En 1953 fúndase o C. D. Choco que vive a súa
primeira etapa máis gloriosa no período
1960-66, xogando en Terceira 5 tempadas. Se temos en conta que ata a
1977-78 non se creou a 2ª B, podemos dicir que se enfrontou
aos mellores
equipos galegos
da época. Isto explica o salto de varios xogadores ao Celta pero,
ademais dos que
enumero a continuación, outros que quedan no tinteiro probaron
fortuna noutros equipos
de Terceira como o Compostela ou
o Arsenal,
de Ferrol. Máis sorte
tería o xogador máis destacado desta época, Rubiñán, que vía
Ourense e Deportivo chegaría ao Real Madrid.
Pichi: Acuña Díaz, Fermín
(Redondela)
Xogador
do C.
D. Choco
que despois de destacar coa Selección Galega foi fichado polo Real
Madrid por
250.000 pesetas en 1971. A mala sorte fixo que no seu primeiro
partido fronte ao Toledo unha grave lesión obrigáralle a abandonar
o fútbol.
Hortas: Hortas
Vidal, Fermín “Gato”
(Cesantes, 15.05.1954):
Porteiro. Coñecido
como o Gato
dende os seus inicios nas categorías inferiores do C.
D. Choco. Debutaría no primeiro
equipo, daquela na Serie A, na tempada 1969-70. Ficharía logo polo
Gran Peña
(1975-1976) de 3ª División, debutando en segunda co R.
C. Celta, no derradeiro partido de liga
fronte ao Recreativo de Huelva.
Para a seguinte tempada da o salto definitivo ao
R. C. Celta (1976-1980),
que acababa de
ascender a
Primeira. O seu papel limitaríase a ser suplente de Fenoy, contando
con pouca oportunidades. Despois de descender e ascender novamente,
na 1978-79 comeza xogando tan só os partidos de Copa. Pero nada máis
comezar o campionato unha lesión de Fenoy e unha gran actuación en
oitavos no Camp
Nou, eliminando ao F. C. Barcelona, abriulle as portas da
titularidade, non podendo evitar o descenso do equipo. A posterior
fichaxe de Capó relégao de novo ao banco.
En total na liga xogaría co Celta dúas tempadas en 1ª, xogando 20
partidos, e tres en 2ª, xogando 23.
Despois de baixar o
equipo a 2ªB, ficharía polo Linares
(1980-1981) de 2ª, xogando tan só 6
partidos. Para a seguinte tempada ficha polo C.
D. Ourense (1981-1991)
de 3ª División. Na 1984-85 acadan
o ascenso a 2ª B, categoría na que o club se manterá ata a
retirada de Hortas, na tempada 1990-91.
Establecido en
Ourense non abandonou
o mundo do fútbol
exercendo varios anos como adestrador nas categorías inferiores. En
2011 regresa ao
primeiro equipo do C.D. Ourense como adestrador dos porteiros.
Hortas. Foto: Veteranos Celta de Vigo |
Miñán: Miñán Sobral, Fermín (Cesantes,
8.07.1949):
Porteiro. Debutou en 1965 con 16 anos en 3ª
división co C. D. Choco (1965-1969),
xogando as tres seguintes tempadas con este equipo na Serie A
Rexional. Regresa
a 3ª co Gran Peña (1969-1970)
como porteiro titular. En maio de 1970 a lesión dos porteiros do R.
C. Celta (1970-1971) provoca o seu
debut na Copa do Rei fronte ao Barcelona ao que venceran 1-0 en
Balaídos. Con
pouco máis de 20 anos, mantivo a portería a cero na primeira
metade, pero non puido evitar que o partido rematara 3-0. Apesares da
eliminación a prensa eloxiaría a súa actuación.
Non xogaría máis
co equipo celeste
sendo traspasado ao C. D.
Castellón (1971-Marzo
1972) de 2ª. Neste club
tampouco conta con oportunidades e o final desta tempada a xoga como
cedido no Barcelona Atlético (actual
Barcelona B) de 3ª. De regreso ao Castellón
(1972-1973), que ascendera a 1ª, tan
só xoga amigables polo que en decembro de 1972 é cedido ao
Villarreal C. F. de
3ª. Na 1973-74 ficha pola U. D. Alcira,
recén ascendido a 3ª e que perde a categoría esa mesma tempada.
Germán: Muiños Lamas, Germán
(Redondela, 9-10-1943):
Dianteiro. Formouse na canteira do C.
D. Choco (1959-1962),
debutando co primeiro equipo sendo
aínda xuvenil e participando no ascenso a Terceira. Durante dúas
tempadas foi convocado coa Selección Galega xuvenil. A 1962-63
iniciouna xogando na S. D. Ponferradina,
tamén de Terceira, conseguindo13
goles en 16 partidos.
Tan boa
media abriulle as portas de Segunda
División da man do R. C. Celta
(1963-65), fichando o 31 de xaneiro de
1963 con tan só 19 anos. No que quedaba de liga marcaría 4 goles en
11 partidos. Ao ano seguinte o novo adestrador
Joseíto apenas contou con el apesares da súa facilidade goleadora,
xa que marcou 6 goles en tan só 9 partidos, 3 deles contra o
Badalona. Na súa derradeira tempada no Celta tan só xogou un
partido, rematando o seu paso polo equipo celeste con 10 goles en 21
partidos.
Fichou logo polo S.
D. Compostela
(1965-66), co que recibiu o Trofeo
Veloso como máximo goleador de 3ª División con 38 goles.
Regresou
a Segunda co Racing
de Ferrol (1966-73). Na súa primeira
tempada neste equipo marcaría 16 goles. Na 1969-70 con este equipo
chegaría ata cuartos de final na Copa
del Generalísimo (actual Copa do Rei)
quedando eliminados co Valencia. Co cambio de adestrador
na 1971-72 perdería protagonismo neste club non chegando a ver o seu
descenso de categoría, xa que regresaría
ao CD Choco
en novembro. En total marcaría co Racing en segunda 59 goles en
cinco tempadas. Despois dun ano en terceira división (non había
2ªB) abandonaría
o equipo.
Despois de tempada
e media no Choco aínda ficharía polo Albacete
(1973-74), que disputaba a Rexional
Preferente. Despois volvería ao CD Choco como adestrador.
Curiosamente o seu fillo, Germán Muíños Docampo, destacouse noutro
deporte, o balonmán.
Germán cabeceando nun Racing-Mallorca. www.fundacionracingferrol.net |
Gonzalo: Muíños Lamas, Gonzalo (Redondela): Extremo. Irmán de Germán. Formado no C. D.
Choco destácase como xuvenil e comeza a xogar no primeiro equipo na tempada 1956-57. En marzo de 1957 é preseleccionado para xogar dous partidos en Madrid nunha convocatoria de 36 xogadores da que sairía o equipo que representaría a España no Mundial Xuvenil dese ano.
Comezan a chegar as
ofertas, a primeira do Arenal
de Santiago, que en maio dese ano xoga un amigable co Choco
e que, como este, estaba
inmerso na fase de ascenso a 3ª. Con outros dous xuvenís chega a
adestrar co primeiro equipo do
Deportivo, que estaba disputando a
Copa del Generalísimo. A fichaxe non
se concrearía, e marcha finalmente ao Ponferradina
(1957-58),
ao que seguirían C.
D. Ourense (1958-59) e
Turista (3ª, 1959-60).
Para a 1960-61
volta ao C. D. Choco que
por primeira vez xoga en 3ª. Despois dunha
paréntese provocada
polo cumprimento do servizo militar en Melilla, volta ao C.
D. Choco en 1962, conseguindo un novo
ascenso a 3ª. Nesta división tamén xogou co Monforte
de Lemos na 1965-66.
Na tempada 1967-68 troca as botas polo
banco, pasando a ser adestrador do Choco.
Carlos: Muíños
Reboredo, Carlos “Carlos
Dula” (Redondela, 17-08-1941):
Dianteiro. Curmán dos anteriores. Como veremos máis adiante, en
categorías inferiores ademais
de adicarse ao fútbol
tamén se destacou como nadador, chegando a proclamarse campión
galego infantil. Despois de pasar por varios equipos infantís de
Redondela, con 14 anos pasou a formar parte do C. D. Choco xuvenil,
co que acadou o Sub-campionato Galego de Afeccionados de 1957,
competindo no Campionato de España.
En 1958 e 1959, xogou coa Selección
Galega Xuvenil, sendo no seu segundo
ano o máximo goleador do equipo no Campionato de España, apesares
de xogar de extremo esquerdo. Deixou o Choco para fichar
polo Zeltia de Porriño (1959-60)
co que venceu no Campionato Galego de Afeccionados. En 1960 foi
fichado polo R. C. Celta,
onde tan só disputou algún amigable, sendo cedido ao C. D. Choco,
que acababa de ascender
a 3ª. O club celeste o
recupera en novembro para disputar o resto da liga de 2ª División
(1960-61). Regresou
novamente ao C. D. Choco,
xogando en 3ª (1961-62). Na seguinte tempada pasou ao Pontevedra,
de 2ª (1962-63). Tan só xoga 6 partidos pero o club acada o ascenso
a 1ª División. Na seguinte tempada (1963-64) ten aínda menos
oportunidades, ata o punto de que en xaneiro hai un intento de cedelo
ao Compostela,
chegando a xogar dous partidos en 3ª. De regreso en Pontevedra
debuta en Primeira o 2 de febreiro de 1964 contra o U. D. Levante,
que remataría con empate a uns e Carlos lesionado. Sen máis
oportunidades volta
a 3ª co Racing de Ferrol (1964-1969),
acadando o ascenso na primeira tempada e manténdose o equipo en 2ª
ata a súa marcha. Logo regresaría ao C.
D. Choco onde poría punto final á súa
carreira futbolística.
No 2019 sería homenaxeado nun partido
disputado entre o C. D. Choco e o Racing de Ferrol, falecendo ao ano
seguinte.
Carlos "Dula" co Pontevedra, 60-61. Foto cedida por Charly Muíños |
Extremo. Xa o vimos anteriormente no apartado adicado ao atletismo. Destacado xuvenil do C. D. Choco e da Selección Galega, comezou a xogar co primeiro equipo na Serie A na 1962-63, disputando a liga de ascenso a terceira. Para a seguinte tempada foi fichado polo Pontevedra C. F., daquela en 1ª, quedando no Choco en calidade de cedido para disputar a 3ª División. En xaneiro de 1964, foi convocado pola Selección Nacional Xuvenil para xogar un amigable en Madrid contra o Sporting de Gijón, equipo de Segunda. En maio dese ano é chamado polo Pontevedra C. F. para disputar a Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei), competición na que xoga o seu único partido oficial co club pontevedrés.
A seguinte tempada
1964-65 é cedido ao S. D. Compostela,
daquela en 3ª. Para a 1965-66 é pretendido polo Salamanca
e
a Cultural
Leonesa
pero non se concreta ningunha
fichaxe. Fai a pre-tempada co Pontevedra
C. F.,
no
que conta con poucas
oportunidades,
polo que regresa definitivamente a Santiago, xogando en 3ª co S.
D. Compostela,
onde coincide con Germán
e Araújo (Charrisco).
Despois dun breve paso polo Balón
de Cádiz,
volta ao S. D.
Compostela.
Tralo descenso do equipo en 1970 volta ao C.
D. Choco,
que daquela disputaba a Primeira Rexional. Nesta etapa céntrase no
atletismo acadando os campionatos galegos de 1970 e 1971. Na 1971-72
seguirá na serie A Rexional desta volta no Sp.
Guardés
no que se converte
no máximo goleador do equipo.
Rubiñán:
Rubiñán Soutullo, Benito
(Redondela 11-9-1949):
Lateral esquerdo (tamén xogou como mediocampista e extremo
esquerdo). Aínda xuvenil comezou a xogar na Serie A Rexional no
equipo en que se formou, o C. D.
Choco
(1966-68). Neste club era coñecido como Rubiñán
III por coincidir con dous irmáns
maiores e un máis xove. En novembro de 1968 ficha polo C.
D. Ourense
(1968-1970) co que acada o ascenso a 2ª división. Pasa a xogar
nesta categoría co Deportivo da Coruña,
ascendendo a Primeira na súa primeira tempada 1970-71. Tralo
descenso deste equipo na 1972-73 é vendido ao Real
Madrid por seis millóns de pesetas e
un partido do Madrid en Riazor. No club branco xogou durante catro
tempadas, sendo baixa no 1977 por ter a mala sorte de ter unha grave
lesión e de triunfar no seu posto Jose Antonio Camacho. Coincidiu no
club branco con xogadores como Pirri, Amancio, Del Bosque, Breitner,
Santillana ou Miguel Ángel. Acadou dúas Ligas e dúas Copas
do Generalísimo (actual Copa do Rei).
Os seus números no Real Madrid foron: Liga 70 partidos (6goles),
Copa 17 (2), Copa Europa 5, Recopa 5 e UEFA 1.
Ten daquela unha
oferta do R. C. Celta
pero finalmente marcha ao Burgos
(1977-1980), nunha operación na que o Real Madrid fichaba a Juanito.
Logo pasaría ao Murcia
(1980-1981), no que colgaría as botas. Foron en total doce tempadas
na Primeira división, nas que marcou 15 goles na Liga, moitos deles
de falta.
Despois dun tempo
xogando ao fútbol
sala cos amigos, en febreiro de 1983 aínda aparece nun xornal o
anuncio da súa volta á Primeira División no medio campo do
Deportivo da Coruña,
pero a fichaxe non chegaría a concretarse.
A partires dese momento tan só xogaría no equipo de veteranos
do Real Madrid.
Suárez: Suárez Montero, Victoriano
“Picho”. (Redondela
29-09-1930)
Interior dereita.
Futbolista redondelán que despois de pasar polos equipos modestos
vigueses Castro C. F.
(1947-48), C. D. Bouzas (1948-1949)
e Casablanca
(1949), en xullo de 1949 fichou polo
Berbés (1949-1950)
de 3ª división. O club remata a tempada loitando pola permanencia,
pero o bo xogo de Picho sírvelle
para ser fichado polo R. C. Celta,
daquela en 1ª División. A falta dun oco no equipo entra nunha lista
de arredor de dez xogadores que son cedidos. Marcha ao Gimnástica
Lucense (1950-51),
do grupo primeiro de 2ª división. O equipo despois dun mal inicio
acabaría na parte alta da táboa con Picho
de titular.
En xuño de 1951 regresa ao R.
C. Celta, participando en varios
amigables dese verán.
En agosto, repítese a historia, sendo cedido desta volta ao
Pontevedra (1951-52),
de 3ª División. Apesares de amosarse máis goleador e ser un
xogador de peso no equipo (era
o encargado de lanzar os penaltis),
en maio de 1952, o Pontevedra non amosa interese pola súa
continuidade. De volta en Vigo, o Celta concédelle a liberdade xunto
a outros doce xogadores.
Xoga daquela no
Deportivo Guardés
(1952-53), na Serie A. Despois dunha boa tempada en setembro de 1953
proba polo Club Ferrol,
pero a fichaxe non se chega a concretar. Volta a 3ª División co
Turista
(1953-54). Unha boa actuación ante o Arsenal,
provoca que o Club Ferrol de
2ª división se decida finalmente a fichalo en xaneiro de 1954. O
equipo remata a tempada en metade
da táboa,
sendo Picho un
dos destacados, apesares do cal abandona
o club. En xuño de 1954 forma nunha selección viguesa patrocinada
polo Celta,
que se enfronta ao Viana do Castelo.
O resultado sería de empate 3-3, sendo os tres goles marcados por
Picho. A
finais dese mes xoga
co R. C. Celta
en Redondela na homenaxe a Cabezo.
En xullo participaría con outra selección viguesa fronte ao
Turista,
nun partido homenaxe.
Daría o salto a
Primeira división con 24 anos, co Hércules
(1954-1955). Neste equipo non
conseguiría facerse coa titularidade e tan só disputaría 7
partidos de liga, marcando un gol. De aí pasaría á Primeira
división portuguesa, xogando co
Sporting
Covilha (1955-1958).
Na súa primeira participación na liga lusitana marcaría 21 goles
en 24 partidos. Apesares de xogar no país veciño atopa tempo para
xogar na nosa terra. En xullo de 1955, cunha selección de xogadores
vigueses volta a enfrontarse ao Turista
nun amigable, e un mes despois con outra selección xoga contra o
Celta. En
decembro de 1955, xoga co Celta nun partido co Pontevedra a beneficio
do defensa Bahamonde. En xaneiro de 1956, xoga uns minutos cunha
Selección de Suplentes do Celta
e Real Madrid
marcando o gol da vitoria fronte ao equipo arxentino San
Lorenzo de Almagro. En xuño marca dous
goles co Celta
nun amigable co Ferrol.
Tamén en xuño reforza ao Orense
no Trofeo Corpus
daquela cidade. E a finais dese mes xoga nun combinado Turista-Celta
nun partido homenaxe. Coa liga portuguesa 1957-1958 xa comezada,
troca de equipo e pasa ao Belenenses.
En marzo de 1958,
ficha polo Orense (1957-58),
como reforzo para o final da tempada, debutando contra o Real
Madrid nun partido homenaxe. Na
promoción a segunda contra o Deportivo
perden 2-1, marcando el o gol da honra. Regresa ao equipo lusitano,
Sporting
Covhilla (1958-1961).
No computo total neste equipo xogaría en primeira 97 partidos e
marcaría 66 goles. Das súas tempadas en Portugal destacar que foi
máximo goleador da Copa con 15 tantos, sendo daquela o mellor
rexistro dunha competición na que chegou a ser finalista, ademais
acadou o 2º e o 3º posto na Liga. En xaneiro de 1961, cando contaba
30 anos, sofre unha fractura do tendón de Aquiles
que o mantén seis meses lonxe dos terreos de xogo. O equipo
portugués concédelle a liberdade, pero deixándolle as portas
abertas para regresar se o desexa. Volta daquela a adestrar
en Balaídos,
xogando nesta época varios amigables e partidos-homenaxe formando co
Turista e
en diversos combinados. En outubro de 1962, é probado polo C.
D. Lugo nun
partido contra o Sporting de Braga,
mais a fichaxe non se concreta. O que semellaba o fin da súa
carreira non foi tal, porque na 1969- 1970 aínda exercía como
xogador-adestrador
no Desportivo de Beja,
da 2ª división portuguesa. Posteriormente emigraría a Brasil.
Outros xogadores destacados
desta época.
Lago
Villanueva, Roberto (O
Viso):
Formado no Arcade FC, marcharía logo ao Arosa C. F. De alí daría o
salto ao Club Jaén, onde unha grave lesión cortaría a súa
carreira futbolística.
López,
José “Sesé”:
Choco (Serie
A 1967–70), Fabril
(1ª Rexional 1970-71, 3ª 1971-72) e
Compostela (3ª
1973-74).
Faustino Figueroa
“Tino da Lucera”:
Imperial (Porriño), Choco, Gran Peña (1959-60), Choco (1960-1963).
Joaquín Rubiñán Soto
“Toné” (Rubiñán I). Sel. Galega xuvenil. Choco
xuvenil, Gran Peña, Ponteareas, Arosa (1959-1960), Choco (3ª
1960-61), (1961 mili en Ferrol), Arsenal de Ferrol (3ª 1961-63),
Lugo (3ª 1963-64), Choco (3ª 1964-66, Serie A 1966-68).
Generoso Muíños “Gene”.
Sel. Galega
xuvenil. CD
Choco (1965-68),
Gran
Peña (1969-71), CD Choco (1971- ).
Araujo
“Charrisco”.
Choco (Serie A 1959-61, 3ª 1961-62, Serie A 1962-63, 3ª
1964-65). Compostela (3ª 1965-67). Choco (Serie A Rexional 1968-71).
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA.
El Mundo Deportivo
(dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca
La Vanguardia
(dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
Caderniños do
Instituto de Chapela. Nº3. O deporte no sur da provincia de
Pontevedra.
Coordenador:
X.M.González Fdez.
Arquivos
dos Equipos: R. C. Celta.
En
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=>
El Pueblo Gallegoo, El Diario de Pontevedra, La Correspondencia
Gallega, Diario de Galicia, El Correo de Galicia, Vida Gallega,
Galicia diario de Vigo, La Integridad diario católico, El Noticiero
de Vigo, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Progreso...
No hay comentarios:
Publicar un comentario