Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego |
Ao longo do século XX cada vez que se introducía un método de pesca máis rentable económicamente (aínda que fora menos sostible) producíanse enfrontamentos entre os defensores da arte moderna e os da tradicional. No fondo o motivo era o mesmo, a defensa do pan das súas familias. Isto aconteceu en 1977. Chegado o mes de novembro, mariscadoras e mariscadores de Cesantes e Cedeira concentráronse en Vigo diante da Comandacia de Mariña aos gritos de: "O can e o asasino da nosa ría", "Queremos vixiancia, sobornos non". Protestaban así polo emprego desta arte prohibida de pesca por varios arrastreiros con base en Cangas, Aldán, Bueu e Vilagarcía. A autoridade marítima prometeu un maior control, porque o can era considerada unha arte prohibida, e a próxima entrada en funcionamento de tres novas lanchas de vixiancia. Lonxe de arranxarse o problema os barcos facían caso omiso caíndo na provocación ao empregar o can preto da praia de Cesantes, onde se realizaba o marisqueo a pé.
Tan só 6 días despois unha concentración de arrastreiros diante do Náutico de Vigo, acoden a cita arredor de 400 mariscadores de Redondela, na meirande parte mulleres. Como era de temer prodúcense graves enfrontamentos entre mariscadoras e defensores do can. Os incidentes arroxaron o saldo de cinco feridos e numerosos contusionados, entre os cales estaban as veciñas de Cesantes Lina Cabaleiro Martínez e Alicia Alxan Freitas, atendidas na Cruz Vermella, e Carmen López Bouzón "Suxa", de 45 anos, que sería atendida por unha ferida inciso contusa na Residencia Sanitaria Almirante Vierna. Quizáis a que peor o pasou sería a, tamén veciña de Cesantes, Dolores González Muíños, de 30 anos, quen foi empuxada ao mar por outra muller e ao ser rescatada por un barco arrastreiro foi ameazada con ser afogada cunha pedra ao pescozo.
Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego |
Os defensores do can argumentaban que eles dependían desta técnica para manter ás súas familias e facer fronte aos gastos do barco, mentres para os mariscadores de vara era un ingreso extra, pois moitos traballaban en empresas de Vigo. Por contra, relatábase que habendo moitos mariscadores de vara en Rodeiro, Meira, Moaña, Alcabre e Bouzas, estes foron embestidos polos arrastreiros rompendo algunhas varas. Para defenderse lanzaron pedras ante o que os do barco "Marioli" empuñaron unha escopeta de caza. Isto levou a que unhas trescentas pequenas embarcacións tamén se congregaran en Vigo. Non sería esta a única arma exhibida, xa que nos enfrontamentos no mar esgrimíronse coitelos, machados e diferentes útiles de pesca como bicheiros ou sachos.
Chegados a este punto a Dirección General de Pesca convoca unha reunión en Madrid cos representantes sindicais que sería un fracaso. Nos días sucesivos será prohibido o marisqueo con vara e aos arrastreiros permíteselles pescar navallas nas Illas Cies, sendo vixiados por buques da armada para evitar que embistan ás pequenas embarcacións. A tensión era tan tensa que para evitar agresións, pola noite refuxiábanse en Cangas os arrastreiros das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, incluíndo nesta última a algún barco de Redondela.
Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego |
Ao pouco tempo a gamela "Cesantes" sería embestido por un barco de Bueu. Este suceso provocou a chamada das campás da Igrexa de Cesantes, á que acudiron uns 500 mariscadores que se dirixiron cara a Bouzas onde foron recibidos cun disparo de escopeta. Foi o inicio dunha batalla campal na que se empregaron bombas de palenque e botellas con gasoliña entre insultos e pedras. Neses días catro barcos de Cesantes, que se adicaban ao cerco, atracados no Berbés atoparon as súas redes rotas, do que culpabilizaban aos mariñeiros dos arrastreiros. Isto provocaría unha nova reunión co Director Xeral de Pesca, desta volta en Santiago, na que se determinaría que o can seguiría prohibido ofrecéndoselles aos arrastreiros indemnizalos polos días de paro e uns cupos de pesca de navalla nas Cíes, A Lanzada e Corrubedo.
Antes de acabar o ano aínda habería un enfrontamento máis entre as mariscadoras e os patróns de Redondela que seguían a empregar o can. Os animos seguirían caldeados e os vareeiros organizaron turnos de vixianza para evitar que se empregara o can.
Foto: Rafael Arjones. El Pueblo Gallego |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo)
No hay comentarios:
Publicar un comentario