En Galicia non se conciben as festas sen fogheteiros. Os fogos servían para lembrar en que parroquia hai festa, manténdose hoxe en día esta tradición de anunciar o inicio e o fin das festas. Esta é unha profesión ben perigosa, polo que atoparemos varios sucesos acontecidos na nosa vila con tráxicas explosións. Moito dos seus descendentes aínda teñen o alcume dos Fogheteiros.
Para comezar citaremos dúas novas relacionadas coa organización destes profesionais:
1898, marzo. Os pirotécnicos de Redondela celebraron un convenio coas vilas inmediatas fixando un prezo igual a todos os produtos da súa industria.
1903, novembro. Reuníronse en Pontevedra para asociarse os pirotécnicos da provincia, asistindo representacións da capital, Vigo, Porriño, Salvaterra, Lavadores, Caldas, Cangas, Redondela, Vilagarcía, Cambados e outras vilas.
Albán, José (Vilavella). Sabemos da súa existencia por Casto Sampedro (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html ). Del aprendeu as súas primeiras nocións musicais de solfexo e órgano, porque José Albán veciño de Vilavella, era o organista da igrexa de Redondela e fogueteiro de profesión. Posteriormente, o seu substituto como organista, Joaquín Pérez Gago, ensinaríalle piano. Tendo en conta que Casto Sampedro naceu en 1848, podemos dicir que exerceu a mediados do s. XIX. Non aparece no primeiro censo consultado de 1879.
Ignacio Mesa. Xa aparece como pirotécnico de Redondela en 1879. En outubro de 1887 falece con dous dos seus fillos nunha explosión na súa casa.
Juan Gradín. Pirotécnico de Redondela falecido en novembro de 1897.
Bernardo Otero Calle. Aparece como pirotécnico de Redondela nos censos de actividade entre 1879 e 1908. En agosto de 1888 no momento de prender a dinamita sufriu unha explosión que lle esnaquizou unha man. Noutra ocasión, en abril de 1896, a consecuencia da explosión dunha bomba o que resultou gravemente ferido na cara o xove fogueteiro Francisco Otero, que probablemente sería o seu fillo.
Ramón Varela. A primeira referencia que atopo del é cando en xuño de 1895 estóupalle unha bomba levándolle a única man que conservaba. Apesares disto segue aparecendo como pirotécnico cando menos ata 1910. Nestes censos tamén aparece José Ramón Varela en Vilavella, pero aínda non puiden constatar se é a mesma persoa. Falecería en Redondela en 1924.
González, Custodio (Rebordáns (Tui), 1877/Redondela) Cando menos dende 1922. Producíronse dúas explosións en xullo de 1923 no seu taller de pirotecnia no Campo das Redes. Atopándose traballando cos operarios Francisco Fernández, Manuel González, e Jesús Lobariñas, preparando os fogos de San Benito, cando ao estar montando unha peza o operario Lobariñas esta fixo explosión. Salváronse de milagre os catro, o edificio quedou reducido a cinzas.
En xullo de 1932, estoupa un taller de fogueteiro en Santa Mariña, propiedade de Custodio González, sobre as 6 da tarde, cando se atopaba traballando nel Jesús Lobariñas. Non se produciron vítimas. Realízase unha colecta popular encabezada polo Sr. Gobernador Civil (casualmente nese día estaba en Redondela) e o Concello, para paliar a situación crítica na que se atopa a familia.
Aínda que na última nova fálase de Santa Mariña, Custodio vivía no actual Camiño do Campo de Fútbol.
González y González, Manuel. Pirotécnico de Redondela cando menos desde 1932, presente na maioría das festas da comarca nos anos 60, tendo o seu taller na rúa Picota. Probablemente sexa o fillo de Custodio González, pero ata o de agora non confirmei este punto.
QUINTELA
Existe o camiño do Fogueteiro na zona do Canudo, pero ata o de agora non o relaciono con ningún dos fogheteiros citados.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Casto Sampedro e a música do cantigueiro Galego. 2 Vol. Xavier González Groba, 2013.
Arquivo do Concello de Redondela =>Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90.
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del Norte de España.
Faro de Vigo.
La Voz de Galicia
Xornais locais=> LA IDEA, El Soplete, La Opinión, Terra!
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, La Noche...
Programas da Agrupación Artística Redondela e das Festas da Coca.
Custodio era o meu bisavó ,efectivamente Manuel era un dos 17 fillos , que tuvo con Aurora a sua muller . Que con 90 años enebraba as agullas sen gafas , ela lavaba a roupa no río para outra xente
ResponderEliminar