lunes, 13 de julio de 2020

Futbolistas. 2ª metade do S. XX, a canteira do CD Choco


          En 1953 fúndase o C. D. Choco que vive a súa primeira etapa máis gloriosa no período 1960-66, xogando en Terceira 5 tempadas. Se temos en conta que ata a 1977-78 non se creou a 2ª B, podemos dicir que se enfrontou aos mellores equipos galegos da época. Isto explica o salto de varios xogadores ao Celta pero, ademais dos que enumero a continuación, outros que quedan no tinteiro probaron fortuna noutros equipos de Terceira como o Compostela ou o Arsenal, de Ferrol. Máis sorte tería o xogador máis destacado desta época, Rubiñán, que vía Ourense e Deportivo chegaría ao Real Madrid.

Pichi: Acuña Díaz, Fermín (Redondela)
Xogador do C. D. Choco que despois de destacar coa Selección Galega foi fichado polo Real Madrid por 250.000 pesetas en 1971. A mala sorte fixo que no seu primeiro partido fronte ao Toledo unha grave lesión obrigáralle a abandonar o fútbol.

Hortas: Hortas Vidal, Fermín “Gato” (Cesantes, 15.05.1954):
         Porteiro. Coñecido como o Gato dende os seus inicios nas categorías inferiores do C. D. Choco. Debutaría no primeiro equipo, daquela na Serie A, na tempada 1969-70. Ficharía logo polo Gran Peña (1975-1976) de 3ª División, debutando en segunda co R. C. Celta, no derradeiro partido de liga fronte ao Recreativo de Huelva.
         Para a seguinte tempada da o salto definitivo ao R. C. Celta (1976-1980), que acababa de ascender a Primeira. O seu papel limitaríase a ser suplente de Fenoy, contando con pouca oportunidades. Despois de descender e ascender novamente, na 1978-79 comeza xogando tan só os partidos de Copa. Pero nada máis comezar o campionato unha lesión de Fenoy e unha gran actuación en oitavos no Camp Nou, eliminando ao F. C. Barcelona, abriulle as portas da titularidade, non podendo evitar o descenso do equipo. A posterior fichaxe de Capó relégao de novo ao banco. En total na liga xogaría co Celta dúas tempadas en 1ª, xogando 20 partidos, e tres en 2ª, xogando 23.
Despois de baixar o equipo a 2ªB, ficharía polo Linares (1980-1981) de 2ª, xogando tan só 6 partidos. Para a seguinte tempada ficha polo C. D. Ourense (1981-1991) de 3ª División. Na 1984-85 acadan o ascenso a 2ª B, categoría na que o club se manterá ata a retirada de Hortas, na tempada 1990-91.
          Establecido en Ourense non abandonou o mundo do fútbol exercendo varios anos como adestrador nas categorías inferiores. En 2011 regresa ao primeiro equipo do C.D. Ourense como adestrador dos porteiros.
Hortas. Foto: Veteranos Celta de Vigo

Miñán: Miñán Sobral, Fermín (Cesantes, 8.07.1949):
        Porteiro. Debutou en 1965 con 16 anos en 3ª división co C. D. Choco (1965-1969), xogando as tres seguintes tempadas con este equipo na Serie A Rexional. Regresa a 3ª co Gran Peña (1969-1970) como porteiro titular. En maio de 1970 a lesión dos porteiros do R. C. Celta (1970-1971) provoca o seu debut na Copa do Rei fronte ao Barcelona ao que venceran 1-0 en Balaídos. Con pouco máis de 20 anos, mantivo a portería a cero na primeira metade, pero non puido evitar que o partido rematara 3-0. Apesares da eliminación a prensa eloxiaría a súa actuación.
        Non xogaría máis co equipo celeste sendo traspasado ao C. D. Castellón (1971-Marzo 1972) de 2ª. Neste club tampouco conta con oportunidades e o final desta tempada a xoga como cedido no Barcelona Atlético (actual Barcelona B) de 3ª. De regreso ao Castellón (1972-1973), que ascendera a 1ª, tan só xoga amigables polo que en decembro de 1972 é cedido ao Villarreal C. F. de 3ª. Na 1973-74 ficha pola U. D. Alcira, recén ascendido a 3ª e que perde a categoría esa mesma tempada.
 
Miñán. Foto: El Mundo Deportivo
Germán: Muiños Lamas, Germán (Redondela, 9-10-1943):
         Dianteiro. Formouse na canteira do C. D. Choco (1959-1962), debutando co primeiro equipo sendo aínda xuvenil e participando no ascenso a Terceira. Durante dúas tempadas foi convocado coa Selección Galega xuvenil. A 1962-63 iniciouna xogando na S. D. Ponferradina, tamén de Terceira, conseguindo13 goles en 16 partidos.
        Tan boa media abriulle as portas de Segunda División da man do R. C. Celta (1963-65), fichando o 31 de xaneiro de 1963 con tan só 19 anos. No que quedaba de liga marcaría 4 goles en 11 partidos. Ao ano seguinte o novo adestrador Joseíto apenas contou con el apesares da súa facilidade goleadora, xa que marcou 6 goles en tan só 9 partidos, 3 deles contra o Badalona. Na súa derradeira tempada no Celta tan só xogou un partido, rematando o seu paso polo equipo celeste con 10 goles en 21 partidos.
          Fichou logo polo S. D. Compostela (1965-66), co que recibiu o Trofeo Veloso como máximo goleador de 3ª División con 38 goles.
          Regresou a Segunda co Racing de Ferrol (1966-73). Na súa primeira tempada neste equipo marcaría 16 goles. Na 1969-70 con este equipo chegaría ata cuartos de final na Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei) quedando eliminados co Valencia. Co cambio de adestrador na 1971-72 perdería protagonismo neste club non chegando a ver o seu descenso de categoría, xa que regresaría ao CD Choco en novembro. En total marcaría co Racing en segunda 59 goles en cinco tempadas. Despois dun ano en terceira división (non había 2ªB) abandonaría o equipo.
         Despois de tempada e media no Choco aínda ficharía polo Albacete (1973-74), que disputaba a Rexional Preferente. Despois volvería ao CD Choco como adestrador.
         Curiosamente o seu fillo, Germán Muíños Docampo, destacouse noutro deporte, o balonmán.
  
Germán cabeceando nun Racing-Mallorca. www.fundacionracingferrol.net

Gonzalo: Muíños Lamas, Gonzalo (Redondela): Extremo. Irmán de Germán. Formado no C. D.
Choco destácase como xuvenil e comeza a xogar no primeiro equipo na tempada 1956-57. En marzo de 1957 é preseleccionado para xogar dous partidos en Madrid nunha convocatoria de 36 xogadores da que sairía o equipo que representaría a España no Mundial Xuvenil dese ano.
Comezan a chegar as ofertas, a primeira do Arenal de Santiago, que en maio dese ano xoga un amigable co Choco e que, como este, estaba inmerso na fase de ascenso a 3ª. Con outros dous xuvenís chega a adestrar co primeiro equipo do Deportivo, que estaba disputando a Copa del Generalísimo. A fichaxe non se concrearía, e marcha finalmente ao Ponferradina (1957-58), ao que seguirían C. D. Ourense (1958-59) e Turista (3ª, 1959-60).
         Para a 1960-61 volta ao C. D. Choco que por primeira vez xoga en 3ª. Despois dunha paréntese provocada polo cumprimento do servizo militar en Melilla, volta ao C. D. Choco en 1962, conseguindo un novo ascenso a 3ª. Nesta división tamén xogou co Monforte de Lemos na 1965-66. Na tempada 1967-68 troca as botas polo banco, pasando a ser adestrador do Choco.

Carlos: Muíños Reboredo, Carlos “Carlos Dula” (Redondela, 17-08-1941)
         Dianteiro. Curmán dos anteriores. Como veremos máis adiante, en categorías inferiores ademais de adicarse ao fútbol tamén se destacou como nadador, chegando a proclamarse campión galego infantil. Despois de pasar por varios equipos infantís de Redondela, con 14 anos pasou a formar parte do C. D. Choco xuvenil, co que acadou o Sub-campionato Galego de Afeccionados de 1957, competindo no Campionato de España. 
         En 1958 e 1959, xogou coa Selección Galega Xuvenil, sendo no seu segundo ano o máximo goleador do equipo no Campionato de España, apesares de xogar de extremo esquerdo. Deixou o Choco para fichar polo Zeltia de Porriño (1959-60) co que venceu no Campionato Galego de Afeccionados. En 1960 foi fichado polo R. C. Celta, onde tan só disputou algún amigable, sendo cedido ao C. D. Choco, que acababa de ascender a 3ª. O club celeste o recupera en novembro para disputar o resto da liga de 2ª División (1960-61). Regresou novamente ao C. D. Choco, xogando en 3ª (1961-62). Na seguinte tempada pasou ao Pontevedra, de 2ª (1962-63). Tan só xoga 6 partidos pero o club acada o ascenso a 1ª División. Na seguinte tempada (1963-64) ten aínda menos oportunidades, ata o punto de que en xaneiro hai un intento de cedelo ao Compostela, chegando a xogar dous partidos en 3ª. De regreso en Pontevedra debuta en Primeira o 2 de febreiro de 1964 contra o U. D. Levante, que remataría con empate a uns e Carlos lesionado. Sen máis oportunidades volta a 3ª co Racing de Ferrol (1964-1969), acadando o ascenso na primeira tempada e manténdose o equipo en 2ª ata a súa marcha. Logo regresaría ao C. D. Choco onde poría punto final á súa carreira futbolística.
        No 2019 sería homenaxeado nun partido disputado entre o C. D. Choco e o Racing de Ferrol, falecendo ao ano seguinte.
Carlos "Dula" co Pontevedra, 60-61. Foto cedida por Charly Muíños
 
Paz: Paz Núñez, José A. (Redondela, 15-11-1945)
        Extremo. Xa o vimos anteriormente no apartado adicado ao atletismo. Destacado xuvenil do C. D. Choco e da Selección Galega, comezou a xogar co primeiro equipo na Serie A na 1962-63, disputando a liga de ascenso a terceira. Para a seguinte tempada foi fichado polo Pontevedra C. F., daquela en 1ª, quedando no Choco en calidade de cedido para disputar a 3ª División. En xaneiro de 1964, foi convocado pola Selección Nacional Xuvenil para xogar un amigable en Madrid contra o Sporting de Gijón, equipo de Segunda. En maio dese ano é chamado polo Pontevedra C. F. para disputar a Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei), competición na que xoga o seu único partido oficial co club pontevedrés.
        A seguinte tempada 1964-65 é cedido ao S. D. Compostela, daquela en 3ª. Para a 1965-66 é pretendido polo Salamanca e a Cultural Leonesa pero non se concreta ningunha fichaxe. Fai a pre-tempada co Pontevedra C. F., no que conta con poucas
oportunidades, polo que regresa definitivamente a Santiago, xogando en 3ª co S. D. Compostela, onde coincide con Germán e Araújo (Charrisco). Despois dun breve paso polo Balón de Cádiz, volta ao S. D. Compostela. Tralo descenso do equipo en 1970 volta ao C. D. Choco, que daquela disputaba a Primeira Rexional. Nesta etapa céntrase no atletismo acadando os campionatos galegos de 1970 e 1971. Na 1971-72 seguirá na serie A Rexional desta volta no Sp. Guardés no que se converte no máximo goleador do equipo.
Paz marcando de cabeza. Compostela-Turista. Foto: La Noche
Rubiñán: Rubiñán Soutullo, Benito (Redondela 11-9-1949): 
         Lateral esquerdo (tamén xogou como mediocampista e extremo esquerdo). Aínda xuvenil comezou a xogar na Serie A Rexional no equipo en que se formou, o C. D. Choco (1966-68). Neste club era coñecido como Rubiñán III por coincidir con dous irmáns maiores e un máis xove. En novembro de 1968 ficha polo C. D. Ourense (1968-1970) co que acada o ascenso a 2ª división. Pasa a xogar nesta categoría co Deportivo da Coruña, ascendendo a Primeira na súa primeira tempada 1970-71. Tralo descenso deste equipo na 1972-73 é vendido ao Real Madrid por seis millóns de pesetas e un partido do Madrid en Riazor. No club branco xogou durante catro tempadas, sendo baixa no 1977 por ter a mala sorte de ter unha grave lesión e de triunfar no seu posto Jose Antonio Camacho. Coincidiu no club branco con xogadores como Pirri, Amancio, Del Bosque, Breitner, Santillana ou Miguel Ángel. Acadou dúas Ligas e dúas Copas do Generalísimo (actual Copa do Rei). Os seus números no Real Madrid foron: Liga 70 partidos (6goles), Copa 17 (2), Copa Europa 5, Recopa 5 e UEFA 1.
          Ten daquela unha oferta do R. C. Celta pero finalmente marcha ao Burgos (1977-1980), nunha operación na que o Real Madrid fichaba a Juanito. Logo pasaría ao Murcia (1980-1981), no que colgaría as botas. Foron en total doce tempadas na Primeira división, nas que marcou 15 goles na Liga, moitos deles de falta.
          Despois dun tempo xogando ao fútbol sala cos amigos, en febreiro de 1983 aínda aparece nun xornal o anuncio da súa volta á Primeira División no medio campo do Deportivo da Coruña, pero a fichaxe non chegaría a concretarse. A partires dese momento tan só xogaría no equipo de veteranos do Real Madrid.
 
Rubiñán tenta frear a Quini ante a mirada de García Remón. Foto: ABC
Suárez: Suárez Montero, Victoriano “Picho”. (Redondela 29-09-1930)  
         Interior dereita. Futbolista redondelán que despois de pasar polos equipos modestos vigueses Castro C. F. (1947-48), C. D. Bouzas (1948-1949) e Casablanca (1949), en xullo de 1949 fichou polo Berbés (1949-1950) de 3ª división. O club remata a tempada loitando pola permanencia, pero o bo xogo de Picho sírvelle para ser fichado polo R. C. Celta, daquela en 1ª División. A falta dun oco no equipo entra nunha lista de arredor de dez xogadores que son cedidos. Marcha ao Gimnástica Lucense (1950-51), do grupo primeiro de 2ª división. O equipo despois dun mal inicio acabaría na parte alta da táboa con Picho de titular.
         En xuño de 1951 regresa ao R. C. Celta, participando en varios amigables dese verán. En agosto, repítese a historia, sendo cedido desta volta ao Pontevedra (1951-52), de 3ª División. Apesares de amosarse máis goleador e ser un xogador de peso no equipo (era o encargado de lanzar os penaltis), en maio de 1952, o Pontevedra non amosa interese pola súa continuidade. De volta en Vigo, o Celta concédelle a liberdade xunto a outros doce xogadores.
        Xoga daquela no Deportivo Guardés (1952-53), na Serie A. Despois dunha boa tempada en setembro de 1953 proba polo Club Ferrol, pero a fichaxe non se chega a concretar. Volta a 3ª División co Turista (1953-54). Unha boa actuación ante o Arsenal, provoca que o Club Ferrol de 2ª división se decida finalmente a fichalo en xaneiro de 1954. O equipo remata a tempada en metade da táboa, sendo Picho un dos destacados, apesares do cal abandona o club. En xuño de 1954 forma nunha selección viguesa patrocinada polo Celta, que se enfronta ao Viana do Castelo. O resultado sería de empate 3-3, sendo os tres goles marcados por Picho. A finais dese mes xoga co R. C. Celta en Redondela na homenaxe a Cabezo. En xullo participaría con outra selección viguesa fronte ao Turista, nun partido homenaxe.
        Daría o salto a Primeira división con 24 anos, co Hércules (1954-1955). Neste equipo non conseguiría facerse coa titularidade e tan só disputaría 7 partidos de liga, marcando un gol. De aí pasaría á Primeira división portuguesa, xogando co Sporting Covilha (1955-1958). Na súa primeira participación na liga lusitana marcaría 21 goles en 24 partidos. Apesares de xogar no país veciño atopa tempo para xogar na nosa terra. En xullo de 1955, cunha selección de xogadores vigueses volta a enfrontarse ao Turista nun amigable, e un mes despois con outra selección xoga contra o Celta. En decembro de 1955, xoga co Celta nun partido co Pontevedra a beneficio do defensa Bahamonde. En xaneiro de 1956, xoga uns minutos cunha Selección de Suplentes do Celta e Real Madrid marcando o gol da vitoria fronte ao equipo arxentino San Lorenzo de Almagro. En xuño marca dous goles co Celta nun amigable co Ferrol. Tamén en xuño reforza ao Orense no Trofeo Corpus daquela cidade. E a finais dese mes xoga nun combinado Turista-Celta nun partido homenaxe. Coa liga portuguesa 1957-1958 xa comezada, troca de equipo e pasa ao Belenenses.
         En marzo de 1958, ficha polo Orense (1957-58), como reforzo para o final da tempada, debutando contra o Real Madrid nun partido homenaxe. Na promoción a segunda contra o Deportivo perden 2-1, marcando el o gol da honra. Regresa ao equipo lusitano, Sporting Covhilla (1958-1961). No computo total neste equipo xogaría en primeira 97 partidos e marcaría 66 goles. Das súas tempadas en Portugal destacar que foi máximo goleador da Copa con 15 tantos, sendo daquela o mellor rexistro dunha competición na que chegou a ser finalista, ademais acadou o 2º e o 3º posto na Liga. En xaneiro de 1961, cando contaba 30 anos, sofre unha fractura do tendón de Aquiles que o mantén seis meses lonxe dos terreos de xogo. O equipo portugués concédelle a liberdade, pero deixándolle as portas abertas para regresar se o desexa. Volta daquela a adestrar en Balaídos, xogando nesta época varios amigables e partidos-homenaxe formando co Turista e en diversos combinados. En outubro de 1962, é probado polo C. D. Lugo nun partido contra o Sporting de Braga, mais a fichaxe non se concreta. O que semellaba o fin da súa carreira non foi tal, porque na 1969- 1970 aínda exercía como xogador-adestrador no Desportivo de Beja, da 2ª división portuguesa. Posteriormente emigraría a Brasil.


Outros xogadores destacados desta época.
Lago Villanueva, Roberto (O Viso): Formado no Arcade FC, marcharía logo ao Arosa C. F. De alí daría o salto ao Club Jaén, onde unha grave lesión cortaría a súa carreira futbolística.
López, José “Sesé”: Choco (Serie A 1967–70), Fabril (1ª Rexional 1970-71, 3ª 1971-72) e
Compostela (3ª 1973-74).
Faustino Figueroa “Tino da Lucera”: Imperial (Porriño), Choco, Gran Peña (1959-60), Choco (1960-1963).
Joaquín Rubiñán Soto “Toné” (Rubiñán I). Sel. Galega xuvenil. Choco xuvenil, Gran Peña, Ponteareas, Arosa (1959-1960), Choco (3ª 1960-61), (1961 mili en Ferrol), Arsenal de Ferrol (3ª 1961-63), Lugo (3ª 1963-64), Choco (3ª 1964-66, Serie A 1966-68).
Generoso Muíños “Gene”. Sel. Galega xuvenil. CD Choco (1965-68), Gran Peña (1969-71), CD Choco (1971- ).
Araujo “Charrisco”. Choco (Serie A 1959-61, 3ª 1961-62, Serie A 1962-63, 3ª 1964-65). Compostela (3ª 1965-67). Choco (Serie A Rexional 1968-71).

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA.
El Mundo Deportivo (dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
Caderniños do Instituto de Chapela. Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
Coordenador: X.M.González Fdez.
Arquivos dos Equipos: R. C. Celta.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallegoo, El Diario de Pontevedra, La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia, El Correo de Galicia, Vida Gallega, Galicia diario de Vigo, La Integridad diario católico, El Noticiero de Vigo, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Progreso...

No hay comentarios:

Publicar un comentario