfica de ouro. tres aneis do mesmo metal, unha cadea de ouro con medalla, uns pendentes tamén de ouro de nena, e unhas 450 pesetas. Doutra habitación levaron diversos efectos. En cambio, non tocaron a un caixón que gardaba alfaias de ouro da Virxe. Descoñécese ao autor.
1939, 19 de setembro. A Coruña. Cando ía paseando en compañía do seu pai por unha das beirarrúas da Avenida da Mariña, o mozo mariñeiro Basilio Casal Recuncho, natural e veciño de Redondela, foi atropelado por un automóbil que lle causou unha forte contusión na rexión escapular esquerda, cóbado do mesmo lado e pé esquerdo.
1940, 13 de xaneiro. En Cesantes foi atropelado por unha camioneta o veciño Fernando Gómez Crespo, resultando con fractura pechada de fémur.
1940, 6 de febreiro. En Cesantes un camión atropelou e feriu de gravidade a un neno. O xuíz de Instrución de Redondela informou á Comisaría de Investigación e Vixilancia de Pontevedra de que é a terceira vez en pouco tempo no que se produce un atropelo neste termo sen descubrir ao autor dos feitos.
1940, 9 de febreiro. Instruíuse atestado contra Leopoldo Otero Otero, veciño de Redondela, quen agardou de noite a que a súa cuñada, Esperanza Fernández, de 26 anos, fora á fonte para agredila cun pao, causándolle lesións no ombro dereito e danos na roupa que vestía.
1940, 23 de abril. A Garda Civil de Redondela da conta de varios roubos de millo. Á veciña de Negros, Constantina Rodríguez Castro, subtraéronlle 303 quilos; a Manuel Veiga, de Reboreda, 45; e a Ramón Castro Soto, de Saxamonde, 140. En todos estes casos actuouse con violencia. Practicadas xestións, foron detidos nas inmediacións daquela vila, os xitanos, Ramón Gabarri, de 30 anos; e Andrés Jiménez, de 18, que levaban 70 quilos daquel gran. Confesáronse autores dos roubos. Tamén foi detida a veciña de Redondela, Dolores Vázquez, que servía de intermediaria entre os xitanos e as persoas que mercaban o millo, así como varias destas.
1941, maio. No edificio do Concello de Redondela derrubouse un piso sobre as oficinas, nas que se atopaban unhas 30 persoas, resultando todas feridas e catro delas con fracturas de brazos, pernas e costelas.
1941, 26 de xuño. En Negros apareceu afogado José Ferradáns Daparte, de 76 anos. Saíu conducindo gando a un prado da súa propiedade e ao chegar ao río tivo que cruzalo por unha viga e caeu a auga e foi arrastrado pola corrente 700 metros.
1942, 9 de xuño. A Garda Civil interviu nos Peares 20 quilos de patacas a Epifanio Lezana Elviro, de 17 anos, domiciliado no Cristo da Encarnación (Chapela).
1942, 17 de xullo. En Reboreda levantouse atestado contra Victoriano Pérez Amoedo ao que lle foron ocupadas dúas rodas de carro que o seu veciño Leodegario Barrero Blanco gardaba nun galpón.
1942, 18 de agosto. No barrio de Santa Mariña ardeu unha casa propiedade de Domingo Domínguez Milijosa, que empregaba para secar aparellos de pesca. Os danos elévanse a 2.000 pesetas.
1942, 24 de setembro. En Moaña foron detidas dúas veciñas de Tirán por roubar roupas que estaban a secar, á veciña de Redondela, Matilde Bernárdez.
1942, 29 de setembro. A María Vilán, veciña de Soutoxusto roubáronlle uns piñeiros por valor de 400 pesetas. Foi detido como autor dos feitos, José Portela Rodiño.
1943, 21 de xaneiro. Audiencia provincial. Condenando a Esteban Agulla Castro, de Reboreda, procesado en Redondela por furto de arame á Sociedade Xeneral Galega de Electricidade, a un ano, oito meses e un día de cárcere e pago de 1.087'50 pesetas.
1946, 30 de setembro. Nas Concheiras (Chapela) foi atropelado Máximo García, de Redondela, duns 50 anos de idade, quen foi conducido á Casa de Socorro onde foi atendido de varias feridas considerando o seu estado grave.
1947, decembro. Foi denunciado á Garda Civil un veciño de Redondela que estafou 7.500 pesetas, co fin de facer compras en Vigo, para contraer matrimonio cunha xove á que abandonou na citada cidade. O home resultou que estaba casado.
1948, 7 de maio. Na Casa de Socorro foron atendidos a mendiga Leonor Bendita, de 55 anos, con fractura de fúmero e moneca e contusión nas costas, e a Manuel Moreira da Silva, de 18 anos e veciño de Angorén, con varias lesión e conmoción cerebral. O segundo atropelou coa súa bicicleta á primeira na estrada de Chapela.
1948, 3 de setembro. En Chapela foi atropelado por un camión o neno de 13 anos, José Vidal Rivas. Foi levado no propio camión ata a Casa de Socorro onde foi atendido de contusións na rexión superciliar esquerda e base do mesmo lado con diagnóstico reservado.
1948, 3 de setembro. Na Riveira (Vigo) os policías urbanos detiveron a Álvaro Malvido Fernández, de Chapela, por atacar a cun martelo a José Vázquez Fernández, domiciliado na rúa Jose Antonio (Vigo), quen foi atendido na Casa de Socorro de dous golpes na cabeza.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...
Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español
La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario