Crese que a orixe dos cruceiros
está na cristianización dos miliarios romanos, colocando cruces
sobre eles. O seu significado é o de honrar a memoria dos mortos.
Unha posible clasificación sería:
Cruceiros de Término. Marcan os
límites dunha parroquia ou lugar.
Cruceiros de Encrucillada. Nos
cruces dos camiños.
Cruceiros das Pontes.
Cruceiros de parada. Neles paran
ou dan a volta as procesións.
Cruceiros devocionais. Mandados
construir por un particular.
Cruceiros penitenciais ou
expiatorios. Construído como penitencia.
En canto aos petos
de ánimas, reciben este nome porque normalmente neles aparecen
representadas as ánimas dos mortos que sofren o fogo eterno.
Construíanse para recoller esmolas coas que pagar misas ou facer
ofrendas. É tradición deixar nos petos, e as veces nos cruceiros,
como ofrenda velas, frores e tamén productos da terra con formas
extranas como patacas, froitas...
|
Ofrenda no Cruceiro do Cristo da Nuca (Reboreda). Foto: J. Migueles, 2009. | | |
No concello de
Redondela ademáis de outros moitos en propiedades privadas atopamos
os seguintes:
Cabeiro
Cruz da Encrucillada da Igrexa
(Igrexa): Atópase no adro da igrexa, ata 1959 estaba
nunha encrucillada a uns 100 metros, onde daba a volta a procesión
de San Xoán.
Cruceiro do Cemiterio (Igrexa)
Cruceiro do Centro Cultural
(Igrexa): Realizado por Jose Luis Posada Romero no 1995,
durante un cursiño de cantaría do Concello de Redondela. Ten un
Cristo.
|
Cruceiro do Cemiterio |
|
Cruz da encrucillada da Igrexa |
Cedeira
O Cruceiro (Cruceiro):
Reparado varias veces por golpes de vehículos. Antigamente tiña a
imaxe dun Cristo.
Cruceiro da Raíña (Aldea):
de 1898, foi restaurado tras ser derrubado no 1997 por un camión.
Ten un Cristo baixo INRI e a Virxe María orando.
Peto das Ánimas da Raíña (Aldea):
Ten unha inscrición que di: “DEVOCION DE JUAN GONZÁLEZ”.
Tratariase de Juan (González) de Xouvea, benefactor de Cedeira.
Probablemente construido no mesmo ano que o cruceiro. No retablo
aparece San Antón de Padua co neno en brazos e un anxo liberando a
unha das 3 ánimas que están entre as lapas.
Cruz do Eido Vello (Aldea):
Descuberto no 2003 no muro de peche da leira Eido Vello. Según un
veciño de idade avanzada, esta cruz estaba na entrada para sinalizar
que alí vivía un "monaguillo", ao
que lle cederan a casa, e máis tarde foi aproveitada para construir
o muro. Na miña opinión, este eclesiástico podería ser José
Rodríguez Rodríguez, coadxutor de Cedeira cando menos entre 1914 e
1938.
Cristo da Murada (Rande.
Estrada Redondela-Vigo): No Inventario Municipal de Redondela
aparece como feito no 1800. Atópase dentro dunha propiedade privada
por mor do ensanchamento da estrada, anteriormente estaba enriba do
muro. Erexida polo accidente dun carruaxe no que viaxaba un cura. Na
base esta inscrito: “(ilexible)...POR LO QUE MANDARON PONER ESTA
YNSINIA D. ITACIO GONZALES Y CONSORTE COMO HEREDEROS SUYOS”.
Peto de Ánimas da Carretera (Aldea.
Estrada Redondela-Vigo. Privado): Realizado por Manuel Sobrado en
1940 pola promesa feita por Clementa Carballo Cereijo ao librarse o
seu fillo de loitar na Guerra Civil. Ten dous retablos. No máis
alto, aparece Cristo na cruz flanqueado pola Virxe María e San
Francisco. No segundo unha das 4 ánimas é salvada por San Antón
colléndose ó cordón do seu hábito.
Cruz (A Portela): Atópase
enriba do muro dunha propiedade privada preto do peirao da Portela.
|
Cruceiro da Raíña |
|
Cristo da Murada |
|
Peto de Ánimas da Raíña |
|
Cruz do Eido Vello |
|
Peto da Carretera |
|
O Cruceiro |
|
Cruz na Portela |
Cesantes
Cruceiro do Adro da Igrexa (San
Pedro): Na base lese “PUSO ESTE EL AÑO 1693”. Atopábase
no valado leste do cemiterio. Movido no 1976 polo párroco Francisco
Alvite Lago, por mor da ampliación do cemiterio.
Cruceiro do Torreiro (San
Pedro): Atopábase no valado leste do cemiterio. Movido no 1976
polo párroco Francisco Alvite Lago, porque o orixinal foi destrozado
por un vehículo. A cruz do orixinal restaurouse e consérvase no
soportal da casa reitoral.
Cruceiro da Casa Reitoral ou do Cura
(San Pedro): Atópase na leira da casa reitoral. Tamén se
atopaba no valado leste do cemiterio. Movido en 1976 polo mesmo
párroco por mor da ampliación do cemiterio.
Cruceiro do Cemiterio (San
Pedro): Tamén se ubicaba no valado leste do cemiterio ata que
foi cambiado ó interior do mesmo no 2005. Este cruceiro e os
anteriores formarían parte dun via crucis.
Cruceiro do Monte Gordo (San
Pedro. Propiedade particular): Feito nos anos 30 do pasado século
en lembranza dun home que morreu ó cair dun piñeiro cando recollía
piñas.
Cruceiro do Cobreiro (Illote
Cobreiro): Inaugurado o 10 de setembro de 1958 en lembranza dos
43 falecidos da Garda de Franco nun naufraxio o 22 de agosto de 1950.
Ten unha pedra adosada coa inscrición hoxe ilexible: “CAMARADAS
DE LA GUARDIA DE FRANCO PRESENTES 1950-1958”. Na cruz presenta
un Cristo é, na parte traseira, a Virxe da Peregrina.
Peto de Ánimas da Macarella
(Outeiro das Penas. Estrada Redondela-Pontevedra. Privado.):
O nome ven do alcume dos anteriores donos. Debaixo do retablo pódese
ler unha inscrición moi parecida a do Peto do Cemiterio de
Redondela: “UNA LAGRIMA POR UN MUERTO SE EBAPORA UNA FLOR SOBRE
SU TUMBA SE MARCHITA UNA ORACION POR SU ALMA LA RECOJE EL SEÑOR”.
O retablo é de pedra pintada, mostra a San Francisco entre nubes
sobre varias ánimas.
Esmoleiro da Virxe do Carme (A
Punta, Praia de Cesantes)
Chapela
Cruceiro do Torreiro (Igrexa):
Destrozado no 1975 por un camión, tan só se conserva a base do
cruceiro orixinal, o resto fíxose novo. Anteriormente estaba ubicado
a uns 15 metros e tiña unha imaxe de Cristo.
Cruceiro do Folón ou do Alto da
Encarnación (Camiño do Folón): Presenta a inscrición
“AÑO DE 1766”. As gradas desprendéronse por golpes de
vehículos e no 2008 restaurouse e reubicouse moi preto da súa
antiga ubicación no inicio do Camiño do Folón. Segundo se recolleu
en Seren nº2 do veciño José Pérez Presa, anteriormente atopábase
na leira propiedade da familia Tapias-Aranda de Vigo. Na cruz
hai un Cristo baixo INRI e a Virxe dos Dores, e no varal Santiago
Apóstolo sobre unha cunca para auga bendita.
Peto de Ánimas da Subida á Igrexa
(Subida a Igrexa-Laredo): Situado no peche dunha casa que
se coñeceu como a finca do Brasileiro. Ten a inscrición:
“ACORDAOS DE NOSOTROS”. O retablo está formado por San
Francisco entre dous anxos e debaixo 3 ánimas.
Cruz de home morto das Catro Pontes:
No límite entre Chapela e Vigo, xunto ó viaduto das Catro Pontes.
Ten a seguinte inscrición: “12-10-1985 FALLECIERON LOS JOVENES
JOSE LUIS HORTAS VIDAL GUMERSINDO MARTINEZ BARREIRO LUCIANO BLAS
DARROZA Y EUGENIO IGLESIAS FONTAN DE CESANTES”.
|
Cruceiro do Alto da Encarnación |
|
Cruceiro do Torreiro |
|
Peto da Subida á Igrexa |
Negros
Cruceiro e Peto de Ánimas de Pregal
(Pregal): No 1968 o novo trazado da liña do ferrocarril
obrigou a trasladalo á beira da estrada Redondela-Peinador e, no
1980, foi desprazado uns 50 metros. O peto non conserva o retablo.
Cruceiro do Castro de Negros:
Levantado no 2004.
|
Cruceiro do Castro de Negros |
|
Cruceiro e peto do Pregal |
Quintela
Cruceiro do Adro da Igrexa
(Quinteiro): No 2000 foi desprazado 3 metros despois de
ser derrubado varias veces por vehículos. Na restauración
engadíronse as dúas gradas e retirouse unha mesa de pedra que había
preto do cruceiro para facer as veces de altar.
Cruceiro do Cemiterio (Quinteiro):
Cando nos anos 50 se construiu este cemiterio se trasladaron a el os
restos do arredor da igrexa e probablemente tamén este cruceiro.
Cruz do Igrexario
(Igrexario-Quinteiro): Atópase en ruinas no medio do
monte. O lugar é coñecido como Igrexario porque nel había
antigamente unha capela co seu cemiterio.
|
Cruz do Igrexario |
|
Cruceiro do Adro da Igrexa |
Reboreda
Cruz do Cristo da Nuca (A
Quintana): Atópase enriba do muro de peche dunha finca. Recibe o
nome de Pepa “a Nuca”, que a finais do s. XIX vivía
enfronte da cruz.
Cruceiro e Peto Esmoleiro da
Carretera (Santo Paio de Abaixo): O conxunto ten gravado o
ano da súa construcción “1953”, sendo feito polo veciño
desta parroquia Cándido Mouriño Lago. Posteriormente a anterior
dona da propiedade anexa, Dolores Sestelo Veiga de Ponteareas, mercou
a cruz coas imaxes. Amosa un Cristo baixo INRI e a Piedade na parte
traseira. Os retablos son de azulexo policromado, típico en
Portugal, e representan a San Antón e á Virxe María. Foi
desprazado 3 metros no 2003 por mor do ensanche da estrada.
O Cristo de Abaixo (A
Quintana): Realizado no 1953 por Cándido Mouriño Lago. Presenta
un Cristo baixo INRI e unha Piedade.
Cruceiro do Adro da Igrexa (A
Quintana): Ten inscrito “A DUOCI. DEL ABAD JULIO D 1770”,
ou sexa, a devoción do abade. Mostra un Cristo baixo INRI coa cabeza
xirada cara a un pequeno San Francisco, e pola parte traseira a Virxe
das Dores.
Cruceiro de Santo Paio (Santo
Paio de Arriba): Atopábase enriba dunha rocha ata que no 2002 co
ensanche da estrada, se adosou ó novo muro de peche da propiedade
contigua e se lle engadiron dúas gradas. A cruz, cun Cristo, foi
obra de Cándido Mouriño Lago no 1953.
O Cristo de Arriba (A
Quintana): Presenta a mesma inscrición que o Cruceiro do Adro da
Igrexa: “ADUOCI DEL ABAD AÑO DE 1770”. Na cruz aparece
Cristo e a Santa Custodia.
Cruceiro do Cemiterio (A
Quintana): Trasladado a este cemiterio no 1946 dende outo punto
da parroquia. Ata o 2005 atopábase na entrada do cemiterio xunto a
unha mesa de pedra, reubicándose na nova ampliación.
Cruceiro do Camiño Fondo ou da
Miñoteira (A Miñoteira-Asnelle de Arriba): Perdeu a cruz
hai moitos anos, atopándose dentro dunha propiedade privada.
Cruceiro do Xogo dos Bolos ou das
Rendeiras (Asnelle de Abaixo): Según Estanislao
Fernández, nos anos 70 un canteiro local chamado Rairiz repuxo a
cruz, da que carecía naquela época, cumprindo a promesa que fixera
se curaba unha perna que rompera. E según J. A. Orge e C. Antuña,
nos 60 a cruz esnaquizada fora sustituida por outra feita polo veciño
Enrique Freaza. Novamente roto é reconstruído no 2018 polo
Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela.
Cruceiro e Peto de Ánimas da
Carambola (A Carambola): En ruinas. Consérvase o retablo
de pedra que amosa a San Francisco e un grupo de ánimas. O conxunto
foi esnaquizado por un vehículo na primeira metade do s. XX. Cando
se fixo o cemiterio, foi reemprazado por outro cruceiro tamén
destruido nos anos anos 70.
|
Cruceiro de Santo Paio |
|
Cruceiro do Adro |
|
Cruceiro do Camiño Fondo |
|
Cruceiro do Cemiterio |
|
Cruz do Cristo da Nuc |
|
O Cristo de Arriba |
|
Cruceiro do Xogo de Bolos |
|
O Cristo de Abaixo |
|
O Cristo da Carretera |
Redondela
Cruceiro do Carballo (Rúa
Carballo): Ten inscrito “A DEVOCIÓN DE LOS SEÑORES DON
MANUEL OCHOA I SU ESPOSA SE HIZO ESTE SANTO CRUZERO EN EL PRESENTE
AÑO DE 1790”. A finais do s. XIX, o dono da propiedade privada
na que se atopaba fixo un muro de peche, desprazando o cruceiro ata a
súa ubicación actual. Na cruz hai un Cristo baixo INRI e a Virxe,
co neno no colo, mentras dous anxos lle sosteñen unha coroa.
Cruceiro da Alameda: O fuste foi
aproveitado dunha pérgola que había no parque infantil da Alameda e
o resto foi realizado no 1975 por Soliño, empregado do Concello.
Cruceiro da Alfóndiga (Pz.
da Alfóndiga): Realizado no 1982 polo veciño de Saxamonde
Gerardo Senra Vilas por encargo do Concello de Redondela.
Anteriormente nesta praza había un parque infantil. Na cruz aparece
Cristo e a Virxe orando.
Cruceiro das Angustias ou de Santa
Mariña (Av. Santa Mariña): Ata os anos 60 nel daban a
volta as procesións das Angustias e de San Roque. Na cruz aparece
Cristo e a Virxe das Angustias sentada co fillo morto no colo.
Peto de Ánimas do Cemiterio dos
Eidos (R. Eidos): Probablemente foi construido a par que o
cemiterio no 1830. O antigo retablo de madeira foi roubado, sendo
sustituido po un de pedra obra de José Antonio Sueiro no 1992. En
letras brancas lese: “UNA LAGRIMA POR UN MUERTO SE EVAPORA UNA
FLOR SOBRE UNA TUMBA SE MARCHITA UNA ORACION POR SU ALMA LA RECOGE
DIOS S. AGUSTIN”. O ratablo amosa a Cristo e debaixo del, entre
as chamas, o Papa, un cura, un bispo, un frade e unha monxa.
Cruceiro da Mercé ou de Pousadouro
(R. dos Eidos): Ten unha inscrición, hoxe ilexible “ESTA
OBRA MD. HAZER PEDRO MARTINEZ Y SU MUGER ANTONIA”. Ata 1965
atopábase no centro da encrucillada, sendo desprazada ata a súa
ubicación actual por iniciativa de Enrique Lorenzo, daquela dono do
Pazo de Pousadouro. Este cruceiro foi esnaquizado varias veces por
golpes de camións e coches. Na cruz ten un Cristo baixo INRI e a
Virxe María orando sobre a cabeza dun anxo.
Cruceiro e Peto de Ánimas de
Vilavella (Pz. Ponteareas): A finais do s. XIX era
coñecido como Calvario das Monxas. Nesta época era mantido e
xestionado pola Confraría de Ánimas de Vilavella, fundada en 1741.
Ata os anos 80 atopábase na rúa Padre Crespo, próximo á
desaparecida casa reitoral. En fotos antigas obsérvase que tiña 5
gradas das que tan só conserva unha. No peto ten pintada a seguinte
inscrición: “ROMPED, ROMPED MIS CADENAS. ALCANZADME LIBERTAD.
CUAN TERRIBLES SON MIS PENAS, PIEDAD, CRISTIANOS, PIEDAD”. A
cruz presenta un Cristo e unha Piedade. No retábulo aparece Cristo
flanqueado por San Antón e a Virxe, debaixo 6 ánimas entre as
lapas.
Cruceiro de Benita Alfaya (R.
Ernestina Otero): Ubicado na Finca da Granxa da Ponte de Lima,
tamén chamada Banda do Maré. Propiedade de Benita Alfaya
Martínez casada con Francisco Cunqueiro “Don Pancho”,
quen foi alcalde de Redondela. Hoxe urbanizada, o cruceiro atópase
en terreos públicos. A cruz e as imaxes foron mercadas por Benita
nas inmediacións da cidade de Pontevedra e o resto da obra foi
realizada polo redondelán Enrique Vilas Alonso en 1964. O cruceiro
foi esnaquizado nun acto vandálico e sería reconstruído no 2018
polo Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela.
Peto esmoleiro da Capela de Santa
Mariña (Av. Santa Mariña)
Cruceiro e Peto de Ánimas de Pasais (R. San Xoán de
Arcal): Debe o seu nome á antiga existencia do marco dos
“Paisás” (Pasais/Pasales) que delimitaba as parroquias de
Redondela, Reboreda e Vilavella. Os pasais son pasos de pedra polos
que cruzar un río, neste caso o Alvedosa. En novembro de 1943 a
Confraría de Ánimas de Vilavella presentou instancia interesando
permiso para erixir este
cruceiro, acordándose pasala a informe do concelleiro Crespo
Álvarez.
Presenta unha
inscrición practicamente ilexible “...SACADME DE ESTAS
PENAS...”. E na base do cruceiro “LA MANDO A-CER DO-LO.
SYO-(ilexible)”. A finais do s. XIX era mantido e xestionado
pola Confraría de Ánimas de Vilavella, fundada en 1741. Na cruz
aparece Cristo e no peto un anxo salva a unha ánima mentres outras 5
continúan entre as chamas. O retablo de madeira foi realizado por
Sesé Fernández nos anos 80 substituíndo a outro realizado polo
Taller Hermanos Fernández (Sesé e Benito) o 28
de marzo de 1942 e pintado en maio de 1954. (42.282308,
-8.607324)
O
cruceiro de Pasales
ten
un faroliño
qu'o
abanea o aire
cando
fai ventiño:
ris-ras,
ris-ras, ris-ras
Cruceiro da Virxe de Fátima (R.
da Cooperativa): Foi doada pola Diputación Provincial de
Pontevedra ao Fogar Méndez Núñez, ubicándose nun miradoiro ao
fondo do Paseo dos Buxos na illa de San Simón. No 1963 os nenos
foron trasladados á Residencia Santo Domingo Savio, no Paseo da
Xunqueira, e coñecida popularmete como a Casa dos Enanitos, xunto á
que se ubicou o cruceiro. No 1978 a alcaldía autorizou o traslado do
cruceiro ao seu emprazamento actual.
|
Cruceiro da Cooperativa |
|
Cruceiro da Alameda |
|
Cruceiro da Alfóndiga |
|
Cruceiro de Don Pancho |
|
Cruceiro de Santa Mariña |
|
Cruceiro do Carballo |
|
Cruceiro e peto de Pasais |
|
Cruceiro e peto de Vilavella |
|
Cruceiro de Pousadouro |
|
Esmoleiro de Santa Mariña |
|
Peto de Eidos |
Saxamonde
Peto de Ánimas de Os Valos (Os
Valos): Sen retablo. Atópase nunha propiedade privada. Amosa a
lenda: “HOY POR MY MAÑANA POR TY”.
|
Peto de Ánimas dos Valos |
Trasmañó
Cruz do Outeiral (Igrexa):
Hoxe fronte ó edificio do Centro Cultural, tan só a cruz é antiga
abandoándose o resto do conxunto na ubicación orixinal.
Cruz do Adro da Igrexa (Igrexa):
Atopábase no medio do cemiterio, ata que nos anos 80 por mor da
ampliación e desprazamento do cemiterio foi incrustado no muro de
peche do adro da igrexa.
Cruceiro do Fondón (Igrexa):
Nel daban volta as procesións ata que polo mal estado do camiño
comezaron a darse na Cruz do Outeiral.
Cruceiro do Convento (Igrexa):
Na base ten a seguinte inscripción: “Esta obra la mandó hacer
la señora (ilexible) Ozores 1629”.
Cruceiro do Cemiterio (Igrexa):
Feito de cemento sobre unha grada de pedra. Nel aparece o ano “1948”.
Cruz (Camiño
do Can Branco): Cruz que
asoma nun muro dee nova construcción dentro dunha propiedade
privada.
|
Cruceiro do Cemiterio |
|
Cruceiro do Convento |
|
Cruceiro do Fondón |
|
Cruz do Adro da Igrexa |
|
Cruz do Outeiral |
|
Cruz (Cño. Can Branco) |
Ventosela
Cruceiro das Saghrelas ou da
Miñoteira (Vilar do Mato): Nunha encrucillada a carón da
entrada a Aldeas Infantiles. A cruz amosa a Cristo e a Virxe co neno
no colo. Realizado en 1992 por Antonio Alves Barbosa, veciño desta
parroquia.
Cruceiro das Aldeas Infantiles
(Vilar do Mato): Dentro do recinto das Aldeas Infantiles.
Representa a Cristo e a Virxe.
Cruceiro do Torreiro ou da Igrexa
(Castiñeira): Atópase cerca da igrexa e o
cemiterio.
Vilar de
Infesta
Cruceiro do Torreiro (Igrexa):
Atópase preto da igrexa. Foi desprazado da súa ubicación orixinal
en 1960. En 1980 foi destruido por un camión, sendo reconstruido por
Gerardo Senra Vilas de Saxamonde.
Cruceiro do Cemiterio (Igrexa):
O cemiterio foi inaugurado no 1966, pero probablemente este cruceiro
se atopara anteriormente enriba do muro do adro da igrexa, xa que
neste podemos observar un burato coas mesmas medidas que o pé do
varal.
|
Cruceiro do Torreiro |
|
Cruceiro do Cemiterio |
O Viso
Cruceiro do Alto do Viso: Nel
pódese ler “JAY 17?7”. Dise del que foi erixido cos
cartos enviados polos emigrantes da parroquia no Brasil. En
1965, despois do golpe dun vehículo, foi restaurado por Salustiano
Bernárdez Martínez. Foi desprazado uns metros cando se ampliou a
estrada.
Cruceiro da Peneda (Monte A
Peneda): Realizado entre 1915 e 1920 por Casimiro Ogando Cal e
Ignacio García. Xa se construira un cruceiro no mesmo lugar no ano
1883, sustituindo a outro destruido por un raio. Na cruz ten un
Cristo baixo INRI e no fornelo unha caveira sobre duas tibias
cruzadas, este último é un motivo decorativo corrente nos
cruceiros. Simboliza a morte. Pode aparecer tanto na base, commo
neste caso, como no capitel.
Cruceiro de Baltar ou do Galleiro (A
Mina-Soutoxuste): Atópase na subida ao Outeiro Grande. No 1965 a
cruz foi destruida, sendo sustituida por unha similar obra de
Salustiano Bernárdez Martínez. Esta desapareceu no 1998 e foi
remprazada o 29 de setembro de 2007 pola actual, obra de Eladio
Martínez Arosa (o Mudo, veciño de Bértola-Vilaboa).
Cruz da Casa Reitoral (Igrexa):
No 2009 desprazouse uns metros ó adecentar o lugar como aparcamento
para protexelo do tráfico.
Cruceiro do Loureiro (Parque
Loureiro. Tuimil): Atópase no Parque Loureiro, ó carón do
Camiño Portugués. Este parque foi inaugurado no 1993 pola Comisión
de Festas da Nosa Señora das Dores. O cruceiro obra de Salustiano
Bernárdez Martínez e Eladio Martínez Arosa, foi colocado o 31 de
decembro de 1990. Na cruz hai un Cristo baixo INRI e a Virxe das
Dores.
Cruceiro do Marco ou do Muro
(O Marco-Saramagoso): A pesares de atoparse en terreo
privado as procesións seguen acercándose a el.
Peto de San Antón (Tuimil):
Atópase na parede dunha casa. O retablo de pedra é obra de Camilo
Nogueira Martínez. Sustitue a outro máis antigo de madeira que se
atopaba en moi mal estado. No retablo vese a San Antón entre nubes
sobre 3 ánimas.
Cruceiro da Mina (Saramagoso):
Realizado a principios do s. XX por Casimiro Ogando Cal e Ignacio
García. A cruz actual foi realizada no 2007 por Eladio Martínez
Arosa de Bértola (Vilaboa).
Cruz do Adro da Igrexa (Igrexa):
Incrustado no muro do adro, carece de cruz.
Texto e fotos: J. Migueles
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Cruces, cruceiros,
esmoleiros e petos de ánimas de Redondela. Estanislao Fdez. de
la Cigoña. Edit. Asociación Galega para a Cultura e a
Ecoloxía.2005.
SEREN
Nº
1, 2, 4 e 5. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no Concello de
Redondela. Carlos A. Antuña e J. A. Orge.
Fondo
CastoSampedro-MuseoPontevedra
Arredor de nós. Historia da
Policía Local 1863-2003.
Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
Faro de Vigo
Los
caminos nuevos de Redondela.Por Gonzalo Rey Lama. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968.
Comisión de fiestas de la Coca.
Aportes: Daniel
Boullosa
No hay comentarios:
Publicar un comentario