lunes, 25 de diciembre de 2023

O ataque inglés de 1719.

 

Richard Temple, 1st Viscount Cobham. Obra de Jean Baptiste Van Loo-National Portrait Gallery

             Poucos anos despois da Batalla de Rande, acontecida en 1702, (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1702-batalla-de-rande.html ) e despois de rematada a Guerra de Sucesión, continúan as tensións en toda Europa e España vese envolta na Guerra da Cuádruple Alianza na que se enfronta á coalición do Sacro Imperio Romano Germánico (Alemaña), Francia, Reino Unido e as Provincias Unidas dos Países Baixos. O motivo foi que o noso rei, Felipe V, dirixiu as súas pretensións expansionistas cara a Italia respaldado polo seu matrimonio con Isabel de Farnesio, herdeira do ducado de Parma, o que era totalmente contrario aos intereses dos mencionados países.

            Dentro deste marco España envía a Escocia tropas de apoio á causa de Jacobo Estuardo. O 10 de marzo de 1719 sairía do porto de Vigo unha escuadra de 24 navíos e 5.000 soldados, pero días despois sofre un duro temporal en Fisterre. En Escocia as cousas non irían mellor e serían derrotadas na Batalla de Glen Shiel. Os británicos deciden dar un escarmento a esta inxerencia estranxeira e evitar un novo envío de tropas. Polo que lanza varios ataques marítimos, que en Galicia se concretarían primeiro en Ribadeo e despois en Vigo. A principal fonte de información deste último feito é un diario que recuperaría e publicaría Fermín Bouza Brey en Cuadernos de Estudios Gallegos.

            O 10 de outubro de 1719 chega ás nosas costas unha flota comandada por Lord Cobham xunto ás forzas navais do vicealmirante James Mighels, que incluían catro navíos de liña: HMS Ipswich, HMS Enterprise, HMS Biddeford e HMS Kinsale. Eran en total 80 barcos de guerra e40 buques de transporte, nos que embarcaron 6.000 soldados baixo as ordes do maior xeneral John Wade. As defensas de Vigo non tiñan moito que facer ante aquel continxente sen axudas do exterior, apesares do cal os ingleses tardaron dous días en render o castelo de San Sebastián. Refuxiados 400 soldados e outros tantos veciños no Castro, comeza un asedio cun continuo bombardeo que rematará coa rendición dos vigueses o día 18 e a entrega da cidade por Don Fadrique González de Soto ao día seguinte. Vigo quedaría arrasado polas bombas. Durante o ataque 469 oficiais e soldados conseguiron fuxir, mentres que 300 faleceron ou resultaron feridos. Por contra, os británicos tan só terían 6 baixas e uns 20 feridos. No Reino Unido este feito é coñecido como La Captura de Vigo ou La Expedición Británica a Vigo.

            O motivo de elixir Vigo para o ataque radica en que na cidade estábanse almacenando moitas pezas de artillería que os británicos sospeitaban que era a preparación dun ataque ao seu país. Trala vitoria os ingleses embarcarían moitas destas armas inutilizando o resto. A ocupación da cidade duraría 10 días nas que as tropas adicáronse ao saqueo, do que non se librou a Illa de San Simón, o que precipitaría o abandono definitivo da orde franciscana que alí residía e que acadaría a autorización para marcharse cinco anos despois (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html ). 

A illa de San Simón cara a 1910. Postal. Arquivo Deputación de Pontevedra.

 

            Tamén marcharon sobre Redondela, na que non atoparon oposición, xa que os veciños despois do acontecido en sucesos como a Batalla de Rande (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/07/1702-batalla-de-rande-en-primeira-persoa.html ) aproveitaron para fuxir durante o asedio de Vigo. Este feito foi recollido nas fontes británicas: “Su Señoría envió un Partido a Redondella, donde encontraron abandonado el antiguo Fuerte, en la ruina, y los habitantes huyeron. Esta Parte de la Provincia estaba tan consternada, que se cree que la mitad de la gente ha huido a Portugal”. Ante a falla de resistencia o maior xeneral George Wade daría orde de saquear o que quedara e logo queimar as casas.

            Os saqueos continuarían sen resistencia en Pontevedra e Marín. Tamén se envía emisarios a Santiago coa ameaza de ocupar a cidade, feito que non chega a acontecer ao pagar os composteláns 40.000 libras a cambio de non ser atacados.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Vigo se rinde a Lord Cobham en el año 1719. Eduardo Rolland. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2019/10/13/vigo-rinde-lord-cobham-ano-1719/0003_201910V13C6992.htm

Tres siglos de la captura de Vigo. Eduardo Rolland. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2018/09/16/tres-siglos-captura-vigo/0003_201809V16C6998.htm

La toma de Vigo vista desde Inglaterra. Eduardo Rolland. Vigoe. https://www.vigoe.es/vigo/mas-vigo/la-toma-de-vigo-vista-desde-inglaterra/

Wikipedia. Toma de Vigo. https://es.m.wikipedia.org/wiki/Toma_de_Vigo

Arre caballo! https://arrecaballo.es/siglo-xviii/guerra-de-la-cuadruple-alianza-1-717-21/ataques-ingleses-en-espana-1-719/

Vigopedia. https://vigopedia.com/cronologia-de-vigo-siglos-xvii-xviii/

Museo Meirande.


No hay comentarios:

Publicar un comentario