lunes, 13 de abril de 2020

Colectivos e asociacións da posguerra

Albergue do SEU en Rande Foto: todocoleccion.net
 
 
Arte Club
            Colectivo nado en 1964 e formado por uns dez rapaces. Comezou organizando exposicións e dando charlas de técnicas e historia da pintura no local social da S. A. R. En 1966 organizou a I Exposición de Óleos nos soportais do Concello, con obras de Olimpio Giráldez Lera, Manuel Seijas Fernández e Jose Ángel Gesteira Pazos.

Asociación de Cabezas de Familia
           Constituída en xaneiro de 1967 e integrada na Federación Provincial de Cabezas de Familia. As súas pretensións eran as de defender os intereses das familia: educación, vivenda... A primeira xunta directiva sería: Presidente, Bernardo Alfaya García; vicepresidente, José Rodríguez Crespo; secretario, Amado González Cardama; vicesecretario, Eugenio Lueiro Urtaza; tesoureiro, Serafín Gesteira Fernández; vocais Fernando Villar Pena, José Braga Valle, Manuel Argibay Fernández i Eulogio Darriba Vilas.

Asociación de Maestros Católicos
En 1940 Claudio Sotelo Loureiro é o delegado local desta asociación, dándose a curiosidade de que este mestre fora suspendido entre 1936 e 1938 no proceso de depuración iniciado tralo Alzamento Nacional, probablemente porque fora presidente da Sociedade Agrícola de O Viso.

Auxilio Social
           Creada en España en 1942 como Obra Nacional de Auxilio Social. En 1962 o “Hogar Méndez Núñez”, institución nada na illa de San Simón, trasladouse a un novo edificio na Xunqueira. Pouco tempo despois comezaría a funcionar baixo o nome de escola-residencia “Santo Domingo Savio”, que acollería a orfos e fillos de familias desfavorecidas. Neses anos o delegado local do Auxilio Social era José Regojo Rodríguez; o director da escola, José Ocampo Otero e o administrador, Luis Díez Sanz.

Centro de Estudios Redondelanos
          Asociación constituída en 1968 cos obxectivos de fomentar a recollida de pezas para formar unha colección arqueolóxica e a recompilación de fotografías e documentos para crear un arquivo histórico. A directiva estaba composta por: Pedro Otero Rey, alcalde e presidente; Antonio Taboada Táboas, vicepresidente 1º; Ramón Somoza Barros, vicepresidente 2º; Amado González Cardama, secretario; María del Carmen Cabaleiro Alonso, vicesecretaria; José Augusto Ventín Pereira, depositario; e vocais: Pedro Regojo Otero, Antonio Soto López, Jesús Olimpio Giráldez Lara, María Teresa Tojeiro Pérez, Chary Río García, Eugenio Lueiro Urtaza e Amado Ricón Viruleg. En 1976 estaba presidida por José Guillermo Giráldez Lera e un dos seus proxectos era a construción dunha casa da cultura.

Centro de Iniciativas y Turismo (CIT)
          Naceu en marzo de 1965 co principal obxectivo de crear un parador na Illa de San Simón. Meses antes aparece na prensa unha listaxe de “Fundadores do Centro de Iniciativas e Turismo”, por orde de solicitude: Amado González Cardama, Agustín Genaro Velategui, Antonio Soto Otero, Eugenio Lueiro Urtaza, Serafín Gesteira Fernández, Antonio Soto López, Pedro Regojo Otero, Serafín Martínez Malvar, José Jaime Pérez Rodríguez, José Rodríguez Crespo, Mario Reboredo Rodríguez, Rvdo. Claudio Contreras Quirós, Luis Alfonso Pereira Fernández, Antonio Taboada Táboas, José Molinos Reboredo, Eusebio Pereira Vilán, Rodrigo Lueiro Urtaza, José Borines Táboas, Félix Muñoz Gómez, Juan Cuadrado, Gerardo Pérez Rivero, Ramón Amoedo Esteiro, José Fontenla Cal, Francisco Pereira Fernández e Albino Portela Otero.
          A primeira directiva quedaría formada por: Ramón Amoedo Esteiro, presidente; Serafín Martínez Malvar, vicepresidente; Amado González Cardama, secretario; Serafín Gesteira Fernández, vicesecretario; Agustín Jenaro Velategui, tesoureiro; Antonio Taboada Táboas, contador; e vocais: Gerardo Pérez Rivero, Mario Reboredo Rodríguez, José Jaime Pérez Rodríguez, Alberto Generoso Becerra Bujones i Eugenio Lueiro Urtaza.
         O seu maior logro sería a recuperación en 1966 da Festa dos Maios despois de dous anos sen celebrarse. En 1973, o maior problema co que se enfrontaban era coa acumulación de lodos na praia de Cesantes trala construción do peirao e tentaban, sen éxito, organizar a festa do choco.

Gañadores do concurso fotográfico do CIT, 1967. Foto: La Noche
 
Centro Recreativo e Cultural de Redondela.
Constituíuse o 30 de xuño de 1952, sendo o seu primeiro presidente Francisco Pereira Fernández, que permaneceu no cargo ata 1961.
O seu primeiro local sería o primeiro andar dunha casa propiedade de Casiano Iglesias, con fachadas na Rúa Alfonso XII e no Paseo da Xunqueira. Estas instalacións foron inauguradas o 23 de agosto de 1952, polo daquela alcalde, Juan Muíños. Nos seguintes anos moitos dos seus festivais e bailes celebrábanse na sala ao aire libre “Parque La Junquera”.
En 1965 a directiva presidida por Carlos Martínez Amil organiza a “I Semana Cultural” na que estaban programadas o concerto da coral de Porriño, unha exposición fotográfica e varias conferencias, destacando a do escritor Gonzalo Torrente Ballester.
En 1971 accedeu á presidencia Francisco Virulegio Domínguez, que asumiu o proxecto da edificación do edificio actual.

CRCR. Construcción do edificio actual en 1975. Foto: Faro de Vigo
 
Círculo Cultural y Recreativo de Chapela
         Constituído o 19 de novembro de 1966 e inaugurado en 1967. Manuel Puga Santiago sería o seu primeiro presidente, e o Chalé de Arbones o primeiro local.

Club Deportivo Redondela
         Fundado en 1944 ademais dun club deportivo con equipos en oito disciplinas diferentes (Ver Deportes), realizaba numerosas actividades culturais: ciclos de conferencias, festas para a xuventude no Salón Redondela e Parque La Junquera, Certame de Flores... Esta sociedade tiña como presidente honorífico ao empresario Carlos E. Gunche. A xunta directiva estaba presidida por Antonio Ocampo Otero, que en 1948 foi detido, acusado de delito equiparado ao de rebelión militar. A partires deste suceso o clube foi a menos e disolveuse en 1952, non así a sociedade que seguía activa en 1953.

Cofradía de Pescadores de Chapela – Cofradía de Pescadores de Redondela
         O 25 de xuño de 1944, no local do antigo Centro de Mariñeiros de Redondela, constituíuse a Confraría de Pescadores, baixo a presidencia do xefe local do Movimiento e alcalde, Raúl Carlos Gunche; representante do señor comandante militar de Mariña; delegado comarcal Sindical, Mellid; inspector costeiro do Instituto Social de Mariña; o xefe comarcal da Obra Sindical de Previsión Social, Gesteira; e outras autoridades.
Terminado o acto trasladáronse a Chapela e no antigo local do Centro de Mariñeiros e Agricultores constituíuse a Confraría de Pescadores de Chapela.
Os dous actos rematáronse cantando o “Cara al sol” e dándose os gritos de costume naquela época.

Entrevista ao secretario da Cofradía de Redondela, Juan Pérez en 1966. Foto:La Noche

Comisión Local del Subsidio
           En 1940 encargábase do pago das nóminas mensuais dos beneficiarios do Padrón de Combatentes e ex-combatentes.

Cooperativa del Campo Santiago Apóstol.
          En xuño de 1954, toma posesión a nova xunta reitora, tratando a reorganización da cooperativa e estudando a obtención dos artigos necesarios para os labregos baixo a dirección da Hermandad de Labradores y Ganaderos. Como exemplo destes artigos estaban as patacas para a sementa que eran vendidas a un prezo económico, garantindo un prezo de venta mínimo na colleita.

Corresponsalía de Previsión
          Sería o equivalente aos actuais Servizos Sociais. Entre as súas atribucións estaba o do pago do Subsidio familiar.

Delegación Comarcal de Sindicatos
            A Delegación Comarcal de Sindicatos atopábase na Pz. 18 de Julio, hoxe da Constitución.
O 13, 14 e 15 de setembro de 1948 organizáronse en Redondela os primeiros cursiños para a formación de enlaces sindicais.
As eleccións sindicais de decembro de 1950 da nosa vila tiveron os seguintes resultados: Xefe do Gremio de madeira e corcho, Félix Fernández; de Pel, José Orge Esteira; de Transportes e Comunicacións, José Táboas Pardo; de Hostalaría e similares, Bienvenido Lago Araujo; de Alimentación, Manuel Bas Puga; de Industria e Comercio, José Regojo Rodríguez; Patrón Maior da Confraría de Pescadores, José Rivas Cabaleiro; Pro-home da Irmandade de Labradores e Gandeiros, José Moreira Rivas.
Entre o 24 e 26 de outubro de 1950 celebráronse en Redondela os II Cursillos para enlaces sindicais.
En maio de 1954 a “Previsión Social” efectuaba o pago do Subsidio Familiar correspondente aos meses de xaneiro e febreiro por un total de 35.602 pesetas.
En xuño de 1954 polo Gremio de Industria e Comercio son elixidos: Mestre maior, José Regojo Rodríguez; Xefe da Sección Económica, José Orge Esteiro; e Xefe da Sección Social, Luis Esteiro Rodríguez. E polo Gremio de madeira e corcho: Mestre Maior, Félix Fernández Núñez; Xefe da Sección Económica, Joaquín Veiga Fernández; Xefe Sección Social, Cándido Pereira Bouzón.
Entre os que desempeñaron o cargo de Delegado Comarcal de Sindicatos de Redondela, estivo José Luis Mellid Vázquez, quen sería máis tarde alcalde de Sanxenxo.

Delegación Local de Ex-combatientes
           Esta asociación en 1964 co seu Delegado Local ao fronte, Bernardo Alfaya García, organizou co Concello a visita a Pontevedra para os actos denominados “XXV años de paz bajo el mando de Franco”. Este aniversario “da vitoria” era celebrado tódolos anos.

Delegación Local de Abastecimientos y Transportes

Hermandad de Artilleros Santa Bárbara
          Conformada en 1964 polos artilleiros da comarca que participaron na Guerra Civil, ou ben, prestaron servizo en tempos de paz. Os membros fundadores foron: Luis Alfonso Pereira Fernández, José Pazo Díaz, José Manuel Sánchez Estévez, Antonio Fernández de Retana, Eulogio Darriba Vilas, Jaime Castro Otero, Cesáreo González Alonso, Marcelino Porto Ares, José Vilaboa Amil, Antonio Barciela Brea, Bernardino Pazos, Manuel Martínez Groba e Marcelino Castro Pérez.

Hermandad Sindical de labradores y ganaderos “Santiago Apostol” de Redondela.
         En xuño de 1954, celébrase unha reunión na que toman posesión dos seus cargos os membros elixidos nas pasadas eleccións e se tratan asuntos relacionados cos intereses agrícolas da comarca: Pro-home, José Moreira Rivas; Xefe Sección Económica, José Olimpio Giráldez Fernández; Xefe Sección Social, Jaime Bouzas Giráldez. Tamén se realizou unha “Xunta económica” na que se falou do reparto, entre os campesiños, de sulfato de cobre, de sofre e doutros produtos para o campo.
En 1970 é elixido presidente Manuel Veiga Domínguez, sustituindo no cargo ao recentemente falecido José Olimpio Giráldez Fernández.

Junta Local de la Asociación Española contra el Cáncer
          En febreiro de 1965 formouse esta xunta local, composta por: Antonio Ocampo Otero, presidente; Serafín Martínez Malvar, vicepresidente; Santiago Rodríguez Salinas, secretario; e vocais: Pedro Otero Rey, Rvdo. Luis Soto Prado e Generoso Muíños Blanco. Ao ano seguinte entra na directiva unha muller, María Teresa Torrado Sánchez. O seu principal obxectivo era recadar fondos para axudar aos enfermos con menos posibilidades económicas e realizar campañas de concienciación.

Posto na Praza Ribadavia en 1967. Foto: La Noche
 
Junta Local de Conservación y Propagación de Moluscos en la Ensenada de San Simón.
         Constituída en 1964 por iniciativa da Axudantía Militar de Mariña deste distrito e a Confraría Sindical de Pescadores San Juan de Redondela. Estaba composta por: Presidente de honra, Arsenio Nicanor Río Pena, Axudante Militar de Mariña. Presidente-nato, Mauro Martínez Martínez, presidente da Confraría Sindical de Pescadores. Presidente da Xunta, José Cobián Couñago. Secretario, Segundo Freire Rivas. Vocais: Lorenzo Verde Ruibal, presidente da Confraría de Pescadores de Arcade; Cándido Novelle Lago, vocal da Confraría de Redondela; Teófilo Pérez López, vocal da Confraría de Redondela; Jesús Villar Martínez; José Vázquez e Ángel López Amoedo.

Juntas Parroquiales de Beneficencia
         Estas xuntas xestionaban os aportes dos veciños, para atender aos máis necesitados. A principios de 1938 funcionan normalmente as Xuntas Parroquiais de Saxamonde, Redondela, Cesantes, Quintela, Negros, Cabeiro, Reboreda, Vilar de Infesta e Chapela.
Seguían funcionando en xuño de 1954, cando se leva a cabo a constitución das Xuntas Parroquiais nomeándose aos seus dirixentes

Patronato Local de Protección de Indigentes
        Creado o 13 de xuño de 1937, sendo nomeadas para dirixila a proposta do alcalde J. M. Izarzugaza: Benita Alfaya, esposa do anterior alcalde; Sofía Rodríguez e Carmen Bermúdez, mestras.

Safari Club
         Formado en 1967 por dez rapaces. Presidida por Francisco Soto Muíños, as súas pretensións era a creación dunha biblioteca, a organización de torneos deportivos e charlas culturais.

Sindicato Español Universitario (SEU)

O albergue do Sindicato Español Universitario (SEU) estableceuse en 1948 na illa de San Simón, que servira como cárcere franquista ata 1943. Nel se celebraban campamentos de verán en quendas masculina e feminina. Tralo naufraxio con 43 vítimas mortais dunha lancha que trasladaba a demasiados destes mozos para xogar un partido de fútbol, decídese a clausura deste albergue.

En 1953, en Rande abriu un novo albergue nun chalé xa desaparecido situado no solar que despois ocuparía o Instituto de Seguridade e Hixiene, hoxe I. S. S. G. A. O estilo arquitectónico modernista, similar á casa próxima da Chicharra, indica que probablemente sería construída na mesma época pois podemos atopar ás dúas casas en fotos dos anos 20.

Formación de mandos da Falanje en Rande, 1959. Foto: Anuario de Vigo

 

En Rande, as mozas cumprían o coñecido como “Servicio Social de la Mujer”, co que complementaban os seus estudos universitarios e aprendían as tarefas do fogar ademais de asistir a misa diariamente. Entre as actividades destacaban as visitas a empresas e lugares de interese turístico. Estes cursos realizábanse nos meses de verán e debían realizalo dous anos.

Unha das mestras era Milagros Fraga Iribarne irmá de Manuel Fraga, ministro franquista e posterior presidente da Xunta de Galicia.

Unha das mozas que visitou dous anos o albergue sería Carmencita Franco Polo, filla do ditador. Na prensa anunciábase que viña pasar o verán coas súas amigas veraneando na Casa Maruxa, propiedade do Gobernador Civil Ponce de León. No primeiro ano viría soa e o segundo acompañada pola súa nai, Carmen Polo.

Neste albergue os mozos de Falanje tamén realizaban cursos para acceder a postos de mando.

O último curso sería o de 1963 pola venta da casa por parte dos propietarios. O albergue sería trasladado a Vigo.



Alumnas do EU, 1963. Foto Siorty-El Pueblo Gallego


Sociedad Atlética de Redondela (S. A. R.)
         Fundada en 1963 con Pedro Regojo Otero como primeiro presidente. Ademais de club deportivo (Ver Deporte), a SAR foi un dinamizador cultural nos anos 60 mediante a sección Arte Club. Organizaba conferencias e proxeccións de documentais deportivos, exposicións, Festival SAR (onde tiña cabida a música, o humor e a poesía), Salto a la Fama (concurso musical para os máis pequenos), cabalgata de Reis... Ademais celebraba cursos de pintura, guitarra, laúd, bandurria...; e colaboraba na Festa de Maios e, as veces, na Festa da Coca mediante a presentación dunha carroza. A todo isto habería que sumar as numerosas competicións nas 12 disciplinas coas que contaba, nas que se prestaba especial atención aos máis pequenos.

Directiva da SAR sen data Foto cedida por Albi

Sociedad de Caza y Pesca “La Redondelana”
         Naceu en 1961 presidida por Olegario Rubín Amoedo. O nome foi escollido a imaxe e semellanza da veciña “Sociedad de Caza y Pesca La Viguesa”, que en 1964 celebraba as súas vodas de prata. Os seus principais obxectivos eran a reprodución nos cotos e o exterminio de alimañas. Celebraba as súas reunións no despacho do médico Antonio Ocampo. Compoñentes desta asociación serían Heliodoro Rivas Rivas ou Francisco Cunqueiro Montenegro “Don Pancho”.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Antonio Ocampo. Bodas de Oro

(As Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista. Gonzalo Amoedo. Edit. Fundación 10 de marzo.2006. Páx. 228)

Galiciana => El Pueblo Gallego, La Noche, Hoja Oficial del Lunes, El Correo Gallego,

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

Aportes orais.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario