O noso boxeador máis destacado foi o peso medio,
César Campuzano,
de nome completo Teodoro César Campuzano
Sanz.
Apesares de que na Federación Española de Boxeo figura como
nado en Redondela cara a 1907 (outras fontes establecen o ano 1905),
en visita realizada ao rexistro da nosa vila non atopei o certificado
de nacemento. A isto hai que engadir que nun xornal da época
afírmase que naceu en Pontevedra.
De tódolos xeitos o que si é certo e que a prensa o consideraba
como un boxeador de Redondela. Aquí se criou e aquí rexentaba un
cine o seu pai Nicolás Campuzano. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/os-cines-de-redondela.html ) Os seus combates eran seguidos
polo público redondelán e, en menor medida, polo de O Porriño,
onde se estableceu o seu irmán Arturo.
Con once anos, en
1918, emigrou coa súa nai a Arxentina, onde se adicou a actividades
comerciais e tamén practicou o rugby e o remo. O combate entre
Dempsey e Carpentier espertoulle a súa afección polo boxeo
iniciándose na súa práctica no C. D.
Barracas. En 57 combates tan só sofreu
sete derrotas aos puntos, unha delas ante Méndez, campión arxentino
e finalista nas Olimpiadas de París de 1924. Tamén destaca desta
época o seu match nulo
ante o uruguaio Gómez Campión Panamericano.
A imposibilidade de pelexar coa selección
arxentina provocou a súa volta a España en 1928. Baixo as ordes da
Federación Española presentouse o 9 de xuño nun combate de
exhibición durante os Campionatos de Cataluña, loitando co tamén
retornado Dionisio Fernández, nado en Zamora. Precisamente este
boxeador salvaríalle a vida uns días despois cando se foron a bañar
no mar ao saír do adestramento. As olas impedíanlle a César
regresar e
subir ás rochas,
sendo golpeado contra elas, ata que Dionisio conseguiu sacalo da
auga. O propio Campuzano co seu acento arxentino explicaba nos
xornais da época o sucedido:-“Primero
sentía el percanse por el agua que tragaba. ¡Che! Pensaba que iba a
subir otra vez de peso. Pero, ¡que farra!, luego no me quedaba ya
tiempo sino para pensar en mis viejos”.
| César Campuzano coa súa familia en Redondela. Foto cedida por Alberto Canle |
Ese
mesmo ano acadou o Campionato de España Amateur de peso medio (75
Kg.), o que lle valeu a súa clasificación para as Olimpíadas
de Amberes 1928. Nesta competición non pasou a primeira
eliminatoria, perdendo co estadounidense H. H. Henderson. Nun xornal
da época no que se analiza a derrota dos boxeadores españois, a
vitoria do americano achácase a unha decisión arbitral considerada
unha “incalificable usurpación”.
Tras as
Olimpíadas
debutou como profesional en Vigo o 4 de outubro de 1928, nunha velada
a prol da Asociación de Prensa.
Enfrontouse daquela a Recio, campión
de Andalucía e Levante ao que venceu cun rotundo K. O.
En 1929 o campión
de España en peso medio foi penalizado con seis meses de suspensión
e a perda do título que se poría en xogo. Entre os aspirantes ao
campionato resultaron finalistas Campuzano e o catalán Lorenzo.
Gañaría este último aos puntos no combate definitivo celebrado en
Valencia o 31 de maio de 1930. Esta loita fora atrasada por
enfermidade de Campuzano, quen solicitou a repetición do combate por
non poder prepararse en condicións, mais nunca volveron a pelexar
polo título. Ese mesmo ano vence a Frías, campión de Cuba.
O
único combate deste boxeador en Redondela do que hai constancia foi
en marzo de 1930,
no
primeiro certame
de boxeo organizado
na vila. Celebrouse no Círculo
Mercantil de Redondela a prol das
familias dos mariñeiros falecidos nunha tráxica xornada na que
naufragaron un barco de Redondela e catro de Bouzas. Houbo dous
combates de exhibición, o de César
Campuzano Sanz contra
Edelmiro Morales “Cañoto” (Vigo, Campión de España 1930) e o
de Lafuentre contra Julián. Naquela xornada tamén competiron catro
afeccionados locais dos
5 combates programados: Varela venceu a González, por puntos; Arturo
Pérez a Besada, tamén aos puntos; Ramón Rey a Gallego, por
eliminación;
Chalala e Novás, combate
nulo; e no de Posada e Ferrón, retirouse este último por desacordo
cos xuíces nomeados. A velada completábase coa exhibición
ximnástica de tres rapaces
vigueses.
En
setembro de 1930 Campuzano anuncia dende Zamora, onde se atopa
aumentando o seu palmarés, que en novembro partirá cara a Buenos
Aires, onde foi contratado para unha serie de combates.
Estableceríase naquel país, onde despois de deixar o boxeo fundaría
a Peña
Amigos del Box, coa
que a mediados dos 50 se reunía cada mes para homenaxear aos antigos
boxeadores.
Outros
boxeadores.
Entre
os amateurs que participaron na velada en Redondela que vimos
anteriormente atopábase tamen o redondelán González
que sería derrotado aos puntos por
Varela.
Outro
boxeador daqueles anos sería Eugenio
Garrido Iglesias “La Ciencia
del Ring”, veciño de Saxamonde.
En 1930 e con tan só 18 anos xa se fai un oco entre os boxeadores
galegos de peso pluma, enfrontándose
entre outros a Cabaco (Gondomar),
Gil Sánchez (Ferrol), Lapido, Mario... Nese mesmo ano caese
do programa dunha velada de
boxeo por comunicar os seus familiares que
levaba tres días desaparecido. Sería o inicio dunha caída que
remataría coa súa detención en novembro de 1932 por agredir a un
taxista e cometer varios roubos.
En 1941 comeza a
competir Amador Costas,
de Chapela, considerado daquela como un “welter
de pegada fácil” e que con tan só
dous combates xa tiña ofertas para ir boxear á Coruña. En 1944
despertaron moito interese
os seus combates co ourensán King Kong.
Outro destacado era
Francisco González Sánchez (Paco
Piriquito),
campión militar de natación e boxeo, que en 1958 pelexou
varias veces contra
Jesús Martínez, de Pontevedra. Outros dos seus opoñentes serían
Valentín e
Maquieira. Tamén boxeaban naqueles anos Fontán,
de Redondela; e “Pozas”,
de Cabeiro.
Nas
festas da Coca de 1952 houbera unha velada de boxeo no cine Fantasio
(daquela cine Figueiral) que tiña como derradeiro combate o de
“Raspeli e Rosini”,
que non eran outros que os redondeláns Raspelo
e o fillo da Rosina.
Como os dous eran amigos, puxéronse de acordo para amañar o combate
e gañar os cartos sen mancarse. Pero nada mais comezar, a un deles
se lle escapou a man golpeando fortemente ao outro, que enfadado
devolveu o puñazo. A cousa foise quentando e ao rematar, os dous
recibirán cadansúa morea de golpes.
Voltou
a celebrarse unha velada de boxeo
nas festas da Coca de 1971, nun programa que incluía loita
grecorromana: “Welter: González-Cañoto
(Vigo). Gallos: Rebollo (orensano)-Bernárdez
(Vigo). Super- welters: Martínez Leal (Coruña)-Silva (campeón
galaico- astur). Super-ligeros: Jaime (gran noqueador)-Carrera
(finalista campeonato de España). Plumas: Vieitez (orensano)-Campos
(campeón galaico-astur). Combate de Fondo (ligeros): Puialto
(campeón gallego)-Zamora (subcampeón de España).”
![]() |
| Judith Barbosa 2011. Foto: Óscar Vázquez-La Voz de Galicia |
No 2006 se celebrou no
pavillón a III Gran Velada
Internacional de Boxeo de Redondela.
Foi a primeira vez que pelexou en Redondela
Judith Barbosa Sotelo (Cesantes
1988) que no 2005 e con tan só 17 anos acadou o Campionato de España
(daquela oficioso). Máis tarde pasaría a adestrar no centro de
alto rendemento
de Murcia. No 2011 revalidou o título de
peso lixeiro, 60 kg., e pasou a formar
parte do equipo pre-olímpico
español, que por desgraza non se clasificou para as primeiras
Olimpíadas con
boxeo femenino. No 2014 acadou o seu
terceiro campionato de España, nesta ocasión en peso
welter-lixeiro, 64 kg. Despois de ser nai e compaxinando o boxeo co
seu traballo coma militar acadou o seu cuarto campionato en 2018, en
categoría welter, 69 kg.
Actualmente
en Redondela contamos co club de boxeo Gimnasio Escuela Omnihum.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o
primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións
do Castro 2002.
Aportes: Alberto
Campuzano Canle e Manuel Migueles
Mundo Deportivo
ABC
Galiciana
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El
Pueblo Gallego, La Noche, La Región


No hay comentarios:
Publicar un comentario