jueves, 29 de abril de 2021

Servizo Militar, obxección e insubmisión en Redondela.

Cumprindo a Mili en Pontevedra, 1957. Arquivo J. Migueles

En 2021 cúmprense 20 anos do fin do Servizo Militar Obrigatorio, chamado popularmente mili, sona como algo moi remoto pero afectou a moitas xeracións de homes do noso país. A orixe deste servizo remóntanse ao século XVIII, cando se comeza a empregar o termo quintos, porque por sorteo tiñan que cumprilo un de cada cinco homes. En 1912 acúñase a denominación de “servizo militar obrigatorio” o que supón a eliminación da “redención en metálico”. Esta práctica permitía que un mozo que saíra elixido na quinta podía pagar a un que se librara para que o substituíra, polo que as crases altas podían librarse en detrimento dos máis necesitados.

O réxime franquista estableceu en 1940 a duración do servizo militar obrigatorio en dous anos. Houbo casos como o do redondelán Domingo Docampo “Massó” ao que querían obrigar a cumprir os dous anos despois de haber sido mobilizado durante a Guerra Civil, salvándose en extremis alegando ser fillo de viúva e entrar en quintas un irmán menor.


Ao longo do século XX atopamos nos xornais novas de mozos que non se presentan a quintas, pero a maioría das veces estes “rebeldes” non comparecían por haber emigrado ou por ser persoas exentas por causas como problemas psicolóxicos ou físicos, que non regularizaron a súa situación. No tocante aos emigrantes estaban obrigados a xurar a bandeira no estranxeiro, de non facelo ao volver a entrar ao país eran chamados a filas. Isto sucedeulle a Garo, o fotógrafo, quen se libraría in extremis por regresar casado e con fillos.


Por non comparecer ao servizo activo da Armada, cítase na Comandancia Militar de Marina de Vigo a: Victoriano Cabaleiro Pereira, de Chapela; Manuel Bouzón Rodríguez, do Viso; Manuel Covelo Cruz, de Redondela; Emilio Cabaleiro Álvarez, de Chapela; e José Bouzón Otero, de Cesantes. Se non se presentan no prazo dun mes serán declarados rebeldes. (19601014 El Pueblo Gallego)


En 1968 acurtouse o prazo do servizo e en 1991 estableceuse a duración de 9 meses. O servizo militar realizábase aos 18 anos podendo pedir prórrogas por causas xustificadas, principalmente estudos. Entre os que tiveron que cumprila hai opinións para todos os gustos: algúns o lembran como unha etapa bonita da súa vida e ata hai quen aínda mantén contacto cos seus compañeiros de quinta, para outros era algo que había que facer e punto, os máis que perderon un ano das súas vidas e levoulles a perder o seu emprego ou a ser un paréntese na súa traxectoria deportiva ou artística e para algúns foi un inferno onde os mandos abusaban do seu poder ante os máis débiles quedándolles unhas secuelas psicolóxicas ata o día de hoxe.

Os primeiros en loitar contra a obrigatoriedade do servizo militar en España serían os Testigos de Jehová contabilizándose 34 encarcerados en 1970. A estes iríanse sumándose mozos católicos. En 1971 o considerado o primeiro obxector de conciencia español, Pepe Beúnza (Bareas de Segura, Jaén, 1947), negouse a incorporarse a filas, sendo condenado a 15 meses de cárcere. Unha vez cumprida a pena non regresou ao cuartel polo que sería declarado desertor e enviado a un batallón disciplinario da lexión no Sahara. Sería o inicio dun movemento pro- obxección de conciencia que tería continuidade nas décadas seguintes, xerminando na década dos 90.

En 1976 son 285 os obxectores nos cárceres españois, sendo liberados ao ano seguinte grazas á Ley de Amnistía a presos políticos. O primeiro gran paso sería a creación en 1977 da organización Movimiento de Objeción de Conciencia (MOC). Durante o goberno de Adolfo Suárez xa se intenta regularizar a obxección que xa se contempla na Constitución do 78.


Clemente Fernández.

O veciño de Cedeira, Clemente Fernández Sáa, é o primeiro do noso concello en participar activamente na oposición ao servizo militar. Xunto a outros dos obxectores en maio de 1977 encadéanse na praza Praterías de Santiago baixo o nome Obxectores de Conciencia e Non Violentos de Vigo.

...prímeira manifestación deste tipo en Galicia. Os obxetores detidos son Ovidio Bustillo, natural de Palencia, xa libre do servicio militar; Francisco Javier Hernández, de Burgos, e Clemente Fernández, de Redondela, que están a punto de ser chamados a filas. Todos eles levaban grandes cartéis por diante e por detrás, nos que podía leerse: «Libertado pra Escariz Magariños, obxetor galego», «Farei un servicio civil autoxestionado na miña térra» e «Non ao servicio militar obligatorio. Servicio civil». Xunto aos cartéis os tres obxetores entregaron tamén incluso as forzas de Policía uns panfletos nos que daban conta da situación... (1977/05/11La Voz de GaliciaA Coruña33)

O 16 de xullo de 1978 volvería a ser detido con cinco obxectores máis ao encadearse ante o Palacio de Xustiza de Vigo, pedindo a posta en liberdade de catro compañeiros que estaban encarcerados por un suposto delito de inxurias ao Exército. Sairía en liberdade despois de pagar 10.000 pesetas de fianza. No xuízo celebrado posteriormente realizarían unha sentada ante o xuíz, negándose a contestar ás súas preguntas. Serían condenados a un mes e un día de arresto maior e multa de 20.000 pesetas.

Clemente fundaría anos despois a empresa Algamar. Foto:  www.ecorganicweb


Anos 80-principios 90.

Retomando o fío cronolóxico, en 1984 apróbase a primeira Ley de Objeción de Conciencia y Prestación Social Sustitutoria, apesares do cal a prestación social non entraría en vigor ata 1989 cunha duración de 18 meses polo que eran poucos os mozos que se acollían a este modelo.

Nesta época nace o movemento insubmiso que se nega tanto a realización do servizo militar obrigatorio como á prestación social. O primeiro gran colectivo sería MiliKK, nado en Cataluña en 1984. O Goberno de Felipe González endureceu o Código Penal en 1991, prolongando de un ano a 2 anos, 4 meses e 1 día a pena de cárcere por insubmisión. Esta medida o único que acadou foi animar ao movemento insubmiso sendo cada vez máis os mozos dispostos a ingresar en prisión. Para evitar a imaxe de cárceres cheas de mozos pacíficos, pero desobedientes, o PSOE decidiu, en 1993, aplicar o terceiro grao, deberían ir a durmir ao cárcere de luns a venres.

En 1994 seguía o pulso trasladándose a algúns insubmisos a cárceres afastadas da súa comunidade autónoma. Ao ano seguinte un novo Código Penal inhabilitaba aos insubmisos para ser empregados públicos ou acceder a axudas del Estado.


Luis Villaverde

Un caso curioso foi o do vigués Luis Villaverde Caride, quen sería condenado en outubro de 1997 a dous anos e catro meses de prisión. Non chegaría a ingresar no cárcere porque os xuíces solicitaran o indulto parcial ao Goberno, sendo conmutada a sentenza pola inhabilitación para desempeñar un cargo público ata 2001. Como forma de protestar ante o que consideraba unha inxustiza presentouse a todo tipo de oposicións polo que no ano 2000 sería xulgado por quebrantar a condena xa que lograra tres prazas nas administracións públicas. En canto se coñecía a súa condición de inhabilitado era despedido como fixo o Concello de Redondela que o contratara como coordinador dun curso de formación ocupacional de Escolas Infantís. En marzo de 1998 acadou unha praza como tremoísta no Ballet Galego Rey de Viana a través do organismo público Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) onde durou unha semana. Poucos meses despois obtivo praza de peón de vixilancia e mantemento da piscina municipal de Moraña, sendo despedido aos catro días. Ademais entrara nas listas do Servicio Galego de Saúde como substituto temporal sendo contratado varias veces.


Casco

Por esta época nace en Redondela a primeira asociación antimilitar, Casco. Estaba integrada na ANOC (Asamblea Nacional de Objeción de Conciencia), e os seus representantes tiñan reunións periódicas en Compostela cos outros colectivos galegos para seguir unha estratexia común. Citar que en 1996 celebrou a primeira edición do “Rock Insubmiso”, concerto co que daban a coñecer a súa actividade á mocidade da vila.


Gabriel Sánchez Ibarra (Pibe)

Gabriel Sánchez Ibarra (Pibe), despois de acadar a obxección de conciencia, declárase insubmiso. Exercía como edil máis xove do Concello representando ao BNG, cando en setembro de 1993 lle comunican que será xulgado, contando daquela 23 anos e era estudante de Historia. Convocado o xuízo para o 30 de maio de 1997, asisten como testemuñas da defensa: Antón Reixa; avogado laboralista e deputado autonómico do BNG, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo; o responsable de Entrepobos e vicepresidente da coordinadora Galega de ONGDS, Quino Rafael e a directora do instituto Mendiño, Raquel Villanueva. A defensa tamén conta co apoio de 35 colectivos redondeláns, veciños representantes da vida social como deportistas ou músicos e de todas as forzas políticas agás o PP. Pola súa banda, a asociación Lenda colabora na elaboración de pancartas e publicidade.

O día do xuízo unha carga policial remata con cinco feridos e tres insubmisos detidos: Francisco Manrique, Luis Villaverde e o propio Gabriel que foron golpeados no interior do furgón policial. Estes feitos provocan que o pleno do Concello de Redondela aprobase a solicitude ante as administracións competentes da despenalización e posta en liberdade dos presos por insubmisión. O único que votou en contra sería o PP alegando que «non é competencia do Concello defender ao ex-concelleiro do BNG e insubmiso Gabriel Sánchez Ibarra, xa que deixou o cargo de edil por vontade propia».

Tralo aprazamento, celébrase xuízo en febreiro de 1998, no que Gabriel Sánchez se enfronta á pena “de oito anos de inhabilitación absoluta e unha multa diaria de duascentas pesetas durante doce meses”. Por sorte é absolto ao considerarse que o expediente administrativo había caducado. Hai que puntualizar aquí que un dos tres maxistrados que se decantaron positivamente sería o redondelán Juan Manuel Alfaya Ocampo.

Gabriel Sánchez cando era concelleiro de Redondela. Faro de Vigo


O principio do fin da mili.

A mediados dos anos 90 o troco é inminente o movemento social segue a crecer e o ministro Belloch vese na obriga de anunciar a futura despenalización da insubmisión e, en 1996, desde o goberno calcúlase que levará seis anos profesionalizar o exército. Coa entrada do novo goberno liderado por Aznar en coalición con CiU continúase o proceso de profesionalización do exército. En realidade no programa electoral CiU si apostaba pola supresión do servizo militar pero o PP propuña reducir a mili aos 6 meses e a aumentar a retribución ao 50% do salario mínimo.

Apróbase a Ley 22/1998, do 6 de xullo, reguladora de la Objeción de Conciencia y la Prestación Social Sustitutoria. Esta lei permitía trocar a prestación do servizo militar por servizos sociais á comunidade en voluntariado, Protección Civil, educación e cultura, servizos sanitarios... A declaración de obxector de conciencia incapacitaba para acceder a prazas nas forzas do orde. Miles de mozos acóllense a esta nova lei.

O ansiado momento chegou e no ano 2000 anúnciase o fin do Servizo Militar Obrigatorio. A finais de ano, Emilio Romero (Milucho), mestre de 34 anos, porriñés de nacemento pero con fortes vínculos con Redondela, é un dos insubmisos con sentenza firme que agardan os indultos prometidos desde o goberno. A condena sería simbólica, de seis meses en prisión, lonxe ds típica de 2 anos, 4 meses e 1 día que levaba ao ingreso en prisión.

Milucho Romero con manifestantes que o apoian. Faro de Vigo

 

Máis sorte tería Olimpio Xiraldez (Oli), declarado insubmiso, estaba agardando a data do xuízo cando a desaparición do servizo militar provocou a súa suspensión.

Sería o 9 de marzo de 2001 cando se aproba o decreto que suspendía o Servizo Militar Obrigatorio a partires de decembro. Ao ano seguinte o Goberno aínda se vería obrigado a reformar o Código Penal concedendo a amnistía a preto de 4.000 insubmisos procesados e uns 20 insubmisos nos cuarteis. Remataban así décadas de movemento antimilitarista. Entre 1989 e 2002 foron centos de miles os que se declararon obxectores e preto de 50.000 os que se declararon insubmisos, por desgraza destes últimos máis de 1.700 cumpriron penas de cárcere e condenas de inhabilitación.


Todos os mozos (e mozas, que de seguro tamén terían que cumprilo na actualidade, como sucede en países como Israel) agora xa sabedes a quen tedes que agradecer o quedar exentos do Servizo Militar Obrigatorio.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Boletín Oficial del Estado www.boe.es

https://es.wikipedia.org/wiki/Pepe_Be%C3%BAnza

https://es.wikipedia.org/wiki/Servicio_militar_(Espa%C3%B1a)

https://es.wikipedia.org/wiki/Movimiento_insumiso_en_Espa%C3%B1a

"Para nuestra mejor defensa". La profesionalización de las fuerzas armadas españolas, (1996-1998). CARLOS NAVAJAS ZUBELDIA, Instituto de Estudios Riojanos. Logroño.

https://www.elsaltodiario.com/cdr/cdr-no-violencia-pepe-beunza

Y al sargento lo tiraron al pilón. Iván Giménez. www.ela.eus/alda/artxiboa/y-al-sargento-lo

https://www.eldiario.es/madrid/somos/malasana/historia/acuerdas-movimiento-objecion-conciencia-insumision_1_6450920.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/espana/2000/12/02/gallegos-sentencias-firmes-esperan-expectacion-lista-indultados/0003_317324.htm

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/espana/objetores-insumisos-espana-triunfo-desobediencia-civil/202103091133541130577.html

Aportes Antonio Ricón e Olimpio Giráldez.

Faro de Vigo. Dos décadas del movimiento insumiso. Cautivos y desarmados. J. A. Otero Ricart. 31-01-2010 https://docplayer.es/55561826-La-heroina-gallega-del-titanic-espanol-marina-vidal-ayudo-a-salvar-la-vida-de-otros-pasajeros.html

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario