lunes, 1 de noviembre de 2021

Cruceiros desaparecidos

 

É moito o patrimonio que temos perdido por culpa do desleixo da veciñanza e das autoridades. As agresións máis comúns que sofren os cruceiros e petos de ánimas por estar, na maioría dos casos, situados en cruces ou nas beiras das estradas son os golpes de vehículos ou o enterramento ao subir o nivel do asfalto. No Concello de Redondela temos numerosos exemplos de este tipos de situacións e por desgraza, as veces remata coa desaparición deste elemento patrimonial tan ligado á nosa historia. Na nosa particular lista negra están:


Cesantes

Cruceiro e Peto das Ánimas da Ponte de Esteiro (O Coto): O cruceiro foi esnaquizado por un vehículo nos anos 60 do pasado século e nunca se recuperou. No peto de ánimas pódense observar 3 ánimas en actitude orante talladas en pedra. Este conxunto sufriu unha nova agresión en 1990 cando se asfaltou a estrada. Nos sucesivos arranxos do camiño non se tivo en consideración estes restos continuando a degradación dos mesmos. (42.293975, -8.607447)

Cruceiro e peto da Ponte de Esteiro


Reboreda

Cruceiro e Peto de Ánimas da Carambola (A Carambola): Practicamente desaparecido. Consérvase o retablo de pedra que amosa a San Francisco e un grupo de ánimas. O conxunto foi esnaquizado por un vehículo na primeira metade do s. XX. Nos anos 70, coincidindo coa construción do cemiterio, sería substituído por outro cruceiro tamén destruído na mesma década. Actualmente consérvanse os restos das ánimas case soterradas polo asfalto.


Redondela

O Viacrucis da Igrexa de Redondela: Este calvario sería desmontado na época no que se trasladaron os restos do camposanto do adro da igrexa ao novo cemiterio dos Eidos, nos anos 40 do pasado século. As pedras dos cruceiros foron reaproveitadas polos veciños, empregándoas nos muros de propiedades próximas.

Capitel dun dos cruceiros do Calvario

Un dos ocos no muro da igrexa onde estaba o calvario


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Cruceiro do Espíritu Santo ou do Carrascal (Camiño do Carrascal): Atopábase nos terreos coñecidos como Carrascal ou Miraflores. Limitaba as parroquias de Redondela, Reboreda e Cesantes. Antes do s. XX, nel daba volta a procesión do Espírito Santo que saía da capela de mesmo nome da que tan só quedan restos. Apesares de que Carlos A. Antuña e J. A. Orge na súa recompilación publicada no SEREN o consideran desaparecido no 1975: “tralo desterre da propiedade na que se atopaba, os restos que quedaron no lugar empregáronse na construción dun muro”, nun artigo de 1984, José Fontenla Cal cita este cruceiro e o seu estado de conservación naquel momento: "... sobre triangulares escalones sigue en pie, pero sin cruz, la columna de policromado capitel, oculta por la fronda silvestre dela fraga."

Cruceiro Vello da Esfarrapada (Redondela): Tan só coñecido por referencias escritas. Con este nome aparece nun documento de 1705. Da nome á rúa Cruceiro.


Saxamonde

O Calvario da Igrexa de Saxamonde (Os Valos-Saxamonde): Eran tres cruces, dous delas foron desmontadas pola ampliación da estrada. O seu abandono propiciou a desaparición da cruz central no 1995 e posteriormente a das outras dúas. As continuas denuncias por parte de José Antonio Orge Quinteiro non serviron de nada. Estaban datadas no 1775.


Calvario de Saxamonde 1968. Foto Arquivo Olimpio Giráldez.  Seren nº4.

Ventosela

Cruceiro do Lombo (O Lombo-Castiñeira): Foi derrubado en dúas ocasións por golpes de camións en 1998 e 2002, durante a construción dunha casa. Tralo segundo non foi restaurado. En 2009 xa desaparecera o capitel e a cruz e tan só se conservaba o fuste roto en tres anacos enfronte da citada casa e a súa localización orixinal. En 2010 continuaba o mesmo estado de abandono pero na seguinte visita que realicei tamén desapareceran estes restos.


Cruceiro do Lombo, 2009.

 

Vilavella

Cruceiro antigo de Vilavella: A principios de 2022 durante as obras de humanización da Praza Ponteareas atopáronse os restos dun cruceiro. O único dato que temos ata o de agora de dito cruceiro é que xa aparecía na acuarela datada entre 1831 e 1837, obra do pintor G. Vivian, quen a publicou en 1838 na súa obra “Spanish Scenery”.

 

Detalle do óleo de G. Vivian.

Ver tamén https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html )

Ver tamén os Cruceiros privados https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/01/cruceiros-privados.html


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Cruces, cruceiros, esmoleiros e petos de ánimas de Redondela. Estanislao Fdez. de la Cigoña. Edit. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía.2005.

SEREN

Nº 1, 2, 4 e 5. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no Concello de Redondela. Carlos A. Antuña e J. A. Orge.

Nº3. Os Eidos: A vila dos mortos. Jose Antonio Orge Quinteiro.

Fondo Casto Sampedro-MuseoPontevedra

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Faro de Vigo

Los caminos nuevos de Redondela. Por Gonzalo Rey Lama. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca. 

Aportes: Manuel Puga e Alejandro Martínez Adán.


No hay comentarios:

Publicar un comentario