Conservas JOB. Semanario El Español anos 50 |
Das fábricas de salgadura ás empresas conserveiras
Na primeira metade do século XIX fomentadores cataláns chegan a Galicia e instalan as súas fábricas de salgadura, técnica de conservación do peixe. Esto trouxo consigo a introdución de novas técnicas de pesca e a dependencia do sector destas empresas. En 1861, outro catalán, Víctor Curbera abriu a primeira empresa conserveira de Galicia en Punta Cacharela (Teis-Vigo), con acceso dende a praia de Arealonga (Chapela). Isto supuxo unha nova revolución industrial, xa que ao mellorarse a técnica de conservación a salgadura pouco a pouco foi esmorecendo.
A Fábrica do Alemán / Conservas Boyé (Rande-Cedeira)
Esta empresa foi construída pola familia Carsí procedente de Vilanova i la Geltru (Barcelona). A primeira referencia atopada sería de 1836, cando Sebastián Carsí se atopaba realizando actividades de salga de peixes e carnes en Rande. Ese mesmo ano esta fábrica produciría 517 quintais de sardiña e parrocha. Na segunda metade do s. XIX a familia Carsí deixa o negocio alugando a empresa a diferentes fomentadores. Así, no 1868 era explotada por José Puig. Semella que despois a familia recuperou o control da salga, pois en 1910 é explotada baixo a firma "Juan Carsí y compañía".
Fábrica do Alemán antes da súa musealización. Foto: J. Migueles |
Xa en 1939 a fábrica é vendida a Ramón Cordero Martín, quen na primeira metade dos 40 realizaría obras de ampliación e mellora das instalacións. Sería en 1944 cando a empresa é mercada polo alemán asentado en Vigo, Otto Gerdtzen Boyé, que en 1948 adicaría parte das instalacións á produción conserveira baixo o nome comercial Conservas Boyé. En 1952 cesou a salga e 3 anos despois a fábrica pecharía definitivamente.
No 2008 a Asociación Cultural e Deportiva de Rande propuxo este lugar para albergar un museo da batalla de Rande, MEIRANDE. A pesares de atoparse en ruínas aínda conservaba restos do seu pasado como unha máquina de vapor Ruston, Proctor and Company, que podía empregarse como xerador eléctrico, tractor ou para mover maquinaria.
Salgadura de Norberto Velázquez Moreno (Chapela)
Norberto Velázquez Moreno naceu en Oretigosa de Cameros (Logroño), o 6-6-1768 e faleceu en Vigo o 12-10-1852. Estableceuse en Vigo, sendo dos primeiros en establecer unha fábrica de salgadura, que situou en Chapela, e outra de curtidos en Lavadores. Perfeccionou e deu impulso e protección á industria pesqueira e á cría de gando vacún. No 1832 levantou un teatro en Vigo, primeiro de Galicia. Ás súas expensas construíuse o Matadoiro de Vigo. Emprendendo logo a construción do lazareto na illa de San Simón.
Empregadas dunha conserveira. Foto cedida por Genoveva Loureiro |
Salgadura da Portela (A Portela-Cedeira)
Sociedade formada por Juan Ato. Thomé (de Viladebé) e Antonio Vidal (de Vilanova-Principado de Cataluña). Adicábanse á salgadura de sardiñas e outros peixes. Enriba dunha das portas da fábrica aínda se pode ler ano de 1728.
Salgadura da Portela. Foto: J. Migueles |
Salgadura da Regasenda (“A de Mañas”-Punta de Soutelo-Cedeira)
Nunha das entradas figura o ano de 1767. Na primeira metade do s. XIX pertencía a Ramón Abeleira veciño de Vigo. Comercializaba a sardiña salgada a nivel nacional, facéndose o transporte por mar. En 1840 a produción comercializada no exterior chegaría ós 598 quintais de sardiña, necesitando 299 fanegas de sal. Na segunda metade do XIX pasou a mans de Francisco Tapias y Hnos, que en 1863 empregaron 1.500 quintais de sal para a súa produción. Semella que a súa familia alugaría posteriormente a empresa.
Salgadura da Regasenda. Foto: Juan Migueles |
Tralo falecemento en 1900 de Luis Pérez Reboredo, natural de Vilanova, a súa familia continuaría co negocio familiar da salga baixo o nome Viúda e hijos de Luis Pérez. Un dos fillos faríase cargo da fábrica primitiva en Vilanova, outro construiría outra tamén en Vilanova e un terceiro, Manuel Pérez, pasaría a dirixir esta da Regasenda que mercaran e estaban a piques de acondicionar. A partires de 1911 comezan a traballar o enlatado principalmente de escabeche. Un descendente desta saga abriría anos máis tarde Conservas Pimpinela en Chapela.
Anos despois esta fábrica volta a ser explotada pola familia Tapias, que nos anos 40 a vende a José Otero González (Mañas), dono de Conservas JOB, como veremos a continuación. O novo propietario realizou reformas e chegou a dar traballo a preto de 100 mulleres. Produciu sardiña salgada e bocarte ata o seu peche na década dos 60.
Outros Datos
Paropar, Vicente (Arealonga-Chapela)
Salgadura cara a 1900.
González, José (Chapela)
Propietario dunha salgadura en Chapela en 1910.
Virzi, Francesco (Chapela)
Adicábase principalmente á salga e anchoas, en Laredo, cando menos en 1937.
Anuncio. El Pueblo Gallego |
Conserveira de Victor Curbera Puig (Chapela/Teis).
J R Curbera -logo-conservasdelatlantico com |
A familia Curbera, procedente de Cataluña, estableceuse en Vigo no 1780 para adicarse á industria da salgadura. Dise que o naufraxio dun veleiro francés cargado de conservas de sardiñas de Nantes despertou a curiosidade de Victor Curbera Puig. Deste xeito, puido no 1861 abrir en Punta Cacharela (Teis-Vigo) a primeira empresa conserveira de Galicia, con acceso dende a praia de Arealonga (Chapela). Conseguiuno importando de Francia a técnica conserveira coñecida como “estilo Nantes”.
Conservas Curbera. Faro de Vigo |
En 1908 a conserveira sería trasladada ao Areal (Vigo). E anos despois, concretamente en 1930, construiríase outra nave na praia Arealonga que actualmente é empregado como almacén polo Grupo Oya Pérez S. L. Ademais da conserva de peixe, adicábase á conserva de carne, froita e leite. Curbera tamén comerciaba con coloniais, mantendo varios buques de liña regular a varios países americanos. Isto facilitou que en pouco tempo xa comezara a exportar produtos a Cuba. Esta empresa tería a súa continuación nas firmas José R. Curbera S. A. e Conservas del Atlántico S. L.
Conservas Curbera. Anuncio. ABC |
Conservas JOB.
José Otero González (Mañas). Naceu o 1 de abril de 1899 en Redondela. Foi un dos pioneiros da industria redondelá. O seu pai faleceu en setembro do 1921, deixándolle en herdanza unha pequena empresa de escabechado fundada en 1902 e sita na actual rúa Padre Crespo. A fábrica recibiu o nome de Sucesores de José Otero Bilbao. A finais dos anos 20 José Otero González propulsou o marisqueo na enseada de San Simón, principalmente de ameixa e berberecho, chegando a ser durante anos o único comprador. Abriu, deste xeito, o camiño aos compradores que virían principalmente de Vigo para darlle un novo empuxón ó sector. Elaboraba ademais longueirón, navalla, sardiña, bonito, palometa, anchoa... Pero por riba de todo, destacaba n futuros o mexillón en escabeche chegando a ser coñecido como “o rei do mexillón”.
Conserveira de José Otero Bilbao |
Xa nos anos 30 mercou o antigo chiringuito da praia de Cesantes ás familias Otero e Borines, reformou o edificio e construíu un pequeno peirao para introducirse no mercado das conservas. Esta empresa era coñecida como Conservas JOB en memoria do seu pai José Otero Bilbao.
En plena Guerra Civil, en agosto de 1937, á fábrica de conservas José Otero Bilbao, foi sancionado polo Gobernador Civil con multa de 3.000 pesetas, por salarios de fame, facer traballar aos obreiros máis horas das permitidas e non retribuír diariamente as horas extraordinarias.
Conservas Job en Cesantes. Arquivo Consuelo Lago |
Cos anos lanzaría a marca “Coca” que aínda hoxe se atopa no mercado comercializada por Rodríguez y Pascual. Máis tarde alugou, e logo mercou, a fábrica de salgadura da Regasenda da familia Tapias. Tamén comprou outra fábrica na praia de Francisco-Louro en Muros. Chegou a dar emprego a máis de 300 mulleres, ademais dos peóns e o persoal técnico e administrativo. En Cesantes, chegouse a crear unha escola para os fillos dos traballadores, impartindo as clases Rosario Cal.
La Coca. todocoleccion.net |
En 1942 adquiriu o que se convertería na súa maior paixón, o Convento de Vilavella, onde traballara como mandadeira a súa avoa. Realizou grandes modificacións estruturais no edificio, fixou alí a súa residencia e adaptou algunhas dependencias ás necesidades da súa empresa: oficinas, talleres... Entre 1942 e 1962 tamén comercializou pescado ao por maior. En 1952 desaparece Sucesores de José Otero Bilbao como marca, seguindo o grupo empresarial baixo a dirección de José Otero González. Xa nos 50 instalou un criadeiro de mexillón de 500 m2 fronte a fábrica da Regasenda para abastecer á conserveira. Falecería no convento de Vilavella o 18 de febreiro de 1968.
Brasón dos Prego de Montaos, logo de Conservas JOB e escudo de José Otero. Foto: Juan Migueles |
A dirección da empresa, que daquela daba traballo a 83 traballadores en Cesantes e 21 na Regasenda, pasaría ao seu sobriño José Carlos Figueiral, quen por manter negocios noutros sectores decide vender a conserveira a principios dos 70 a Rodríguez y Pascual.
Conservas Manuel Otero Lago / Guimeráns / Rodríguez y Pascual.
Fábrica de escabeche propiedade de Manuel Otero Lago (1870-1950) sacristán do Convento de Vilavella. Estaba moi preto da conserveira de José Otero Bilbao na rúa Francisco de Federico, hoxe Padre Crespo. Na parte dianteira tiña vivenda e tasca. Era unha empresa de carácter familiar que producía a marca “Ría de Redondela”. Antes da Guerra Civil producía 5 toneladas de mexillón en escabeche, 1 de ameixa ao natural, 3 de navalla ao natural e 1 de navalla en escabeche. Despois da guerra esta produción reduciríase por mor da perda dos mercados de Barcelona e Madrid.
Conserveiras de Manuel Otero Lago e José Otero Bilbao. Foto:Sal sardiñas e peiraos. Alberte Román |
Cando se xubilou en 1941 vendeu o negocio, co dereito a explotar a marca, e alugou as instalacións á empresa Sucesor de Guimeráns y Compañía, pasando a empresa a chamarse Conservas Guimeráns. Os donos eran os vigueses Pedro Guimeráns Carreras e Alfonso Viñas Núñez. Este último despois de facerse co negocio cedeullo ós seus fillos. Como a empresa non ía ben un deixou o negocio e o outro fíxose cargo da fábrica con dous novos socios. Pouco despois Viñas deixaría a sociedade.
A finais dos anos 60, baixo o nome de Conservas Rodríguez y Pascual, dado polos novos socios, a conserveira abandonaría as instalacións de Vilavella e outras de Arcade (a fábrica que fora Conservas Sueiro) para trasladar o negocio ao peirao de Cesantes, facéndose coa empresa Conservas JOB e os dereitos para explotar a marca “Coca”. Hoxe en día é a única conserveira en activo de Redondela.
Rodríguez Pascual. Foto: Juan Migueles
Conservas Peña. (Chapela)
En maio de 1944 o conserveiro José Peña Oubiña merca a Ricardo Costa Moreno a fábrica que cara a 1930 construíra José Curbera. As primeiras marcas envasadas por esta empresa serían: Atalaya, Gigante, Peña e El Borro. Posteriormente construiría no mesmo lugar unha fábrica maior.
Conservas Peña, anteriormente de Curbera. Foto: Juan Migueles |
A mediados dos 40 posuía empresas en Cambados e Chapela, ademais de participar en dúas máis en Raxó e Santoña. Tamén posuía tres embarcacións: Pepita, Caramuxo e Obdulia; unha delas con base en Chapela.
Á fronte da factoría de Chapela poría como encargado a Vicente Vila, que ao abandonar a empresa sería substituído polo fillo maior do dono, José Peña Domínguez.
Na década dos 50 consegue a concesión de 15 bateas, sete delas na Ría de Vigo, destinando a fábrica de Chapela ao envase de mexillón. Entre 1951 e 1957, José Peña ocuparía o cargo de alcalde de Cambados, onde instaurou a Festa do Albariño.
Tralo falecemento do patriarca e o posterior abandono da dirección por parte de José Peña Domínguez a factoría de Chapela véndese a Conservas Carballo.
Conservas Peña todocoleccion.net |
Conservas Pimpinela (Chapela)
Despois da disolución da empresa conserveira Hermanos Pérez Lafuente, un deles, Luis Pérez Lafuente, merca unha propiedade en Chapela que herdara o seu irmán Juan. Alí estableceu unha fábrica que entrou en funcionamento en xuño de 1963 baixo o nome Pimpinela, que xa empregara en Portugal para a exportación de anchoa. O edificio era coñecido en Chapela como a Fábrica Nueva. Lamentablemente faleceu tan só ano e medio despois, pasando a dirixir o negocio o seu fillo Luis Pérez Leiro, quen en 1966 acometeu obras de ampliación.
Por Orden do 28 de outubro de 1966, autorízase a Luis Pérez Leiro e ás súas irmás: María de la Paz, María Teresa, María Guadalupe e Pilar a modificación e ampliación da concesión que lles foi otorgada por Orden Ministerial o 2 de marzo de 1963 para construir un muro e recheo con destino á ampliación dunha fábrica de conservas en Arealonga.
En 1973 unha grave doenza obriga a Luis Pérez Leiro a vender a empresa a Conservas Carballo.
Conservas Carballo S. A. (Arealonga-Chapela)
A empresa disolveuse en 1992. Despois de quedar en desuso a nave converteuse no local do Clube de Remo Chapela. No 2009 proxectouse a construción dunha piscina pública, na que se contempla un espacio para o club anteriormente citado.
Conseras Carballo Foto J. Deus |
Outras Conserveiras
Ramón Palan (Laredo-Chapela)
Conserveira cara a 1906-1907.
Feiz. Francisco y Compañía (Chapela)
Conserveira cara a 1904-1905.
Conservas de Amalia Pazos / Herdeiros de Maximino Crespo (Vilavella)
A única referencia de esta conserveira a atopamos nun xornal de 1917 no que se da conta do roubo de 31 quilos de chumbo, aparecendo cos dous nomes dependendo do xornal.
Outras industrias do mar
Factoría Copiba (Chapela)
Copiba. En construción. Foto:vigoe.es |
Os traballos de construción iniciáronse en 1940 na Caleta do Muíño e remataron en 1944. Naceu para a comercialización de bacallau. A súa razón social era Madrid, máis era en Chapela onde tiña a súa base e factoría. En 1960 contaba con 4 barcos: “Federico Heredia”, Puerto de la Bonaigua”, “Puerto de Fonte Fría” e “Puerto de Navacerrada”. A empresa sería mercada en febreiro de 1964 por Pescanova, que se adica tamén aos produtos do mar, apesares do cal seguiría mantendo o nome de Copiba durante un tempo.
Mulleres na fábrica.Ano 1958. Chapela de onte a hoxe |
Portalón de entrada a Copiba. 1942. Chapela de onte a hoxe |
NOTA: Efemérides del Puerto de Vigo. Copiba
Pescanova anos 60.Faro de Vigo |
Secadoiro de bacallau (R. San Xoán de Arcal-Redondela)
Atopábase na pronunciada curva da rúa San Xoán de Arcal nos anos 40-50. Era propiedade de dous irmáns nados en Castela e coñecidos como Jose María O Feo e Cabeza de Lavadouro. As instalacións consistían nuns paus con cordas das que colgaban os bacallaus que logo repartían nunha furgoneta.
Estaleiro de Loureiro (Cesantes)
Ver Instalación marítimas
Estaleiro de Loureiro Foto cedida por Ladrillo |
Instalacións de engorde de marisco na praia Punta do Cabo (Cesantes)
Nos 40 era propiedade de Narciso García. Eran empregadas para o engorde de diferentes moluscos, entre eles a ostra.
Viveiro na Punta. Foto: Juan Migueles |
Viveiro de Ostras en Fontán (Soutoxuste-O Viso)
O xerente da empresa era Juan “do Pazo” (o alcume fai referencia ao Pazo de Soutoxuste).
O Cable inglés.
Na 2ª metade do s. XIX, The Eastern Telegraph Company, compañía inglesa encargada da instalación do cable necesario para a comunicación telegráfica estableceuse en Vigo. O consignatario Estanislao e hijo foi o responsable da contratación de persoal para os buques do cable. Os traballadores da área metropolitana de Vigo chegaron a representar o 70% do persoal de toda a frota da empresa, sendo a meirande parte de Cesantes, Rande, Chapela e Redondela.
Anos 60. Traballadores do cable en Gibraltar. Foto cedida por Antonio Cobián |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro
As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.
Historias de Galicia (Serie da TVG).
Arquitectura Industrial en la provincia de Pontevedra. Iria Sobrino Fagilde y Rai Iglesias. Proyecto Coag./Vigo. Patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia, 2008.
Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. www.entremosnapanificadora.com
Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños.
SEREN
Nº2. Facendo camiño en Cedeira. Dolores Míguez Montes.
Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.
Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.
Las familias de la conserva. El sector de las conservas del pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (Coord.). Ed. ANFACO
P.E.B.S.A. Autor: Fernando Souto Balado
ABC: http://www.abc.es/hemeroteca
El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130
Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
El País: www.elpais.com
El Noroeste (Hemeroteca)
http://www.csbg.net/
www.hemerotecadigital.bne.es
Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...
BOE > www.boe.es
Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d'Espanya. Editado por Albert Carreras,Miquel Gutiérrez (Google Books)
Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net
www.mcu.es:=> Varios xornais
Documentación de Manuel Otero Lago. Arquivo do autor.
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...
La Idea
No hay comentarios:
Publicar un comentario