Un alfolí é un estanco ou almacén de sal. Antigamente a importancia do sal era enorme porque era empregado para a conservación do peixe e a elaboración do pan, dous alimentos básicos nunha vila costeira coma Redondela.
A primeira referencia de venta de sal que atopo data do século XV, cando os portugueses se laiaban de que os galegos deixaran de ir a mercar o seu sal e ían a Redondela e Pontevedra porque os alcaides de Melgaço lle cobraban unha peaxe.
Nun documento de 1520 atopamos o primeiro nome dun arrendatario do sal: Notificación del traspaso de las rentas de las alcabalas, media diezma y alfolíes de la villa de Vigo y lugares de Cangas y Redondela, a Pedro Fernández, vecino de Cangas.
Para gardar e vender sal era preciso a autorización da Coroa. No ano 1566 había 20 alfolíes no litoral galego. Ademais de Redondela contaban con alfolí: Ribadeo, Viveiro, Ferrol, Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Corcubión, Muros, Noia, Pobra do Deán, Padrón, Vilagarcía, Cambados, Pontevedra, Vigo, Baiona, A Garda e Tui.
A finais deste século as tensións con Inglaterra, dan coma resultado o desastre da Invencible (1588). As rutas atlánticas están en mans dos corsarios ingleses que saquean as nosas costas. Francis Drake entra na Ría de Vigo en 1585 e1589. Isto provocou a carencia de sal polo que se chegou ao extremo de amasar o pan con auga do mar. As vilas mariñeiras galegas entran en decadencia porque a esta inestabilidade únese a falta de calado nos seus portos, que impide o atraque de grandes galeóns, situación que arrastrará Redondela durante séculos.
No século XVII e inicios do XVIII a situación non mellora pola guerra de Portugal, a Batalla de Rande (1702) e posteriores ataques ingleses.
Antigo Concello, lugar onde existiu un alfolí. Foto: J. Migueles |
O primeiro alfolí do que temos constancia data de mediados do século XVIII. Estaba situado no nº 2 da Rúa Reveriano Soutullo, no solar onde logo se construiría o primeiro Concello. Teñamos en conta que daquela chegaba o mar ata a Praza da Constitución e alí había un estaleiro.
O seguinte alfolí construíuse na Ribeira para estar máis preto do embarcadoiro que se atopaba no Cabo dos Fumeiros. En 1752 pertencía a Jose Antonio Saravia Orcasitas, un dos asturianos que administraban daquela todos os alfolíes do pobo.
No Archivo Histórico Nacional, dentro do Consejo de Castilla, atópase o seguinte documento do 1768: “Autos hechos en el Consejo a instancia de los diputados del Común de la Villa de Redondela sobre los excesos del Receptor, Portero y Medidores de los Alfolies de sal de dicha villa”.
En 1842 o Intendente provincial descubre un desfalco causado catro anos antes de dúas mil fanegas de sal nos alfolíes de Redondela. Para que nos fagamos unha idea do sal que se movía en 1880 o bergatín-goleta “Pepita”, de Cádiz, trae 121.900 quilos de sal común importado a granel a D. Nicolás Figueroa, de Redondela.
En abril de 1900 estivo a piques de haber un serio conflito porque os arrendatarios, únicos importadores en Redondela, debido aos altos dereitos de consumos deixaron de expender o sal, alegando que o propietario do local quería subirlles o prezo.
¿Saíñas de Soutoxusto?
Nun mapa do 1850 do capitán de fragata Antonio Doral, publicado pola dirección de Hidrografía, aparece “Pueblo y Salina de Sotojusto”. Sorprende que puidera haber unhas saíñas en Soutoxusto, cando aínda se conservan moi preto as Saíñas do Ulló, en Paredes (Vilaboa), coñecidas como as Brancas do Casó e construídas a redor do 1637. O máis probable é que puidera existir algún alfolí ou calquera outro tipo de instalación vinculada co sal. De tódolos xeitos en Soutoxusto pódense ver os restos dunha presa, pero semella máis unha pesqueira que unhas saíñas. En resume, na actualidade non se pode confirmar que existiran saíñas en Soutoxusto, pero quen sabe se nun futuro non poidan aparecer evidencias do contrario.
Restos dunha posible pesqueira en Soutoxusto. Foto: J. Migueles |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro
As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.
Historias de Galicia (Serie da TVG).
Relaçoes entre Portugal e a Galicia nos séculos XIV e XV. Humberto Baquero Moreno.
O vello almacén de sal do Alfunil. Fátima Grandal Rodríguez. https://chirlateira.wordpress.com/category/alfoli/
Notificación del traspaso de las rentas de las alcabalas, media diezma y alfolíes de la villa de Vigo y lugares de Cangas y Redondela, a Pedro Fernández, vecino de Cangas. Fol. 44r.-45r. (1520, abril, 18) (USC>PROTOCOLOS, S- 18/Registro de escrituras 1520)
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia
Visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela de A Citania S. L.
No hay comentarios:
Publicar un comentario