sábado, 16 de mayo de 2020

Os Cines de Redondela.

        A primeira proba dun cinematógrafo en Redondela fíxose na casa de Fontán, na Ribeira, no ano 1899.
       O primeiro cine que atopo documentado é o Cinema Artístico, máis tarde coñecido como o Cine Imperial. Estaba situado na Travesía, actual rúa José Regojo, coa cabina de proxección no solar onde tiña un garaxe Bienvenido Míguez. O cine estaba dividido en xeral e preferencia. A parte de xeral tiña os bancos cravados ao chan de terra, para que non os romperan cando había pelexadas. Estivo a cargo de Nicolás Campuzano, pioneiro cinematográfico de Redondela, acompañado na billeteira pola súa muller dona Fe. Colocábase a carteleira na Praza de Abastos, nun lugar o bastante alto para que os nenos non lla romperan. Nos anos 40, a entrada custaba 40 céntimos en xeral e 60 en preferencia. Como non todos podían permitirse pagar a entrada, segundo os cartos que se tiveran entrábase antes ou despois (algúns con cinco céntimos apenas chegaban ao final). Cada vez que se abrían as portas se molestaba aos que xa estaban dentro e o público de xeral protestaba gritando: “¡Esa porta don Nicolás!”. Outros gritos típicos eran “¡Arriba don Nicolás!” ou “¡Abaixo don Nicolás!”, cando a película se descentraba. A cousa viña de vello como amosa un xornal de outubro de 1925: “Rogamos ao señor alcalde ordene concorra unha parella da Garda Municipal ás sesións que se celebran no cine da rúa Francisco de Federico, pois é tal o balbordo nas localidades de xeral, que dubidamos se estamos nun país civilizado ou nunha das zonas insubmisas do Rif”. O 20 de novembro de 1932 proxectou a primeira película sonora na vila titulada “La Canción del día”. Uns meses antes, en maio, o seu propietario, o señor Campuzano, deu unha función a beneficio dos pobres da vila para que puideran desfrutar das Festas da Coca.
O 11 de decembro de 1926 chega a Redondela o Cinemóvil Reclame.
 
Nuevo Cinema posteriormente as cocheiras de Aurelio García  Foto de Carlos Muíños "Dula"
 
En decembro de 1927 anúnciase que Francisco Míguez Esteiro construíra un edificio na rúa Ribeira para destinalo a salón cinematográfico. O proxecto atopábase á espera do informe da Xunta Provincial de Espectáculos e descoñezo se chegou a abrirse ao público.
En xaneiro de 1928 autorízase á Sociedade de Agricultores de Chapela para dar sesións públicas de cine no seu local
No nadal de 1931 inaugúrase o Nuevo Cinema coa película “Varieté”. Neste cine daría Castelao unha conferencia sobor do arte da caricatura o 6 de outubro de 1932, “media hora antes do acto non se podía entrar”. Ao ano seguinte sería un mozo estudante de dereito, Francisco Fernández del Riego, o que daría unha conferencia o Día de Galicia. Pouco despois pecharía este cine, que sería re-inaugurado o 13-10-1935.
En marzo de 1932 lévase á sesión da corporación municipal a petición de instalar un cine no recheo da Alameda, deixándose o asunto para á seguinte reunión.
Na primeira metade dos anos 30 tamén aparece o Cinema Rotalty. En maio de 1936 o seu dono cede o local para dar funcións os xoves a beneficio da Festa da Coca. As cousas trocarían co estalido da Guerra Civil e en maio de 1935 celébrase neste cine unha homenaxe a Alemaña e Italia coa proxección da conquista de Abisinia por Italia e as melloras agrícolas acadadas por Alemaña.
 
Cine Fantasio, antigo Cine Figueiral Foto: cinesdegalicia.educabarrie.org
 
 Máis tarde, Gonzalo Figueiral Caride abriría na actual rúa José Regojo, no 1945, o Cine Redondela e, no 1948 na mesma rúa, o Cine Figueiral (despois a empresa Buhigas-Arizcun trocaríalle o nome por Cine Fantasio). Este último, nunha inspección de 1953 xa aparece como propiedade de José Godoy Riveiro, dono tamén do Palermo e o Caramuxo en Vigo. Tiña un aforo de 572 localidades. Foi administrador deste cine o pai do actor José Ángel Ejido, mentres que a súa nai atendía a billeteira.
Todos eles ademais de cine facían as veces de teatro, ao igual que o Cine Coca que abriría as súas portas no 1948 da man de Jaime Lago Maslloréns, empresario dono de varios cines na provincia de Pontevedra. A finais dos 70 e inicios dos 80, tanto o cine Fantasio como o Coca especializáronse en películas de artes marciais, proxectando as de: Bruce Lee, Bruce Le, Bruce Li, Los hijos de Bruce Lee, El abuelo de Bruce Lee... Na lembranza de todos os que desfrutamos daquelas sesións sempre estará a técnica do mono borracho. O Cine Coca pecharía en 1984.
 
Cine Coca. Arquivo J. A. Xesteira
 
Tamén existiu un cine no alto de Cesantes chamado Cine San Simón propiedade de Fermín Hortas Esteiro. Abriu as súas portas en 1960 e tiña 230 localidades. O 5 de xaneiro de 1975 ofreceu o concerto da Coral Polifónica de Pontevedra. Ese mesmo ano pechou temporalmente e de forma definitiva no 1986.

Cine San Simón. Foto: Arquitectura Industrial en la provincia de Pontevedra. Iria Sobrino Fagilde e Rai Iglesias, 2008.
 

Tralo citado peche do cine Fantasio a principios dos 90, Redondela ficou sen cines ata a apertura do Cine 2R, cine de curta vida e que permaneceu aberto poucos anos. O cese da súa actividade produciríase en xullo do 2008.


Cine 2R. Foto: Juan Migueles
          
          Destacar por último ao Cine Club Búrbida (creado no 1979 pola Asociación de Vecinos Búrbida), o Cine Clube Claqueta (que programaba Cine na Rúa) e o Cine Clube Fantasio (organizaba ciclos de cine de autor no Cine 2R).

 Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
O cine na provincia de Pontevedra a través dos seus arquivos públicos. Director: A. L. Hueso Montón. Universidade Santiago de Compostela. Xunta de Galicia.
Aportes: J. A. Xesteira, M. Migueles
Galiciana> El ideal gallego, El pueblo gallego









2 comentarios:

  1. Nacín no 66 e Sendo mui pequena daquela, ainda me lembro da saga Bruce Lee e que non había maneira de que se emitiran outro xénero de cine. Lembro que un día entrevistáronme da radio sobre a película a que acabábamos de ir ver e encantaríame recuperar esa entrevista. Un saúdo. Nostálgica reportaxe

    ResponderEliminar
  2. Teño un vago recordo da primeira vez que pisei un cine.Penso que foi o Fantasio e a película posible que actuaba de protagonista Miguel Bosé o xérero do Wester ou película de vaqueiros.Ainda lembro con ledicia ese momento o cine acompañaba o despertar na vida dun neno.
    Bonito recordo.

    ResponderEliminar