martes, 14 de abril de 2020

1702. A Batalla de Rande

       
Cando Carlos II, derradeiro Rei da casa de Austria, morre sen descendencia deixa o trono a Felipe de Borbón neto do Rei de Francia. As potencias europeas (Inglaterra, Holanda e Austria) queren evitar que Francia aumente o seu poder. Teñamos en conta que daquela España dominaba o Milanesado, Sicilia, o Reino de Nápoles e gran parte dos territorios americanos; continente co que tiña o monopolio comercial. Isto levoulles a apoiar ao arquiduque Carlos de Austria desencadeando a Guerra de Sucesión.
The Battle of Vigo Bay, 12 October 1702. Royal Museums Greenwich
        A Flota de Indias viña tódolos anos cargada con metais preciosos e todo tipo de mercadorías como madeiras, peles...; procedentes de América. En xuño de 1702, 18 galeóns baixo o mando de Manuel Velasco Tejada saen da Habana escoltados polo almirante Chateau-Renault con 24 navíos e fragatas franceses. O seu destino obrigatorio era Cádiz pero chegan noticias de que a frota anglo-holandesa está atacando a súa costa e deciden refuxiarse na Ría de Vigo. Un dos condicionantes desta decisión puido ser que nun dos galeóns volvía a España o antigo vicerrei de Nueva España, o redondelán José Sarmiento y Valladares, Conde de Moctezuma y Tula.

José Sarmiento de Valladares
            Esta decisión non foi do agrado do Duque de Barbazón, Gobernador e Capitán Xeneral de Galicia, porque as tropas coas que el contaba eran poucas e ademais os fortes do Estreito de Rande (un en Rande e outro en Corbeiro) atopábanse en estado ruinoso.
Unha vez estiveron os barcos na Enseada de San Simón, armouse os fortes con canóns dos barcos e cerrouse o estreito cunha cadea de estacas. Todo estaba disposto para recibir a frota anglo-holandesa composta por 140 barcos, si ben só uns 50 eran buques de guerra. Ao fronte da frota holandesa estaba o Almirante Van der Goes e da ingresa o Almirante George Rook, Duque de Ormond.
Castelo de Rande. Ilustración  Serafin Avendaño
       Entre o serán do día 23 e a noite do 24 de outubro de 1702 tivo lugar a Batalla de Rande. O inimigo avanzou pola ría pegado á península do Morrazo para evitar os disparos dos canóns de Vigo. ao atopar o paso cortado no estreito o Duque de Ormond con 14.000 homes desembarcou para destruír o forte de Rande. Unha vez conseguido o obxectivo, os barcos puideron entrar na enseada de San Simón disparando contra o forte de Corbeiro e rompendo a cadea de estacas. Cando todo estivo perdido os almirantes españois e franceses ordenaron afundir os barcos que seguían a flote para evitar que caeran en mans inimigas. Na batalla morreron uns 800 ingleses e holandeses por cerca dos 2.000 españois e franceses.
        Ao día seguinte os inimigos enviaron buzos a recuperar todo o posible, ao mesmo tempo que unha brigada holandesa saqueaba Redondela, profanando igrexas e destruíndo o convento franciscano de San Simón.
1870 Imaxe da expedición de busca dos galeóns da Batalla de Rande, de Hipólito Magen. Foto: Meirande
         Unha semana despois os inimigos abandonan a ría, quedando a escuadra inglesa de Shovel, que chegara o día 27. Despois de acumular provisións asaltando granxas e hortas, derriban os fortes do estreito, intercambian prisioneiros e reparan os barcos apresados. Cando marchan cara a Inglaterra un destes galeóns afúndese ao pouco de saír, cerca das illas Cíes.
        O botín que acadaron era moi inferior ao cargamento que levaban os barcos. A dúbida que quedou trala batalla foi ¿antes do ataque a Flota de Indias tivo tempo de desembarcar as súas mercadorías ou seguen no fondo da ría? Aquí comeza a lenda do Tesouro de Rande.
1955 Extracción dunha caderna Foto "Historia de las Rías"
          Aos poucos anos comezarían as exploracións na busca destas riquezas. Xa se ten constancia dun intento en 1717. Despois de varias iniciativas en 1870 Hipólito Magen atopou 44 kg. de prata, ademais de canóns, instrumentos de navegación, áncoras... Este feito disparou o número de cazadores de tesouros que visitaron a Ría, quedándonos para sempre a dúbida de si declararon todo o que atoparon. Tamén disparou a imaxinación de Julio Verne que conta como o Capitán Nemo e os seus homes recuperan o Tesouro de Rande no seu libro 20.000 leguas de viaxe submarino.
A situación cambiaría nos anos 80 cando as competencias para autorizar a exploración foron cedidas ó goberno autonómico que denegou as concesións e denunciou a varias expedicións estranxeiras que operaban ilegalmente. Máis recentemente, no 2007, investigadores da Xunta atoparon os restos de varios galeóns e se estuda a viabilidade da súa extracción co fin de crear un museo da Batalla de Rande.
Como curiosidade engadir que en Inglaterra foi coñecida como a Batalla de Vigo, polo que hoxe en día no rueiro de Londres podemos atoparnos coa rúa Vigo Street.
Robert Sténuit, sacando cañones en Rande  en 1957.  Journal Tintin 1960-ABC
Trala apertura do Meirande, centro de interpretación da Batalla de Rande, no 2014 comeza a celebrarse nas súas inmediacións a festa da conmemoración da batalla con recreacións teatrais daquel feito histórico.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA.
Rande 1702: Arde o mar. Coordinador: Alejandro de Arce. Museo do mar de Galicia., 2002
Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge. Ed. Faro de Vigo.
Seren Nº 0. A Batalla de Rande. Guerra de Sucesión española. J. A. Orge.
Tercer centenario de la Batalla de Rande. Fréderic Nabbe Degenkolbe
De Rande a la Guerra Fría. Eduardo Rolland, La Voz de Galicia.
Isaac Newton e o tesouro de Vigo. Eduardo Rolland, Gciencia.
Recuperar o no recuperar los galeones de Rande ¿Es esta la cuestión? Javier Luaces Anca, 2002.
A Batalla de Rande
La Trampa de Vigo. Carlo di Risio. (publicado na revista Defensa nº 109, maio 1978
La Guerra de Sucesión en Galicia (1702-1712). La Batalla de Rande. Manuel Tourón Yebra. Licenciado en Historia. Publicado na Revista de Historia Militar, 1986
A Batalla de Rande. Xoán Bernárdez Villar.

A Batalla de Rande por Avila y la Cueva. Citado por José María Ávarez Blázquez en La ciudad y los días. calendario Histórico de Vigo. Ediciones Monterrey, Vigo, 1960. pp. 445-447

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Vida Gallega, Estampa, El Eco de Galicia, El Correo Español

Faro de Vigo, La Voz de Galicia, La Vanguardia, ABC, Vigoalminuto.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario