domingo, 16 de agosto de 2020

Tenis de Mesa (Ping-Pong)

    
1947 Partido Hogar del Productor-De7a9 (Barcelona). Manuel Míguez e Segundo Puga Foto publicada en El Rincón de Mari Paz. El tenis de mesa vigués
      
         En Vigo hai constancia da práctica do tenis de mesa cando menos dende 1918. Os pioneiros deste deporte en Redondela foron Jacinto e Manuel Míguez Figueroa, que en 1943 participaron no Campionato provincial do Frente de Juventudes. Estes irmáns proclamaríanse campións rexionais do Frente de Juventudes, Educación y Descanso e da Zona Galicia-Astur. A Federación Galega creárase ese mesmo ano por iniciativa de Fernando de Haz, vigués vinculado con Redondela ao que xa vimos no apartado adicado ao tenis. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/06/fernando-de-haz-de-la-gandara-1912-1985.html )
           En xaneiro de 1944, nese mesmo campionato, resultaría vencedor Manuel Míguez Figueroa, Bernardo Docampo remataría 8º e por equipos Redondela acadaría a 2ª praza. En marzo dese ano Segundo Puga vence no primeiro campionato local oficial celebrado en Vigo, no que competían vinte participantes, despois de desempatar con Carlos Bárcena e Fernando de Haz.
            Ese mesmo ano fúndase o C. D. Redondela. Os seus tenistas conquistaron o Campionato Galego e o Campionato Noroeste de España en 1945, Sub-campións de España de Educación e Descanso en 1946 e o Campionato de Galicia. Contaba nas súas filas co mencionado Segundo Puga “Chicuelo”, quen xa destacara practicando fútbol, wáter-polo e tenis.
              A Federación Galega organiza en 1946, o primeiro Campionato Galego, con participación de xogadores de Vigo e Redondela, resultando vencedor Segundo Puga en individual e dobres formando parella con Arturo González. Ese mesmo ano a selección galega compite por primeira vez no Campionato de España, estando formada polos redondeláns Segundo Puga, Manuel Míguez e o vigués Arturo González, defendendo as cores do Hogar del Productor.
       E 1947 cando este equipo non puido competir no campionato nacional, Segundo Puga e Manolo Míguez participaron co club Remeros del Berbés, de Vigo, acadando o Sub-campionato de España de Educación e Descanso. En escrito do 26-6-47, o presidente da Federación Galega Quintín Alonso propón a Segundo Puga para relevalo. No Campionato Galego deste ano Segundo Puga vence en dobres formando parella con Arturo González. En agosto daquel ano, estes dous xogadores enfrontaríanse no cine Redondela ao campión nacional nun campionato de exhibición, sendo derrotados os nosos xogadores. En setembro de 1947 o C. D, Redondela derrota ao R. C. N. de Vigo, formando S. Puga, Míguez e Docampo. En outubro Segundo Puga atópase adestrando a varios mozos para o campionato a celebrarse no Hogar del Productor, de Vigo, no que tamén forma parte da organización. Este mesmo deportista vencería ao mes seguinte no Campionato de Vigo.
 
Arturo González, Víctor García, Segundo Puga e Alberto García, Cto. de España 1948. Foto publicada en El Rincón de Mari Paz. El tenis de mesa vigués
     
          En 1948 Segundo Puga proclamouse Campión Galego Individual e Dobres (con Arturo), sendo daquela o xogador máis veterano de España. Tamén se proclamaría sub-campión mixto con María Blanco Chamochín e vencería por equipos formando no Educación e Descanso, xunto a V. García e A. García. Neste campionato tamén participaría o redondelán Gonzalo Figueiral. Ese mesmo ano Puga acada o segundo posto nos nacionais defendendo as cores do Hogar del Productor con Alfredo García, Víctor García e Arturo González. En 1949 sería Campión Galego Dobres con Victor García, e Sub-campión Galego Individual, perdendo precisamente con García. Este ano non participaría no campionato nacional por emigrar a Arxentina.
          Apesares da baixa de Puga, en 1950, participan no Campionato de España os redondeláns Gonzalo Figueiral Caride e M. Portela polo C. Choco, acadando o terceiro posto por rexións. Outro xogador desta época sería Orge. Tamén Gonzalo Figueiral Rivero acadaría en 1951 o campionato provincial e os campionatos escolares do Frente de Juventudes representando ao Instituto de Pontevedra. Nese mesmo ano o seu pai aparece como vocal da Federación Galega.
 A principios dos anos 50 o equipo de Acción Católica de Redondela disputaba o Campeonato Diocesano de Aspirantes.
            En xaneiro de 1959, no Trofeo Primar celebrado no R. C. Naútico de Vigo, o equipo de Redondela perdeu en semifinais co equipo anfitrión. Na fase previa do Campionato Galego de primeira categoría dese mesmo ano participaron: 12 vigueses, 2 de Redondela e Tui, e 13 de A Coruña. 
          En 1968 a S. A. R. crea dous equipos de tenis de mesa, un que disputa a Segunda División Provincial e outro xuvenil. Entre os seus xogadores podemos citar a De Haz, Soto, Puente, Alfonso Figueiral ou Contreras. No seu primeiro ano de vida celebra o I Torneo de Tenis de Mesa de Redondela, durante a II Semana da SAR.
           En 1970 celebrouse en Redondela o I Trofeo SAR, onde venceu Juan Manuel Alfaya, xogador de balonmán da SAR, despois de vencer por esta orde a Alfonso Pereira, Manuel Ferreira (da S.A.R.), Jose Luis Contreras e Antonio Soto. Nas seguintes edicións estenderíase ás demais categorías: alevín, infantil e xuvenil; xogándose no grupo escolar.
 
Campionato de Tenis de Mesa organizado pola SAR. Arquivo Albi.
 
Nun campionato celebrado no Círculo Cultural e Recreativo de Chapela en 1968 venceu Francisco Fernández, seguido por Jose Antonio Agulla, Jose Antonio Arizaga e Ricardo Díaz. Actividades como esta levaron á fundación do S. D. Chapela, que tivo o seu primeiro gran éxito nos campionatos provinciais de 1970: Gonzalo Mencía Castro e José Carlos Cabaleiro Castro, medalla de ouro xuvenil; Ricardo Díaz Martínez e Fernando González Varela, medalla de prata xuvenil; Jorge Cabaleiro Millares e Ángel Castro Cabaleiro, medalla prata infantil.
A finais dese ano os dous equipos atopábanse disputando a liga provincial de segunda categoría.
No 2004 José Virulegio funda o equipo do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, coa ilusión de seguir a manter viva a afección redondelana por este deporte disputando a 3ª división galega.
 
Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.
  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
El Mundo Deportivo (dende 1906)
La Vanguardia (dende 1881)
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia
El Rincón de MariPaz. El tenis de mesa vigués. http://lopezcerdeira.over-blog.es


No hay comentarios:

Publicar un comentario