sábado, 26 de diciembre de 2020

Guerra Civil e represión en Redondela

 


1938. Na foto aparece alguén de Redondela sen identificar. Arquivo Luis Pereda

    O 18 de xullo de 1936 produciuse un golpe de estado militar que provocaría a chamada guerra civil española que remataría coa vitoria do bando nacional en 1939. Como consecuencia España veríase gobernada polo réxime fascista do xeneral Franco ata o falecemento deste en 1975. En Galicia, apesares de atoparse lonxe da fronte, exerceuse unha gran represión. O proxecto Nomes e voces (http://vitimas.nomesevoces.net) ten recollidos 4.699 mortes, de todas estas vítimas tan só 1.466 foron fusiladas despois dun xuízo sumarísimo. Redondela non foi allea aos asasinatos, detencións, torturas, humillacións públicas (entre elas raparlle a cabeza ás mulleres e medio bigote aos homes e facelos desfilar pola rúa principal) e demais vexacións que levaron a moitos redondeláns ao exilio. A todo isto habería que engadir as consecuencias dunha posguerra que trouxo consigo anos de carencias e fame.

 

    A illa de San Simón foi un campo de exterminio. Unha parte importante das mortes foron por enfermidades producidas e agravadas pola mala alimentación e as malas condicións hixiénicas. Tan só hai constancia de que se fusilara unha vez na illa. O que se facía era sacar os presos e axustizalos, deixándoos tirados nas cunetas das estradas de Vigo e Pontevedra. O fin que se buscaba e que os atoparan as leiteiras e vendedoras de peixe ben cedo e espallaran pronto o medo polas vilas. Tan só no alto da Concheira foron asasinados ata vinte homes e unha muller. Os mortos foron tantos que o cemiterio de Eidos axiña quedou pequeno, levándose os corpos a enterrar a Vigo. O camión da fábrica de cepillos de Ferrín era empregado para estes “paseos” e os falanxistas redondeláns que os realizaron nunca serían xulgados polos seus crimes e abusos de autoridade.


    Para afondar neste negro período da historia do concello de Redondela remítovos aos libros publicados por Gonzalo Amoedo e Gil Moure que atoparedes na bibliografía. Dadas as limitacións de espazo do blog neste apartado limitareime a amosar listas de falecidos e detidos da nosa vila dos que teño constancia.


Fusilados, "paseados" e torturados ata a morte.

    Están incluídos nesta relación os redondeláns enterrados na fosa común do cemiterio de Eidos, no que repousan 42 republicanos.

Bernárdez Santomé, Luís Telmo. Natural e veciño de Redondela, de 51 anos, fillo de Basilio e Cándida, médico e Xefe Provincial do partido Esquerda Republicana, casado con Isabel Gómez Costas. Condenado a morte e fusilado na Caeira o de de novembro de 1936. Enterrado en Eidos.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/bernardez-santome-telmo-redondela-10-04.html )

Telmo Bernárdez Faro de Vigo 2015
Telmo Bernárdez Faro de Vigo 2015

 

Bouzón Sobral, José, de 26 anos, naceu o día 1 de abril de 1910, natural e veciño de Cesantes, Redondela, fillo de Dores, camareiro, casado con Concepción Vidal Táboas, apareceu morto a tiros en Soutoxuste, o 12 de outubro de 1936. Enterrado en Eidos.

José Bouzón Sobral. Foto cedida por JM Bouzón
José Bouzón Sobral. Foto cedida por JM Bouzón

 

Cabaleiro Amoedo, Antonio, de 26 anos, naceu o día 23 de febreiro de 1911, na parroquia de Cabeiro. Labrador, fillo de Emilia, sería torturado e morto a tiros en Cabeiro, aparecendo no Alto da Concheira o 16 de febreiro de 1937. Enterrado en Eidos.

Cabaleiro Amoedo, Emilia, de 54 anos, naceu o día 19 de agosto de 1882, sendo natural de Cabeiro, Redondela. Labradora, filla de Manuel e Antonia, sería torturada e morta a tiros en Cabeiro, aparecendo no Alto da Concheira, o día 16 de febreiro de 1937. Enterrado en Eidos.

Gómez Casal, Jesús Pincho”. Natural de Redondela e veciño de Reboreda. Foi preso en 1936, por delito de rebelión militar, morrendo na cadea mentres cumpría a pena imposta.

González Cabaleiro, Alejandro “Moco”. Afiliado á Sociedade de Mariñeiros de Chapela. Preso por delito de rebelión militar o 24-9-1936, morrendo no penal de San Cristóbal, Pamplona, cando tentaba fuxir.

González Pasantino, Braulio. Natural de Santiago e veciño de Redondela, casado con Ramona Sánchez, zapateiro. Afiliado á Casa del Pueblo de Redondela. Morto aos 34 anos a consecuencia de mutilacións e tiros de arma de fogo en Cans (Porriño). Enterrado no cemiterio daquela parroquia.

Juan C. Milleiro Sampedro. Arquivo Celso Milleiro

Milleiro Sampedro,
Juan Clímaco. Nado en Moaña en 1912 pero de familia redondelá, onde viviu varios anos. Funcionario do servizo de augas do Concello de Pontevedra e militante das Xuventudes Socialistas. O día 20 de xullo de 1936, formou parte dos defensores da legalidade republicana en Pontevedra participando na requisa de armas por orde do Gobernador. Por estes feitos sería detido e condenado a morte, sendo executado o 4-10-1937.

Oliveira Crespo, Alfredo, de 47 anos, natural de Redondela, fillo de Manuel e Filomena, condutor de tranvías en Vigo, cc. Dolores Rivas Rodríguez, pai de Alfredo, Cesáreo, Rafael, Dolores, Josefa, Alfonso, Manuel e Genaro. Apareceu morto a tiros en Mañó (Quintela) o 3-10-1936. Enterrado en Eidos.

Pazos Fernández, Benjamín, de 33 anos, Obreiro. Natural de Redondela e veciño de Vigo. Morto o 18 de setembro de 1936 en Mos a causa de traumatismo craneal por disparo de arma de fogo. Aparición do cadáver no KM 11 da estrada de Redondela a Porriño.

Rodríguez Magariños, Manuel, 33 anos, xornaleiro, de Redondela, condenado a 20 anos (23/12/36), ingresa o 22/2/37 no cárcere de San Cristóbal, no Monte Ezcaba, en Pamplona, onde morre o 2/1/38 .

Silva Ferreira, Xosé, 35 anos, xornaleiro, de Redondela (Pontevedra). C.P. (30/1/37), ingresa o 22/2/37 no cárcere de San Cristóbal, no Monte Ezcaba, en Pamplona, onde morre o 1/3/40.

Veiga Rodríguez, Cándido “Reboreda”. Natural de Reboreda. Morto no convento de Baiona, logo de que conseguira fuxir malferido a un “paseo” en Monteferro. Enterrado en Nigrán.

Veiga Graña, Carlos. De 19 anos, natural de Reboreda, fillo de Cándido Veiga, non constando o nome da nai, albanel, aparece morto a tiros no km. 3 da estrada Redondela-Fornelos, o 18-9-1936- Enterrado en Eidos.

Villar Martínez, Nicanor. De 35 anos, natural e veciño de Redondela, fillo de Miguel e Celia, casado. Mestre e bibliotecario no colexio de xordo-mudos de Madrid. Morto a tiros o 17-08-1936 en Caldas de Reis despois de sacalo do cárcere de Redondela. Enterrado naquel concello.

 

Fotos dalgúns dos 41 republicanos  enterrados en Eidos:

 

Máximo Fernández Rodríguez. Nomes e Voces
Máximo Fernández Rodríguez. Nomes e Voces

Manuel Lustres Rivas-FarodeVigo
Manuel Lustres Rivas-FarodeVigo

Fraiz Castellanos (4º pola esquerda) e familia. cultragalega.org

 


Falecidos e sobreviventes dos campos de concentración alemáns

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ivos-campos-de.html )



Presos redondeláns na illa de San Simón

Grupo de presos na illa de San Simón. Pontevedraconfollasverdes-3.bp.blogspot
Grupo de presos na illa de San Simón. Pontevedraconfollasverdes-3.bp.blogspot

 

A illa de San Simón (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html ) foi convertida nun campo de concentración. Tan só se ten constancia dun fusilamento na propia illa, despois o que se facía era sacar presos que á mañá seguinte aparecían mortos nas cunetas. Moitos outros morrerían por mor da fame e as enfermidades. Nun principio serían enterrados na fosa común do cemiterio de Eidos pero a súa pouca capacidade fixo que os cadáveres foran levados a Vigo. Dos presos redondeláns en San Simón tan só foi asasinado o xa citado Luis Telmo Bernárdez Santomé. Os outros redondeláns que estiveron alí presos serían:

¿Ramón Arines?, Ángel Barbeito Cal, Manuel Barros Montero, Jesús Bernárdez Gómez, Telmo Bernárdez Gómez, Fermín Blanco Alfaya, Manuel Blanco Camiña (Vilar), Manuel Bouzas Puertas, Constante Carballido Marcial, Florentino Corugeira González, Constante Estévez Martínez, Jesús Faro Varela, Manuel Fernández Ferreiros (Vilar), Manuel Fernández García, Jesús Frimes Leiga (Reboreda), Manuel Fuente Ortega (Vilar), Manuel Fuente Recio (Vilar), Jesús José Olimpio Giráldez Fernández, Jesús Gómez Casal, Manuel Salustiano Jorge Franco, Manuel Loureiro Pérez, Manuel Martínez Barreiro, José Otero Sánchez, Gustavo Otero Sestelo, José Enrique Pereira Míguez.


Presos na illa.  todoslosrostros blogspot com
Presos na illa.

todoslosrostros blogspot com


Detidos no 36

Álvarez Castro, Manuel, de Vilar de Infesta, preso por rebelión militar en 1936.

Barros Montero, Manuel, de Redondela, mariñeiro, preso aos 16 anos por rebelión militar en 1936, e por delito equiparable a rebelión militar en 1948. Estaría nas prisións do Frontón de Vigo, San Simón, Valladolid, Vitoria, Dueso-Santoña... Partido Comunista.

Bernárdez Gómez, Jesús, de Redondela, mestre, preso no cárcere de Redondela, onde cumpriu os 18 anos, e en San Simón, sen causa. Sería liberado por un erro burocrátrico, fuxindo entón á outra zona, onde pelexaría no Exército, acadando o grao de tenente. Izquierda Republicana.

Bernárdez Gómez, Telmo, de Redondela, mestre, condenado a reclusión perpetua por rebelión militar, despois da petición inicial de pena de morte. Estaría preso no cuartel de San Fernando, en Pontecaldelas, San Simón, Figueirido, Provincial de Pamplona e castelo de San Cristobal (Pamplona). Izquierda Republicana. Este e o anterior eran fillos de Telmo Bernárdez Santomé, ao que vimos anteriormente.

Blanco Alfaya, Fermín, de Redondela, mestre, preso na illa de San Simón, sen causa. Sería liberado ao pouco tempo, sen cargos. Partido Galeguista.

Blanco Camiña, Manuel, de Vilar de Infesta, preso por rebelión militar en 1936, entre outros centros no cárcere de Redondela, San Simón e no Frontón de Vigo.

Blanco Villar, Pompeyo, de Reboreda, preso por rebelión militar o 19 de agosto de 1936, preso no cárcere de Redondela e no Frontón de Vigo. Presidente da Casa del Pueblo de Redondela.

Bouzas Puertas, Manuel, de Reboreda, Secretario da Casa del Pueblo e vicesecretario do Sindicato Agrícola de Reboreda en 1936. Preso por rebelión militar o 30 de setembro de 1936, pasou polo cárcere de Redondela, Frontón de Vigo, San Simón e Pamplona. Volveu a ser detido en 1948 por delito equiparable á rebelión militar, sendo condenado a dez anos de reclusión, estando no Dueso-Santoña, ata que saíu en liberdade vixiada o 15 de xullo de 1953. Partido Comunista.

Domínguez Santorio, Arturo. Veciño de Chapela detido en decembro de 1936, porque se atopaba reclamado polo Xulgado militar de Vigo por rebelión.


Cupóns de racionamento de Redondela, 1937. Foto:numisjmgnozal files wordpress
Cupóns de racionamento de Redondela, 1937. Foto:numisjmgnozal files wordpress

Detidos durante a Guerra

Albizúa Cabaleiro, Herminio, de Chapela, militar preso no campo de prisioneiros de Santoña (Santander), en novembro de 1938.

Álvarez Cruz, Jesús, de Trasmañó, fuxido ao monte, sen presentarse a filas detido o 11/10/1939.

Crespo Pozo, Álvaro, de 23 anos. Natural de Redondela e veciño de Madrid. Afiliado ao PSOE. Aos 18 anos acude a Madrid e ingresa como voluntario no exército. Fixo a guerra no exército republicano con grao de oficial. Ao remate é detido e destinado primeiro á cadea e logo a un batallón de traballadores. Despois pasa de novo á cadea e finalmente, nos inicios dos corenta, é desterrado a Redondela por 2 anos en liberdade vixiada.

Covelo Campos, Manuel. Veciño de Chapela, soldado do exército Republicano, ferido de gravidade e posteriormente feito prisioneiro polos nacionais en decembro de 1938 en Fraga (Huesca).

Rodríguez Chamorro, Enrique Ramón. Natural e veciño de Redondela, de 32 anos, zapateiro. Xulgado en Vigo por incitación á rebelión co resultado de sentenza a prisión 6 anos.

Villar Rivera, Faustino. Natural de Redondela e veciño de Gijón, fillo de Bernardo e Dolores, 31 anos, casado, obreiro. Garda municipal de Gijón con ascendente na Casa del Pueblo; capturado cando fuxía a bordo do vapor "Gaviota". Condenado a 15 anos.


Presos en Bilbao ao cair a cidade

Humberto González Castedo, Domingo "Tortiño de Pepa do Raio" e Ramón Bas Rodríguez.



Detidos a principios de 1942

Detidos a partires da detención en Portugal dun grupo dirixente do Partido Comunista.

Francisco Darriba Pérez "Paco do Monte do Cuco", Segundo Freire Rivas "Cabanelas", Manolo Domínguez Esteiro "Peixiño" e Ramón Amilibia (avogado vasco desterrado que residía en Redondela).


Detidos entre finais de 1947 e febreiro do 48

Detención de 18 redondeláns que con dous vigueses serán xulgados o 21-9-1948 por delito equiparable a rebelión militar.

Domingo Amoedo Crespo, Manuel Barros Montero, Manuel Bouzas Puertas, Raimundo Cal Fernández, Demetrio Díaz Lamas, Fermín Docampo Figueroa, Leopoldo Garrido Leirós, Fermín González Casal, Bernardino González Tojeiro, Rafael Hermida Sánchez, Manuel Migueles Esteiro, Antonio Ocampo Otero, Nicanor Ocampo Otero, Florencio Soto López, Ángel Tejedor Moyano, Manuel Villar Alonso, Antonio Villaverde Figueroa e José Villaverde Figueroa.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

As Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista. Gonzalo Amoedo. Edit. Fundación 10 de marzo.2006.

Asociación de familiares y amigos de los represaliados de la II República.

www.afar2rep.org

Ministerio de Cultura. Portal de Archivo Españoles. http://pares.mcu.es

Nomes e Voces. http://vitimas.nomesevoces.net

Todos los rostros. todoslosrostros.blogspot.com

A represión franquista na comarca da Coruña. Lourenzo Fernández Prieto.

Foro de historia militar Gran Capitán http://www.elgrancapitan.org/foro/viewtopic.php?p=891483

Azul Bilbao 1933. Materiales para la historia del falangismo en Vizcaya. Asesinatos del 4 de enero de 1937: las víctimas falangistas. https://azulbilbao1933.wordpress.com/

Facetas de actualidad española. 4-1938, n.º 12 (La Habana-Cuba)

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego e Hoja Oficial del Lunes.

Pontevedra nos anos do medo. Xosé Álvarez Castro. https://anosdomedo.blogspot.com/2011/03/juan-milleiro-sampedro-un-defensor-da.html?fbclid=IwAR2NLEOUj12nrhzcni0qMM5L7mo_WYWczKIryamIu4vxCTqhytsn-MILLpE

Aportes: Celso Xabier Milleiro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario