domingo, 24 de septiembre de 2023

Xogos Infantís 2

 

 

Foto publicada en Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.



Cantiga para xogar ao Escondite. Un adulto sentado canta mentres impide que o neno-a que “poucha” poida ver mantendo a súa cara contra as súas pernas. A canción remata beliscando o cu do rapaz-a.


Paxariños a esconder!

Que aí vai a liebre a correr.

Que salgaaa!!


Al son de los esquilones

cantan gallos y capones,

al son de los maragatos

cantan gallinas y gatos.


Aceiteira, vinagreira,

casco real,

pousar e non dar,

e non rir,

e non falar.


Un pellisquiño no cu

e a botar a voar.


Xogo (nome desoñecido)

Situados formando una roda pasan unha pedra ao ritmo da canción. O que non está atento e non a colle axiña “paga unha prenda”, que neste caso podería ser algún tipo de reto como ir canda un descoñecido que pasa pola rúa e darlle os bos días ou pedirlle a hora.


Es el conde decir la verdad,

San Xoán e naufragar,

San Pedro nin manda Deus

con el triqui, triqui, treus.


As espadas.

A mediados do s. XX os nenos de Redondela poñían unha punta grande nas vías. Co paso do tren, a punta quedaba plana e, despois de afiala nunha pedra, obtiñan unha navalla. Con esta facían espadas con varas de castiñeiro que collían na finca das Fontanas. Como escudos empregaban tapas vellas de tarteiras das que tiraba “Cachudo”.


Carros.

Para construír os típicos carros de bolas os nenos de mediados do século pasado, acudían a “Pibe”, pai das “Chachiñas”, carpinteiro que tiña un torno para facer as rodas. Cobraba caro polo que tocaba chorar para conseguir unha rebaixa.

Unha vez se tiña o carro o lugar para tirarse soia ser a Barronca, topónimo case esquecido da costa hoxe chamada “do Froiz”. As veces, en lugar de carros, empregaban para lanzarse defensas vellas de coches que desbotaban nos talleres. Isto non estaba exento de risco porque soía rematar con algún corte nunha perna.


Marro.

Os participantes divídense en dous grupos e cada un marcan no chan unha “casa” deixando un gran espazo entre elas. Os membros dun equipo tentan atrapar aos xogadores do equipo contrario que saíron da súa casa. Os que collen quedan presos, polo que tamén deben impedir que os contrarios os liberen. O xogo remata cando se atrapan a todos os oponentes.


A Campá.

Dous xogadores pegan as súas costas, enlazan os seus brazos e alternativamente un carga ao outro imitando o son das campás. 

 

Cantiga da escola de Sita.

Punto damos punto daremos

si no damos punto de la escuela escaparemos

de los tinteros salen los ratones

para que Doña Sita nos dea vacaciones.

 

(Ver tamén https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=xogos+infant%C3%ADs )


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario