sábado, 2 de diciembre de 2023

A Illa de San Simón. Turismo a principios do s. XX

 

1909. O escritor Walter Woods no paseo dos buxos. Vida Gallega

Como vimos ao falar da historia da illa de San Simón (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html ) esta foi empregada como lazareto, onde os barcos debían gardar a corentena, desde mediados do século XIX ata 1927. Posteriormente sería un cárcere franquista entre 1936 e 1943. Albergue do Sindicato Español Universitario (SEU) entre 1948 e 1950, onde se formaban os mandos de Falanje e as mulleres universitarias cumprían o Servicio Social. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/colectivos-e-asociacions-da-postguerra.html ) E finalmente sería o Hogar Méndez Núñez, internado de nenos orfos ou de familias con poucos recursos, entre 1955 e 1963.

Noutro apartado tamén comentamos como moitos dos visitantes relevantes que pasaron por Redondela fixeron parada na illa, como sería o caso de Marconi, ademais de celebrarse banquetes de homenaxe, principalmente a políticos, pero tamén a persoeiros como o arquitecto Antonio Palacios. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=libro+de+visitas ). Agora imos centrarnos no período anterior á Guerra Civil repasasando algunhas iniciativas de explotación turística da illa de San Simón e diferentes excursións e peregrinacións de asociacións e confrarías que foron recollidos polos xornais da época, deixándonos fermosas fotos da época.


A primeira iniciativa de promoción turística que atopo sería en decembro de 1909. O empresario Federico Barreras Massó obsequiou cun banquete na illa de San Simón ao escritor Walter Wood e o paisaxista Frank Henry Manson, que foran contratados pola compañía navieira Booth Line para realizar una guía que promovera a Galicia como destino turístico dos británicos. Exercería como anfitrión o alcalde de Vigo alcalde Miguel Fernández.

 

1910 Vida Gallega


Ao ano seguinte, probablemente chamado pola anterior iniciativa, visita a illa o xornalista inglés Mr. Campion, acompañado por varios colegas de xornais vigueses. Tamén en 1910 realiza unha excursión a Liga de Amigos de Santiago de Compostela.

 

Os membros da Liga de Amigos de Santiago na estación de Redondela. Vida Gallega


Cinco anos despois, tamén de Santiago, chegarían os alumnos da facultade de Dereito. 

 

Alumnos da facultade de Dereito. Vida Gallega


En 1919 aproveita para visitar a illa o presidente e representante en Europa da empresa Foundation Company de New York, quen chegara acompañado por un enxeñeiro para interesarse polas obras do porto de Vigo.


Pouco despois dáselle á illa un novo uso coa celebración da que probablemente sexa a primeira actuación musical. Sería en 1921 con motivo da celebración do Congreso do Gremio da Construción, no que actuaron os coros de Ourense e Pontevedra.

O Coro Ruada. Foto: J. Pacheco

Chegada dos asistentes ao congreso. Foto: J. Pacheco


A principios dos 20 tamén organizou excursións anuais ao lazareto de San Simón unha confraría relixiosa de Vigo baixo o nome de Jueves Eucarísticos.

 

"Jueves Eucarísticos", 1923.

 

Algunhas das asistentes aos "Jueves Eucarísticos", 1925. Foto: E. Sarabia

Procesión na illa.
"Jueves Eucarísticos", 1925. Foto: E. Sarabia


Por esta época unha liña de vapores comeza a ofrecer paseos pola Ría de Vigo e desembarco dunha hora na illa de San Simón.

 

Anuncio insertado en Galicia, Diario de Vigo.


En 1926 chega a illa unha peregrinación procedente de Cataluña, presidida polo Bispo de Solsona e na que participaba o Arquiduque Leopoldo Salvador de Austria.

 




Despois do peche do lazareto, se realizan varias excursións con saída desde o porto de Vigo, unha delas á da “Peña Los Hijos del Sol”.

 

“Peña Los Hijos del Sol”. Vida Gallega

Excursión viguesa á illa de San Simón, 1933. Vida Gallega

 

En 1930, visitan á illa as nenas da Colonia Casa de la Caridad, que repetirían cando menos en 1934 e 1935. 

"Casa de la Caridad" na illa en 1930. ABC

Foto: Vida Gallega, 1934.

"Casa de la Caridad" saída cara a illa en 1935. ABC

 

A finais de 1935 realízase o acto de toma de posesión da illa de San Simón para darlle o uso de Orfanato de la Marina Mercante, onde se acollería aos orfos dos mariñeiros falecidos. Este proxecto veríase frustrado polo golpe de estado do xeneral Franco.






Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

ABC

http://www.abc.es/hemeroteca

La Vanguardia (dende 1881)

www.lavanguardia.es/hemeroteca

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Hoja Oficial del Lunes (Vigo), El Compostelano (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia (Santiago), El Pueblo Gallego (Vigo), Vida Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es

La América (Madrid), El Año Político, Atalaya de la Mancha en Madrid, La Construcción Moderna, La Correspondencia de España, La Época…


No hay comentarios:

Publicar un comentario