sábado, 15 de agosto de 2020

Tenis

   
Fernando de Haz na final do Cto. Galego de dobres de 1946. La Noche
        
         Apesares de practicarse con anterioridade, non sería ata despois da Guerra Civil cando a práctica do tenis se popularice en Galicia. O primeiro campionato galego celebrouse en 1940. As competicións centralizábanse en Vigo e A Coruña, polo que os redondeláns que practicaban este deporte acudían a competir á cidade olívica. O motivo de que nos seus inicios este deporte estivera vinculado cunha crase alta era a carencia instalacións. A construción de pistas deportivas nos pazos ou casas destacadas converteuse nun tipo máis de distinción social, nunha época na que a meirande parte da poboación pasaba penurias.
 
Rita Regojo e amiga no Campo de tenis de Petán, 1956. FotoSiorty-El Pueblo Gallego
        
         No casco urbano o primeiro frontón foi construído en 1955 no Pazo de Petán, se ben anteriormente contaba con outro non homologado que derrubou un temporal. Outra das primeiras casas en ter campo propio foi “a de Gándara”, na parroquia de Cedeira, e alí era onde adestraba Fernando de Haz, natural de Vigo, que chegaría a ser campión Galego de dobres en 1942, 1943 e 1947 (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/06/fernando-de-haz-de-la-gandara-1912-1985.html ) . Outros xogadores desta época serían:
        Segundo Puga “Chicuelo”. En 1944 vence no Campionato Social do Club de Campo de Vigo, primeiro campionato local da cidade olívica na que participaron 20 deportistas. En setembro de 1945, nese mesmo campionato, chega á semifinal individual e á final de dobres, formando parella co anteriormente mencionado Fernando de Haz. Nese mesmo mes é escollido como suplente (4ºxogador) na selección de Vigo para enfrontarse á da Coruña. En 1946 volta a ser semifinalista nos campionatos Social e Primavera do Club de Campo e participa na Copa de Galicia, en Santiago. Participou no Campionato de Galicia cando menos en 1946 (no que tamén actúa como árbitro oficial) e 1947, no que cae en semifinais. Destacouse tamén competindo en fútbol, wáter-polo e tenis de mesa.
         Raúl Carlos Gunche López. Nado en Madrid e residente en Redondela onde foi nomeado alcalde en novembro de 1943 por orde do Gobernador Civil. En 1945 comeza a participar en varios campionatos do Club de Campo de Vigo. Competiu nos campionatos de Galicia de 1945, -46 e -47.
         Honorato Fernández. Farmacéutico de Vigo, que cando menos participou no Cto. Galego de 1947. Estaba casado con Blanca Feijoo Alfaya, filla dos propietarios do Pazo de Pousadouro.
        Enrique Lorenzo Docampo. Empresario naval vigués fundador da Factoría Vulcano e Presidente da deputación de Pontevedra, casado coa propietaria do Pazo de Pousadouro. Atopo datos del participando en campionatos do Club de Campo de Vigo en 1945.(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/11/lorenzo-docampo-enrique-vigo-1892vigo.html )
 
Paco Reboredo. Tenis na Xunqueira. Arquivo J.A .Xesteira
       
         En 1963 fúndase a S.A.R., club que poucos anos despois formou o primeiro equipo de tenis de Redondela e organizou en agosto de 1973 o primeiro torneo local na pista da Xunqueira. No 75 tamén habería campionato nas Festas da Coca. Trala desaparición deste equipo practicamente deixa de practicarse este deporte ata a construción, nos anos 90, dunhas pistas polideportivas a carón do pavillón de Redondela.
        A nivel individual atopei que nos II Juegos Deportivos celebrados en Vigo en 1970, participou o tenista Luis Teniente, da parroquia redondelana de Chapela, que substituía a Teis que non presentou equipo.
 
I Torneo Nadal  Reloxería Xoiería Tejo, 2015. Gañador Javier Orge. Facebook
              
            Nos anos 90 fúndase o Club de Tenis Redondela, que competía tan só na Liga Galega de Veteranos con xogadores como Alberto, Gene Muíños ou Sesé López. Este club daría paso ao Club de Tenis e Padel de Redondela, que organiza o Torneo de Tenis Concello de Redondela, que en 2019 cumpriu a súa terceira edición co nome Memorial Sesé López, tralo tráxico falecemento nas pistas deste xogador. Un pouco antes, en 2015, a Fundación Filomena Rivero organizaría o I Torneo de Tenis, que sería gañado por Javi Orge, seguido por Kiko López, Emilio Argibay e Charly Docampo. Ese mesmo ano celebrouse o Torneo de Nadal Joyería Tejo, no que venceu novamente Javi Orge.

 Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.
  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia





No hay comentarios:

Publicar un comentario