Abrente-Limpeza da praia de Cesantes, 1997. Foto: Félix Cal Cortizas |
Coa chegada da democracia o asociacionismo vai collendo gran importancia principalmente coa construción de centros culturais nas parroquias, que nos seus primeiros anos amósanse moi activos, ademais servirán de sede a asociacións de veciños e comunidades de auga e montes. No centro urbano de Redondela agroman colectividades de todo tipo. Nos anos 90 é o momento de maior esplendor creándose ducias de colectivos no noso Concello, 15 tan só en 1994. Moitas delas desaparecerían, pero outras aínda manteñen a súa actividade. A continuación enumero algunhas delas:
Abrente
Asociación veciñal de Redondela. Fundada en 1995, sendo a primeira presidenta María Ángeles Pérez Espiña. Entre as súas iniciativas estivo a oposición a que o centro médico se construíra na Marisma. Tamén protestou por temas como o ruído dos pubs da rúa Prata ou o vertedoiro da Marisma.
Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Redondela
Constituída en 1985.
Aldeas Infantiles.
Entre os acordos do pleno do 14 de maio de 1975 do Concello atópase a autorización da obra de construción das dúas primeiras vivendas de Aldeas Infantiles S. O. S. en Ventosela. O 7 de novembro toman posesión de ditas casas oito irmáns de apelido Vieitez de Carril (Vilagarcía) e sete irmáns, dunha familia de doce, de Solleiro (Tui). A cesión de terreos en 1971 por parte do Concello a dita institución partiría da iniciativa de Rita Regojo, quen posteriormente sería nomeada Filla Predilecta.
Aldeas Infantiles 1976. Foto: Magar. Faro de Vigo. |
Alén Nós.
Creado en 1996 o obxectivo da recuperación, defensa e posta en valor do patrimonio histórico e etnográfico, tanto material como inmaterial de Redondela. Ten a Andrés Couñago Laxe e Xosé Couñago como cabezas máis visibles. Entre as súas iniciativas podemos destacar: a proposta en 1997 da creación dun museo etnográfico recollendo ferramentas antigas e outras pezas como o reloxo da igrexa de Redondela, creación a festa dos Fachos no Viso, denuncia da destrución de parte do noso patrimonio (como no caso das mámoas), solicitude da posta en valor do cemiterio dos Eidos ante o intento de desmantelalo, organización de conferencias, proxeccións de documentais... En 2014 presentou Redondelar, proxecto de divulgación do patrimonio cultural arquitectónico, realizado por A Citania e no que colaboran Concello e Asociación de Empresarios.
Alén Nós, campaña cos colexios, 1998. Ricardo Grobas. Faro de Vigo |
Amigos do Ferrocarril e Tranvía Rías Baixas.
Asociación fundada en Vigo e que establecería a súa sede na estación de Redondela a finais dos 90.
Apros (Asociación para la Promoción Social)
Asociación
Cultural e Deportiva da
Miñoteria (Ventosela)
Nos anos 80 colaboraba coa Comisión de Festas de San Martiño programando xogos tradicionais, no que destacaba o xogo do trompo.
Asociación Cultural e Social de Chapela.
O 30 de novembro de 1991 constitúese a Asociación Cultural Banda de Música de Chapela, sendo elixido Alejandro Bastos como primeiro presidente. Era o ideólogo desta iniciativa que creou a Escola de Música de Chapela coa finalidade de crear unha banda de música nesta parroquia o que se conseguiría en 1995. No seu primeiro ano de vida organizou a Festa dos Maios, Festival de Muiñeiras, Festival de Rondallas, Concerto de bandas de música, encontros de Grupos de Gaitas e Magosto. Ademais de promover a creación de grupos de teatro, gaitas, pandeiretas e guitarras. Despois trocaría o nome por Asociación Cultural e Social de Chapela.
Asociación de Empresarios de Redondela.
En 1990 xa contaba con 200 asociados e acababa de adquirir un piso como local social. Desta asociación xurdiu a idea de celebrar a Festa do Choco.
Asociación Vecinal Los Ángeles (Chapela)
En 1992 crea sección de fútbol sala nas categorías alevín, infantil e cadete. Tamén crearon equipos en Campo a través, balonmán feminino e tenis de mesa.
Asociación de Vecinos de Chapela
Asociación de Vecinos Eidos de Quintela
Mantivo unha acalorada polémica en 1980 co cura párroco por mor do cemiterio.
Asociación de Veciños a Nosa Illa (Cesantes)
Primeira asociación de veciños de Cesantes, fundada en 1978.
Asociación de Vecinos O Noso Mar de Cesantes
Cara a 1984.
Asociación de Vecinos Unión de Vilar
Moi activa en 1982 na reclamación dunha comunicación de transporte público que comunicara as parroquias de Vilar de Infesta e Cabeiro co casco urbano de Redondela.
Ateneo
Colectivo fundado en 1988 co obxectivo de dinamizar a vida cultural de Redondela. En 1992 alcanzaba os cen socios que pagaban 3.000 pesetas. Organizaban conferencias, exposicións, mesas-redondas... Programaba o Verán Cultural, con concertos, conferencias e outras propostas como Pintura na Rúa, actividade na que os cativos pintaban na praza Figueroa e as súas obras eran colgadas dos balcóns onde quedaban expostas. Entre as súas iniciativas máis lembradas estivo o premio Coca-Cocón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/02/a-coca-e-o-cocon.html )
Noites do Ateneo na Alfóndega. Foto cedida por Uxía Lueiro. |
Cámara Agraria de Redondela
En 1980 reclamou as indemnizacións para os veciños afectados polo asolagamento das súas leiras por mor das obras de ampliación do aeroporto de Peinador.
Casco
Colectivo de apoio a insubmisos e obxectores de conciencia ante a obriga dos homes de realizar o servizo militar. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/04/servizo-militar-obxeccion-e-insubmision.html )
Centro Cultural de Cedeira
Inaugurou a súa sede o 18 de agosto de 1989. Entre as súas primeiras iniciativas estivo a formación dun grupo de baile tradicional e unha rondalla.
1989 Inauguración do CRC Cedeira. Facebook do centro. |
Cíclope, Colectivo de arte redondelano
Organizou unha exposición de novos artistas en 1996.
Círculo Cultural Recreativo de Cesantes.
Fundado a finais de 1978. Actualmente ten a súa sede no edificio que fora da Sociedad de Agricultores y Ganaderos de Cesantes. Neste centro creouse o grupo de baile Airiños de San Simón, o Club de Remo Cesantes e a coral Pedra Blanca.
Claqueta
Cineclub fundado en 1994. Entre as súas iniciativas estiveron as primeiras proxeccións de cine na rúa.
Club Altamar
Colectivo de Chapela que nos anos 70, 80 e 90 organizaba numerosas actividades: festivais de teatro, campamentos de verán, partidos de balonmán, rally Pari-da Car...
Altamar. Faro de Vigo |
Club de Jubilados General Rubín.
Primeiro centro de xubilados da vila, creada en 1981, tiña a súa sede na rúa Xeneral Rubín, no primeiro andar da casa que fora Sociedade de Mariñeiros. En 1984, estaba formado por 124 homes e contaba con 75 socios protectores. Desapareceu cando asumiu a dirección a Xunta de Galicia, trasladándose ao edificio José Figueroa, na Xunqueira.
Faro de Vigo, 1984. |
Colectivo Libertario i Ecoloxista Redondelán (CLER)
Grupo de rapaces que exerceron unha forte oposición aos recheos na Marisma e ao vertedoiro na mesma.
Logo Martín Fernández |
Consello de Educación de Redondela /Comisión de Ensino
En 1985 comeza a publicar unha revista ou boletín mensual, adicado á escola e, en particular, aos nenos e nenas.
Entrepobos
Favercuss
Federación de APAS
Creada para coordinar as APAS (hoxe ANPAS) das diferentes escolas do noso concello.
Federación de Vecinos
Latexos, Asociación Cultural
Esta asociación naceu en 1981 co proxecto de reunir a aos emigrantes de Redondela máis destacado ou que levaban moito sen volver ao Concello. Despois dun ano de traballo o proxecto non se chegaría a realizar por falta de orzamento. Entre as súas iniciativas podemos citar exposicións (canteiros de Poio, traxe rexional, pintores redondeláns actuais, radios antigas... ), cursos de artesanía, escola de baile... Estaba formado por seis persoas: Gerardo Pérez, Alejandro Martínez, Bernardino, Marisa González, Pili e Aurora Bastos, esta última presidenta en 1992.
Lenda
Asociación de familiares e enfermos mentais. Trátase dun centro ocupacional onde se realizan traballos de carpintería, talleres de escritura... Ademais practícanse varias disciplinas deportivas como serían: natación, tenis, tenis de mesa ou fútbol sala. Outra actividade é a publicación da revista A Voz de Lenda.
Lenda, taller. Faro de Vigo, 2009. |
Josefá
Colectivo creador do ArteLixo e o LixoRock como protesta ao vertedoiro de lixo na Marisma. Ademais organizou varios concertos.
Peña Madridista de Redondela
Peña de seguidores do Real Madrid fundada en 1984. Conseguiu que o adestrador do equipo de baloncesto, Lolo Sáinz, dera unha conferencia no Centro Recreativo e Cultural de Redondela.
Peña Sietemanos (Cesantes)
Peña de fútbol de seguidores madridistas fundada en 1967. Rendía homenaxe ao porteiro canario Antonio Rodrigo Betancort.
Scouts Búrbida de Redondela
Grupo de scouts fundado en 1994 e que en 1998 dividíase en: Lobecos (de 8 a 11 anos), Rangers (11-13), Pioneros (14-16) e Rotas (16-19).
Sociedade Cultural do Viso
Fundada en 1987 no antigo edificio da Sociedade Agraria do Viso.
Sociedade Labrego Cultural de Reboreda
En 1975 algúns veciños comezan a reunirse no garaxe de Manuel Barros.
En xuño de 1976 solicitan ao Concello: “A entrega do edificio da Sociedad Agraria de Reboreda para a súa dedicación a centro cultural, cooperativa, local de xuntas des distintas asociacións existentes: Mutua Gandeira, deportivas, da Auga, escola de párvulos (actual Educación Infantil)... “
En 1977, para a entrega de chaves por parte do Concello, os veciños deben construír unha vivenda anexa para re-aloxar e xestionarlle unha axuda na Caja de Ahorros Municipal de Vigo a Cándido Estremadouro “Neriñas”, quen vivía na casa dende que en 1966 se trasladara a escola ao novo grupo escolar.
1979 Constitución da sociedade, presidida por Andrés Couñago Laxe.
1981 Actúa por primeira vez o grupo de baile tradicional O Carballo das Cen Polas.
1984, 12 de xuño. Acto de entrega por parte do Concello da bandeira da Sociedade Agraria de Reboreda, atopada durante os traballos de rehabilitación do antigo cárcere como Casa da cultura.
1985. Comeza a publicarse “O Voceiro”, publicación coa actualidade da cultura galega e novas da parroquia.
1988 Inicio das obras de ampliación polo arquitecto César Portela, o que obriga a deter as actividades culturais. Encárgase a escultura do escudo de Galiza debuxado por Castelao á escultora Ángeles Valladares. Varios problemas prolongan as obras durante seis anos.
1994, abril. Inauguración do edificio restaurado. O salón de actos recibe o nome de Basilio Álvarez (líder agrarista) e a biblioteca o do escritor Eduardo Blanco Amor.
2010 Instálase o ascensor modificándose a fachada do edificio.
Inauguración da SLC de Reboreda. Foto: MundoCal-Asociación da Prensa de Vigo |
Xanela, Asociación feminista de Redondela.
Formada a finais de 1993 para afondar na realidade da muller de Redondela e atender as súas necesidades. A primeira xunta directiva estaba formada por: Francisca Crespo Barros, presidenta; María Teresa Míguez García, vice; Carmen Varela Trigo, secretaria e María del Carmen Amoedo Gómez, tesoureira.
Denunciou que daquela entre 16 e 25 mulleres eran maltratadas en Redondela, creando unha oficina de atención á muller, ata que esta foi asumida polo Concello. Entre as súas actividades poderiamos citar conferencias, mesas redondas, proxeccións de películas e documentais, publicación de libros, exposicións... A destacar a homenaxe realizada na illa de San Simón, en 1995, ás mulleres que axudaron aos presos que alí foron confinados. En 1996 crean no seu local unha biblioteca da muller.
Xanela. Foto: Félix Cal. Faro de Vigo |
Xea, Grupo Ecoloxista
Nado en 1983 da man do Ateneo Redondelán, este colectivo tentou opoñerse á degradación da Marisma: recheos, vertedoiro de lixo, ubicación do centro médico... Un dos seus maiores logros foi a de prantar 300 carballos no monte da Peneda en 1992, despois de que este sufrira un incendio. A iniciativa malograríase ao comer os animais as árbores.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
A nosa memoria. Vintecinco anos despois. 1975-2000. Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.
O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.
19981126 La Voz de Galicia
Banda de Música Xuvenil de Chapela. 11 de Febrero de 1995. Asociación Cultural Banda de Música de Chapela.
Toponimia de Ventosela Olga Nogueira. SNL. Concello de Redondela.
La Voz de Galicia
Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario