Serradoiro en Rande. Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro. |
Iniciamos este apartado coa foto dun serradoiro do que ata o de agora non atopei máis información que a súa localización en Rande, que é o único dato que nos ofrece o libro na que foi publicada.
Algunhas referencias a serradoiros de principios do século XX serían: Nun anuario de 1908 aparece no apartado Madeiras, Almacenes Florencio Rivas. Noutro censo de actividades de 1910 recóllense dous serradoiros: Padín e Hijos e Pereira y Lago; ademais do almacén de madeiras Priegne y Emnes.
Outras noticias antigas que atopo: En maio de 1910 volvía a poñerse en funcionamento un serradoiro nunha propiedade de Fermín Alfaya, próxima á estación do ferrocarril. En 1917 no apartado Madeiras cítase a: Antonio Denis, Antonio Oliveira e Prudencio Rivas, pero tan só se recolle o serradoiro de Manuel Pereira Míguez, en Saxamonde, que en febreiro do ano seguinte sofre un incendio, ardendo varias dependencias.
Noutro censo de 1925 aparece o almacén de madeiras de Alejandro Lago e os serradoiros de Manuel Pereira e o de Vega y Lago.
Em 1932 o número de serradoiros sube a 3: Jesús Martín Táboas, Claudio Rodríguez Mouriño e José Táboas Carreira.
En abril de 1933, outro incendio, esta vez nun serradoiro preto da estación, provoca perdas por valor de 20.000 pesetas. Era propiedade de Rodolfo Alonso Lamberty e estaba arrendado a Avelino González.
Serrería Luis Iglesias, 1944. El Pueblo Gallego |
Nos anos 40, en Redondela, Manuel Rodríguez de la Peña S. L. anunciábase como exportador de madeiras do país de todas as clases. En 1944 Luis Iglesias posuía un serradoiro en Chapela. En 1948 Enrique García Gómez, con serradoiros en Puxeiros, Mos e Redondela. En 1950 atopo os anuncios de Gonzalo A. Prieto, propietario dun serradoiro en Redondela, con central en Vigo.
Enrique García Gómez. Festas da Coca, 1948 |
A importancia destas empresas na nosa vila queda patente se temos en conta que na década dos 60 podemos contabilizar, cando menos, os seguintes serradoiros en Redondela, algúns dos cales seguen traballando na actualidade:
Maderas Casas (Saxamonde)
Empresa propiedade de Constante Rodríguez Barciela, en Saxamonde. En 1961 tiña mercado en Levante e Canarias. Aínda continúa activa (2023).
Maderas Casas, 1961. El Pueblo Gallego |
Fábrica de maderas A. Cardona (Chapela)
Estaba situada na praia dos Penedos, en Laredo (Chapela). Os troncos de piñeiro eran transportados flotando polo mar ata un peirao pechado de onde eran sacados cunha grúa. Logo eran cortados en táboas para ser empregadas nos encofrados. Arredor de 1960 pasou a chamarse Maderas Chapela S. L. e seguiría mantendo a sede en Chapela pero trasladaría o serradoiro a Arcade (Soutomaior). Contaba con dúas naves unha era o serradoiro, que estaba preto de mar e a outra era empregada como almacén e estaba preto da vía do tren. O serradoiro quedaría en desuso e anos despois no solar construiríase o CEIP Laredo.
A. Cardona, 1956. El Pueblo Gallego |
Fábrica de Cardona en 1966. Foto cedida por Enrique Comesaña |
Maderas Chapela S. L. El Pueblo Gallego |
Peirao de Cardona. Foto: J. Migueles
Serrerías Amoedo (Cedeira)
Propiedade de Manuel Amoedo Pérez “Manolicho”. A principios dos anos 60 xa era moi coñecido na construción naval de toda a Ría de Vigo.
Serrerías Amoedo, 1966. La Noche |
Maderas Juan Pazos Barciela
Coñecida popularmente polo alcume do dono, “a de Palanca Brava”, preto do campo de fútbol de Santa Mariña. Actualmente continúa en activo (2023).
Juan Pazos Barciela, 1968. Festas da Coca |
Aserradero de Víctor García Gómez
Situado preto da estación cando menos dende principios dos anos 50. Especializado en táboas para a construción e o envase. Sufriu un incendio en 1963.
Fábrica de Aserrar Maderas López.
Na Estación cara a 1966. O seu propietario chamábase Víctor.
Serrerías Vulcano (Reboreda)
En Reboreda, onde anos despois os irmáns Virulegio construíron unha nave para vender maquinaria agrícola. Nesta nave abriría andando o tempo unha discoteca e máis tarde un supermercado. Estaba vinculada á Factorías Vulcano, empresa de construción naval propiedade de Enrique Lorenzo, que estaba casado con María (Maruja) Feijoo Alfaya, dona do pazo de Pousadouro. Solicitouse a súa apertura en xaneiro de 1943 e mantívose en funcionamento ata mediados dos 70.
Serrerías Vulcano, 1961 El Pueblo Gallego |
Serra de Farrucacho.
Na rúa Ernestina Otero, aínda en pé (2020). O seu segundo propietario foi Domingo Fernández Domínguez (Farrucacho). Este modesto serradoiro estivo en funcionamento ata 1987.
Domingo Fernández, 1961. El Pueblo Gallego |
Serradoiro de Jesús do Pazo.
En Soutoxusto (O Viso).
Maderas Calvo.
Na Xunqueira, propiedade de Manuel Calvo Vázquez. Nos 60 aparece como representante de Romusa, empresa de portas e madeiras con sede en Vigo, para Redondela e a súa comarca.
Manuel Calvo, 1968. Festas da Coca |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo, Alén Nós e Jesús Queimaliños.
Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde
Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.
ABC: http://www.abc.es/hemeroteca
El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
El País: www.elpais.com
El Noroeste (Hemeroteca)
http://www.csbg.net/
www.hemerotecadigital.bne.es
Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...
BOE > www.boe.es
www.mcu.es:=> Varios xornais
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...
Programa Festas da Coca. Varios anos.
Aportes Enrique Comesaña
No hay comentarios:
Publicar un comentario