domingo, 29 de octubre de 2023

Pintura. Arte inspirada en Redondela.

 

 

"En Redondela". Manuel Abelenda Zapata. Museo de Belas Artes da Coruña.

 

    A pintura máis antiga, que é a acuarela de Pier Maria Valdi de 1669, o óleo de G. Vivian do século XIX e as numerosas representacións da Batalla de Rande, non son as únicas obras nas que se representan as paisaxe de Redondela. Ademais dos pintores locais, algunhas obras nas que se representa o noso concello están repartidas por diferentes museos. Aquí van algunhas delas:


Ramón Buch y Buet (Vigo, 1842-O Ferrol, 1894). Na exposición semirexional da Coruña de 1878 presentou catro bodegóns e un cadro representando a feira de Redondela do que aínda non atopei unha reprodución. Pintor e fotógrafo, a súa obra ten unha temática variada: retrato, paisaxes, escenas de carácter costumbrista e copias de grandes mestres como Murillo ou Rafael. Gran parte da súa obra consérvase en Galicia en coleccións particulares e públicas como o Concello de Vigo, o Museo de Castrelos ou o Museo de Pontevedra.

Casto Plasencia y Maestro (Cañizar (Guadalajara), 1846-Madrid 1890). Ingresou na Academia de Bellas Artes de San Fernando, sendo becado para a Academia Española de Bellas Artes de Roma. O éxito chegoulle en 1878 cando acadou a primeira medalla na Exposición Nacional e a terceira medalla e gran cruz da Lexión de Honra na Universal de París. Establecido en Madrid, chegou a ser retratista dos reis Alfonso XII e María de las Mercede. Ademais de retratos realizou pintura relixiosa. En 1882 en La Ilustración Cantábrica publícase un debuxo del dun grupo de mariscadoras en Cesantes.

 

"Pescadoras de Mariscos en Redondela". Debuxo de Casto Plasencia. La Ilustración Cantábrica

 

Serafín Avendaño (Vigo, Pontevedra, 1838-Valladolid, 1916). Outro pintor vigués do que atopamos en 1906 unha pintura na que plasma un camiño en Redondela con vistas á Ría de Vigo. Moi novo trasladouse a Madrid onde foi alumno da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Despois ampliaría os seus estudios en Italia, regresando a España en 1891. Especializouse na paisaxe realista e luminista, propia da segunda metade do século XIX. Obtivo a terceira medalla nas Exposiciones Nacionales de Bellas Artes de 1864 e 1892 e a segunda en 1899 por Una fuente en Galicia, que se conserva no Museo do Prado.

Obra de Avendaño. Reprodución publicada en todocoleccion.net

Rafael Monleón y Torres (Valencia, 1843-Madrid, 1900) Artista polifacético (pintor, gravador, ceramista, modelista, deseñador), arqueólogo, historiador naval e piloto da mariña mercante. Na súa pintura plasma a súa paixón pola historia e o mar, pintando sobre todo naufraxios, batallas navais...

        En 1870 foi nomeado pintor conservador-restaurador do Museo Naval de Madrid. A súa obra máis ambiciosa publicouse tralo seu falecemento: Historia gráfica de la navegación y de las construcciones navales en todos los tiempos y en todos los países. Está ilustrada por máis de mil debuxos, acuarelas e planos.

Gravado de R. Monleón da Illa de San Simón. Publicado en La Ilustración Española y Americana (1856)

 

Manuel Abelenda Zapata (A Coruña 1889/ Oleiros, 1957)

Na súa obra atopamos “En Redondela” (1955), na que inmortaliza a desembocadura do río Alvedosa. Formado na Escola de Artes e Oficios da Coruña sería becado para continuar os seus estudos no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Despois viaxará a Roma cunha bolsa para estudar na Academia de España, pero tan só permanecerá un ano. Na década dos vinte é considerado pola crítica un dos principais paisaxistas galegos. Posteriormente tamén se formará en Italia, Suiza e Francia. Nos 40 chegarían os recoñecementos. En 1943 recibiu a terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes. En 1941 foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes da Coruña e en 1946 académico correspondente da Real Academia Galega. Moitas das súas obras se expoñen en América do Sur e, máis preto de nós, no Museo de Pontevedra, na Fundación Abanca ou no Museo de Belas Artes da Coruña.


Florentino Peces Martín (Toledo, 1907-Mislata (Valencia), 2011) pintou os cadros "La Picota (Redondela)" e "Gitanos en Redondela". Esta última obra foi doada polo autor ao Museo de Belas Artes de A Coruña. De familia humilde entra a traballar de aprendiz co ceramista e profesor Sebastián Aguado, quen ve o seu potencial e o matrícula na Escuela de Artes y Oficios Artísticos. Deixa daquela a pintura polo toureo, no que non consegue triunfar polo que volve a coller os pinceis. Trasládase a Venezuela onde une as dúas paixóns deixando varias das súas obras no museo da praza taurina de Caracas. Vense a Galicia vivindo sa súa pintura ata que marcha a Mislata (Valencia) onde se establece nos seus últimos anos.


"Gitanos en Redondela". Obra de Florentino Peces. Museo de Belas Artes da Coruña


Diego de Giráldez (A Cañiza, 1957). A súa obra “Viaducto de Redondela” está exposta no Museo del Ferrocarril de Madrid. Pintor i escultor, iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Vigo marchando en 1976 a Cataluña onde continúa os seus estudos. En 1980 é seleccionado para a exposición Maestros del Realismo Español e en 1988 é un dos pintores que representa a España na Expo Universal de Lisboa. A súa obra está repartida por máis de cen museos de Europa, Asia, África e América e desde 2006 conta cun museo propio na súa Cañiza natal.

 

"Viaducto de Redondela". Pintura de Diego de Giráldez. Museo del Ferrocarril de Madrid


Francisco San José González (Madrid, 1919-1981). Integrante da Francisco San José González (Madrid, 1919-1981). Integrante de la Escuela de Vallecas. En 1956 emigrou a Venezuela, coa súa esposa, Pilar Aranda Nicolás, tamén pintora. Antes de embarcar en Vigo, pasaron varias semanas en Redondela na casa do seu tío, Diego San José de la Torre (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/san-jose-de-la-torre-diego-madrid-9-8.html ). Neste tempo pintou varios cadros da nosa vila e as súas inmediacións. En Venezuela crearon a Escuela del Bosque, canteira de novos pintores venezolanos. En 1972 deciden regresar a Madrid.

A súa obra pode contemplarse en importantes museos españois como o Museo de Arte Contemporáneo (Madrid) ou o Museo Nacional de Arte de Cataluña.

 

Estrecho de Rande. Obra de Francisco San José. Reproducción: todocoleccion.net


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Art Price https://es.artprice.com/

Wikipedia

Museo del Prado

Afundación Abanca.

Museo de Belas Artes de A Coruña. http://museobelasartescoruna.xunta.gal

Museo del Ferrocarril de Madrid.

La Noche

Faro de Vigo

franciscosanjose.es/index.html

Aportes Diego Farto San José




No hay comentarios:

Publicar un comentario