Central eléctrica no Verduxo. Ilustración Gallega, 1911 |
En setembro de 1899, o Goberno Civil concedeu a Daniel Poyán e a José Ramón Lorenzo, de Vilagarcía, a autorización para construír unha presa arriba da “Ponte do inferno”, en Pontecaldelas, para o aproveitamento da auga do río Verduxo para a fabricación de pasta de madeira.
En marzo de 1901, verificouse en Redondela a poxa para o servizo do alumeado eléctrico, que foi adxudicado a José Ramón Lorenzo, na cantidade de 3.990 pesetas anuais. Para explotar o negocio constituíuse a empresa La Electra de Redondela, que tamén se adicará a outras industrias. Antes de rematar o ano inaugurouse en Redondela o alumeado público.
As cousas van ben e, en abril de 1902, reúnense os accionistas para tratar o aumento de capital social e proceder ao nomeamento dos conselleiros. En setembro de 1902 prodúcese a disolución desta sociedade e a fusión na Electra Popular de Vigo y Redondela (EPVR), empresa domiciliada en Vilagarcía. Esta empresa explotaría os saltos dos ríos Verduxo e Oitavén, estando ligada ao grupo bancario Riestra/Hijos de Simeón García.
Como curiosidade contar que esta empresa en marzo de 1903 ofreceu ao Concello de Vigo “colocar no centro da Porta do Sol unha columna con tres focos permanentes de luz de arco voltaico. A columna levará no centro un reloxo de dúas esferas, terá uns 15 metros de altura e servirá para a distribución dos cables”.
En decembro de 1908, autorízase ao seu presidente Laureano Salgado á instalación dende Redondela dunha liña de transporte de electricidade que abasteza a Porriño. Esta empresa levaría a luz eléctrica a outras vilas da rexión como: Cangas, Bueu, Beluso, Baiona, Gondomar... Por iniciativa deste mesmo empresario, Laureano Salgado Rodríguez, en marzo de 1930 colocouse a primeira pedra da Virxe da Roca en Baiona. Faleceu en Caldas de Reis o 5 de maio de 1930. En 1952 a agrupación galega da Asociación Nacional de Peritos Industriales, abre unha subscrición para erixir un busto en Caldas de Reis na honra de quen fora propulsor da industrialización de dita vila.
Dous logros de L. Salgado: A Virxe da Roca e a presa de Pego Negro en Vincios. Vida Gallega |
En Redondela esta empresa tiña as súas oficinas na Praza Constitución ata que en abril de 1910 se trasladou á Rúa Cruceiro, onde en maio de 1911 se instalou o primeiro teléfono de uso público da vila.
En 1923, a Electra Popular de Vigo y Redondela é absorbida pola Sociedad General Gallega de Electricidad, que crea unha rede de distribución de Vigo a Ferrol.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
http://www.csbg.net/
www.hemerotecadigital.bne.es
Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...
No hay comentarios:
Publicar un comentario