Barco do naufraxio. Foto publicada en Naufraxios no mar de Vigo. Francisco Díaz Guerrero |
O 22 de agosto de 1950 produciuse o naufraxio con máis vítimas mortais na Ría de Vigo. Dous anos antes a illa de San Simón, que fora empregada como cárcere, convertérase en Albergue do Sindicato Español Universitario (SEU). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html ) Alí celebrábanse no vran campamentos masculinos e femininos, nos que as mozas que estudaban na universidade cumprían o coñecido como “Servicio Social de la Mujer”, e os mozos realizaban a formación para aspirar a altos cargos da Falange.
Naquela ocasión estaban na illa membros da chamada Guardia de Franco, que era unha sección da Falange, formada principalmente por excombatentes. O plan era ir xogar un partido a Redondela para enfrontarse a un equipo da parroquia de Cedeira, pero a hora de ir embarcar na lancha "Monchiña" foi animándose máis e máis xente ata chegar ás 66 persoas. Durante o curto traxecto un deles caiu ao mar e instintivamente todos foron cara a borda para axudalo, facendo emborcar a barca. Moitos non sabían nadar polo que tentaron agarrarse aos que si sabían perecendo 43 persoas afogadas, oito era galegos e o resto de diferentes puntos da península.
Entre os 23 supervivintes atopábase o fotógrafo de Redondela Carlos "Fotsca", daquela un neno, que vivía na illa por ser fillo do vixiante. Nunha exposición que realizou no Multiusos da Xunqueira pouco tempo antes de falecer, lembraba que o patrón do barco pedíralle que se baixaran e que como moito levaría 40, pero un mando de Falanje ordenoulle: "Arranque usted como sea". Tamén relataba que ao saír do abrigo da illa as olas entraban de costado e unha salpicoulles ás pernas, provocando que os mozos se botaran ao lado contrario. Esta versión contradice "a oficial" do mozo caído a auga, pero semella máis verosimil e sendo unha testemuña presencial...
Carmen Almoina "A Salvadora" recibindo a medalla. Foto: Bene. El Pueblo Gallego |
Dentro da traxedia houbo tempo para a heroicidade, sería o caso de Carmen Almoina Cabaleiro, de 20 anos, quen conseguiu botar ao mar unha gamela e sacar a catro mozos da auga, pero un deles faleceu ao chegar á praia. Isto valeulle os alcumes de "A Salvadora" e "A Nadadora".
Julián Estévez Rodríguez, de 17 anos, que daquela, traballama na vendimia, atopábase nunha lancha a motor levando a outros compañeiros do albergue. Ao ver o ocurrido achegouse ao lugar dos feitos e subindo a bordo a dez náufragos. Despois axudaría nas labores de rescate dos corpos dos falecidos.
Meses despois a Sociedad Española de Salvamentos de Naúfragos concedeulles a Medalla de Bronce a estes dous veciños de Cesantes, con premios de 3.000 e 2.000 pesetas respectivamente.
Julián Estévez. Foto: El Pueblo Gallego |
Nos anos 70, tamén sería homenaxeada Salud Táboas Barreiro, quen contou que con 17 anos salvara a oito náufragos, correndo despois a agocharse na súa casa por medo aos falanxistas. En 2014 volvería a ser recoñecida polo Concello de Redondela co gallo do Día da Muller.
Despois dos traballos de recuperación dos cadáveres os corpos serían trasladados ao local do Auxilio Social no Paseo da Xunqueira (máis tarde coñecida como a Casa dos Enanitos por trasladarse alí o Fogar Méndez Núñez), onde serían velados ata a celebración dos funerais aos que asistiron as principais autoridades militares e relixiosas galegas. Redondela estaba de luto as bandeiras pendían no Concello a media asta e nos balcóns con crespóns negros, as campás de todas as igrexas tocaban a defunto.
Recuperación dos corpos. Foto publicada en As Illas de San Simón e San Antonio. Lugar de encontro. Ed. Xunta de Galicia, 2005 |
Os seguintes aniversarios convertéronse en actos de exaltación falangista, especialmente oito anos despois, cando se inaugurou no illote do Corbeiro un cruceiro en lembranza dos náufragos coa lenda aos seus pés: "Camaradas de la Guardia de Franco: ¡Presentes! 1950-1958."
Trala desgraza o albergue sería clausurado e pouco despois ser trasladado ao barrio de Rande. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/colectivos-e-asociacions-da-postguerra.html )
Inauguración do cruceiro, 1958. Foto Siorty. Fondos gráficos da Xefatura Provincial do Movemento. Deputación de Pontevedra |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
As Illas de San Simón. Aproximación á súa historia. J. A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.
ABC
La Vanguardia (dende 1881)
www.lavanguardia.es/hemeroteca
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo), La Noche, La Región...
No hay comentarios:
Publicar un comentario