lunes, 13 de julio de 2020

Futbolistas da 1ªmetade do s. XX. Os Precursores.

           O primeiro equipo de Redondela formouse en 1908, pero non sería ata 1924 cando a nosa vila contara cun campo cunhas condicións mínimas. Daquela varios redondeláns xogaban en equipos doutras vilas, pero pódese afirmar que foi en 1925 cando se da un salto de calidade coa fichaxe de Cabezo, Nicha e Serín polo Celta. Aos que seguirían tres grandes porteiros: Lamas, Talladas e Cabezo II.
          Na achega a estes futbolistas temos que ter en conta que a Liga Española non deu o salto ao profesionalismo ata 1930, polo que era normal a continua cesión de xogadores para a disputa de amigables e, en ocasións puntuais, tamén para partidos oficiais. Outras datas a ter en conta é a creación da 3ª División en 1932 e da 2ª B en 1977.

¿Redondeláns Campións do Mundo?
         

    Premendo no enlace podedes coñecer a historia de Lorenzo Fernández e Pedro Cea, que gañaron o Mundial de Fútbol con Uruguai en 1930.

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/09/pedro-cea-e-lorenzo-fernandez-campions.html

 


Pierla”: Álvarez Vázquez, José (Redondela):
 Defensa formado no Redondela F. C., que en 1931 fichou polo R. C. Celta, equipo no que non tivo oportunidades e nin sequera chegou a debutar na liga. Regresou daquela ao Redondela F. C. No verán de 1933, durante o descanso das competicións aproveita para xogar co outro equipo da vila, o Choco F. C. Ese mesmo ano marcha ao Unión Sporting de Vigo, co que gañaría en 1935 o Campionato da Serie A e acadando por tanto o ascenso. Na seguinte tempada, xa en segunda, o equipo queda sub-campión tralo Oviedo no Cto. Galaico-Astur. Neste equipo coincidiría cos redondeláns Lamas, Macoco, Julata e Talladas.
       
         Entre medias, en maio de 1934 participa nun amigable co Redondela F. C. Ese mesmo mes foi convocado para xogar coa selección da zona sur de Galicia dous partidos contra a do norte, para escoller aos xogadores que competirían coa selección galega no campionato rexional. Poucos meses despois o R. C. Celta intenta fichalo, mais a operación non se concreta por considerar unha cifra moi alta as 4.000 pesetas que o Unión pide por el. En agosto de 1934 os redondeláns Macoco e Pierla son cedidos ao Tea F. C., de Ponteareas, para xogar un partido amigable contra o Turista. En maio de 1935 xoga coa Selección de Redondela que se enfronta a outra da cidade de Pontevedra.

Pouco tempo despois, en 1936, sería Emilio Cal o que quere fichalo xunto a Talladas para o equipo Galicia E. C. de Salvador de Bahía, pero non acepta a oferta por estar prometido, sendo finalmente Macoco o que marchara a Brasil.
Pouco despois ficha novamente polo R. C. Celta para xogar en primeira na 1936-37, pero o inicio da Guerra Civil provoca a suspensión da competición. Apesares disto aínda chegaría a disputar co Celta o Campionato de Galicia daquela tempada, onde foron derrotados polo Deportivo.
Despois da suspensión das competicións provocada pola guerra, a finais de 1939 e ata mediados de 1940, reforza xunto aos irmáns Cabezo ao Redondela F. C., acadando a vitoria na Copa Stadium en Ponteareas e disputando a Copa Pro-Campo, en Pontevedra. Co reinicio das competicións en 1940, pasa a formar co Celta B, que se proclamou vencedor da Serie B.
Na seguinte tempada actúa no Vigués F. C., que ese mesmo ano proclámase campión da serie A, pero non supera a fase de ascenso. Comeza a seguinte tempada neste equipo que nada mais comezar o campionato ten moitas baixas provocadas por diferentes motivos. O club vese na necesidade de trocar á metade dos xogadores, sendo Pierla un dos que marcha en setembro de 1941. Os problemas seguirían medrando neste equipo que en 1943 desaparece, cedendo a súa praza en terceira ao Berbés.
1935-36 Unión Sporting. O porteiro Talladas e Pierla segundo pola dereita.
¿?
Redondela F. C.
Futbol Modesto
1931-32
R. C. Celta
Serie A
1932-33
Redondela F. C.
Futbol Modesto
1933-35
Unión Sporting
3ª (33-34, fase ascenso)
Serie A (34-35, ascenso a 2ª) /
2º Cto. Galaico-astur
1935-36
Unión Sporting
1936-37
R. C. Celta
Subcto. Galego
1939
Redondela F. C.
-
1939-1940
Celta B
Serie B (Campión)
1940-41
Vigués F. C.
Serie A (Campión no 41)-3ªDiv.

Julata”: Iglesias López, Ángel (Redondela):
         Interior esquerdo. En 1923 xa formaba no Liga Popular, que ao finalizar a tempada se converte no Redondela F. C. Tralo desmantelamento deste club ao renunciar a xogar na Serie B en 1928, xoga algún partido co Cabezo F. C., regresa logo ao Redondela F. C. coa reorganización do equipo. En 1934 pasou a disputar a Serie A co Unión Sporting de Vigo, compartindo vestiario co defensa Pierla, e o porteiro Lamas. O equipo acada o campionato Galego e ascende a 2ª. A chegada de reforzos provoca a súa volta ao Redondela F. C. En maio de 1935, forma parte dunha Selección de Redondela que se enfronta a outra da cidade de Pontevedra.
         Ao remate da Guerra Civil xoga como defensa no Vigués, co que alcanza o 2º posto no Campionato Galego, por detrás do Deportivo de A Coruña. Non dispoño de datos a partires desa tempada. Para rematar dicir que despois de deixar o fútbol estableceuse en Montevideo (Uruguai).

1922-23
Liga Popular
Serie C
1924-25
Redondela F.C.
Serie C
1925-28
Redondela F. C.
Serie B
1929-30
Cabezo F. C.
Non Federado
1930-34
Redondela F. C.
Non Federado
1934-35
Unión Sporting
Serie A (Campión, ascenso a 2ª)
1935-36
Redondela F. C.
Serie C
1939-40
Vigués
Serie A / 2º Cto. Galego

Lamas: Lamas Gómez, José (Redondela):
          Porteiro. Emigrou sendo neno a Uruguai onde con 8 anos entrou no Aguada de Montevideo e xa xuvenil pasou ao Peñarol. Retornou cos seus pais á súa vila natal xogando en 1923 no Liga Popular, que para a seguinte tempada se converte no Redondela F. C..
          Nunha xira pola illas Canarias Lilo, porteiro titular do Celta, rompe un brazo e pouco despois lesiónase o suplente. Chegaba o mes de outubro de 1926 e o inminente inicio da Liga, xunto coas súas boas actuacións, propician a fichaxe de Lamas polo R. C. Celta, onde coincide con Nicha e Cabezo. Co club vigués disputou catro partidos e encaixou sete goles, o que non é unha mala media tendo en conta os números da época. A recuperación de Lilo provoca a súa saída. En xaneiro, o Celta deixa de pagarlle pero non lle concede a carta de liberdade ata novembro. Volta daquela ao Redondela F. C. que disputa a Serie B.
Máis tarde marcha, esta vez a Cuba, onde xogou no Club Hispano América e no Centro Gallego.
De volta a Galicia en 1931, ficha polo Orense F. C., xogando con Chicuelo a promoción á Serie A. Acadan o ascenso e o equipo se reforza na defensa con Macoco e na liña media con Maniño e Redondela. En novembro de 1931 con Macoco viuse involucrado nun accidente de autobús resultando feridos leves. Aa súas boas actuacións vénse recompensadas en xullo de 1932, cando é homenaxeado nun partido no que o Orense se enfronta ao R. C. Celta.
En 1933 o Orense únese ao Burgas, formándose o Galicia S. C., onde xoga unha tempada. Tenta fichalo daquela o Atlético Madrid, pero unha vez na capital declárase en rebeldía. En decembro de 1934, volta aos campos de fútbol da man do Unión Sporting de Vigo, onde coincidiu de novo con Macoco e con outros dous redondeláns, Pierla e Julata. Con este equipo acadou o Campionato da Serie A que lles abría as portas da 2ª división. Non chegaría a xogar nesa categoría porque, en agosto de 1935, marcha para o norte de África, onde xogaría no Español de Tetuán, equipo co que vence no Campionato Hispano-Marroquí, no que participan equipos de Ceuta, Melilla e a cidade libre de Tánxer, que os clasifica para xogar a Copa española. Poría punto final á súa traxectoria deportiva no Club Tánger.
Lamas co Redondela FC. Vida Gallega

1923-24
Liga Popular
Serie C
1924-25
Redondela F. C.
Serie C
1925-26
Redondela F. C.
Serie B
1926-27
R. C. Celta
Serie A
1927-28
Redondela F. C.
Serie B
1928-¿?
Club Hispano América (Cuba)

¿?-1931
C. D. Centro Gallego (Cuba)
Campión Liga
1931
Orense F. C.
Serie B
1931-1933
Orense F. C.
Serie A
1933-34
Galicia S. C.
1934-35
Unión Sporting
Serie A (ascenso a 2ª) / Campión Cto. Galego e Galaico-astur
1935-¿?
Español de Tetuán
Campión Hispano-Marroquí, 1935-1936
¿?
Club Tánger
Liga Hispano-Marroquí

Cabezo I”: López Ventín, Rafael (Cesantes 22-4-1905):


Defensa Central. Iniciouse en equipos de Redondela. En 1923 ficha polo Alfonso XIII, que lle permite xogar co redondelán Liga Popular ata o inicio da Copa Pontevedra, estando en ámbolos dous equipos acompañado no centro da defensa por Villar I. Co equipo pontevedrés proclámase campión da Serie B, disputando o título nacional. Mais o equipo non ascende por carecer de campo propio. Nas vacacións participa como reforzo nalgún amigable co novo equipo Redondela F. C. e tamén co Eiriña, no que coincide con Jaime Serín.
Na nova tempada o Alfonso XIII gaña de novo a Serie B e golea na promoción, pero segue sen poder ascender, polo que Cabezo decide deixar o club.
Ao rematar a tempada, pasa á disciplina do Redondela F. C., agardando algunha oferta mellor, e proclámase campión da Serie C. En maio xoga co Alfonso XIII no campionato de Pontevedra. Tamén amosa o que sabe, formando en amigables co R. C. Celta e co Pontevedra Athletic alá polo mes de xuño.
Pouco despois faise efectiva a súa fichaxe polo R. C. Celta, co que se converte en titular indiscutible. Na súa primeira tempada acada o Campionato Galego, compartindo vestiario cos tamén redondeláns Serín e Nicha. O 14-8-1927 márcalle en partido de liga un hard trick ao R. C. D. Español (os 3 de penalti).
Entre medias a permisividade da época permítelle xogar algúns amigables nos periodos sen competición co Redondela F. C., co que chega a enfrontarse ao propio Celta en xullo de 1926.
A relación de Cabezo co Celta vaise deteriorando polos poucos cartos que paga o club, comezando con 150 pesetas e aumentándolle ás 500 despois de que tres compañeiros viñeran a Redondela para convencelo de seguir no club. En xaneiro de 1929, o Faro de Vigo asegura que un delegado do Barcelona F. C. se reuniu cos xogadores celestes Chicha, Polo, Vega e Cabezo. A principios de 1930, xunto a Chicuelo, cunha selección de Vigo vencen a dobre partido a outra de Oporto. Ao chegar o verán os rumores falan do interese de varios clubs como Real Madrid, que non chega a concretarse pola chegada de Ciriaco e Quincoces, ou Valencia. Nesta época Cabezo convértese nun dos destacados da Selección Galega que venceu á Selección Castellana, ao Sporting de Lisboa e ao, daquela campión de España, Atlétic de Bilbao. Finalmente o ficha o Atlético de Madrid, que paga 3.000 pesetas ao xogador e outras 3.000 ao club. Lamentablemente non o respectan as lesións e tan só pode xogar 5 partidos de Liga e 2 de Copa.
En xullo de 1931 divírtese xogando de dianteiro co equipo modesto que leva o seu nome, o Cabezo. En agosto, forma parte dunha selección de xogadores galegos que se enfronta ao Deportivo de A Coruña, nun partido a beneficio do porteiro Isidro, daquel club. Nese mesmo mes se enfronta con outra selección ao R. C. Celta, na homenaxe ao xogador céltico José Hermida.
A mala sorte en Madrid o trae de regreso ao R. C. Celta. Novas diferencias polo que lle paga a directiva celeste provocan a súa saída do club en xaneiro de 1933. Marcha daquela a manter a forma nun club de menor categoría, o Burgas F. C., de Ourense, co que xoga ata final de tempada. O equipo clasifícase para a promoción pero non acada o ascenso á Serie A.
En outubro dese ano desprázase a Madrid e Barcelona, dándose por segura a súa fichaxe por un dos grandes clubs. A operación non se concreta e remata outra vez no R. C. Celta, onde xoga ata a tempada 1935-36, ano no que o equipo celeste acadaría o seu primeiro ascenso á 1ª División, pero a Guerra Civil levaría á suspensión da competición.
Á dereita Cabezo nun Celta-Deportivo, 1927. Vida Gallega
 A mediados de 1938 participa co Eiriña na Copa Cuerpo de Ejército de Galicia, liga na que compite contra o Celta, Deportivo e Racing de Ferrol.
Dende finais de 1939 e ata mediados de 1940, xunto ao seu irmán e Pierla, reforza o Redondela F. C. co que vence na Copa Stadium, en Ponteareas, e participa na Copa Pro-Campo, en Pontevedra.
En xuño de 1940 xoga contra o Celta nun combinado de ex-xogadores deste equipo nun partido homenaxe a Balbino. Non o debeu de facer nada mal porque en outubro de 1940, co reinicio das competicións, volta ao R. C. Celta, pero atópase pechadas as portas da titularidade. Despídese definitivamente deste equipo ao remate da tempada. Dende 1928 (o club non dispón de datos anteriores) marcou 3 goles en 39 partidos de Liga, xogando de defensa, pero tamén de medio, dianteiro e ata de porteiro.
En febreiro de 1941 atópoo xogando un partido en 2ª co R. Betis, vencendo 3-0 ao Granada. En outubro dese ano conta cunha oferta en firme do Murcia, mais el agarda que se concrete a súa fichaxe polo Betis. Finalmente a contratación non se realiza e actúa como xogador-adestrador na Serie A co Vigués F. C., acadando o ascenso a Terceira, se ben o equipo acaba desfacéndose e cedendo a súa praza ao Berbés. En xuño de 1942 forma nunha selección que se enfronta ao Celta na homenaxe a Marcial. En 1943 volta a realizar a dobre función de xogador- adestrador nun amigable cunha Selección de Redondela. Ese mesmo ano xoga cos veteranos do Celta no partido na honra de Nolete.
           Despois dunha etapa sen equipo na nosa vila, en 1946, coa presenza de Cabezo, debuta na Serie A o C. D. Redondela. O xogador inicia a seguinte tempada en Terceira co Berbés, pero pouco despois retorna ao C. D. Redondela, onde colgaría as botas.
           En 1950 xoga co seu irmán nun partido a beneficio da familia dos xogadores célticos Juanito e Balbino Clemente. En 1954 era o adestrador do recente creado C. D. Choco, que xogaría ese ano contra o R. C. Celta nun partido homenaxe a quen tantos anos defendera as cores do conxunto vigués.
O carácter de Cabezo queda plasmado na nota que fixo pública a Directiva do R. C. Celta o 20 de outubro de 1927: “El jugador de este Club Rafael López Ventín (Cabezo) ha sido castigado por esta Junta directiva con catorce días de suspensión de sueldo por haber incurrido, durante los entrenamientos de esta semana, en faltas graves de disciplina y de respeto hacia la representación de esta Junta cerca de los equipiers...”. Pero como había partido contra o Deportivo aos 3 días apareceu esta outra: “La Directiva del R. C. Celta nos comunica que en vista del buen comportamiento del equipier Rafael Lógez Ventín (Cabezo), y previo asentimiento del entrenador Mr. Cowan y por petición cariñosa del capitán del equipo en nombre de todos los compañeros del team y del mismo interesado, se le levanta el castigo que se le había impuesto. Con esto cree la Directiva satisfacer a la afición y complacer a Cabezo que mostró grandes deseos de alinear para el sensacional encuentro de mañana en Coya.”
En Redondela cóntase del que nunha ocasión non acudiu a unha convocatoria coa selección española para un partido contra Arxentina, porque eran as Festas de Reboreda e daban empanada gratis. O máis probable (polos datos que manexo) é que en realidade fora o motivo polo que foi apartado do equipo reforzado do Celta que realizou unha xira por Sudamérica en 1928, e que era considerado unha selección galega. Cabezo titular indiscutible figuraba entre os suplentes e non se desprazou, por “un acto de indisciplina”. Sexa como sexa o que si hai de certo é que non chegou a debutar co combinado nacional.
Despois de deixar o fútbol abriu un bar na súa “Veiga de Ventín”, na actual Rúa Cabo dos Fumeiros, ao que puxo o nome de “El Tablón”. Cando o viño era bo e lle quedaba pouco dicíalle ao que quería: “Ese que queda aí é para min, fillo. Ti se queres toma do outro”. Dunha vez atopou a José Otero González (Mañas) en Madrid e este levouno a ver o Palacio Real, Museos, Igrexas... ao regresar contou que viña contento polo que vira, pero que pasara moita sede porque non lle deixara un momento para ir a un bar. Unha das súas frases máis famosas era: “O que traballos busca, malos traballos o persiguen”.
Cabezo 2º pola esquerda co Atletico de Madrid. Foto:equiposdefutbol2.blogspot.com

1923-25
Alfonso XII
Serie B (Campión 24 e 25)
1925-30
R. C. Celta
Serie A / Cto Galego 1926 e 1930
1930-31
At. Madrid
1931-33
R. C. Celta
1933
Burgas F. C.
Serie B
1933-36
R. C. Celta
2ª (ascenso 1ª en 1936)
1938
Eiriña
-
1939-1940
Redondela F. C.
-
1940-41
R. C. Celta
1941-42
Vigués F. C.
Serie A (ascenso a 3ª)
1946-47
C. D.Redondela
Serie A
1947-48
Berbés C. F.
1947-48
C. D. Redondela
Serie A

CabezoII”: López Ventín, Honorato “Rey de la Junquera” (Cesantes, 4-3-1914):
          Porteiro. Xogador formado no Redondela F. C. En 1930 seguindo os pasos do seu irmán xoga de defensa e ficha polo Alfonso XII, en 1930. Para a seguinte tempada pasa ao Pontevedra, onde é considerado un dos mellores do equipo, apesares de actuar como defensa substitúe ao porteiro titular durante varios partidos. En xaneiro de 1932 é cedido para xogar de defensa un amigable cun Eiriña cheo de baixas.
         Segue como defensa no Unión Sporting de Vigo, onde apenas conta con oportunidades.
Co Eiriña comeza a xogar de porteiro acadando a titularidade. Durante estes anos aos clubs permítenlle xogar de dianteiro co Redondela F. C. nas vacacións.
         Despois da Guerra Civil, dende finais de 1939 e ata xuño de 1940, segue a reforzar co seu irmán e Pierla ao Redondela F. C., agardando pola reinicio das competicións. Actúa como dianteiro e o equipo acada a Copa Stadium, en Ponteareas, e disputa a Copa Pro-Campo, en Pontevedra. En xaneiro de 1940, novamente como porteiro, comeza a xogar co Alfonso F. C., de Pontevedra que disputa a Serie B. A finais de 1940 debutou en Primeira co Zaragoza F. C., coa mala sorte de fracturarse unha moneca ao pouco de chegar. Ao equipo tampouco lle foron ben as cousas e remata xogando a promoción. Xogaría 12 partidos de liga, encaixando 26 goles.
          No verán de 1941 relaxábase xogando ao waterpolo cun equipo de Redondela, ao tempo que nos xornais se especulaba sobre o interese de varios equipos polos seus servizos: Betis, Murcia, Celta, Racing de Ferrol... Acabaría xogando en Primeira co recentemente ascendido, Deportivo de A Coruña, cobrando daquela 30.000 pesetas de ficha. Neste equipo atopouse a titularidade pechada polo bo momento de Acuña, pero nunha xira por Andalucía tivo ocasión de demostrar a súa clase polo que varios equipos daquela rexión como o Alicante, interesáronse polos seus servizos.         Finalmente ficharía polo primeira R. Betis. Non tivo sorte a nivel persoal xa que nada máis chegar unha lesión obrigouno a pasar polo quirófano, apesares diso xogaría 16 partidos de liga, encaixando 45 goles. Ao equipo tampouco lle foron ben as cousas rematando a tempada en postos de descenso.
Cabezo II despexando un balón co Zaragoza. Foto: Mundo Deportivo
         A principios de 1944 xoga a Copa co Berbés, equipo no que xogara a liga de terceira Domingos Docampo “Massó”. Este campionato converteríase no paso previo á súa fichaxe polo R. C. Celta, que daquela militaba en Segunda. Apesares de non ter continuidade, actúa como titular en 11 ocasións. No seu derradeiro partido acadou a clasificación do equipo celeste para disputar a promoción. Volta daquela ao Berbés co que xoga na 3ª División, o que non impide que, en febreiro de 1946, volva a especularse co interese de varios clubs, desta volta americanos.
         En xullo de 1946 participa na homenaxe a Sabino formando parte dunha selección que se enfronta ao Celta. Nese mesmo mes, xoga varios amigables co C. D. Redondela, regresando ao posto de dianteiro centro. Tamén se debía desenvolver ben nesta demarcación porque en maio de 1947 xogando cun terceira, o Turista, aínda foi quen de marcarlle a Talladas II, daquela no Berbés. En outubro de 1948 presentábase como reforzo na dianteira do C. D. Redondela, sendo probablemente a súa derradeira tempada de curto.
         En 1950 aínda xoga en Vigo co seu irmán nun partido a beneficio da familia de Juanito e Balbino Clemente.
         En 1957 estréase como adestrador do C. D. Choco.
         A faceta menos coñecida deste deportista é a de xogador de wáter-polo a mediados dos anos 30. Co Centro Recreativo de Redondela lle disputou ao Náutico da Coruña o Campionato Galego da Serie B en setembro de 1935, despois de vencer na Zona Sur.
Cabezo II co Betis,1942. www.manquepierda.com

¿?-1930
Redondela F. C.
Fútbol Modesto
1930-31*
Alfonso XII
Serie B
1931-32*
Pontevedra
Serie B
1932-33*
Unión Sporting de Vigo
Serie A / 3ª
1933-35
Eiriña
Serie A
1939**
Redondela F.C.
-
1939-40
Alfonso F. C.
Serie B
1940-41
R. Zaragoza
1941-42
Dep. Coruña
1942-43
R. Betis
1943-44
Berbés
1944-45
R. C. Celta
1945-46
Berbés
1946-47**
Turista
1948-49**
C. D. Redondela
Serie A
*Defensa. **Dianteiro.

Neno”: Míguez Alfaya, Bernardino “El Tanque” “El León Gallego”: Dianteiro centro. Destacouse en Redondela moi novo, o que unido á súa baixa estatura lle valeu o sobrenome de “Neno”. Na nosa vila xogou no Sporting Club. Emigrou a Cuba onde xogou en varios equipos da primeira categoría, chegando a proclamarse campión da liga cubana. Naquel país gañouse os alcumes “El Tanque” e “El León Gallego”. No verán de 1924, reforza ao Redondela F. C., xogando partidos importantes para o club, coma un amigable no que se vence ao Eiriña ou, en outubro, o partido inaugural do Campo de Petán. Logo regresaría a Cuba, onde xa se atopaba en setembro de 1926.

Pazos: Pazos González, Francisco “Macoco” (Redondela, 31-10-1908)
        Defensa. En 1927 formaba co modesto redondelán España F. C. Ese mesmo ano pasa ao titular da vila, o Redondela F. C.. Pronto se destaca e, en setembro de 1928 é probado polo R. C. Celta, xogando co equipo reserva un amigable co Vilagarcía. A fichaxe non se concreta e despois de xogar algún partido co Redondela F. C. marcha ao Cultural Leonesa, equipo que xoga en Segunda.
Despois dun breve paso polo equipo pontevedrés Eiriña, é fichado polo R. C. Celta. No club vigués non xoga demasiado porque se atopa coa titularidade pechada por Cabezo e o internacional Pasarín.
Debuta en maio de 1930 co C. D. Palencia, onde axiña se converte nun dos mellores do equipo. O club acada o ascenso á Serie A e Macoco é sacado a ombros. Despois da frustrada fichaxe do tamén redondelán Maniño, remata unha tempada na que alterna as actuacións na defensa e no medio centro. Ofrécenlle a renovación pero decide marchar porque, en palabras do xogador, “a terriña tira”.
Nunha nova de xullo de 1931, afírmase que segue a pertencer ao Celta, ao tempo que se relaxa xogando cos seus amigos no equipo redondelán Cabezo.
        Daquela ficha polo Orense F. C. acompañado por Maniño. Ao pouco de chegar, xunto con Lamas ten a mala sorte de sofrer un accidente de autobús, no que resultan feridos leves reaparecendo pouco despois. En 1933, o club fusiónase co Burgas nacendo o Galicia S. C., co que segue a disputar a Serie A.
        En 1934 despois de xogar un amigable co Redondela F. C. marcha ao Unión Sporting de Vigo, mais o club non conta con el e remata a liga xogando no Eiriña, onde coincide con Cabezo II. En agosto de 1934, antes do inicio da competición, con Pierla participa nun partido amigable co Tea F. C., de Ponteareas, enfrontándose ao Turista. En maio de 1935, forma parte dunha Selección de Redondela que xoga con outra da cidade de Pontevedra.
       Volta a competir outra vez na Serie A, nesta ocasión co Lemos. O seu derradeiro partido neste club sería a volta da promoción en febreiro de 1936, derrotando ao Sporting de Gijón cun insuficiente 2-0, pois perderan 1-4 na ida.
        Un pouco antes do inicio da Guerra Civil, foi fichado xunto a Talladas polo redondelán Emilio Cal, que era directivo do Galicia E. C. de Salvador de Bahía (Brasil). Despois deste ano neste club aínda xogaría un ano máis no Guarany. Naquela cidade casou, tivo seis fillos e alí residiu ata o seu falecemento o 18-10-1982.
Macoco 6º pola esquerda co Galícia. Foto cedida por Icilma Pazos Pío.

-1927
España F. C.
Non Federado
1927-28
Redondela F. C.
Serie B
1928-29
Cultural Leonesa
1929
Eiriña
1929-30
R. C. Celta
Serie A
1930-31
C. D. Palencia
Serie B-Serie A
1931-33
Orense F. C.
Serie A
1933-34
Galicia S. C.
1934
Unión Sporting
Serie A
1934-35
Eiriña
Serie A
1935-36
Lemos
Serie A
1936-39
Galicia E. C.
(Brasil)
1941
Guarany
(Brasil)

Maniño”: Pérez Rivero, Alejandro (Redondela):
Medio. Forma co Redondela. F. C., cando menos entre 1925 e 1928. En setembro de 1930 grazas a Macoco ficha polo C. D. Palencia, pero despois dun mes a proba o club prescinde dos seus servizos. Con este compañeiro marcha en agosto de 1931 ao Orense F. C. da serie A. Neste equipo comparten vestiario con Lamas e con Espada, xogador procedente do Redondela F. C. Precisamente é o Redondela F. C. o equipo ao que regresa en xullo de 1933, mais finalmente acabou xogando no Porriño con Talladas. Ao remate da tempada volta a xogar co Redondela F. C. agardando ofertas. Para a tempada 1934-35 pasa ao Eiriña, onde comparte vestiario con Cabezo II e Macoco. En maio de 1935, participa nun amigable cunha Selección de Redondela, nun intento de chegar a contar de novo cun club na nosa vila.

Puga: Puga Martínez, Segundo “Chicuelo” (Redondela):
        Como veremos máis adiante, ademais do fútbol, practicou con éxito o waterpolo e, a mediados dos 40, destacouse como xogador de tenis e tenis de mesa.
          A finais de 1925 comeza a xogar co Redondela F. C., que lle permite xogar ás veces con outro equipos da vila o España F. C. En 1928 o Redondela F. C. renuncia a disputar a Serie B, porque equipos de Vigo inscriben como propios campos doutras vilas, o que obrigaba ao club a realizar desprazamentos en barco co conseguinte custe.
          Coincidindo coa creación da Liga Española ficha polo Celta, co que xoga en Segunda. Co club celeste gañaría o Campionato Galego dese ano, mais na Liga non tería continuidade, polo que despois de xogar algúns amigables ao final da tempada deixa o club. Antes de abandonar o equipo formou parte con Cabezo dunha selección de Vigo que se enfrontou a dobre partido a outra de Oporto.
Marcha daquela ao Orense F. C., onde con Lamas, acada o ascenso á Serie A, para a que se reforza o equipo con Macoco, Maniño e Redondela. Nas vacacións xoga co Redondela F. C. Pouco despois ficha por un club de Pontevedra, o Eiriña, no que xoga cando menos ata agosto de 1934. Naquela cidade iniciaría os seus estudos de Maxisterio, profesión que compaxinará coa actividade deportiva. Apesares de figurar nun partido en maio de 1935 nas filas do Redondela F. C., nestes anos céntrase máis en practicar o waterpolo nos equipos da vila, chegando a figurar na directiva do C. N. de Redondela.
           Nos anos 40, por contra, adícase máis ao tenis e tenis de mesa, conseguindo grandes éxitos nestes deportes. No tocante ao fútbol, xoga un amigable cunha selección de Redondela en 1943. Non atopo máis datos ata que, despois de dous anos lonxe dos campos de fútbol, consegue o campionato galego de afeccionados co Turista na tempada 1947-48. Aínda xogaría co C. D. Redondela na 1948-49, emigrando a Arxentina ao rematar a tempada. 
 
Puga, Redondela e Macoco co Ourense. Vida Gallega
1926
España F. C.
Non Federado
1925-28
Redondela F. C.
Serie B
1928-29
Redondela F. C.
-
1929-30
R. C. Celta
2ª / 1º no Cto. Galego
1930-31
Orense F. C.
Serie B
1931-33
Orense F. C.
Serie A
1933-34
Eiriña
Serie A
1935
Redondela F. C.
-
¿?


1947-1948
Turista
Serie A-Cto. Galego Afec.
1948-1949
C. D. Redondela
Serie A


Redondela”: Rodríguez López, Juan “Rodríguez II” (Redondela, 1899/Río de Janeiro (Brasil), 1961) 
       Interior dereito. En Redondela nos seus inicios era coñecido como “Rodríguez II” para diferencialo do seu irmán Manolo, pero nas aliñacións dos equipos doutras vilas nos que xogou aparece como “Redondela” ou “Rodríguez”. Formouse en equipos de redondeláns como o Fénix F. C. e o Sporting Club. En 1920 vence no Campionato de España Militar co equipo do Regimiento de Murcia, corpo con base en Vigo. En 1922 comeza a xogar co Real Fortuna de Vigo. En decembro de 1922 é convocado para un partido do que sairá a Selección Galega que participará no campionato interrexional. O 11 de marzo de 1923, formaría no derradeiro partido do Fortuna fronte ao Real Sporting de Vigo, fusionándose pouco despois os dous clubs para que nacera o Celta. Nesta época tamén chegou a actuar como reforzo do Liga Popular de Redondela.
Pouco despois fichou polo Pontevedra Athletic Club, equipo da Serie A, debutando en xullo co tamén redondelán Julio Sánchez. Axiña comeza a destacarse como xogador e, en decembro de 1923, forma na Selección de Pontevedra, que se enfronta á Selección de Vigo. En 1924 foi cedido en varias ocasións ao Deportivo de A Coruña, co que en marzo enfróntase ao propio Athletic en Pontevedra. En maio xoga contra a selección de Uruguai, que preparaba a súa participación na Olimpiada na que acabou vencendo. Ese mesmo mes forma co Eiriña un partido no que vencen 3-2 ao Orense. En xuño, volta ao Depor para enfrontarse ao Dundee de Glasgow e, en setembro, ao Español de Barcelona.
Na tempada 1924-1925 co Pontevedra Athletic sofre unha grave lesión da que reaparece en maio, o que non lle impide xogar 32 partidos de 43 posibles e marcar 21 goles, sendo o máximo goleador do equipo. Ao ano seguinte, en marzo de 1926 non ten piedade do Redondela F. C. e márcalle dous goles nun amigable. En maio é un dos destacados dunha selección de Pontevedra que perde 3-2 co Deportivo.
En agosto de 1926 o Athletic recibe a visita do Deportivo da Coruña como compensación pola súa fichaxe e a do seu compañeiro, Ramón Rey. Na súa primeira tempada neste club convertese nunha peza fundamental e acada o Campionato Galego, título que revalida na súa segunda tempada.
 En setembro de 1928 regresa á vila para formar parte do proxecto de converter ao Redondela F. C. nun dos grandes equipos galegos. Pero o club, como xa dixemos, renuncia a participar na Serie B en protesta por permitirse a participación de equipos de Vigo que non contan con campo propio e inscriben como seu os doutros concellos.
Daquela volta á Serie A, como cedido ao equipo pontevedrés Eiriña. Para a seguinte tempada 1929-30 é fichado definitivamente por este equipo co tamén redondelán Macoco. Neste club comeza a a xogar ás veces na defensa.
En agosto de 1931, coincide con Cabezo formando parte dunha selección de xogadores galegos que se enfronta ao R. C. Celta na homenaxe ao xogador céltico José Hermida.
En 1931 con Lamas e Chicuelo reforza ao Orense F. C. na promoción, acadando o ascenso á Serie A, na que non xogaría demasiado. Ao ano seguinte, xa veterano pasa a outro dos grandes clubs galegos da época, o Unión Sporting de Vigo, no que tampouco disputou demasiados minutos, actuando como central.
Nunca se esqueceu do seu pobo e ano tras ano, nos meses sen competición xogaba co Redondela F. C., como en xullo de 1926, cando disputa un amigable contra o Celta.
Redondela cabecea nun Deportivo-Colocolo, 1927. Foto: Villar

1919
Fénix F. C.
-
1922
Sporting Club
-
1922-23
Fortuna
Serie A-Subcto. Galego
1923-26
Pontevedra Athletic
Serie A
1926-28
Dep. Coruña
Serie A (Cto. Galego 27 e 28)
1928-31
Eiriña
Serie A-3ªDiv.(29-31)
1931-32
Orense F. C.
Serie A
1932-¿?
Unión Sporting


Sánchez: Sánchez Cadavieco, Julio (Redondela)
          Interior esquerda. A principios de 1922 xogaba co Auténtico Athletic, de Pontevedra. Entre maio e agosto dese ano forma co Alfonso XII. En Redondela formou parte do histórico Liga Popular. En xullo de 1923, xunto ao tamén redondelán Juan Rodríguez “Redondela”, debutou co Pontevedra Athletic Club, equipo da Serie A. Na tempada 1924-1925 con este equipo xogaría 34 partidos de 43 posibles e marcaría 13 goles, sendo o cuarto goleador do equipo. Este club permitiulle xogar algún amigable co Redondela F. C. despois da súa creación en 1924. Para a tempada 1926-27 dábase por pechada a súa renovación pero a decisión do Athletic de non disputar a Serie A por non egustarlle o calendario precipita a súa marcha do club.
Daquela volta á vila co Redondela F. C., que militaba na Serie B. Remata a tempada co Endem, de A Coruña, sendo peza clave no ascenso á Serie A, categoría na que compite na seguinte tempada.
En maio de 1928 volta ao Redondela F. C. a requirimento da nova xunta directiva. Sería o primeiro dunha serie de reforzos ao que seguirán Juan Rodríguez e varios xogadores de equipos vigueses. Pero a creación dun gran equipo na vila desmorónase coa renuncia a xogar a Serie B, en protesta por permitirse a equipos de Vigo que non contan con campo propio, a inscribiren como seus os doutros concellos.
 Dada a situación volta ao Endem, equipo no que seguía a finais de 1929, ocupando daquela a última praza da Serie A. Ao final da tempada evítase o descenso, pero o club troca o seu nome polo de F. C. Coruña (non confundir co Deportivo). En novembro de 1929 tamén xoga cunha selección de Vigo da Serie B, xunto a Serín e Nicha, goleando a un combinado afeccionado de Oporto.
Unha noticia de outubro de 1930, anuncia o debut no F. C. Coruña, de Sánchez procedente do Hércules, equipo modesto coruñés. Non puiden confirmar que sexa o mesmo xogador, pero todo indica que debe tratarse de Julio Sánchez porque ocupa a mesma posición no campo.
Sánchez marcando un gol co Endem na final da Serie B. Céltiga

¿?-1922
Auténtico Athletic
-
1922
Alfonso XII

1922-23
Liga Popular
Serie C
1923-26
Pontevedra Athletic
Serie A
1926-27
Redondela F. C./Endem
Serie B
1927-28
Endem
Serie A
1928
Redondela F. C.
-
1928-1929
Endem
3ªDiv.
1930
Hércules (Coruña)
Futbol Modesto
1930-31
F. C. Coruña
Serie A

Serín: Serín Figueroa, Jaime (Redondela):
Medio. En Redondela xogou nos históricos Liga Popular e Redondela F. C. En xuño de 1924, con Cabezo e os irmáns Villar é cedido ao F. C. Pontevedra Athletic Club para xogar un amigable contra o Celta. Ese mesmo mes tamén xoga un partido con Cabezo no Eiriña, substituíndo a un lesionado.
Inicia a tempada 1925-26 no Redondela F. C., fichando coa liga xa empezada polo R. C. Celta. Alí coincide con Nicha e Cabezo e o club vence no Campionato Galego. No equipo non ten continuidade, o que unido ao cumprimento do servizo militar, supón o seu regreso ao Redondela F. C. Neste equipo pasaría o resto da súa carreira futbolística, xogando cando menos ata 1932-33. Nesta época tamén se destacou como atleta, como vimos no apartado adicado a este deporte, especializándose en 100 metros e salto de lonxitude. En novembro de 1929 xogou cunha selección de Vigo da Serie B, xunto a Sánchez e Nicha, contra unha selección de Oporto da mesma categoría. A mediados dos anos 40, era o adestrador do C. D. Redondela, que disputaba a Serie A.

1923-24
Liga Popular
Serie C
1924-25
Redondela F. C.
Serie C
1925
Redondela F. C.
Serie B
1925-26
R. C. Celta
Serie A-Cto. Galego
1927-28
Redondela F. C.
Serie B
1928-1933
Redondela F. C.
Non federado

Talladas”: Túnel Cabaleiro, José (Redondela, 3-8-1912):
         Porteiro. Nado o 3-8-1912. En 1930 e 1931 aparece xogando no modesto equipo redondelán Cabezo F. C. De aí pasa ao titular da vila, o Redondela F. C. Logo sería fichado polo Porriño, daquela na Serie B, no que milita dúas tempadas. Ante a súa marcha este equipo agasallaríao cun partido homenaxe en marzo de 1935. No descanso ligueiro xogaría en maio un amigable cunha Selección de Redondela e, en agosto, un campionato en Ponteareas co Redondela F. C.. O seu seguinte club sería o Union Sporting de Vigo, polo que ficha en agosto de 1935, si ben é certo que xa participara en maio con este club nunha xira por Portugal, substituíndo na portería ao tamén redondelán Lamas. Con este equipo competiría na 2ª división na tempada 1935-36,
          Antes do inicio da Guerra Civil, en marzo de 1936, emigra a Brasil despois de que Emilio Cal o fichara xunto a Macoco para xogar no Galicia S. C. Ao finalizar a tempada forma parte dunha selección do estado de Bahía e as súas boas actuacións ábrenlle as portas do Flamengo. Neste club xogou 18 partidos e coincidiu con grandes xogadores brasileiros como Leónidas, Jarbas ou Natale, acadando o 2º posto no Campionato Carioca. Na seguinte tempada xogaría no Santos, co que entre 1938 e 1941 disputaría 68 partidos. En 1943 tenta fichalo o Vasco da Gama, pero acabou marchando ao Jabaquara, de Sao Paulo. Despois de dúas tempadas marcha ao Espanha, de Santos, onde sofre unha fractura de peroné.
         En febreiro de 1946, de regreso en Redondela marcha a Barcelona a probar polo C. D. Español, pero a fichaxe non se chega a concretar porque a Confederación Brasileira de Deportes non envía o pase internacional. Nesta época tamén se disparan os rumores dunha posible fichaxe polo R. C. Celta e, aínda en agosto, se asegura que pode estar na presentación da nova tempada. Finalmente todo queda en nada e poría punto final á súa carreira futbolística aos 34 anos.
Talladas no Flamengo. Foto: A Tarde
1930-31
Cabezo F. C.
Non Federado
1931-33
Redondela F. C.
Futbol Modesto
1933-35
Porriño
Serie B
1935-36
Unión Sporting
2ªDiv./2º no Cto. Galaico-Astur
1936-37
Galicia S. C.
(Brasil)
1937-38
Flamengo
2º posto na Liga (Brasil)
1938-43
Santos
1ª (Brasil)
1943-45
Jabaquara
1ª (Brasil)
1945-46
Espanha
(Brasil)

Talladas II”: Túnel Cabaleiro, Santiago (Redondela)
        Porteiro. O primeiro dato que atopo del é como infantil en 1940 formando no Aspirantado, equipo da Juventud de Acción Católica de Redondela. O seu paso a sénior coincide cunha época sen equipos na vila, polo que comeza a xogar no equipo vigués Arenas de Alcabre, que disputa a Serie C. En abril de 1943 xoga como titular nunha Selección de Redondela. A principios de 1944 pasa ao Rápido de Bouzas. Con este equipo proclámase campión da Serie A en 1945, perdéndose a promoción a Terceira por unha lesión. En febreiro de 1946 o seu irmán José, de vacacións en Redondela, tenta levalo con el a Brasil sen conseguilo. Tamén marcha con el a Barcelona a probar polo C. D. Español. En xuño xoga un amigable co C. D. Redondela, enfrontándose ao Turista.
         Con 22 anos compite na Terceira División co Berbés de Vigo. En maio de 1947 volta a ter unha oferta para xogar en Brasil, no Galicia, equipo no que xa xogara o seu irmán, mais Santiago négase novamente a abandonar a súa terra. Despois dun paso fugaz pola Serie A, co Zeltia, de Porriño, regresa ao Berbés.
          Logo pasaría polo Pontevedra, onde ten pechadas as portas da titularidade. A mediados de 1950, troca novamente de equipo e marcha, esta vez como titular, ao Arosa, de Terceira División. A principios de 1952, ficha polo San Lorenzo, de A Guarda, equipo máis modesto que xogaba a liga comarcal.

1942-43
Arenas de Alcabre
Serie C
1944-46
Rápido de Bouzas
Serie A
1946-47
Berbés
1947-48
Zeltia
Serie A
1948-49
Berbés
1949-50
Pontevedra
1950-51
Arosa
1951-52
San Lorenzo
Comarcal

Villar: Villar Mínguez, José “Villar I””Carracha” (Redondela): Defensa central. Formado nos clubs redondeláns, en 1923 formaba con Cabezo o centro da defensa do Alfonso XIII, de Pontevedra, que gañou a Serie B. O equipo daquela non podía subir por carecer de campo, pero puido disputar o Campionato de España como campión galego vixente. A principios de 1923 este equipo permitiulle xogar no Liga Popular de Redondela ata o inicio da Copa Pontevedra. En marzo de 1924 é cedido ao Eiriña para enfrontarse ao Celta ao que derrotan por 3-1. Chegado o verán xoga amigables co Redondela F. C., equipo de nova creación. En xuño de 1924, xunto con Cabezo, Serín e o seu irmán Nicha reforzan o Athletic de Pontevedra nun amigable co Celta. Nese mesmo mes volta a ser prestado ao mesmo equipo, coincidindo nesta ocasión con Julio Sánchez.
Na seguinte tempada continúa no Alfonso XIII, proclamándose novamente campión da Serie B. Vencen na promoción por 7 a 0 ao Unión Sporting de Vigo, pero o equipo segue sen poder subir.
Rematada a competición volta a xogar amigables co Redondela F. C. En xuño de 1925 actuou como reforzo do Athletic de Pontevedra, co seu irmán e Cabezo, fronte ao Celta. Ese mes tamén xoga co Eiriña en dous partido, un deles en A Coruña no que venceron ao Deportivo por 3-1. En xullo volta a enfrontarse ao Depor formando parte dunha Selección dos equipos da cidade de Pontevedra. E por terceira vez, en novembro, derrota ao Depor por 1-0 co Alfonso XIII. Nesta última ocasión o gran traballo defensivo foi premiado polo público que sacou a ombros a Martín, Freire e o propio Villar.
Para a tempada 1925-26 pasa a formar parte do Artillería de Pontevedra, equipo que xurde como intento de crear un gran club en Pontevedra con xogadores procedentes principalmente do Eiriña e o Alfonso XIII. 
O equipo desfaise e volta a xogar co Alfonso XIII, abandonando o club ao final da tempada por emigrar a Cuba, coma fixeran varios membros da súa familia. Alí xogou no Hispano, da Habana. Axiña destacou no novo equipo, volvendo con varias medallas conmemorativas, entre elas unha coa inscrición “al inmenso Carracha alma del Hispano”. A parte negativa sería que regresou enfermo de tuberculose e sen cartos.
En xaneiro de 1928, ao pouco de regresar de América, alíñase co Alfonso XIII, para enfrontarse ao Deportivo. Remata a tempada co equipo vigués Germania. Trala desaparición do club ao rematar a tempada volta á nosa vila, fichando polo Redondela F. C. e traendo consigo a dous compañeiros do Germania, Vello e Fernández. Pouco despois o proxecto de crear un gran equipo esváese coa renuncia do club a xogar a Serie B, en protesta porque os equipos de Vigo que non contaban con campo, estableceran como propios os de Moaña, Cangas e Bueu; co conseguinte perxuízo polo incremento nos gastos en desprazamentos.
Villar e Cabezo no Alfonso XIII. Vida Gallega

1923-25

Alfonso XIII

Serie B-Campión1924 e 25

1925-26

Artillería


1926-27

Alfonso XIII

Serie B

1927

Hispano

Cuba

1928

Alfonso XIII

Serie B

1928

Germania

Serie C

1928-¿?

Redondela F. C.

-



















Nicha”: Villar Mínguez, Antonio “Villar II” (Redondela):
           Dianteiro. Nos seus inicios en equipos de Redondela era coñecido como Villar II, por xogar tamén no equipo o seu irmán maior, José. Formou parte do histórico Liga Popular de Redondela. En 1924 xogaba no novo equipo Redondela F. C., co que se proclama campión da Serie C, o que non lle impedía participar co Athletic de Pontevedra nun partido contra o Celta.
En 1925 os xornais comezan a referirse ao Redondela F. C. como “o equipo de Nicha”. A mediados dese ano xoga varios amigables co R. C. Celta (4 goles en 2 partidos) e o Athletic de Pontevedra.
Para a seguinte tempada, xunto con Cabezo, ficha precisamente polo R. C. Celta. O seu debut non podería ser mellor, enfróntanse ao C. D. Español do mítico Ricardo Zamora, marcándolle dous goles nun partido que remataría 5-0 a prol do Celta. Como dato curioso en xullo de 1926, enfróntase ao propio Celta, do que era xogador, nun amigable no que con Cabezo reforza ao Redondela F. C. O 27-11-1927 foi convocado coa Selección Española Amateur para enfrontarse á profesional en partido de preparación para as Olimpiadas de Amsterdam 1928. En novembro de 1929 xogou nunha selección de Vigo da Serie B, xunto a Sánchez e Serín, que se enfronta a outra de Oporto da mesma categoría. Gañan por 3-1 e marca dous goles, pero ten a mala sorte de fracturar unha perna. Ante esta grave lesión o Celta decide prescindir dos seus servizos para o ano seguinte. Neste período co club celeste gañara tres Campionatos de Galicia.
Nicha atacando. Celta-Nacional, 1931. Foto: CésarBenítez

A piques de iniciarse a tempada 1930-31, Nicha recibe ofertas de varios clubs galegos, polo que o Celta envía a Redondela a un directivo para tentar contratar de novo ao xogador. Finalmente, chegan ao seguinte acordo: 1.000 pesetas, un soldo ao mes de 300 e, a conta do club, un substituto que atendera a súa barbería os días que houbera desprazamento. Tamén se recollía o aumento de soldo si daba un bo rendemento. En abril de 1931, o club o considera un indisciplinado, ao tempo que Nicha reclama que se cumpran os termos acordados. Ao final chégase a un acordo e Nicha continua no club celeste ata 1934.
Os seus números son espectaculares, 47 goles en 66 partidos oficiais, un gol cada 126 minutos unha das mellores medias da historia do Celta, se ben é certo que case sempre xogaba co segundo equipo. Dende o nacemento da Liga Española, en 1930 ata a súa marcha en 1934, marcou 15 goles en 19 partidos de liga, xogando na Serie A na 1930-31 e en Segunda nas seguintes tempadas.
Tras abandonar o Celta volta ao Redondela F. C., no que seguía a xogar en agosto de 1935.
Despois da Guerra Civil pisaría Balaídos en xuño de 1940, xogando contra o Celta nun combinado de ex-xogadores deste equipo nun partido homenaxe a Balbino. En 1954 aínda participaría nun partido de vellas glorias de Vigo e Pontevedra a prol do Fogar e Clínica de San Rafael.
Cabezo 2º de pé e Nicha 2º agachado. Equipo do Celta que pasou á semifinais da copa de España 1931-32. Archivo Faro de Vigo

1924-25
Redondela F. C.
Serie C
1925-30
R. C. Celta
Serie A (3 Campionatos Galegos)
1930-31
R. C. Celta
3ª (ascenso a 2ª)
1931-34
R. C. Celta
1934-¿?
Redondela F. C.
-

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA.
El Mundo Deportivo (dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca
Faro de Vigo. 27/08/2000 páx.14 e 3/9/2000 suplemento Faro Domingo pax. 4 e 5 artigo de Jaime Conde.
A Tarde 28-3-1988 (Brasil)
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
Coordenador: X.M.González Fdez.
Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo.
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
Arquivos dos Equipos: R. C. Celta, Atlético de Madrid, C. A. Peñarol.
Aportes Cándido Orge
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallegoo, El Diario de Pontevedra, La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia, El Correo de Galicia, Vida Gallega, Galicia diario de Vigo, La Integridad diario católico, El Noticiero de Vigo, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Progreso...
Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Gran Vida, La Esfera
Enciclopedia Galega da emigración- Lois Pérez.
Galicia 
O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.





No hay comentarios:

Publicar un comentario